luns, 25 de outubro de 2021

Samaín, moi noso


En Galicia, o Samaín celébrase desde tempos inmemoriais, aínda que con épocas de auxe ou de decadencia dependendo das zonas e das épocas.  

Samaín, palabra celta, significa ‘fin do verán, principio do inverno’. Na antiga cultura céltica, a noite de Samaín, a do 31 de outubro, era moi mportante pois marcaba o comezo dun novo ano. Era un momento clave, para se reunir nos camposantos, comer porco e castañas e celebrar as farradas festeiras dos guerreiros. Tamén era a noite máis perigosa do ano: as portas do «outro mundo» abríanse nesas horas e as ánimas dos mortos eran quen de visitar este mundo e aos seus moradores.


Para afastar dos seus castros as ánimas defuntas errantes e perigosas, os druídas (feiticeiros celtas) pedían comida como ofrenda e tamén poñían, no alto dos muros ou encastradas nas paredes, as caveiras iluminadas dos inimigos falecidos en campaña. Crían que estes cranios conservaban a forza e o poder dos guerreiros mortos. Co paso do tempo, aquilo de poñer cabezas de xente nas portas foise suavizando un pouco, e foron substituídas, na Idade Media, por caveiras de animais e, máis tarde, acabaron tallándose cabazas, melóns, nabos... Grazas ás investigacións do profesor galego Lopez Loureiro, sabemos que esta tradición se estende por toda a antiga xeografía céltica europea. 

En Galicia atopámola vixente na Costa da Morte, nas Mariñas, nas Rías Baixas... 

  • En Cedeira, prenden fachos e marchan con eles en procesión para facer unha grande fogueira.
  • Na Illa de Arousa, os nenos érguense antes de que saia o sol e percorren as rúas e tendas o día 1 de novembro pedindo cun retrouso tradicional: «unha esmola polos defuntiños que van alá». Adoitan recibir boliños de pan, lambetadas, froita...
  • En lugares do Salnés, os habitantes van en procesión ao cemiterio portando candeas, nun enorme velorio comunal, e os rapaces adoitan gastar bromas pesadas.

Hoxe o Halloween foi popularizado polos filmes e series de televisión americanas, mais debedes saber que esta tradición non é máis que o Samaín levado ao outro lado do Atlántico polos emigrantes irlandeses e escoceses, coa mesma raíz celta que nós, os galegos.

De seguido, dous recursos para ampliardes o que sabedes sobre o Samaín.




venres, 22 de outubro de 2021

Os fonemas da lingua

Como sabes, os fonemas constitúen as unidades mínimas da lingua. Non posúen significado mais, ao combinarse, contraen relacións de oposición que permiten diferenciar signos lingüísticos: gato /ˈɡato/ - rato /ˈrato/. 

Os fonemas vocálicos son articulacións abertas, polo que o aire sae ao exterior sen obstrucións. O sistema vocálico do galego, herdeiro do latino, consta de 7 fonemas en posición tónica. A oposición entre vogais medias /e/ - /ɛ/ e /o/ - /ɔ/ permite distinguir signos distintos: pe /‘pe/ - pé /‘pɛ/; oso /‘oso/ - óso ‘ɔso/.


Os fonemas consonánticos non son articulacións abertas xa que neles sempre hai algún obstáculo no aparello fonador que obstrúe a saída do aire. En galego temos 19 fonemas consonánticos que se caracterizan segundo o seu punto e modo de articulación.



A gheada supón a ausencia do fonema /g/ (oclusivo velar sonoro) e a presenza no seu lugar do fonema /h/ (aspirado, semellante ao do inglés en house). O seseo consiste na ausencia do fonema fricativo interdental xordo /θ/ a favor do fricativo alveolar xordo /s/. Os dous son fenómenos dialectais correctos na fala, mais que non se representan na norma escrita. 

Estas ligazóns seranche moi útiles para completar con exemplos sonoros e gráficos o que acabas de ver. 

• Fonética e Fonoloxía do Galego. Páxina interactiva onde podedes, por exemplo, ver e o oir as distintas realizacións dos fonemas vocálicos e consonánticos do galego.

• Dicionario de Pronuncia da Lingua Galega. Dicionario en liña que recolle a pronuncia correcta de todas as súas palabras, coa correspondente representación fonolóxica.

• «Beat box»: habilidade vocal e bucal: Entrada en Xogosdelingua que relaciona beatbox e fonética.

mércores, 26 de maio de 2021

O Banquete de Conxo

O 2 de marzo de 1856, na carballeira de Conxo, en Santiago de Compostela, celebrouse o chamado Banquete Democrático de Conxo, unha comida interclasista na que os estudantes, considerados de clase alta, serviron a comida para traballadores e residentes na zona nun xesto considerado subversivo.

Este banquete foi un dos acontecementos fundacionais do galeguismo e xurdiu nun contexto moi específico: Galicia viuse afectada por unha forte crise económica entre 1852 e 1855. Unha crise que, sumada ás inclemencias do tempo e ás colleitas desastrosas, provocou que o ano 1853 fose coñecido como «ano da fame».

Esta fame causou graves altercados en Santiago, o que provocou a declaración do estado de sitio. Con esa axitación aínda latente, convócase ao Banquete de Conxo. O seu principal promotor sería Aurelio Aguirre, un poeta novo compostelán de só 21 anos e que afogaría só dous anos despois na praia coruñesa de Santo Amaro.

O banquete causou moito medo entre as clases máis poderosas da cidade. Por iso acabou celebrándose con toda a carballeira rodeada polo exército, en previsión dun posible levantamento popular.

Aínda que non houbo tal insurrección, os brindes dados polo propio Aurelio Aguirre e por Eduardo Pondal espertaron as críticas da Igrexa e levaron a ambos a ser procesados ​​pola Audiencia da Coruña, que pretendía deportalos ás illas Marianas, unha antiga colonia española no medio do océano Pacífico.

Aguirre                                         Pondal

Fragmento do brinde de Aurelio Aguirre: 

«Cristo é o fillo do pobo. El quixo que a familia humana fose unha» [...] «Ao nacer dun honrado carpinteiro, espido na porta, lección sublime que ofrece de igualdade ao mundo enteiro».

Fragmento do brinde de Eduardo Pondal: 

«Dicide, quen fixo ao home diferente do seu irmán? Quen deu maior nobreza ao corazón dun déspota tirano que á honrada suor do artesán? [...] Quen é de ti xuíz, oh pobo? Non teu irmán: ti es de ti mismo o soberano». 

Ademais dos propios Aguirre e Pondal, outros estudantes acudiron ao banquete. Especúlase que puideron participar Manuel Murguía, Juan Manuel Paz Novoa ou incluso Rosalía de Castro, que daquela tiña 19 anos.

sábado, 8 de maio de 2021

O 17 de maio para Xela Arias

Este ano o Día das Letras Galegas dedicámosllo a Xela Arias (Sarria, 1962–Vigo, 2003). A Real Academia Galega decidiu homenaxear así «unha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea». A súa poesía é «singular, transgresora, sincera e comprometida». 

Mais Xela Arias é poliédrica. Ademais de poeta, foi tamén editora, tradutora, profesora... Para coñecela mellor, deixamos aquí o primeiro vídeo da serie de documentais que a Real Academia Galega lle dedicou. 

Para te achegares un chisco á vída e á obra de Xela Arias, propoñémoste que resolvas este autodefinido.

Podes investigar e pescudar os datos en Internet. Cando o remates, envíao resolto a través da tarefa correspondente que atoparás no MOODLE. 


luns, 26 de abril de 2021

[21DEG: Día 21] Como che vai?

Chegamos ao final de 21DEG. Parabéns! Fixéchelo de marabilla! Os obxectivos básicos están cumpridos: mellorar o nivel do teu galego oral a base de falalo e reflexionar sobre aspectos sociolingüísticos que tamén traballamos na aula (prexuízos lingüísticos, diglosia, castelanismos, lusofonia...). 

Adiante co derradeiro «Como che vai?»

—Como te sentes despois de completar o reto?
—Que actividades das propostas nestes 21 días che gustaron máis? Cales menos? Algunha suxestión?
—Pensas que despois de 21DEG falarás máis en galego ca antes?
—Se a experiencia se fixese de novo o curso que vén, repetirías? Por que?
—Animarías a outros compañeiros/as a participar nela? Por que?
—Que papel cres que xoga a xente nova no futuro da lingua galega?  

Parabéns de novo a todos e todas! Os primeiros pasos están dados. Como é sabido, o futuro dunha lingua depende de que a xente a fale, así de sinxelo. 

domingo, 25 de abril de 2021

[21DEG: Día 20] O reto: As adiviñas

Xa estamos no día 20 de 21DEG. «O reto» hoxe: xogar con adiviñas. Aquí che damos seis pezas. Tes que gravarte en dúas fases:

a) Le as adiviñas en voz alta e intenta ofrecer a súa solución. Pon a cabeciña a traballar! 



Adiviña 1
Quen me mira e me desfai,
ha de chorar máis por min
que chorou pola súa nai.
A cebola

Adiviña 2
Cae da torre embaixo e non rompe,
e cae dunha ponte e rompe.
O papel

Adiviña 3
Que será unha cousiña, cousa,
que entra por onde non entra un leirón
e garda a casa coma un león?
A chave

Adiviña 4
Teño follas sen ser árbore,
fáloche e non teño voz;
se me abren non me queixo,
adiviña ti quen son.
O libro

Adiviña 5
Que animal é 
o que anda cos pés na cabeza?
O piollo

Adiviña 6
Se queres saber de min
estou no medio do mar;
non son peixe, non son illa
e tampouco sei navegar.
A letra «a»

Ollo! Se ves que algunha se che resiste, pasando o cursor pola zona en branco debaixo cada adiviña atoparás as solucions.

b) A segunda parte do reto, aproveitando que estamos en fin de semana, debe facerse en familia. Grávate recitándolles as adiviñas túa nai, a teu pai, a un avó ou avoa, a un irmán ou irmá... Grava tamén as súas respostas (sexan correctas ou non). 

Xa sabes, todo nun mínimo de 3 minutos.

sábado, 24 de abril de 2021

[21DEG: Día 19] Como che vai?

Xa estamos no día 18 de 21DEG! Se cadra, non lembras o Festival de Eurovisión do ano 2017. Pois estivemos de celebración! De entre ducias de cancións en inglés cantadas por representantes de países de toda Europa, a gañadora foi «Amar pelos dois», unha balada en portugués, ese idioma fillo do galego-portugués medieval. Un mozo lisboeta, Salvador Sobral, foi o vencedor cantando na súa propia lingua.



Como vemos no seguinte vídeo, recentemente Salvador Sobral deu un concerto en Santiago. Alí referiuse a si mesmo como «galego do sur».


A vinculación do galego co portugués fai que poidamos entendernos, sen grandes dificultades, cuns 215 millóns de persoas do ámbito da lusofonía. Se, ademais, falas castelán e inglés, podes chegar a comunicarte en total con case 1000 millóns! Todo son vantaxes!


Escoita agora a interesante mensaxe que nos envía Isadora, alumna do IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos. Realmente convida á reflexión o que nos conta.


Imos entón co «Como che vai?»
—Algo interesante que contar en relación con estes últimos días? Que esperas ter conseguido cando remate o proxecto? 
—Que opinas do feito de que Salvador Sobral gañase Eurovisión cantando en portugués?
—Cres que tamén podería chegar a ser gañadora unha canción en galego? Por que?
—Viaxaches algunha vez a Portugal ou a outro lugar de fala portuguesa? Resultouche alí difícil entenderte coa xente?
—Entendiches ben o que dixo Isadora? Que opinas dos seus diferentes comentarios: a súa boa adaptación a Galicia, o descoñecemento do galego no Brasil, o galego para a comunicación internacional?
—E sobre que ela fale de si mesma como «galega de alén do mar», igual que Sobral faino como «galego do sul»?