xoves, 9 de outubro de 2025
Máis sobre as variedades dialectais
martes, 16 de setembro de 2025
Vogais medias semiabertas e semipechadas
Xa saberás que o sistema vocálico galego consta de sete vogais. Aquí cho explica Esther Estévez en Dígocho eu.
Se cadra, un dos trazos máis especiais do galego, especialmente para un neofalante, é a distinción entre vogais medias semiabertas e semipechadas. Aquí che deixamos unhas breves pautas para distinguir o uso dunhas e doutras.
Vogais semiabertas /ɛ/ /ɔ/
• En palabras con «e» ou «o» breves no latín: ferro, fero, festa, pedra, grego, nove, roda, óso, nora, soño...
• Diante consoante oclusiva trabante «p», «b», «t», «k»: heptagonal, obter, étnico, rectangulo, optimista, robot, octosílabo...
• Nas palabras rematadas en -elo/-ela, -encio/-encia, -enza, -osa, -ola, -el, -ol e -oz: castelo, cadela, silencio, paciencia, crenza, xeitosa, pastel, papel, caracol, español. voz... Así como os seus plurais: pasteis, papeis, caracois, españois...
• En palabras esdrúxulas (excecpción: cóbado) e en palabras graves con ditongo crecente na última sílaba (excepción: femia, premio, medio, codia): brétema, médico, inhóspita, lóxico, arteria, vivencia, croio, serodia...
• Nos nomes das seguintes letras: e, o, efe, ele, eme, ene, eñe, erre e ese.
• Nos indefinidos alguén, ninguén, ren, cadaquén, quenquera, calquera, mesmo, certo...
• No interrogativo quen.
• Nos numerais cero, sete, nove, dez, cen...
• Na conxunción copulativa e, aínda sendo átona.
• Nas formas do posesivo noso, nosos, nosa, nosas.
Vogais semipechadas /e/ /o/
• En palabras con «e» ou «o» longos no latín: cheo, tona, rede, todo, boca, collo...
• Diante das consoantes palatais «ch», «x», «ñ», «ll» (exc. vello): fecho, pexa, empeño, cortello...
• Nas palabras terminadas en -és/-esa, -edo, -ez/-eza, -ello/-ella, -oso, -ón/-ona, -or: cangués, coruñesa, penedo, avareza, curioso, pasmón, mangallona, comedor...
• Palabras rematadas en -eo, -ea, -oa: feo, fea, alleo, allea, seo, area, leoa, boa, ladroa, coroa...
• Formando ditongos decrecentes: meu, eira, moito, ouro, touro, eito, moucho, noiva, eixe...
• Nos nomes das letras seguintes: be, ce, de, gue, pe, te, xe e zeta (ou ceta).
• Nos demostrativos este, esta, ese, esa, aquel, aqueles.
• Nos numerais tres, once, doce, trece, catorce.
Para afondar neste eido da fonética e da fonoloxía do galego, aquí tes tres recursos útiles.
Dicionario de Pronuncia da Lingua Galega (da USC e do ILG)
Fonética e Fonoloxía do Galego (do lingüista Manuel Rosales Graña)
Sounds of Speech (da University of Iowa)
luns, 25 de outubro de 2021
Samaín, moi noso
Samaín, palabra celta, significa ‘fin do verán, principio do inverno’. Na antiga cultura céltica, a noite de Samaín, a do 31 de outubro, era moi mportante pois marcaba o comezo dun novo ano. Era un momento clave, para se reunir nos camposantos, comer porco e castañas e celebrar as farradas festeiras dos guerreiros. Tamén era a noite máis perigosa do ano: as portas do «outro mundo» abríanse nesas horas e as ánimas dos mortos eran quen de visitar este mundo e aos seus moradores.
En Galicia atopámola vixente na Costa da Morte, nas Mariñas, nas Rías Baixas...
- En Cedeira, prenden fachos e marchan con eles en procesión para facer unha grande fogueira.
- Na Illa de Arousa, os nenos érguense antes de que saia o sol e percorren as rúas e tendas o día 1 de novembro pedindo cun retrouso tradicional: «unha esmola polos defuntiños que van alá». Adoitan recibir boliños de pan, lambetadas, froita...
- En lugares do Salnés, os habitantes van en procesión ao cemiterio portando candeas, nun enorme velorio comunal, e os rapaces adoitan gastar bromas pesadas.
Hoxe o Halloween foi popularizado polos filmes e series de televisión americanas, mais debedes saber que esta tradición non é máis que o Samaín levado ao outro lado do Atlántico polos emigrantes irlandeses e escoceses, coa mesma raíz celta que nós, os galegos.
De seguido, dous recursos para ampliardes o que sabedes sobre o Samaín.
domingo, 11 de abril de 2021
[21 DEG: Día 06] O reto: Márcate un «Dígocho eu!»
• Elixe un erro ou mellor varios que teñan algo en común.• Investiga a forma ou formas galegas correctas que cómpre usar para evitar esa incorrección.• Pensa na mellor forma de visualizar q cuestión. Por exemplo: se falas sobre os castelanismos *tenedor, *cuchara e *cuchillo e dis que cómpre usar garfo, culler e coitelo colle eses cubertos da cociña e amósaos para exemplificalo.• Ponlle toda a CREATIVIDADE e HUMOR que queiras: podes disfrazarte, poñer perruca, facelo na rúa, buscar un «axudante», editar o vídeo...
martes, 12 de xaneiro de 2021
Traballamos os verbos [1]
Estes días andamos a traballar o verbo. Neste post ofrecémosvos uns cantos recursos para comprenderdes mellor esta categoría gramatical.
Como vistes na páxina 158 do teu libro, o verbo descomponse en raíz [R], vogal temática [VT], morfema modo-temporal [MMT] e morfema número-persoal {MNP]. Aquí vos deixamos un gráfico que amosa de forma ben clara os compoñentes morfolóxicos dos nosos verbos regulares.
En galego temos nove tempos verbais (6 de indicativo e 3 de subxuntivo). Aquí os tes, coa denominación que empregamos este curso e coa tradicional.
Por outra parte, debes lembrar o verbo regular (páx. 160 do teu libro) é o que mantén a raíz igual en todas as súas formas e toman as desinencias do seu verbo modelo.
bailei = andei (verbo modelo)
bailarei = andarei (verbo modelo)
Ollo! Hai un grupo de verbos, chamados verbos con alternancia vocálica (ver cadro da marxe da páx. 160) que seguen a considerarse regulares aínda que presentan alteracións na vogal tónica da raíz (no presente de indicativo).
segues
segue
seguimos
seguides
seguen
Estoutro vídeo de «Dígocho eu» sérveche para entendelo mellor.
xoves, 14 de maio de 2020
Interferencias lingüísticas [2]
Como acabas de ver nestes capítulos do «Dígocho eu», as interferencias do castelán afectan por desgraza a todo o sistema da lingua: morfoloxía (*o viaxe por a viaxe), léxico (*averiguar por pescudar ou indagar), fraseoloxía (*que va por non ho ou de ningún xeito).
Plano fonético:
• Indistinción do grao de apertura nas vocais medias. Confundir na pronuncia óso (corpo) / oso (animal)
• Deficiente pronuncia do fonema «n» velar. Pronunciar unha como una.
Plano morfolóxico:
• Alteración do xénero dalgúns substantivos *a nariz, *a leite...
• Uso errado de «te» en lugar de «che»: *Leveite un agasallo.
• Uso do «lleísmo», isto é, utilización das formas de CI («lle», «lles») en vez das correspondentes de CD («o», «os»): *Convócolle a unha reunión, *Saudeilles ao marcharen...
• Uso nos demostrativos das formas *esto, *eso, *estos, *esos.
Plano sintáctico:
• Ausencia do artigo cos posesivos: *meu coche, *miña cama...
• Incorrecta colocación do pronome átono: *A profesora me aprobou.
• Emprego da preposición «a» na perífrase «IR + infinitivo»: *Vou a facer o xantar.
Plano léxico:Ás veces mesmo atopamos interferencias do castelán «disfrazadas» de galego, que tamén son incorrectas: *conexo por coello, *tixeiras por tesoiras, *parexa por parella, *carreteira por estrada...
• Palabras do castelán que desprazan as lexítimas galegas correctas: *grifo por billa, *sartén por tixola, *muela por moa, *gusano por verme, *cuchillo por coitelo...
Agora toca algo de práctica. Fai os exercicios interactivos que atoparás aquí, aquí e aquí. Cando remates cada un, fai unha foto ou pantallazo e envíamo por MOODLE.
luns, 20 de abril de 2020
A preposición
Estas son as preposición e locucións prepositivas galegas.
Lembra ademáis que as preposicións a, con, de, en e por sempre contraen co artigo determinado. E as preposicións con, de e en fano tamén co artigo indeterminado.
Este vídeo axudarache a recordalo!













