A noticia é o subxénero xornalístico que relata de forma breve e obxectiva un suceso de interese. Deseguido podes ver como é a súa estrutura e que preguntas esenciais debe responder.
Como vedes, aestruturada noticia consta de:
Título: introduce a noticia presentando de forma sinxela o asunto principal
Subtítulo: vai despois do título completándoo.
Entrada: presenta, nun só parágrafo, a información máis importante.
Corpo: desenvolve, en varios parágrafos, o resto da noticia ofrecendo outros datos.
Pé de foto: frase breve debaixo dunha fotografía que explica o que se ve na imaxe.
As noticias ben redactadas deben responder, especialmente na entrada, a estas preguntas básicas:
Que acontece? Quen é o/a protagonista? Onde ocorreu todo? Cando ocorreu todo? Como sucederon os feitos? Por que ocorreu iso?
Es ti quen de converterte en xornalista e escribir a túa propia noticia? Seguindo as pautas anteriores, redacta unha nova que fale dalgún acontecemento de interese ocorrido no Fogar.
O vídeo anterior preséntache o texto argumentativo. Xa sabes, ese tipo de texto que ten como intención principal defender unha idea (tese) e convencer dela o lector. Os textos argumentativos danse con frecuencia na vida cotiá: artigos de opinión xornalísticos, sentenzas xudiciais, ensaios científicos ou filosóficos, discursos políticos, textos publicitarios, intervencións en debates e mesas redondas e, en xeral, tamén discusións espontáneas do noso día a día.
No vídeo anterior proponse un texto argumentativo cunha estrutura dedutiva, é dicir, a tese xa se indica no primeiro parágrafo, para despois desenvolver os argumentos. Nós propoñémosche unha estrutura indutiva ou sintética, que consta destas partes:
Introdución: presentación do tema (asunto sobre o que se vai falar).
Desenvolvemento: conxunto de argumentos que conducen á tese, reforzados por probas, exemplos, citas...
Conclusión: tese (síntese coa opinión persoal).
Entre os procedementos discursivos que contribúen a apoiar os argumentos están os seguintes:
Definición: explica o significado de conceptos clave no texto.
Comparación ou analoxía: serve para poñer en relación ideas, con casos semellantes ou diferentes que axudan a comprender conceptos e argumentos.
Exemplificación: achega un exemplo concreto e contrastable que facilita a comprensión dunha idea ou demostra argumentos.
Enumeración: exemplos en serie que proporcionan máis forza a un argumento.
Cita: reprodución das palabras de expertos ou persoas que coñecen o tema, así serven como argumentos de autoridade.
Interrogación: pode usarse para poñer en dúbida un argumento contrario, para provocar unha reacción no interlocutor ou mesmo poden ser retóricas para convidar á reflexión.
De acordo co anterior e co traballado na aula, redacta un texto argumentativo, dun mínimo de 20 liñas, sobre un dos seguintes temas. Escolle o que máis che interese, iso si, debes decidirte por unha das aletrnativas que se ofrecen en cada caso.
•Os deberes escolares: son beneficiosos ou son un problema?
•O toureo (ou tauromaquia): debe prohibirse ou non?
•As centrais nucleares: necesarias ou demasiado perigosas?
• Os programas de telerrealidade: entretemento ou «telelixo»?
•As redes sociais: axúdannos a socializar ou íllannos?
•O fútbol profesional: deporte ou simple negocio?
Se queres, aquí podes ler exemplos de textos argumentativos creados por compañeiros de cursos anteriores. Cando o teñas o teu finalizado, revisado e en limpo, envíamo por MOODLE. Podes redactalo no caderno e mandarme un escaneo ou, se o prefires, escribir directamente o texto completo no recadro da actividade en Moodle.
Hoxe toca repasar ortografía. Comezaremos centrándonos no uso de «b» e «v». O primeiro será reler os apartados sobre este tema do teu libro (páxs. 45 e 67).
Repara devagar nas regras de uso de «b» e «v». Lembra que uso de «b» e «v» nas palabras dos cadros da marxe non se corresponde coas regras xerais, senón que obedece a razóns etimolóxicas:
Do latín MIRABILIA > marabilla
Do francés antigo paveillon > pavillón
E agora, algo de práctica con actividades en liña (que tamén ofrecen a corrección).
Aquí podes repasar as regras de uso de «b» e «v» e aquí actividades para practicalas.
IMPORTANTE: LEMBRA QUE EN MOODLE XA TES ALGUNHAS ACTIVIDADES DA ÁREA DE LINGUA GALEGA. IREMOS TRABALLANDO NESA PLATAFORMA EN PARALELO COAS PROPOSTAS DE «A CHAVE E O MUNDO».