Rematou o curso 2024-25. Foi un período moi intenso cheo de proxectos e actividades. Non podemos deixar de felicitar a todo o profesorado, alumnado e familias que demostraron unha gran implicación. Esperamos poder repetir esta mesma dinámica no futuro.
Como colofón e despedida, nada mellor que un dos grandes traballos achegados polo alumnado. Neste caso, un magnífico vídeo elaborado por Roi Edreira, Manuel Andrade e Sebastián Mattos, de primeiro de Bacharelato, cun roteiro lingüístico-literario no que nos expoñen a vinculación do Rexurdimento coa nosa cidade da Coruña. Parabéns, rapaces!
Como vimos na aula, Castela foi destino obrigado para Rosalía de Castro e a súa familia en varias ocasións. Alí, nosa poeta foi testemuña das duras condicións en que vivían os xornaleiros galegos que emigraban á meseta na época da sega. No seu poema «Castellanos de Castilla», describe o maltrato e a angustia que soportan estes segadores galegos.
A voz poética é a da muller dun deles. Esta chora, con dor e desconsolo, a morte do seu home como consecuencia das duras condicións de traballo. Unha dor que a leva a amosar o seu desprezo por Castela e a pedir un bo trato aos galegos.
O poema ten, daquela, unha clara temática social-patriótica e resulta hoxe plenamente vixente se pensamos na dureza da situación da poboación emigrante en moitas partes do mundo.
O pasado 7 de maio, o alumnado de 3ESO animouse, un ano máis, a participar na Ruta Pondaliana. Unha xornada para aprender ao aire libre, no propio territorio. Para aprender e, tamén, para gozar cos compañeiros e compañeiras no entorno natural e cultural da comarca de Bergantiños.
Aproxímase o Día de Rosalía. Será este venres, 23 de febreiro. En tal data de 1837 naceu, en Santiago de Compostela, a nosa galega máis universal, Rosalía de Castro. Unha muller que conseguiu converterse na impulsora do Rexurdimento da literatura galega con poemas hoxe traducidos a ducias e ducias de idiomas: inglés, francés, alemán, ruso, xaponés, éuscaro, hebreo, turco, hindi, guaraní...
Para celebrar o Día de Rosalía, este ano, entre outras actividades, preparamos o vídeo que puidestes ver arriba. Un gran traballo colaborativo no que nenos e nenas de todas as etapas (desde Infantil ata Bacharelato), coas súas familias, fixeron a recitación dun dos seus poemas máis célebres: «Miña casiña, meu lar», tamén coñecido como «Caldo de gloria». Graciñas mil a todos: pequenos, pais, nais, avós, avoas... Un gran traballo!
Foi un proxecto, ademais, no que tamén colaborou profesorado de diferentes seminarios: o de Lingua Galega, o de Tecnoloxía e o de Plástica e Debuxo.
Ah!, e se queres saber máis sobre a figura de Rosalía de Castro, aquí deixamos estoutro vídeo. Feliz Día de Rosalía!!!!!
Eduardo Pondal consagrou a súa vida e a súa obra por enteiro a Galicia, á que consideraba unha nación en construción. Esta idea reflíctese na súa poesía épico-lírica en tres liñas temáticas principais: o helenismo, o celtismo e o bardismo.
Helenismo
Pondal ten unha ampla formación na cultura clásica grecolatina e admira o pasado heróico de Esparta. Aparece o helenismo na mención de personaxes históricos e míticos da Grecia clásica (Leónidas, Tirteo...), na alusión a topónimos helénicos (Atenas, Termópilas...), no tratamento da morte heroica e gloriosa. O seu obxectivo é que sirvan exemplo para as xentes galegas, tratando de indicarlle o camiño da súa liberación.
Oh, quen morrer poidera,
coma o forte Leónidas;
envolto en duro ferro,
noutras rudas Thermópilas!
Por unha patria escura.
de escravos e de ilotas;
e deixar, cal cometa,
longo rastro de gloria!
Celtismo
Influído por historiadores como Manuel Murguía, que defenden a orixe celta da nación galega, Pondal considera que os
antigos celtas, cos seus líderes (Breogán, Ith...), serían os nosos devanceiros. Os seus poemas fan alusión, en ton épico, aos feitos destes heroes, presentados como exemplos da forza, do valor e do sentido da dignidade.
Con este recurso ao pasado mítico celta, o poeta presenta Galicia como un pobo con historia
propia e cun pasado glorioso. Un pasado que nos serve de exemplo para recuperarmos a nosa autoestima colectiva.
Boandanza, saúde,
raza de Breogán;
teus groriosos destinos,
certo he doce agoirar:
raza nobre, anque ruda,
forte no soportar;
a de boa estatura,
e de corpo lanzal:
asomellante ôs pinos,
ben compridos que están,
sobre a materna,
rápida pendente,
do monte de Brumar.
Bardismo
Pondal atribúese a si mesmo papel de bardo do pobo galego. O bardo era o antigo poeta celta, unha especie de guía espiritual que gardaba e transmitía poeticamente a sabedoría da tribo. Pondal concibe a súa obra como unha revelación aos galegos, por unha parte, do seu pasado celta glorioso, que debería servir de estímulo e orgullo; por outra parte, do seu presente de opresión e escravitude; e por último, do seu futuro, no que, guiados polo bardo, conseguirán o triunfo da liberdade.
Manuel Curros Enríquez foi un autor moi comprometido cos máis humildes. Isto converteuno, posiblemente, no poeta máis lido e admirado do seu tempo. Proba deste afecto popular foi o seu multitudinario enterro na Coruña en 1908, ao que asistiron máis de 40.000 persoas. As súas liñas temáticas básicas foron: a social ou cívica, a costumista e a intimista.
Poesía social ou cívica
Curros cría na función social da poesía. O poeta ten que comprometerse socialmente e poñer os seus versos ao servizo do pobo. Curros expón directamente o seu pensamento, a súa ideoloxía: defende que a cultura, a educación e a ciencia traerán o progreso material e, con el, a liberdade; en troques, denuncia que a superstición, o fanatismo relixioso e a ignorancia só prolongan a situación de atraso e a opresión do pobo.
CULTURA E CIENCIA > PROGRESO MATERIAL > LIBERDADE
IGNORANCIA E FANATISMO > ATRASO > OPRESIÓN
Manifesta esta temática ao tratar a situación de opresión que sofre pobo galego humilde, os labregos: o inxusto reparto da terra, o pagamento de foros e outros impostos, o caciquismo...
Queredes castañas
dos meus castiñeiros?...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.
Poesía costumista
Os trazos máis claros desta liña obsérvanse en «Unha voda en Einibó», «O gueiteiro» e «A Virxe do Cristal», os tres poemas cos que gañou o certame literario en Ourense en 1877. Neles recrea lendas, tradicións e tipos populares.
Dendes do Lérez lixeiro
ás veigas que o Miño esmalta,
non houbo no mundo enteiro
máis arrogante gueiteiro
que o gueiteiro de Penalta.
Poesía intimista
Non abundan nos seus textos as expresións da intimidade. Só cando Curros se ve fondamente conmovido por algún acontecemento, aflora o seu subxectivismo. Por exemplo: cando manifesta a ledicia e o amor de pai no nacemento do seu primeiro fillo («Ben chegado») ou cando expresa a súa dor pola morte dun fillo («¡Ai!») ou no enterro de Rosalía («A Rosalía»).
O Rexurdimento é, como podes ver no teu libro, o movemento cultural que nace coa publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro o 17 de maio de 1863 e que se estende ata a segunda década o século XX. Este movemento xorde da vontade dun importante grupo de intelectuais e escritores de que o galego renacese como lingua literaria e de cultura, despois de varios séculos de desprezo e marxinación.
Rosalía, aquela rapaza de escasos 20 anos, amosou unha actitude sen precedentes na época: superou os prexuízos sobre o galego e tamén os prexuízos sobre o papel das mulleres no século XIX, para publicar por primeira vez unha obra literaria na súa lingua. Unha actitude de orgullo, de dignidade e de defensa da propia identidade que compartiron despois persoeiros literarios como Manuel Curros Enríquez ou Eduardo Pondal.
A Coruña xogou un importante papel na orixe e no desenvolvemento do Rexurdimento. A recuperación da nosa cultura estivo fondamente vinculada a esta urbe naquelas últimas décadas do século XIX e primeiras do XX: os primeiros faladoiros da mítica Cova Céltica, o paso pola cidade de Rosalía, Curros e Pondal, a fundación da Real Academia Galega e das primeiras Irmandades da Fala...
Para ilustrar estes feitos, hai uns anos, os compañeiros de 1º de Bacharelato María Belén Arce Papaleo, Nerea Ares Caamaño e Sergio Arias García decidiron elaborar un breve documental. Un interesante percorrido por rúas, prazas, parques e mesmo cemiterios que amosa ás claras como a implicación da nosa cidade coa literatura galega xa vén de vello.
Non é difícicil de identificar certas afinidades entre os pobos cunha orixe celta común no extremo atlántico de Europa. Son as coñecidas como «nacións celtas».
Boa parte deste herdo común, pode estar asociado a figuras como a de Breogán, mítico rei celta que Eduardo Pondal levou aos seus versos.
O rei Breogán foi fundador de Brigantia (hoxe, A Coruña), segundo as tradicións lendarias irlandesas recollidas nun conxunto de manuscritos do século XI: o Leabhar Gabhála Éireann ou Libro das Conquistas Irlandesas, que narra as diversas invasións que sufrira a illa.
Segundo estes textos, Breogán construiu na cidade da Coruña unha torre de altura tal que se podía enxergar, nos días máis claros, unha ribeira verde: Irlanda.
A visión desta afastada terra leva a Ith, fillo de Breogán, ata a illa, onde algúns nobres envexosos o asasinan. En vinganza, o sobriño de Ith, Mil, navega desde Brigantia a Irlanda con trinta barcos e conquista a illa, dando lugar ao pobo dos fillos de Mil ou milesios, orixe da liñaxe celta de Irlanda.
Aquí tedes un breve vídeo que recrea estes episodios da lenda de Breogán e da conquista de Irlanda polos seus descendentes con fragmentos do Leabhar Gabhála Éireann.
O pasado 12 de maio, despois de dous duros anos de pandemia, por fin puidemos realizar unha saída didáctica. Neste caso, foi a «Ruta pondaliana», organizada entre os Departamentos de Lingua Galega e de Xeografía e Historia. Todos os grupos de 3ESO do Fogar saímos ás 8:30. O obxectivo: coñecer espazos singulares da comarca de Bergantiños a partir da lectura de distintos poemas de Eduardo Pondal.
Temos que agradecer a colaboración dos guías e técnicos do Dolmen de Dombate e do Concello de Ponteceso, que nos acompañaron e axudaron nesta gran xornada de lecer e aprendizaxe sobre o terreo.
O 2 de marzo de 1856, na carballeira de Conxo, en Santiago de Compostela, celebrouse o chamado Banquete Democrático de Conxo, unha comida interclasista na que os estudantes, considerados de clase alta, serviron a comida para traballadores e residentes na zona nun xesto considerado subversivo.
Este banquete foi un dos acontecementos fundacionais do galeguismo e xurdiu nun contexto moi específico: Galicia viuse afectada por unha forte crise económica entre 1852 e 1855. Unha crise que, sumada ás inclemencias do tempo e ás colleitas desastrosas, provocou que o ano 1853 fose coñecido como «ano da fame».
Esta fame causou graves altercados en Santiago, o que provocou a declaración do estado de sitio. Con esa axitación aínda latente, convócase ao Banquete de Conxo. O seu principal promotor sería Aurelio Aguirre, un poeta novo compostelán de só 21 anos e que afogaría só dous anos despois na praia coruñesa de Santo Amaro.
O banquete causou moito medo entre as clases máis poderosas da cidade. Por iso acabou celebrándose con toda a carballeira rodeada polo exército, en previsión dun posible levantamento popular.
Aínda que non houbo tal insurrección, os brindes dados polo propio Aurelio Aguirre e por Eduardo Pondal espertaron as críticas da Igrexa e levaron a ambos a ser procesados pola Audiencia da Coruña, que pretendía deportalos ás illas Marianas, unha antiga colonia española no medio do océano Pacífico.
Aguirre Pondal
Fragmento do brinde de Aurelio Aguirre:
«Cristo é o fillo do pobo. El quixo que a familia humana fose unha» [...] «Ao nacer dun honrado carpinteiro, espido na porta, lección sublime que ofrece de igualdade ao mundo enteiro».
Fragmento do brinde de Eduardo Pondal:
«Dicide, quen fixo ao home diferente do seu irmán? Quen deu maior nobreza ao corazón dun déspota tirano que á honrada suor do artesán? [...] Quen é de ti xuíz, oh pobo? Non teu irmán: ti es de ti mismo o soberano».
Ademais dos propios Aguirre e Pondal, outros estudantes acudiron ao banquete. Especúlase que puideron participar Manuel Murguía, Juan Manuel Paz Novoa ou incluso Rosalía de Castro, que daquela tiña 19 anos.
Neste gran vídeo vemos como persoas de todos os recunchos do planeta recitan na súa propia lingua o poema «Adiós ríos; adiós, fontes», de Rosalía de Castro. Escoitamos os versos rosalianos en alemán, tailandés, inglés, árabe, castelán, italiano, catalán, chinés, éuscaro, gaélico, checo, neerlandés, polaco... E, por suposto, en galego!
Aproxímase o día 24 de febreiro, Día de Rosalía. Con esta efeméride celebramos os 184 anos do nacemento da nosa galega máis universal. Unha data que serve para achegarnos máis á súa figura.
Sabías que...?
Só dúas literaturas do mundo teñen como «autor/a fundacional» unha muller: a literatura xaponesa (con Murasaki Shikibu, que no século XI escribiu Genji Monogatari, a primeira novela da literatura universal, no sentido moderno do termo) e a literatura galega (con Rosalía de Castro).
Sabías que...?
Ademais de ser a escritora emblemática da literatura galega, Rosalía é considerada (xunto con Gustavo A. Bécquer) a precursora da poesía moderna en lingua castelá.
Sabías que...?
Rosalía tivo forza para superar unha chea de dificultades na súa vida, nunha sociedade moito máis conservadora e machista cá de hoxe: era filla de nai solteira (o seu pai era un crego) e decidiu dedicarse a escribir profesionalmente (algo mal visto nunha muller naquela época).
Sabías que...?
O recoñecemento a Rosalía de Castro fixo que se lle dedicasen monumentos non só en Galicia (Compostela, Padrón, Vigo, Lugo, Rianxo...) senón tamén fóra de Galicia (Barakaldo, Porto, Lisboa, Montevideo, Bos Aires...).
Sabías que...?
Os poemas de Rosalía foron traducidos a linguas como o inglés, o francés, o alemán, o ruso, o xaponés, o éuscaro, o hebreo, o turco, o hindi...
Sabías que...?
O 24 de febreiro, día do nacemento de Rosalía, o buscador Google adoita homenaxear a autora de Cantares Gallegos e de Follas Novas dedicándolle un dos seus doodles.
Para coñecerdes mellor esta galega universal, propoñémosche ver este vídeo, elaborado coa aplicación DRAW MY LIFE polo alumnado do Colexio San Pío X de Ourense.
Tamén no Fogar nos sumamos á celebración do Día de Rosalía. En concreto, para ir abrindo boca, anímaste a resolver este autodefinido sobre a autora?
Tamén che recomendamos que resolvas este xogo de investigación de Genially. Con el descubrirás aínda moito máis sobre Rosalía.
Non podemos deixar que pase este curso sen nos achegar, aínda que sexa minimamente, á figura máis importante do Rexurdimento galego (e emblema da nosa cultura), Rosalía de Castro.
Para darvos unha idea da repercusión desta poeta, mesmo a nivel internacional, arriba tedes unha emocionante versión de «Adiós ríos; adiós, fontes», primeiro poema en galego composto por Rosalía de Castro con escasos 20 anos. Os que recitan e cantan son os nenos e nenas do St. Mary's School, en Mullaghbawn (Irlanda). Unha boa proba da universalidade da nosa Rosalía. Pero hai moitas máis. Coñecías ti estes datos curiosos?
Sabías que...?
Só dúas literaturas do mundo teñen como «autor/a fundacional» unha muller: a literatura xaponesa (con Murasaki Shikibu, que no século XI escribiu Genji Monogatari, a primeira novela da literatura universal, no sentido moderno do termo) e a literatura galega (con Rosalía de Castro).
Sabías que...?
Ademáis de ser a escritora emblemática da literatura galega, Rosalía é considerada (xunto con Gustavo A. Bécquer) a precursora da poesía moderna en lingua castelá.
Sabías que...?
Rosalía tivo forza para superar unha chea de dificultades na súa vida, nunha sociedade moito máis conservadora e machista cá de hoxe: era filla de nai solteira (o seu pai era un crego) e decidiu dedicarse a escribir profesionalmente (algo mal visto nunha muller naquela época).
Sabías que...?
O recoñecemento a Rosalía de Castro fixo que se lle dedicasen monumentos non só en Galicia (Compostela, Padrón, Vigo, Lugo, Rianxo...) senón tamén fóra de Galicia (Barakaldo, Porto, Lisboa, Montevideo, Bos Aires...).
Sabías que...?
Os poemas de Rosalía foron traducidos a linguas como o inglés, o francés, o alemán, o ruso, o xaponés, o éuscaro, o hebreo, o turco, o hindi...
Sabías que...?
O 24 de febreiro, día do nacemento de Rosalía, o buscador Google adoita homenaxear a autora de Cantares Gallegos e de Follas Novas dedicándolle un dos seus doodles.
Sabías que...?
O ano pasado, a Televisión de Galicia estreou con éxito un filme dedicado á figura de Rosalía de Castro. O seu título é «Contou Rosalía». Deseguido tes un tráiler e podes ver o filme completo, se che presta, aquí.
Aquí che deixamos un fermoso vídeo que presenta, de forma amena, a biografía de Rosalía de Castro.
A tarefa de hoxe é:
• Ler os apartados dedicados a Rosalía de Castro (1. Biografía, 2. Obra literaria, 3. Lingua e estilo) das páxs. 233-235 do teu libro.
• Ler aquí o poema «Unha vez tiven un cravo» (e ver a recitación que aparece). Despois resolver as actividades interactivas que se propoñen (seleccionar «Mostrar todas as preguntas»).
• Facerlle fotos ou pantallazos ás respostas e envialas por MOODLE. É imprescindible indicar tamén por MOODLE a cal destes núcleos temáticos corresponde o poema: a) poesía costumista, b) poesía subxectiva-intimista ou c) poesía obxectivo-social.
O Rexurdimento é, como podes ver nas páxs. 212-213 do libro, o movemento cultural que nace coa publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro o 17 de maio de 1863 e que se estende ata a segunda década o século XX. Este movemento xorde da vontade dun importante grupo de intelectuais e escritores de que o galego renacese como lingua literaria e de cultura, despois de varios séculos de desprezo e marxinación.
Rosalía, aquela rapaza de escasos 20 anos, amosou unha actitude sen precedentes na época: superou os prexuízos sobre o galego e tamén os prexuízos sobre o papel das mulleres no século XIX, para publicar por primeira vez unha obra literaria na súa lingua. Unha actitude de orgullo, de dignidade e de defensa da propia identidade que compartiron despois persoeiros literarios como Manuel Curros Enríquez ou Eduardo Pondal. Unha actitude que, de cando en vez, seguimos a ver, por sorte!
Explicouno de marabilla o youtubeiro Aquel-e, aló por 2018, con motivo da participación de Sabela en Operación Triúnfo.
A tarefa hoxe, simplemente dedicar uns minutos a ver con atención o seguinte vídeo que che presenta como xurdiu e que trazos tivo o Rexurdimento. Un movemento crucial para a nosa literatura e para a nosa historia.
Emocionante interpretación do himno galego no estadio de Riazor o novembro pasado no último encontro Depor - Celta.
Estamos estes días con Eduardo Pondal, o autor do poema «Os pinos» que lle serviu de letra. Cunha composición musical de Pascual Veiga, o noso himno foi interpretado por primeira vez fóra de Galicia, na Habana (Cuba), en 1907.
Os pinos
Que din os rumorosos(1) na costa verdecente, ao raio transparente do prácido luar? Que din as altas copas de escuro arume(2)arpado(3) co seu ben compasado monótono fungar?
Do teu verdor cinguido(4) e de benignos astros, confín dos verdes castros e valeroso clan, non des a esquecemento da inxuria(5) o rudo encono; desperta do teu sono fogar de Breogán.
Os bos e xenerosos a nosa voz entenden e con arroubo(6) atenden o noso ronco son, mais sóo os iñorantes e férridos(7) e duros, imbéciles e escuros, non nos entenden, non.
Os tempos son chegados dos bardos das edades que as vosas vaguedades(8) cumprido fin terán; pois, donde quer, xigante a nosa voz pregoa a redenzón da boa nazón de Breogán.
(1) rumorosos: que causan rumor, refírese aos piñeiros. (2) arume: folla do piñeiro. (3) arpado: de son agradable, como o son da arpa. (4) cinguido: rodeado, axustado. (5) inxuria: ofensa grave de palabra ou obra. (6) arroubo: estado de quen sente gran pracer e admiración. (7) férridos: férreos, duros, crueis. (8) vaguedades: aspiracións, desexos.
Un himno que conta con ducias de versións musicadas (como podes comprobar aquí). Unha das máis especiais é esta creada polo beatboxer galego Carlinhos Gende. Que vos parece?
Os ordenadores botaron fume! Velaí van máis traballos de fin de curso. Desta volta un proxecto audiovisual dos compañeiros e compañeiras de 3º da ESO. A tarefa consistía elaborar, en formato vídeo, un roteiro lingüístico-literario pola cidade da Coruña. Estes son os resultados finais.
Lara Naya e Nerea Castiñeira
Ramón Mato Pan
Cristina Mouriño Domínguez e Luís Mouriño Domínguez
A Coruña xogou un importante papel na orixe e no desenvolvemento do Rexurdimento. A recuperación da nosa cultura estivo fondamente vinculada a esta urbe naquelas últimas décadas do século XIX e primeiras do XX: os primeiros faladoiros da mítica Cova Céltica, o paso pola cidade de Rosalía, Curros e Pondal, a fundación da Real Academia Galega e das primeiras Irmandades da Fala...
Para ilustrar estes feitos, os nosos compañeiros de 1º de Bacharelato María Belén Arce Papaleo, Nerea Ares Caamaño e Sergio Arias García decidiron elaborar un breve documental. Un interesante percorrido por rúas, prazas, parques e mesmo cemiterios que amosa ás claras como a implicación da nosa cidade coa literatura galega xa vén de vello.
Estamos estes días a voltas con Rosalía de Castro. Aproveitando a ocasión, arriba tedes unha emocionante versión de «Adiós ríos; adiós, fontes», primeiro poema en galego composto por Rosalía de Castro con escasos 20 anos. Os que recitan e cantan son os nenos e nenas do St. Mary's School, en Mullaghbawn (Irlanda). Unha boa proba da universalidade da nosa Rosalía. Pero hai moitas máis. Coñecías ti estes datos curiosos?
Sabías que...?
Só dúas literaturas do mundo teñen como «autor/a fundacional» unha muller: a literatura xaponesa (con Murasaki Shikibu, que no século XI escribiu Genji Monogatari, a primeira novela da literatura universal, no sentido moderno do termo) e a literatura galega (con Rosalía de Castro).
Sabías que...?
Ademáis de ser a escritora emblemática da literatura galega, Rosalía é considerada (xunto con Gustavo A. Bécquer) a precursora da poesía moderna en lingua castelá.
Sabías que...?
O recoñecemento a Rosalía de Castro fixo que se lle dedicasen monumentos non só en Galicia (Compostela, Padrón, Vigo, Lugo, Rianxo...) senón tamén fóra de Galicia (Barakaldo, Porto, Lisboa, Montevideo, Bos Aires...).
Sabías que...?
Os poemas de Rosalía foron traducidos a linguas como o inglés, o francés, o alemán, o ruso, o xaponés, o éuscaro, o hebreo, o turco, o hindi...
Sabías que...?
O pasado 24 de febreiro, día en que se cumprían 178 do nacemento de Rosalía, o buscador Google homenaxeou a autora de Cantares Gallegos e de Follas Novas dedicándolle un dos seus doodles.
Mais, en fin, Rosalía non é só unha solemne figura literaria. Tamén podemos vela con sentido do humor. ;-)
Despois de duras xornadas de intenso traballo, incluídas noites en vela (con certeza), comezan a chegar os magníficos traballos da xente de Bacharelato. Que grandes investigadores! Que arte na redacción do material! Que dominio das novas tecnoloxías!
Aquí vos quedan os primeiros: tres «Prezis» centrados nesta ocasión na literatura galega dos Séculos Escuros e do Rexurdimento. Axiña chegarán máis.
De Alfredo Hernández Silva
De Sofía Álvarez Losada e María Carrodeguas Varela
de Fernanda Castro Muíños e Marta Vázquez Quintana
de Raúl Fariña Castrillón
de Damián Castaño Pazos
Nesta entrada, novos traballos en formato dixital da xente do Fogar. Neste caso tres presentacións en Prezi deseñadas por alumnos e alumnas de 1º de BACH neste curso que finaliza. Fernanda Castro, Marta Vázquez, Raúl Fariña e Damián Castaño son só algúns dos que aceptaron o reto de empregar esta aplicación multimedia. E, polo que vemos, o seu esforzo pagou a pena.
Proximamente, máis traballos deste curso 2014-2015.