Amosando publicacións coa etiqueta fotos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta fotos. Amosar todas as publicacións

mércores, 26 de xuño de 2019

21DEG: ata o curso que vén!


Aquí tedes unha imaxe cuns cantos dos participantes este curso en 21 Días En Galego. Vese que algo se lle quedou da lingua ao practicala tanto!

O número de participantes e niveis implicados vai, ano a ano, ampliándose. Este curso foron compañeiros de 3ESO, 4ESO e tamén Bacharelato. Os resultados foron moi positivos, tanto na mellora da produción oral dos protagonistas, como na súa reflexión sobre a realidade da lingua. 

Este ano, ademais, foi especialmente importante a implicación e participación das familias: avós e avoas, país e nais, irmáns e irmás animáronse a participar activamente en moitas das propostas: regueifas, raps, adiviñas, xogos... 

Desde o Departamento de Lingua Galega queremos felicitar a todos os implicados, alumnado e familias. Sen a vosa axuda e sen o voso compromiso, este proxecto non sería posible. Aspiramos a mantelo vivo moito tempo.

De novo, parabéns e grazas! Ata o curso que vén!

venres, 26 de maio de 2017

Gañadoras no Día das Letras Galegas


Aquí tedes a Ana Souto Arregui (1º ESO), Rebeca Pombo Fuentes (2º ESO), Lía Lema Pombo (3º ESO) e Inés Villar del Río (4º ESO), as catro gañadoras do I Certame Literario do Día das Letras Galegas celebrado no Fogar, este ano só entre o alumnado da ESO. 

Os seus textos, cheos de talento, competiron con moitas outras creacións que podedes ler aquí. Parabéns a todos os participantes e moi especialmente aos finalistas e ás vencedoras.

xoves, 11 de maio de 2017

O ano de Carlos Casares [3]





O pasado 8 de maio, no marco das actividades das Letras Galegas, o alumnado de bacharelato recibiu a visita de Hakan Casares para lles falar de seu pai, Carlos Casares, polifacético intelectual e escritor sobranceiro da literatura galega, a quen a Academia decidiu homenaxear este ano 2017.

O profesor Pablo Quintá comezou o acto presentando o perfil profesional do poñente como doutor en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo, unha persoa comprometida coa lingua e a cultura galega, membro vitalicio e administrador da Fundación Carlos Casares e Coordinador do Observatorio do Consello da Cultura Galega, Institución na que realiza a súa actividade profesional.

Deseguido, Hakan fixo un percorrido pola traxectora vital, profesional e literaria de seu pai, Carlos Casares. Lembrou aspectos transcendentais como o seu nacemento en Ourense, os anos da infancia na Limia, os seus estudos no Seminario, as amizades con Vicente Risco e Ramón Piñeiro ou o seu casamento con Kristina Berg. Destacou ademais o seu labor de deputado no primeiro Parlamento Galego, a súa participación na redacción da Lei de Normalización Lingüística, o seu traballo de articulista; pero sobre todo, a súa faceta de escritor de recoñecidas obras como A galiña azul, As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, Vento ferido, Xoguetes para un tempo prohibido ou Ilustrísima.

sábado, 11 de febreiro de 2017

De novo, campións de debate!






A semana pasada celebrouse na nosa cidade o II Torneo de Debate Talkk da Coruña, en colaboración coa Fundación Barrié.

Tras vencer a outros colexios en oitavos, cuartos e semifinais, o equipo Fogar I do colexio Fogar de Santa Margarida proclamouse campión nun apaixonante debate final no que tivo que enfrontarse á Compañía de María, centro académico gañador da anterior edición. 

Os nosos equipos, formados por alumnado de 1º Bacharelato (Alba Boedo, Nerea Castiñeira, Diego Pampín, Lucía Sánchez e María Señarís –Fogar 1– e Cristina Mouriño, Antía Otero, Sara Sánchez e Icía Varela –Fogar 2–), fixéronnos vivir unhas xornadas apaixonantes e cheas de emoción, conseguiron que vibraramos coa paixón do seu discurso e enchéronnos de orgullo co seu derroche de seguridade, o seu compañeirismo, o seu excelente traballo en equipo, a súa humildade e, por suposto, a súa fantástica capacidade comunicativa.

Os días 30, 31 de xaneiro e 1 de febreiro, celebráronse as fases preliminares, nas que os 19 equipos participantes de diferentes colexios da cidade, puxeron en práctica todo o traballado e investigado para facerse cun posto o día da final, o 3 de febreiro. 

A pregunta sobre a que todos os equipos de debate tiveron que investigar, informarse e prepararse para a «loita» dialéctica foi a seguinte: «Debe España apostar por un sistema educativo sen materias nin horarios fixos?» Os participantes tiñan que preparar tanto a postura A FAVOR como EN CONTRA, xa que, ata o mesmo momento do comezo de cada debate, no que se abre o sobre do sorteo, non saben que postura lles tocaría defender.

Un agradecemento especial, tamén, para Carolina Gabín, Xosé Manuel Varela e demais profesores que, coa súa guía e axuda, contribuíron a este logro, que se suma aos dos anos anteriores.

martes, 10 de maio de 2016

Parabéns ao noso equipo de debate!

 


 

 

 

 

 

PARABÉNS unha vez máis aos nosos alumnos e alumnas do equipo de competición do Debate escolar en galego polo seu entusiasmo, a súa constancia, o seu gran traballo en equipo, o seu saber estar e por ese gran 4º posto na FINAL GALEGA, que se celebrou no Pazo da Cultura de Pontevedra o pasado 30 de abril.  

Ánimo para o próximo evento!

mércores, 6 de abril de 2016

A historia de «Feliz feroz»


O pasado martes 5 tivemos a sorte de contar, por xentileza da editorial Anaya, co contacontos Iago López, que xa nos visitou o ano pasado. Dá gusto velo e escoitalo! Que marabilla o xeito en que achega as historias máis diversas aos pequenos!

Desta volta, o libro que presentou foi Feliz Feroz, o lobiño riquiño, de El Hematocrítico, traducido recentemente ao galego en Xerais. A divertida historia dun lobiño que non sabía ser feroz: non sabía ouvear feramente, nin cazar coelliños, nin asustar a Carapuchiña... Os alumnos e alumnas de Infantil e de 1º e 2º de Primaria pasárono en grande!





domingo, 24 de maio de 2015

Xabier P. DoCampo no Fogar


O pasado mércores, 20 de maio de 2015, con motivo da celebración das Letras Galegas e das actividades do Plan Lector de literatura galega, tivo lugar un encontro do escritor Xabier P. DoCampo co alumnado de 3º de ESO. Un encontro que representou a volta deste ilustre escritor ao Fogar de Santa Margarida, centro ao que está vinculado desde novo.

Sara Sánchez, alumna de 3º A, realizou unha breve presentación da súa traxectoria profesional.
Exerceu toda a vida a profesión de mestre pero tamén é escritor, contacontos, actor teatral, guionista e promotor da lingua e cultura galegas.
A súa andaina de mestre comezou hai moito tempo, aló polos anos 70, e foi precisamente nas aulas do noso colexio, o Fogar de Santa Margarida. Nesta andaina estivo moi vinculado a Nova Escola Galega, na procura, xunto con outros docentes, da renovación pedagóxica e na galeguización lingüística do sistema educativo de Galicia.
É un dos grandes renovadores da literatura infantil e xuvenil galega. A súa traxectoria é amplísima. Desde
O misterio das badaladas, Cun ollo aberto e outro sen cerrar pasando por Cando petan na porta pola noite, (Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, 1995) e un sen fin de obras ata chegar a A illa de todas as illas, Premio 2013 da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) á mellor obra narrativa infantil e xuvenil. A illa de todas as illas, como puidemos comprobar nas nosas lecturas, é unha homenaxe a todas esas novelas de aventuras, cheas de misterio, intriga e suspense, cunha illa como escenario, que deixaron unha fonda pegada nos seus lectores.

xoves, 14 de maio de 2015

A curiosa historia de Augusta


Achéganse as Letras Galegas e o Fogar é un fervedoiro de actividade. Desta volta, por xentileza da editorial Xerais, andou polo noso centro o animador Iago López a contarnos a curiosa historia de Augusta e os seus medos, escrita por Sabela Fernández Trelles. Os nenos e nenas de 1º, 2º e 3º de Primaria pasárono en grande escoitando como a pequena Augusta conseguía superar todos os seus medos: aos nenos, aos animais, ás caixas, a voar en avión...







domingo, 19 de abril de 2015

Carlos Callón no Fogar


O pasado 13 de abril, o profesor e escritor Carlos Callón mantivo un encontro co alumnado de 3º e 4º ESO e 1º e 2º de Bacharelato do Centro. Após de comentar distintos aspectos do seu libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, lido polo alumnado, achegou distintas reflexións sobre os problemas da nosa lingua para acadar a normalidade e animou aos alumnos a falárena sen medo nin prexuízos. O alumnado, o profesorado e o Equipo de dinamización lingüística do Centro valoraron moi positivamente a experiencia.

Este libro do ex-presidente de Mesa pola Normalización Lingüística completa, xunto con En castellano no hay problema e Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, unha «triloxía» ben útil para desbotarmos prexuízos sobre a nosa lingua e tomarmos un papel activo na súa recuperación.

luns, 30 de marzo de 2015

Visita á Real Academia Galega





A pasada semana, o alumnado de 3º de ESO visitou a Real Academia Galega e a Casa Museo Emilia Pardo Bazán, sitas no número 11 da rúa Tabernas da nosa cidade. Durante a xornada, puideron descubrir que representa a Academia e cales son as súas funcións, así como algúns dos trazos da personalidade e da obra desta ilustre galega.

Para saberdes máis sobre a Real Academia Galega, aquí queda un gran vídeo didáctico sobre a historia desta institución centenaria realizado con Videoscribe, unha ferramenta on line coa que facer presentacións ben lucidas. Probádea!

venres, 31 de outubro de 2014

Tempo de magosto


Alto me vexo 
no meu capelexo, 
por unha risada 
quedei sen nada. 

Seguro que che resulta máis doado resolver esta adiviña popular ollando a foto que a acompaña. Boa risada a do ourizo que acabará por perder as súas castañas. Non si?




Como cada ano chegou a celebración do Magosto e aquí temos unhas imaxes do castañeiro a asar unha chea de castañas para os máis cativos. E estaban ben boas! Axiña visitará de novo o Fogar para os maiores!

Coñecedes estas frases feitas arredor do tema das castañas e do magosto? Seriades quen de asocialas con cadanseu significado?
Frases feitas
A. Saír dun souto para meterse noutro.
B. Quedar en auga de castañas. 
C. Facer un bo magosto.
D. Quitarlle as castañas do lume.
E. Cada moucho no seu souto.
Significados
1. Solucionarlle a alguén un problema.
2. Facer un bo negocio, obter un bo beneficio.
3. Ir cada un ao seu.
4. Empeorar unha situación.
5. Resultar algo sen importancia ningunha.

mércores, 4 de xuño de 2014

Visitáronnos Rosalía, Castelao, Pondal...

Rosalía de Castro

Castelao

Roberto Vidal Bolaño

Valentín Paz-Andrade

Lois Pereiro

Eduardo Pondal

Velaí tedes a Rosalía de Castro, Castelao, Roberto Vidal Bolaño, Valentín Paz-Andrade, Eduardo Pondal, Lois Pereiro e Xosé María Díaz Castro, un selecto grupo dos autores homenaxeados no Día das Letras. Durante toda a semana de celebracións, o alumnado de Educación Primaria andou a buscalos por cada recuncho do Fogar e escoitou atentamente canto lle tiñan que dicir. O obxectivo: descubrir máis sobre a súa vida e a súa obra e, sobre todo, facelo dunha forma ben amena e atraente.

Foi a «Xincana» da Letras Galegas organizada por ese fervedoiro de actividade que é o Plan Lector do Fogar. E coa inestimable colaboración das alumnas da ESO Nerea, Paula, Sara, Alba, Antía, Cris, Yamila e María. Parabéns!!!