Amosando publicacións coa etiqueta Manuel María. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Manuel María. Amosar todas as publicacións

venres, 31 de outubro de 2025

As vangardas europeas e galegas


Co nome de vangardas faise referencia aos movementos estéticos europeos que desde 1910 ata 1930 quixeron abrir novos camiños na arte e na literatura rompendo coa tradición. Ata entón, o ideal artístico de beleza era a imitación da realidade; mais as vangardas non conciben a arte como imitación da realidade, senón como nova interpretación persoal desta. Noutras palabras, comparten un afán de ruptura con todo o anterior, unha actitude provocativa que se aplica a todos os campos estéticos: pintura, escultura, música, literatura... 

Os movementos vangardistas que xurdiron por Europa a principios de século publicaron manifestos para dar a coñecer os seus fundamentos teóricos. Os principais movementos de vangarda europeos foron:
  • Dadaísmo. Orixinado polo romanés Tristan Tzara en Suíza, como protesta contra a guerra e a razón burguesa. Propón o absurdo, o azar e a destrución das normas artísticas e literarias. Busca escandalizar e negar calquera sentido racional. Emprega a colaxe, a escrita por azar, poemas fonéticos e performances provocadoras. Representantes: Tristan Tzara, Marcel Duchamp, Man Ray.
  • Cubismo. Iniciado por Picasso e Braque, rompe coa perspectiva tradicional e representa a realidade mediante figuras xeométricas e visións múltiples. Pretende mostrar todos os ángulos dun obxecto nun mesmo plano. Na literatura, Apollinaire crea caligramas, poemas con forma visual. Representantes: Picasso, Braque, Juan Gris, Guillaume Apollinaire.
  • Futurismo. Fundado por Marinetti en Italia, exalta a velocidade, a máquina, a cidade ou a guerra como símbolos da modernidade. Defende a ruptura co pasado e coa arte tradicional. Na poesía experimentou coa destrución absoluta da sintaxe, co uso de onomatopeas, coa desaparición dos signos de puntuación... Representantes: Marinetti, Boccioni, Balla, Carrà.
  • Surrealismo. Impulsado por André Breton ou Paul Éluard en Francia, busca expresar o inconsciente e os soños inspirándose na psicanálise de Freud. Combina realidade e fantasía para revelar o pensamento «puro». Utiliza a escritura automática e imaxes ilóxicas ou sorprendentes. Representantes: Breton, Éluard, Dalí, Magritte, Miró.
  • Creacionismo. Impulsado polo chileno Vicente Huidobro, postulou que o poeta, como un pequeno deus, debe crear novos mundos coa palabra, non imitar a natureza. Defende unha poesía autónoma, pura, baseada na imaxinación e de vocación cosmopolita. Emprega metáforas audaces, disposición libre dos versos, ausencia de rima... Representantes: Vicente Huidobro, Gerardo Diego, Juan Larrea.
En Galicia, os nosos creadores, ademais de seguir as influencias destes «ismos», desenvolveron algúns movementos de vangarda exclusivos, que buscaban tamén a ruptura coa tradición anterior, é dicir, co ruralismo, co costumismo ou coa liña patriótica. Os máis importantes foron: 
  • Neotrobadorismo. Inspirado na nosa lírica medieval, recupera temas (o amor idealizado...), ambientacións (adoito naturais) e recursos estilísticos propios da lírica dos cancioneiros (formas sinxelas, paralelismo, refrán...). Pretende ligar a tradición literaria medieval galega coa renovación vangardista. Representantes: Fermín Bouza-Brey, Xohán Ledo, Álvaro Cunqueiro.
  • Hilozoísmo. Termo acuñado por Amado Carballo (do grego hilo ‘materia’ + zoe ‘vida’) para definir unha poesía onde a natureza aparece animada e viva, chea de movemento e cor. Busca unha visión dinámica e sensorial da paisaxe galega, próxima ao espírito vitalista e optimista das vangardas europeas. Representantes: Luís Amado Carballo, Manuel Antonio.
Para coñecerdes mellor as vangardas galegas deixámos aquí tres recursos ben útiles. 

O primeiro, o blog «As vangardas», creado pola profesora Pilar Ponte.

O segundo é un vídeo divulgativo que explica, de forma moi amena, as orixes das vangardas.


O terceiro, un vídeo de Nee Barros, coñecida en youtube co pseudónimo de neeumátiko. Por certo, a súa canle pode serche de interese, pois ten máis vídeos nos que fala de contidos lingüísticos e literarios.




domingo, 22 de maio de 2016

O ano de Manuel María [4]

 

Gran traballo de Paula Ramos Pan, alumna de 3º da ESO. Velaquí tedes o seu Prezi dedicado a Manuel María, o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, como subliña a propia Paula, polo seu «compromiso inquebrantable» coa lingua galega. 


Un completo resumo da súa biografía e tres poemas: «Terra Chá», «O pobo que deixa perder a súa palabra» e «O arado». Os dous primeiros recitados polo propio Manuel María e o terceiro coa versión musicada de Fuxan os Ventos. 

Parabéns, Paula!

martes, 10 de maio de 2016

O ano de Manuel María [3]


O anterior é un sinxelo videopoema elaborado pola moza María Cal García. O texto orixinal é o poema «A estrela sen nome» de Manuel María, publicado no seu libro Os soños na gaiola (1972).

Un videopoema é unha técnica expresiva que permite enriquecer un texto poético a través de medios audiovisuais. O habitual é gravar un audio coa recitación do poema en cuestión. Logo incorpórase ese audio a un vídeo no que se van sucedendo imaxes alusivas ao contido dos versos, que aparecen a xeito de subtítulos. Ademais acostuma engadirse algún fondo musical, acaído ao ton do poema. É habitual, encabezar o vídeo co nome do poema, do autor/a e da obra en que foi publicado; e tamén pechalo cos datos do autor/a do videopoema.

Manuel María, o homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano, é un dos poetas máis recitados e musicados da nosa literatura contemporánea. Pola rede circulan unha chea de poemas seus que foron transformados en cancións (podes comprobalo aquí ou aquí) ou convertidos noutros videopoemas.

Gozade, por exemplo, deste fermoso videoclip da canción «A rebelión das ovellas», que o músico Manuel R. Crespo creou a partir do poema «Conto de medo» de Manuel María.


Proposta de traballo (3º ESO):
Quen se anima a crear videopoemas a partir de textos de Manuel María? Debedes seguir as indicacións anteriores. Podedes seleccionar o poema que máis vos guste, por exemplo, neste blog. É posible facelo en grupos e utilizar calquera programa acaído para a edición de vídeo (Powerpoint, Windows Movie Maker...)

martes, 2 de febreiro de 2016

O ano de Manuel María [2]


Van chegando os traballos! E o primeiro, un vídeo dedicado a Manuel María, o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Unha peza audiovisual elaborada por Lucía Rodríguez Bouza, alumna de 3ESO. 

Como vedes, despois de presentarnos a figura literaria deste polifacético escritor da Terra Chá, Lucía animouse a facer a recitación de «A fala», un dos seus poemas máis coñecidos, que ademais serviu para lle dar nome a este blog. 

Mérito ten: investigar, recadar e organizar a información; e, despois, editar o vídeo sincronizando imaxes, texto e audio. E a música de fondo, poemas de Manuel María fermosamente musicados por Mini e Mero.

Graciñas Lucía, o teu vídeo tamén axudará a darlles a coñecer a Manuel María aos máis pequenos do cole.

mércores, 6 de xaneiro de 2016

O ano de Manuel María


Comeza o 2016 e, con todos vós, Manuel María Fernández Teixeiro (1929-2004), o homenaxeado nas Letras Galegas deste ano. Trátase dun dos escritores máis importantes da literatura galega na segunda metade do século XX. Non houbo xénero literario que non cultivase: narrativa, teatro, ensaio, xornalismo e, sobre todo, poesía.

Como poeta, Manuel María considerou todos os temas humanos apropiados para a arte poética: a reivinciación social, a defensa da nosa cultura, o canto á súa paisaxe natal da Terra Chá, o paso do tempo e da vida ou, como vemos no poema, os sentimentos máis íntimos (como amor).
Rosas
SEMPRE a rosa. Sempre:
a forma,
a cor,
o recendo,
a luz,
a perfección da rosa.
Prefiro a rosa vermella.
E amo a rosa branca
porque, cando lle digo
simplesmentes: ROSA,
entrecerra os ollos,
treme
e ruborece.
Manuel María, A luz resuscitada (1984)
Aínda que xa o fixemos nunha entrada anterior, aquí vos quedan varias ligazóns de interese para achegarvos á vida e á obra de Manuel María.
Casa Museo Manuel María
Manuel María no Centro de Documentación da AELG
Manuel María na Wikipedia en galego
Aproveitamos para vos presentar o vídeo de promoción de Canta o cuco, un novo libro-disco de Magin Blanco e Uxía Senlle no que poñen todo tipo de ritmos musicais a versos do poeta da Terra Chá. Unha fermosa forma de achegar a súa obra aos máis pequenos.


E non esquezas, como explicamos na primeira entrada, que son tamén seus os versos que lle deron nome ao noso blog: «A lingua é a chave coa que abrimos o mundo».

domingo, 13 de decembro de 2015

Proposta de traballos para 3º ESO


Chega o tempo de propoñer traballos. Xa sabedes, son voluntarios e podedes optar por calquera destas opcións. E axudarán a subir algo as notas!
A. Gravardes recitacións de poemas de Manuel María. Chega o ano 2016, cuxo Día das Letras Galegas estará dedicado a Manuel María Fernández Teixeiro, un dos poetas máis profíficos da nosa literatura. Suxerímosvos que seleccionedes os poemas del que máis vos gusten e que fagades recitacións. Podedes gravalas simplemente en audio (en Ivoox, por exemplo). Como esta.
Ou facerdes unha videomontaxe (Windows Movie Maker, iMovie...) con planos de detalle das vosas bocas mentres recitades. Como aquí.
B: Preparardes unha presentación en Prezi, programa en liña gratuíto. Ben lucida, por suposto: non só con texto, senón tamén con imaxes, audio, vídeo... O contido, escollédeo vós. Por exemplo: algo sobre o devandito Manuel María ou sobre algún tema que vós interesase do estudado no primeiro trimestre (as cantigas de amigo e de amor, a orixe e formación da lingua galega, a tipoloxía textual...). Reparade nestes exemplos, feitos por outros compañeiros vosos.
C: Facerdes recensións ou críticas literarias d’O achado do castro, de Manuel Núñez Singala. Como xa lemos esa comedia, agora podedes, de acordo co suxerido na entrada anterior, facer un comentario persoal sobre a obra. Debe axustarse ás pautas indicadas e redactarse en Word (mínimo 25 liñas).
D: Escribirdes descricións de persoas. Preferiblemente retratos (descricións que combinan trazos físicos e estéticos con trazos psicolóxicos e de personalidade). Para lle dar un toque orixinal, debedes escoller un dos persoeiros ficticios desta ligazón. Cun chisco de imaxinación, cada figura pode suxerir unha chea de ideas para creardes un bo retrato. Tamén cómpre presentalo en Word (mínimo 25 liñas).
Calquera das catro posibilidades é válida. Os traballos das opcións A e B poden elaborarse de forma individual ou en grupo. Como vedes, son traballos acordes cos tempos, en formato dixital e/ou audiovisual, que poderán despois expoñerse neste blog. De terdes outras ideas, comentádeo.

luns, 28 de abril de 2014

Bota a andar «A chave e o mundo»

A fala
O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pensar máis profundo.
O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.
O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.
O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.
O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.
O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
Se perdemos a fala
non seremos ninguén!
O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte que agroma
a máis forte irmandade.
Renunciar ao idioma
é ser mudo é morrer.
Precisamos a lingua

se queremos vencer! 
                         Manuel María
Un poema que nos fala do noso idioma, de nós e do noso lugar no mundo. Un poema que serviu para lle dar un título e un lema a este blog. A través del intentaremos divulgar, coa vosa colaboración, todas actividades e proxectos que se vaian desenvolvendo no Fogar arredor da lingua e da literatura galegas. 

Como ben di Manuel María, coa nosa lingua podemos abrir o mundo: todas as portas, todas as fiestras... E aí vai unha primeira proba: Queres traducir ao galego calquera palabra ou texto en castelán, catalán, inglés ou francés? Queres saber como se di nun deses idiomas algo que está en galego? Aquí tes a ligazón de TradutorGalego, unha app gratuíta para dispositivos móbiles. Unha ferramenta de primeira, para un idioma de primeira, en pleno século 21.