- Unha creadora de contido responde as críticas por falar en galego: «Como podes pensar que é unha moda?» (17-1-2025)
martes, 30 de setembro de 2025
Prexuízos lingüísticos e discriminación
xoves, 11 de febreiro de 2021
O noso proxecto de 21 DÍAS EN GALEGO (e +)
Todo comezou aló polo 2013. Os rapaces do IES da Pobra do Caramiñal foron os pioneiros coa experiencia 21 Días Co Galego, da man da profesora Pilar Ponte. Despois, no ano 2017 un grupo de alumnos e alumnas do Fogar seguiron o seu ronsel e comezamos o noso 21 DÍAS EN GALEGO (21DEG).
A experiencia consiste en aceptar o reto de falar en galego durante 21 días. Co acompañamento de actividades diarias que se propoñen desde o blog da materia. Non hai que estudar, non hai que escribir. Todo se basea en falar e ir gravando a diario as actividades propostas: días impares contar «Como che vai?» (unha especie de videodiario) e días pares «O reto» (xogos e actividades lúdicas para facer individualmente, en parella, en grupo...).
Coas ducias e ducias de vídeos do primeiro ano, elaboramos este minidocumental. Fiel mostra de como resultou a experiencia.
Para sorpresa de todos, 21DEG tivo unha grande acollida e tamén diversos recoñecementos. Recibimos o premio á «Investigación sobre a nosa fala» da asociación Xermolos no Festival de Pardiñas.
Leváronos á radio, ao programa «O Coruñés Opina», para falar sobre o noso proxecto e axudar a divulgalo.
Recibimos, ademais, a homenaxe da Real Academia Galega, xunto cos rapaces da Pobra, nun acto celebrado na propia institución e que foi recollido nos medios de comunicación.
E este ano, aceptas ti o reto de 21DEG? Se se fai entre amigos/as, moito máis doado!
mércores, 26 de xuño de 2019
21DEG: ata o curso que vén!
sábado, 28 de abril de 2018
E chegamos á Academia!
As cousas sábese como comezan, mais rara vez como van acabar. O curso pasado, durante algunha das sesións da materia de Lingua Galega, tratando o bloque de sociolingüística, mencionamos a experiencia dos 21 DÍAS CO GALEGO do IES da Pobra do Caramiñal e algúns dos alumnos e alumnas falaron de por que non faciamos nós algo semellante. E aí comezou todo no Fogar.





