venres, 22 de outubro de 2021

Os fonemas da lingua

Como sabes, os fonemas constitúen as unidades mínimas da lingua. Non posúen significado mais, ao combinarse, contraen relacións de oposición que permiten diferenciar signos lingüísticos: gato /ˈɡato/ - rato /ˈrato/. 

Os fonemas vocálicos son articulacións abertas, polo que o aire sae ao exterior sen obstrucións. O sistema vocálico do galego, herdeiro do latino, consta de 7 fonemas en posición tónica. A oposición entre vogais medias /e/ - /ɛ/ e /o/ - /ɔ/ permite distinguir signos distintos: pe /‘pe/ - pé /‘pɛ/; oso /‘oso/ - óso ‘ɔso/.


Os fonemas consonánticos non son articulacións abertas xa que neles sempre hai algún obstáculo no aparello fonador que obstrúe a saída do aire. En galego temos 19 fonemas consonánticos que se caracterizan segundo o seu punto e modo de articulación.



A gheada supón a ausencia do fonema /g/ (oclusivo velar sonoro) e a presenza no seu lugar do fonema /h/ (aspirado, semellante ao do inglés en house). O seseo consiste na ausencia do fonema fricativo interdental xordo /θ/ a favor do fricativo alveolar xordo /s/. Os dous son fenómenos dialectais correctos na fala, mais que non se representan na norma escrita. 

Estas ligazóns seranche moi útiles para completar con exemplos sonoros e gráficos o que acabas de ver. 

Fonética e Fonoloxía do Galego. Páxina interactiva onde podedes, por exemplo, ver e o oir as distintas realizacións dos fonemas vocálicos e consonánticos do galego.

Dicionario de Pronuncia da Lingua Galega. Dicionario en liña que recolle a pronuncia correcta de todas as súas palabras, coa correspondente representación fonolóxica.

«Beat box»: habilidade vocal e bucal: Entrada en Xogosdelingua que relaciona beatbox e fonética.

Ningún comentario:

Publicar un comentario