Amosando publicacións coa etiqueta texto argumentativo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta texto argumentativo. Amosar todas as publicacións

mércores, 28 de xaneiro de 2026

Os conectores textuais

Os conectores ou marcadores textuais son unha serie aberta e heteroxénea de elementos lingüísticos (adverbios, conxuncións, locucións adverbiais ou conxuntivas...) que serven para indicar as relacións entre as ideas dun texto e organizar as partes do mesmo dándolle cohesión. Se queres crear un bo texto, cómpre ordenar as ideas servíndote destes elementos lingüísticos. Estes son os máis importantes:

Vexamos un exemplo de como o uso desta variedade conectores permite elaborar textos ben organizados.

No tocante ao consumo de tabaco, estamos ante unha realidade moi presente na sociedade actual. É un hábito normalizado en reunións sociais, espazos de lecer e mesmo entre a mocidade. Pero, se coñecemos os seus efectos, por que segue sendo tan habitual? Esta cuestión sitúa o debate nos ámbitos sanitario, educativo e familiar, e mostra que estamos ante un tema que require reflexión colectiva. 

En primeiro lugar, o tabaco constitúe un grave problema de saúde pública, porque o seu consumo está relacionado con múltiples doenzas: cancro de pulmón, enfermidades cardiovasculares e problemas respiratorios crónicos. Ademais, non só prexudica a quen fuma, xa que o fume pasivo tamén afecta ás persoas de arredor. Por exemplo, nenos expostos ao tabaco presentan máis infeccións respiratorias. A Organización Mundial da Saúde lembra que «o tabaco mata a millóns de persoas cada ano», é dicir, trátase dun risco real e comprobado. Polo tanto, non é unha cuestión meramente individual. 

En segundo lugar,  o consumo de tabaco ten un impacto económico moi significativo. O fumador realiza un gasto constante nun produto prexudicial que, ao cabo do ano, pode supoñer miles de euros. Ademais, ese custo individual multiplícase a nivel social, xa que en España os gastos sanitarios directos derivados do tabaquismo sitúanse arredor dos 8.000 millóns de euros anuais. É dicir, non se trata só dun hábito persoal, senón dun problema que afecta ao conxunto da economía. Polo tanto, toda a sociedade acaba asumindo as consecuencias económicas do tabaquismo. Aínda así, hai quen o considera unha decisión privada, cando en realidade repercute nos recursos públicos e no benestar colectivo.

En resumo, o consumo de tabaco non pode considerarse inofensivo, pois implica danos sanitarios, económicos e sociais. Reducir o seu consumo debería ser unha prioridade colectiva.


martes, 24 de xaneiro de 2023

Textos argumentativos, 2023

Como outros anos, o alumnado de 3ESO está a traballar o texto argumentativo. Saber defender unha opinión propia apoiándonos en argumentos e exemplos resulta unha destreza fundamental, na vida académica e tamén na vida cotiá. 

De entre todos os textos presentados, seleccionamos algúns dos mellores. Veredes que se axustan ben ás indicacións dadas sobre forma, estrutura e contido. Son textos, ademais, que ofrecen puntos de vista opostos sobre algúns dos temas suxeridos. Cal vos convence máis?

AS REDES SOCIAIS

TEXTO 1 
No mundo globalizado no que vivimos, unha das maiores revolucións na comunicación foron as redes sociais. Pero, todo son beneficios? 

Actualmente poderiamos dicir que non hai persoa que non utilice as redes sociais a diario, xa sexa para informarse da actualidade ou para entretemento. Isto é algo  que cambiou nosos hábitos de consumo e de vida. Se ben é certo que nos axudan a comunicarnos e nos permiten estar conectados con persoas a quilómetros de distancia, pode que o uso das redes sociais tamén nos estea levando a un illamento sen que nos deamos apenas conta.

Segundo un estudo, o uso continuado das redes sociais está asociado a unha maior percepción de illamento social. Por exemplo, cando pasas moitas horas nas redes, ao mesmo tempo, inconscientemente, estás illándote da sociedade fóra das pantallas. Ademais do alarmante que pode ser este feito para a nosa saúde mental, tamén hai que ter en conta as consecuencias para a saúde física. Está demostrado que o illamento social está asociado a cambios no peso, nos patróns de sono e mesmo no noso sistema inmunitario. Unha enquisa realizada pola Royal Society for Public Health revelou que o uso abusivo de Facebook, YouTube, Instagram, Twitter e Snapchat, as cinco redes sociais «imprescindibles» no día a día da maioría dos mozos, empeora a súa saúde mental en catro aspectos: calidade do sono, imaxe corporal, ciberacoso e inseguridade.

En conclusión, non é o mesmo interactuar cos nosos amigos que ver contido como robots. Na miña opinión, aí radica a clave do asunto e a parte espiñenta do debate: as dúas caras da moeda das redes sociais. É certo que serven como elemento singular de intercomunicación ata niveis impensables ata agora, mais tamén provocan ese punto de illamento que nos fai caer no lado oposto da balanza.

Raquel Iglesias Amiana (3ESO-A)

TEXTO 2  
Hoxe en día, o número de persoas que usan as redes sociais está en constante aumento. Isto débese a incrible capacidade que nos ofrecen as redes de interactuar e comunicarnos cos demais. Pero, realmente nos axudan a socializar ou nos illan?

Por unha parte, existen diversas redes sociais como Whatsapp, Twitter ou Instagram con miles de millóns de usuarios diarios que nos permiten ter conexión inmediata e en tempo real cos nosos amigos e mesmo con persoas que se atopen lonxe de nós. A innovación que isto supón para a comunicación é innegable, de xeito que xa non nos podemos imaxinar estando «desconectados» ou sen compartir fotos, vídeos ou opinións cos demais.

Outra parte importante das redes, son os foros, canles e comunidades en Internet que nos permiten falar con outra xente de temas que nos gustan como, por exemplo, videoxogos, ou ben os foros e canles onde podemos consultar un tema ou resolver dúbidas que se nos podan xurdir en Matemáticas, Física, Historia... Non hai dubida de que ben usados son unha ferramenta valiosa e importante.

Finalmente, as redes tamén nos ofrecen a posibilidade de crear perfís, que poden ser públicos ou privados, nos que compartir información sobre nós: o que estamos a facer, os nosos gustos, as nosas amizades... Un exemplo é Instagram, unha rede social na que a xente comparte fotos para que os demais as vexan, podendo así socializar sen ningún tipo de atranco ou barreira.

En conclusión, as redes sociais son un excelente instrumento para interactuar con outras persoas polas vantaxes que ofrece, pero sempre debemos facer un uso responsable destas e controlar a información persoal que compartamos e con quen.

Roi Edreira Leis (3ESO-B)

OS DEBERES ESCOLARES

TEXTO 3  
Os deberes escolares son un dos temas que máis desacordos causan entre mestres, alumnos e pais.

En primeiro lugar, penso que existe unha relación positiva entre os deberes e o rendemento dos estudantes. Proba disto é o estudo realizado pola Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) no ano 2014 entre adolescentes de quince anos, que amosa a existencia desta correlación en moitos países.

Por outro lado, coido que os deberes favorecen a independencia e a responsabilidade do alumno. Un informe elaborado no ano 2014 polo sindicato CSIF de Andalucía indica que o 95% dos mestres aseguran que fomentan o esforzo e posibilitan que o estudante aprendan a traballar só.

Non obstante, na miña opinión, entre realizar deberes que ocupan a meirande parte do tempo de lecer do alumno e eliminalos por completo, o termo medio é o máis axeitado. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia publicou, no ano 2017, un informe sobre os deberes escolares, indicando que a clave non está tanto na cantidade das tarefas ou no tempo adicado a realizalas, senón na calidade dos deberes, xa que deben servir para reforzar coñecementos.

Por último, é fundamental que os deberes se planifiquen entre todos os mestres, de xeito que a suma das tarefas das distintas materias non sexa excesiva. É importante adicar tempo á realización de actividades deportivas e tamén gozar de tempo de lecer.

En conclusión, considero que uns deberes escolares axeitados que sirvan para mellorar habilidades e asentar coñecementos son beneficiosos para o alumno, sempre que non sexan abusivos. 

Daniel Fernández Rivera (3ESO-C)

TEXTO 4  
Hoxe en día os nenos e nenas, ao rematar as clases, polo xeral, temos deberes escolares. O seu obxectivo principal é reforzar os coñecementos adquiridos na clase. Pero son bos ou malos? 

Para comenzar, a cantidade de deberes que se mandan é bastante grande. Por exemplo, os estudantes, acabado o horario escolar, fan unha media de sesenta ou setenta minutos de deberes diarios.

Seguidamente, deberiamos ter en conta que nalgúns colexios, coma o noso, o Fogar, máis da metade dos días hai clases pola tarde, é dicir, sete horas de clase en total. Se a estas sete horas lles sumamos unha hora de deberes na casa, danos un total de oito horas que é o que traballa un adulto cada día. 

Por outra parte, os deberes condicionan a vida familiar. Por exemplo, a miña familia ía ir de vacacións na ponte da Constitución, pero non puidemos ir pola cantidade de deberes e exames que tiñamos á volta. 

Finalmente, os deberes tamén impiden a realización de actividades deportivas, formativas… Como exemplo, unha coñecida miña non pode adestrar todos os días que lle gustaría por culpa dos deberes. Ou o meu propio caso, que ao adestrar tres veces por semana debo empregar sempre un dia da fin de semana para poñerme o día coas tarefas escolares. 

En conclusión, podemos dicir que os deberes escolares non son necesarios ou, cando menos, son deberían estar moito máis limitados.

Emma Fernández Lois (3ESO-C)

venres, 16 de decembro de 2022

Escribimos un texto argumentativo

 

O vídeo anterior preséntanos o texto argumentativo. Xa sabes, ese tipo de texto que ten como intención principal defender unha idea (tese) e convencer dela o lector. Os textos argumentativos danse con frecuencia na vida cotiá: artigos de opinión xornalísticos, sentenzas xudiciais, ensaios científicos ou filosóficos, discursos políticos, textos publicitarios, intervencións en debates e mesas redondas e, en xeral, tamén discusións espontáneas do noso día a día.

No vídeo anterior proponse un texto argumentativo cunha estrutura dedutiva, é dicir, a tese xa se indica no primeiro parágrafo, para despois desenvolver os argumentos. Nós propoñémosche unha estrutura indutiva ou sintética, que consta destas partes: 

Introdución: presentación do tema (asunto sobre o que se vai falar).
Desenvolvemento: conxunto de argumentos que conducen á tese, reforzados por probas, exemplos, citas...
Conclusión: tese (síntese coa opinión persoal). 


Como vedes, no exemplo anterior temos unha estrutura sintética. Despois da introdución, os argumentos van sucedéndose, acompañados de exemplos, ata chegarmos á tese que aparece na conclusión. Tamén aparecen sinalados en verde os conectores textuais.

Os conectores textuais son palabras o grupos de palabras que serven para cohesionar, para relacionar as diferentes oracións e parágrafos dun texto. Algúns serían:
  • Conectores de orde: primeramente, seguidamente, en primeiro lugar, en segundo lugar, por unha parte, por outra parte, por último...
  • Conectores conclusivos: en resumo, en conclusión, en definitiva, por todo isto, en vista do anterior...
  • Conectores exemplificadores: por exemplo, proba disto é, poñamos por caso...
De acordo co anterior e co traballado na aula, redacta un texto argumentativo, dun mínimo de 20 liñas, sobre un dos seguintes temas. Escolle o que máis che interese, iso si, debes decidirte por unha das alternativas que se ofrecen en cada caso.
 
• Os deberes escolares: son beneficiosos ou son un problema?
• O toureo (ou tauromaquia): debe prohibirse ou non?
• As centrais nucleares: necesarias ou demasiado perigosas?
• Os programas do corazón: entretemento ou «telelixo»?
• As redes sociais: axúdannos a socializar ou íllannos?
• O mundial de fútbol de Qatar: paréceche ben que se organizase nese país ou non?

Se queres, aquí podes ler exemplos de textos argumentativos creados por compañeiros e compañeiras de cursos anteriores.


xoves, 5 de novembro de 2020

Creamos textos argumentativos

 

O vídeo anterior preséntache o texto argumentativo. Xa sabes, ese tipo de texto que ten como intención principal defender unha idea (tese) e convencer dela o lector. Os textos argumentativos danse con frecuencia na vida cotiá: artigos de opinión xornalísticos, sentenzas xudiciais, ensaios científicos ou filosóficos, discursos políticos, textos publicitarios, intervencións en debates e mesas redondas e, en xeral, tamén discusións espontáneas do noso día a día.

No vídeo anterior proponse un texto argumentativo cunha estrutura dedutiva, é dicir, a tese xa se indica no primeiro parágrafo, para despois desenvolver os argumentos. Nós propoñémosche unha estrutura indutiva ou sintética, que consta destas partes: 

Introdución: presentación do tema (asunto sobre o que se vai falar).
Desenvolvemento: conxunto de argumentos que conducen á tese, reforzados por probas, exemplos, citas...
Conclusión: tese (síntese coa opinión persoal). 

Entre os procedementos discursivos que contribúen a apoiar os argumentos están os seguintes:

Definición: explica o significado de conceptos clave no texto.
Comparación ou analoxía: serve para poñer en relación ideas, con casos semellantes ou diferentes que axudan a comprender conceptos e argumentos.
Exemplificación: achega un exemplo concreto e contrastable que facilita a comprensión dunha idea ou demostra argumentos.
Enumeración: exemplos en serie que proporcionan máis forza a un argumento.
Cita: reprodución das palabras de expertos ou persoas que coñecen o tema, así serven como argumentos de autoridade.
Interrogación: pode usarse para poñer en dúbida un argumento contrario, para provocar unha reacción no interlocutor ou mesmo poden ser retóricas para convidar á reflexión.

De acordo co anterior e co traballado na aula, redacta un texto argumentativo, dun mínimo de 20 liñas, sobre un dos seguintes temas. Escolle o que máis che interese, iso si, debes decidirte por unha das aletrnativas que se ofrecen en cada caso.
 
• Os deberes escolares: son beneficiosos ou son un problema?
• O toureo (ou tauromaquia): debe prohibirse ou non?
• As centrais nucleares: necesarias ou demasiado perigosas?
• Os programas de telerrealidade: entretemento ou «telelixo»?
• As redes sociais: axúdannos a socializar ou íllannos?
• O fútbol profesional: deporte ou simple negocio?

Se queres, aquí podes ler exemplos de textos argumentativos creados por compañeiros de cursos anteriores. Cando o teñas o teu finalizado, revisado e en limpo, envíamo por MOODLE. Podes redactalo no caderno e mandarme un escaneo ou, se o prefires, escribir directamente o texto completo no recadro da actividade en Moodle.


xoves, 28 de maio de 2020

Comentarios a «O curioso incidente...»


Chegou o momento de falarmos de O curioso incidente do can á media noite, de Mark Haddon. Os que non lestes o libro non vos preocupedes, escusades seguir lendo. Esta actividade non vai con vós. E tampouco vos afectará na nota. Boa finde!

Para os que si o lestes, a tarefa de hoxe é ben sinxela. Gravade simplemente un audio cun breve comentario persoal sobre a novela.

Importante!, esta recensión persoal debe ter un MÍNIMO de 1 MINUTO e un MÁXIMO de 2 MINUTOS. Para que vos resulte máis doado falar durante ese tempo, podedes abordar cuestións como estas: 
• Que opinión xeral che merece o libro? Gustouche? Por que?
• Foi unha lectura fácil ou non? Tardaches moito en lelo?
• Que che parece o seu protagonista, Cristopher Boone?
• Este é un bo exemplo de «historia de superación». Que cres que quere dicir iso? Estás de acordo?
• O TEA (Trastorno do Espectro Autista) supón unha dificultade na comunicación e na relación cos demais, mais moitos dos que padecen este trastorno superan eses problemas: Aquí tes uns cantos exemplos que se cadra descoñecías. Que opinas?
• Que momento da novela che gustou, impactou ou emocionou máis? Por que?
• Como lle recomendarías esta novela a un compañeiro/a?
Convén preparardes previamente a vosa intervención un chisco. Pensade que ides dicir: un pequeno guión viría ben. Procurade evitar as interferencias co castelán: xa sabedes (*Me parece por paréceme, *había feito por fixera, *perro por can, *rojo por vermello...). 

Hai dúas formas de gravardes e enviardes o audio.
a) se o facedes con ordenador no MOODLE,  en «Texto en liña» usade na opción de «Record audio» do editor de texto e subide despois o arquivo.
b) se o facedes con móbil ou tablet, gravade directamente o audio no voso dispositivo e logo subide o arquivo  a MOODLE en «Entrega de ficheiros».
Tedes unha semana completa para facelo. 

mércores, 29 de maio de 2019

Novos textos argumentativos

Un curso máis, un dos traballos voluntarios en 3ESO foi redactar un texto argumentativo. Xa sabedes, un texto que defende unha opinión achegando argumentos e exemplos que a apoian. Outros cursos recolléronse textos ben brillantes, e este non foi menos. Propuxéronse distintos temas e, de seguido, deixámosvos tres bos exemplos. Parabéns polo traballo!

A prensa do corazón
A prensa do corazón converteuse nos últimos anos nun fenómeno de masas. Hoxe quero dar a miña opinión sobre ela.
Segundo os estudos difundidos por Europa Press, un de cada tres españoles le e ve na televisión programas da prensa rosa. Por que? Porque nela se amosa a brillante vida das «celebrities» e tamén as súas miserias, porque nela sempre se exhiben novos modelos de roupa e casas moi luxosas e, ademais, porque é un tema que vale para conversar. 
Pero tamén é unha realidade que nos programas do corazón a miúdo se insulta, se ofende e se calumnia as persoas sen ningún respecto por elas nin polos seus familiares.
Non me parece ben que moitos dos que se desenvolven neste ámbito gañen tantísimo diñeiro sen ter mérito ningún. Así, o presentador Jorge Javier Vázquez é o mellor pagado do famoso programa de televisión «Sálvame», cobrando un salario anual de 3 millóns de euros, e a súa colaboradora Belén Esteban rolda o medio millón de euros ao ano; mentres que o salario medio dun investigador científico en España é de 19.074 euros anuais, e un médico español gaña de media 53.000 euros por ano.
Por todo o anteriormente dito, estou totalmente en contra da prensa rosa, tamén coñecida como prensa do corazón.
Miguel Angel Suárez Díaz, 3ESO-C 

As supersticións
As supersticións son crenzas contrarias á razón que lle atribúen unha explicación máxica a todo tipo de fenómenos, procesos e relacións. Son supersticións crer nos amuletos da sorte, pensar que non se poden facer determinadas cousas os «martes 13» ou que che vai pasar algo malo por romper un espello. Pero… en verdade temen algunha influencia estes feitos no noso destino? Teñen razón de ser as supersticións? 
Segundo as estatísticas, máis do 50% da poboación cre nas supersticións e cada cultura ten as súas propias. Nos deportes, tamén son moi comúns. Está demostrado por catro experimentos distintos que ese factor psicolóxico, esa percepción que o xogador ten sobre os seus talismáns, serve para mellorar o rendemento. Por exemplo, pasa no golf, coas famosas «bólas da sorte», coas cales o xogador pensa que acertará todos os foxos, é dicir, que coa a súa bóla favorita terá unha mellor porcentaxe de golpes. 
A pesar disto, tamén existen supersticións totalmente falsas e sen fundamento ningún, como a do gato negro. Uns din que se se che cruza un gato negro terás mala sorte, outros que só terás mala sorte se ves ao gato afastarse de ti. Pero en realidade terás mala sorte pola túa mentalidade, porque xa asumiches que non sairá ben nada. Todo é un tema psicolóxico.
En conclusión, eu estou a favor das supersticións (incluso eu teño as miñas propias). Pero tamén creo que, no caso das que anuncian mala sorte, debemos ter a mente positiva para loitar contra elas. Creas ou non, as supersticións están aí e pode que algún día a sociedade valore as súas vantaxes en lugar das súas desvantaxes.
Antía Pérez Viñas, 3ESO-B

A vida no campo fronte á vida na cidade
Hoxe en día, o 54% da poboación mundial vive na cidade, pero a ONU afirma que para o ano 2050 esta cifra aumentará ata o 66%. Que é o que teñen as cidades que se volven cada vez máis atractivas para a poboación? Realmente ofrecen unha mellor calidade de vida para os seus habitantes?
Un dos principais motivos polos que a poboación marcha cara ao campo é, como non podía ser doutro xeito, a contaminación: «o aire é máis limpo no campo», «se marchas poderás ter unha vida máis sa»… Na miña opinión isto non é un dato a favor da vida no campo, senón máis ben todo o contrario. É verdade que no campo non hai tanta contaminación, mais iso é, principalmente, pola falta de poboación e, se a xente se esforzase por facer as cousas ben, a contaminación podería reducirse notablemente nos núcleos urbanos.
Por outro lado, un dos factores máis importantes que fai que as cidades teñan un maior número de habitantes son as oportunidades laborais. Non é necesario mencionar que as cidades, aínda que non garanten emprego a todos os seus habitantes, axudan moito máis á hora de encontrar traballo e, incluso, proporcionan empregos que non se poden realizar nunha vida rural.
Enlazando co asunto anterior, outro factor importante á hora de elixir a vida urbana fronte á rural son os estudos. Moita xente ten claro ao que se quere dedicar no seu futuro e para iso é mellor estudar nas cidades, onde hai desde centros de estudos básicos ata as universidades.
Ademais as cidades ofrecen unha maior comodidade fronte ás pequenas localidades, principalmente pola súa cercanía con hospitais, centros comerciais, centros para a terceira idade… E todo isto, como moito, nuns poucos quilómetros.
Xa para rematar, as cidades, especialmente as grandes cidades, proporcionan á vida da súa poboación moitas posibilidades de entretemento a tempo completo, pois sempre hai algo que podes facer (cines, teatros, concertos...), alguén a quen visitar ou mesmo coller un autobús e descubrir novos lugares.
En conclusión, eu penso que a vida na cidade axuda máis á hora de poder elixir o teu camiño, mentres que a vida no campo só achega unha tranquilidade que facilmente podes atopar na túa casa ou na praza con amigos. 
Laura Varela Anido 3ESO-C

xoves, 9 de xuño de 2016

Textos argumentativos fresquiños

E os traballos de fin de curso van chegando. Desta volta, dúas compañeiras de 3º ESO, Alicia Vecillas Valle e Natalia Mouriño Domínguez entregaron cadanseu texto argumentativo, segundo as pautas propostas hai unhas semanas. Con teses claras, ben argumentados e con procedementos discursivos eficaces. Alicia, Natalia, bo traballo!

 
O fútbol profesional: deporte ou simple negocio?
O fútbol é o deporte máis popular no mundo, o que máis se practica e o que máis afeccionados atrae aos numerosos campos de xogo que existen repartidos por todo o globo. A min encántame ver e xogar ao fútbol, é o meu deporte favorito, pero cando leo ou escoito todo o que se move ao redor do fútbol das grandes ligas xa non falamos de deporte, senón dun espectáculo e un negocio de moitos millóns de euros.
A Real Academia da Lingua Galega define deporte como «a actividade que ten como fin o desenvolvemento das facultades físicas da persoa, practicada individualmente ou en equipo e suxeita ou non a unhas regras establecidas».
Na miña opinión, o fútbol profesional actual ten pouco que ver con esta definición. Creo que non hai dúbida que a maioría dos equipos actuais xurdiron de agrupacións de persoas que lles apaixonaba o fútbol como deporte. Pero estas agrupacións pasaron a ser controladas por profesionais con máis interese nos negocios que no deporte. Os clubs de primeira división convertéronse en sociedades anónimas e son xestionados coma se fosen empresas. Ao consello ou equipo de dirección esíxeselles beneficios económicos para continuar á fronte dun proxecto que debería ser puramente deportivo e non é de estrañar posto que as cifras que se manexan no fútbol profesional son enormes: segundo datos oficiais, o fútbol profesional representa o 1,7% do Produto Interior Bruto (PIB) español e dá emprego directo e indirecto a máis de 189.000 persoas.
Achega máis 9.000 millóns de euros á economía e o espectáculo é ademais unha fonte de ingresos xerada polos dereitos de televisión e publicidade, polas entradas aos estadios e pola venda de todo tipo de produtos relacionados co equipo, como camisetas das grandes estrelas, bandeiras, bufandas, etc, o que supón moitos ingresos para os grandes clubs.
Os xogadores son profesionais, xogan por diñeiro, e os mellores fichan por diferentes clubs segundo a mellor oferta que adoita ser astronómica. Ningún outro deporte move estas cifras.
Pero tamén este deporte ten lados escuros: corrupción dos directivos, apostas que non sabemos como se controlan e débedas millonarias dalgúns clubs que os políticos non se atreven a denunciar polo custo en popularidade que supón. Cando a liga chega ao final e o gañador se decide nos últimos partidos, sempre xorde a sospeita sobre posibles pagas extras que se dá para motivar aos xogadores dos equipos favoritos e tamén para os xogadores que xogan contra os favoritos.
Os valores tradicionais do deporte como o sacrificio, o esforzo, a superación persoal ou a competición de equipo pasaron a un segundo plano en favor do espectáculo e aa popularidade. Isto motiva a moitos mozos que soñan con ser estrelas como Messi ou Ronaldo.
Os datos falan sós, cando hai tanto diñeiro e intereses en “xogo”, o deporte é o de menos.
Alicia Vecillas Valle, 3º ESO-B

 
As corridas de touros: cruentas e anacrónicas
Penso que as corridas de touros son unha práctica inhumana e cruel, que non se debería permitir a estas alturas na nosa sociedade.
Aquí rebaterei os argumentos “típicos” dos partidarios das corridas de touros:
•  «A corrida de touros é un deporte».  Efectivamente é unha actividade que require adestramento e está suxeita a normas pero non compiten ambas as partes en condicións de igualdade. Os matadores enfróntanse a un animal disminuído/minorado/danado nas súas facultades físicas polo cansazo e a dor.
• «Os touros son unha tradición, e as tradicións hai que mantelas». Que algo sexa unha tradición non xustifica en si mesmo que sexa algo bo. Neste caso non merece que se conserve algo que supón un acto violento.
• «As corridas de touros son unha arte». A arte é un proceso de creación e construción tremendamente sensible que nos enaltece. No enfrontamento de touro con toureiro non se dá ningunha destas circunstancias.
• «O touro morre dignamente». A dignidade é un valor humano pero para un animal, como é o touro, a dor é a dor e a morte é a morte, non son dignas nin indignas. Ademais o que non é digno é maltratar e torturar un animal ata a morte.
• «Os touros son cultura». En 1980, a UNESCO, máxima autoridade mundial en materia de cultura, emitiu a súa opinión respecto diso: “A tauromaquia é a arte venal de torturar e matar animais en público e segundo unhas regras. Traumatiza os nenos e os adultos sensibles. Agrava o estado dos neurópatas atraídos por estes espectáculos. Desnaturaliza a relación entre o home e o animal. Niso, constitúe un desafío maior á moral, á educación, á ciencia e á cultura”. En resumo, só se trata de violencia,  crueldade e  barbarie.
• «Sen corridas non habería touro bravo, desaparecería». A casta brava dos touros foi xenéticamente manipulada polo home para que os seus exemplares sexan agresivos, a fin dos touros traería, en todo caso, non a fin dos touros, senón desa subespecie creada artificialmente.
• «O touro non sofre». Esta afirmación non ten base científica. Como calquera animal cun sistema nervioso central, sente, sofre e estrésase.
• «É unha fonte de ingresos». Tamén as drogas e a prostitución pero non todo se reduce a termos de rendibilidade.
• «Quen queira ver os touros que os vexa, e o que non, que se vaia». Podería dicirse o mesmo da pederastia, non se pode mirar para outro lado, non se pode permitir, e menos subvencionar, algo tan cruel, bárbaro e decadente.
Finalmente, a crueldade é crueldade, nada a xustifica e menos nun acto que quere ser lúdico. Unha sociedade avanzada e civilizada ten que deixar atrás actividades cruentas e anacrónicas como as corridas de touros.
Natalia Mouriño Domínguez, 3º ESO-B

martes, 10 de maio de 2016

Texto argumentativo

 

A intención dun texto argumentativo é defender unha idea (tese) e convencer dela o lector. Os textos argumentativos danse con frecuencia na vida cotiá: ensaios científicos ou filosóficos, discursos políticos, artigos de opinión xornalísticos, sentenzas xudiciais, textos publicitarios, intervencións en debates e mesas redondas e, en xeral, tamén discusións espontáneas do noso día a día.

Moitos textos argumentativos adoitan ter unha estrutura indutiva ou sintética, que consta destas partes: 
Introdución: presentación do tema (asunto sobre o que se vai falar).
Desenvolvemento: conxunto de argumentos que conducen á tese, reforzados por probas, exemplos, citas...
Conclusión: tese (síntese coa opinión persoal).
Entre os procedementos discursivos que contribúen a apoiar os argumentos están os seguintes:
Definición: explica o significado de conceptos clave no texto.
Comparación ou analoxía: serve para poñer en relación ideas, con casos semellantes ou diferentes que axudan a comprender conceptos e argumentos.
Exemplificación: achega un exemplo concreto e contrastable que facilita a comprensión dunha idea ou demostra argumentos.
Enumeración: exemplos en serie que proporcionan máis forza a un argumento.
Cita: reprodución das palabras de expertos ou persoas que coñecen o tema, así serven como argumentos de autoridade.
Interrogación: pode usarse para poñer en dúbida un argumento contrario, para provocar unha reacción no interlocutor ou mesmo poden ser retóricas para convidar á reflexión.
Podes ampliar a información sobre o texto argumentativo consultando esta ou estroutra ligazón.
Proposta de traballo (3º ESO): 
De acordo co anterior, crea un texto argumentativo, dun mínimo de 25 liñas, sobre un tema que che interese. Podes escoller, se o prefires, unha destas ideas (debes definir a túa opinión entre as posturas que se ofrecen).
• O toureo (ou tauromaquia): debe prohibirse ou non?
• As centrais nucleares: necesarias ou demasiado perigosas?
• Os programas de telerrealidade: entretemento ou «telelixo»?
• As redes sociais: axúdannos a socializar ou íllannos?
• O fútbol profesional: deporte ou simple negocio?
• A lingua única e universal: a favor ou en contra?