Amosando publicacións coa etiqueta Foliada das Letras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Foliada das Letras. Amosar todas as publicacións

xoves, 12 de xuño de 2025

A Foliada das Letras, todo un éxito!

 
 
O pasado mércores 14 de maio celebramos, no marco das actividades da Semana das Letras Galegas, a nosa primeira Foliada das Letras. Un encontro co que queremos facer patente, dun xeito festivo, o compromiso do Fogar coa nosa lingua e coa nosa cultura. E foi todo un éxito!

Foron moitas as familias que se achegaron ao centro para celebrar unha tarde de música, baile, merenda e, sobre todo, moita alegría. Gran parte do éxito debémosllo ao grupo Pesdelán que souberon animar o publico, facendo que pequenos e maiores non parasen de bailar. Gozamos ademais coas actuacións das nosas padeireteiras e do maio preparado polo alumnado de Infantil. Parabens tamén aos presentadores do acto: Sabrina Varela e Nicolás Barro, un gran traballo!

Este vídeo resumo foi elaborado por Ainara Sánchez, Nicolás Barro e Adriana Picallos. E contou coas imaxes e gravacións dun bo número de compañeiros e compañeiros que tamén asistiron á Foliada.

Agardamos repetir co mesmo éxito ou máis o curso que vén. Moitas grazas a todos!

martes, 13 de maio de 2025

Telexornal «Edición Cantareiras»


No Fogar, o Día das Letras Galegas deste ano tocounos moi de cerca. Isto animounos a levar adiante un bo número de proxectos diferentes, todos coa idea de divulgar e poñer en valor a arte das nosas cantareiras: obradoiros, gravacións musicais, bailes, karaokes, pasatempos... 

Unha boa forma de reunir o resultado de todo ese traballo é o Telexornal «Edición Cantareiras» que aquí che presentamos. Con el, ademais. contribuímos a difundir a riqueza da nosa poesía oral popular.  Parabéns a todos os implicados en sacar a diante estoutro proxecto: alumnado, profesorado e familias.

Ah! E esta non será a última actividade arredor das Letras Galegas deste 2025. Quédanos a gran Foliada das Letras deste mércores 14 pola tarde. Animámosvos a todos a participar!

xoves, 8 de maio de 2025

Esperámosvos na «Foliada das Letras»

O vindeiro mércores ás 17:30 comezará a gran FOLIADA DAS LETRAS, unha festa con música en vivo (a cargo do grupo Pesdelán), baile e merenda para todos os asistentes. E de balde! Estades todos convidados! Animade os vosos imáns e irmás, pais, nais, avós e avoas. Cantos máis, mellor!

Non só pasaremos unha tarde divertida con este ambiente festivo, senón que tamén celebraremos as Letras Galegas deste ano, dedicadas, como sabedes, ás nosas cantareiras e á nosa poesía oral. Aproveitaremos para ofrecer a actuación das pequenas pandeireteiras do Fogar e para presentar os diferentes proxectos arredor das Letras Galegas deste curso: «Xota do Fogar», «Valse das Avoas», «Telexornal Cantareiras»...

Como adianto aquí deixamos os vídeos da «Xota do Fogar». O primeiro, coa interpretación dos nosos músicos e cantareiras; e o segundo, en versión Karaoke. A cantar todo o mundo!

 

 

Non podedes faltar! Esperámosvos a todos e todas na FOLIADA DAS LETRAS!