Amosando publicacións coa etiqueta Primaria. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Primaria. Amosar todas as publicacións

domingo, 14 de xuño de 2026

Os nosos cómics


Estamos rematando o curso e un dos nosos últimos proxectos foi elaborar cómics. Previamente estudamos as técnicas e recursos propios desta arte: os tipos de planos, os tipos de globos, as onomatopeas, as liñas cinéticas... 

Moitos foron os traballos presentados. Aquí deixamos unha pequena selección dos mellores. Parabéns a todos!!!


ç













martes, 26 de maio de 2026

Preparando os maios (IV)


E por fin rematamos o proxecto da celebración dos maios. Un gran traballo compartido por profesorado de distintas materias (Plástica, Lingua Galega, Música...) e por todo o alumnado de Primaria. Unha experiencia que nos aproximou de forma lúdica e significativa a unha das tradicións populares máis importantes de Galicia.

O ano que vén máis!

mércores, 20 de maio de 2026

Compartindo cultura galega e xaponesa con Haruna


Coincidindo co Mes do Xapón e coa Semana das Letra Galegas, tivemos a gran sorte de contar coa visita de Haruna Chatani. Foron sesións cheas de información, música, contos, conversas e anécdotas. Haruna contounos como viaxou por moitos lugares do mundo, como chegou a Galicia, como a enfeitizou a nosa cultura e a nosa lingua, como se escribe en xaponés, como se debuxa a Doraemon... 








Tamén nos narrou en galego o conto tradicional xaponés de Momótaro, o neno pexego, e cantou connosco a canción dos Maios. 

Unha experiencia única que, sen dúbida, quedará gravada na nosa memoria! Graciñas, Haruna!

xoves, 14 de maio de 2026

17 de maio para Begoña Caamaño

Un ano máis estamos coa gran festa das Letras Galegas. Nesta ocasión, de novo, con protagonismo feminino: a viguesa Begoña Caamaño (1964-2014). A pesar de falecer moi nova, Begoña foi unha das voces con máis forza das nosas letras neste comezo do século XXI. Narradora, xornalista, activista de diferentes causas..., a súa figura ben merece a homenaxe colectiva que supón o Día das Letras Galegas.

Para coñecela mellor, aquí tes este breve vídeo.

Se queres aprender máis sobre Begoña Caamaño (con actividades, xogos...), pode serche de axuda esta ligazón ou estoutra.

E, por último, un clásico por estas datas: o autodefinido Begoña Caamaño. Anímate a resolvelo, se o fas con axuda, incluso mellor.




mércores, 22 de abril de 2026

martes, 14 de abril de 2026

Preparando os maios (II)


As estrofas máis típicas dos maios son as coplas: conxunto de catro versos de 8 sílabas que riman 8 -, 8 a, 8 - 8 a. É dicir, a copla ten rima (asonante ou consonante) nos versos pares. Por exemplo:

Heiche de contar historias,    8 – 
heiche de cantar copriñas,     8 a 
heiche de tocar as cunchas,   8 –  
miña carrapucheiriña.           8 a

 Aquí temos un exemplo de como poderían ser as letras da celebración dos maios.


Tendo en conta isto, anímate a compoñer outras coplas para ampliar o noso maio.




xoves, 26 de marzo de 2026

Preparando os maios (I)

A Festa dos Maios é unha celebración tradicional galega que marca a chegada e o triunfo da primavera. Representa o renacer da natureza, o crecemento das plantas e o comezo do ciclo agrícola. As súas orixes remóntanse ás antigas culturas prerromanas, especialmente á tradición celta e á festividade de Beltane, que celebraba o inicio do verán e a conexión coa natureza.

A festa consiste en construír os maios, estruturas decoradas con flores, follas e froitos, que poden ter forma de árbore ou de figuras variadas. Ao seu redor, grupos de persoas cantan coplas populares e acompañan o ritmo con paus.

É costume que os participantes, a cambio da súa actuación, pidan un aguinaldo en alimentos. Tamén se organizan concursos para premiar os mellores maios e cantigas. Esta tradición mantense viva en moitos lugares de Galicia (Pontedeume, Ourense, Redondela, Vilagarcía de Arousa, Marín, Pontevedra...).

Como mostra da súa importancia cultural, destaca o poema «Aí vén o maio» de Manuel Curros Enríquez, exemplo do valor desta festa na nosa tradición literaria e popular.

Aí vén o maio
de frores cuberto
Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos
(1) furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
(2)
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sonvos o probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno!

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos
(3) e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero.

Queredes castañas
dos meus castiñeiros?
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas
(4), nin portas,
nin foros, nin cregos.

        Manuel Curros Enríquez, Aires da miña terra

    puchos(1): sombreiros
    crocas(2): castañas
    trabucos(3): impostos
    quintas(4): grupos de mozos que debían obrigatoriamente servir como soldados no exército

luns, 23 de febreiro de 2026

Traballos de Bacharelato para Primaria


Esta avaliación, parte do alumnado de primeiro de Bacharelato animouse a realizar unha serie de traballos en formato audiovisual. O obxectivo destes vídeos é servir de soporte para as respectivas presentacións orais que deselvolveronq nas aulas dos compañeiros de sexto de Primaria. Un magnífico traballo, rapaces!

 Castelanismos (Sofía Arévalo, Lucía Fernández e Noa garrido)


 Os castelanismos (Tomás Gómez, Sergio Rivas e Ainara Sánchez)

O detective da lingua galega contra os castelanismos 
(Lucca Caro, Nicolás Mato e Favio Pentón)

 Música para todos os gustos (Lucía Pedreira e Iván Tuñas)

 Os castelanismos: buscando intrusos (Iván Roca)

luns, 9 de febreiro de 2026

Encontro con Érica Esmorís






Hoxe luns 9 de febreiro tivemos a inmensa sorte de contar coa visita de Érica Esmorís, autora da obra Erin e o lobo, que todo o alumnado de sexto de Primaria leu este segundo trimestre. Era unha visita moi agardada pois os nosos lectores e lectoras estaban ansiosos por poder coñecela e preguntarlle unha chea de cousas.

Érica contounos que somos o primeiro centro que lle pediu charlar sobre esta obra súa, que foi a gañadora no ano 2025 do prestixioso Premio Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil. Resultou un encontro ameno e cheo de preguntas, respostas, comentarios, opinións... Unha oportunidade de coñecer de primeira man como xurdiu a idea deste libro, como é o traballo de escritora, que motivacións a impulsaron a escribir, que proxectos ten...

Esperamos que Érica o pasase tan ben coma nós e que, nun futuro, poidamos contar con ela de novo para charlar sobre máis obras súas en calquera etapa. Graciñas, Érica!

sábado, 13 de decembro de 2025

Conto de Nadal

Axiña comezan as vacacións e entraremos no tempo do Nadal. Para celebralo, aquí deixamos un par de propostas. Primeiro unha versión en vídeo co clásico «Conto de Nadal» do escritor inglés Charles Dickens. 


Logo, uns pasatempos sinxelos para nos familiarizar co vocabulario propio destas festas: un sinxelo xogo en liña do Portal das Palabras e unha a «Sopa de letras do Nadal». Es quen de resolvela?


Felices festas!

xoves, 9 de outubro de 2025

Máis sobre as variedades dialectais


Andamos a voltas estes días coas variedades dialectais ou xeográficas. O galego, como xa vimos noutras entradas de «A chave e o mundo» (aquí ou aquí), ten tres grandes bloques dialectais: o occidental, o central e o occidental. 

De seguido, simplemente queremos deixarche uns vídeos que che poden resultar moi interesantes sobre estas variedades. Dedícalles un pouco de tempo. Se os observas con atención, seguro que has recoñecer moitos dos trazos de cada bloque que estamos a estudar nas aulas.

Dígocho eu (Presentación bloques)


Ben falado (Resumo das falas galegas)


Dígocho eu (Gheada)


Dígocho eu (Cheísmo e teísmo)


Dígocho eu (O galego de Asturias)



mércores, 4 de xuño de 2025

Encontro con Paula Carballeira

Hoxe, mércores 4 de xuño, tivemos a sorte de contar coa presenza de Paula Carballeira. Un encontro realmente agardado con impaciencia polo alumnado de 6º de Primaria e 1º da ESO, que leran nos meses anteriores as súas obras Wombo Combo e Trece avisos, respectivamente. 

Paula, contacontos, escritora e actriz, demostrou as súas táboas contándonos de forma moi amena como xurdiron estas dúas obras súas. Os rapaces tiveron a oportunidade de facerlle diversas preguntas e mesmo pegaron algún chimpo nas súas cadeiras cun conto de terror! 

Todo un privilexio contar con esta autora que recentemente foi galardoada co Premio Nacional de Literatura Dramática e ten obras traducidas ao portugués, ao castelán, ao éuscaro, ao catalán, ao inglés, ao italiano... Grazas, Paula!

domingo, 1 de xuño de 2025

Obradoiro de Lectura Creativa

Un curso máis, dedicamos algunhas sesións a traballar co alumnado a «lectura creativa». Para iso aproveitamos libros do fondo da nosa biblioteca: Esfinxe. Relatos de pensamento creativo e Sherezade. Novos relatos de pensamento creativo. 

De forma pautada, cooperativa e lúdica, en 6º de Primaria traballamos a comprensión lectora aplicada a diferentes tipos de relatos que requiren resolución (de enigmística popular, de pensamento lateral, de matemática recreativa, de lóxica, de enredos lingüísticos...), sempre adaptados, por niveis de dificultade, á idade do alumnado.

Un espazo divertido para ler, crear e pensar «fóra da caixa». Bo traballo, rapaces!