Amosando publicacións coa etiqueta cultura popular. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta cultura popular. Amosar todas as publicacións

martes, 26 de maio de 2026

Preparando os maios (IV)


E por fin rematamos o proxecto da celebración dos maios. Un gran traballo compartido por profesorado de distintas materias (Plástica, Lingua Galega, Música...) e por todo o alumnado de Primaria. Unha experiencia que nos aproximou de forma lúdica e significativa a unha das tradicións populares máis importantes de Galicia.

O ano que vén máis!

mércores, 20 de maio de 2026

Compartindo cultura galega e xaponesa con Haruna


Coincidindo co Mes do Xapón e coa Semana das Letra Galegas, tivemos a gran sorte de contar coa visita de Haruna Chatani. Foron sesións cheas de información, música, contos, conversas e anécdotas. Haruna contounos como viaxou por moitos lugares do mundo, como chegou a Galicia, como a enfeitizou a nosa cultura e a nosa lingua, como se escribe en xaponés, como se debuxa a Doraemon... 








Tamén nos narrou en galego o conto tradicional xaponés de Momótaro, o neno pexego, e cantou connosco a canción dos Maios. 

Unha experiencia única que, sen dúbida, quedará gravada na nosa memoria! Graciñas, Haruna!

martes, 14 de abril de 2026

Preparando os maios (II)


As estrofas máis típicas dos maios son as coplas: conxunto de catro versos de 8 sílabas que riman 8 -, 8 a, 8 - 8 a. É dicir, a copla ten rima (asonante ou consonante) nos versos pares. Por exemplo:

Heiche de contar historias,    8 – 
heiche de cantar copriñas,     8 a 
heiche de tocar as cunchas,   8 –  
miña carrapucheiriña.           8 a

 Aquí temos un exemplo de como poderían ser as letras da celebración dos maios.


Tendo en conta isto, anímate a compoñer outras coplas para ampliar o noso maio.




xoves, 26 de marzo de 2026

Preparando os maios (I)

A Festa dos Maios é unha celebración tradicional galega que marca a chegada e o triunfo da primavera. Representa o renacer da natureza, o crecemento das plantas e o comezo do ciclo agrícola. As súas orixes remóntanse ás antigas culturas prerromanas, especialmente á tradición celta e á festividade de Beltane, que celebraba o inicio do verán e a conexión coa natureza.

A festa consiste en construír os maios, estruturas decoradas con flores, follas e froitos, que poden ter forma de árbore ou de figuras variadas. Ao seu redor, grupos de persoas cantan coplas populares e acompañan o ritmo con paus.

É costume que os participantes, a cambio da súa actuación, pidan un aguinaldo en alimentos. Tamén se organizan concursos para premiar os mellores maios e cantigas. Esta tradición mantense viva en moitos lugares de Galicia (Pontedeume, Ourense, Redondela, Vilagarcía de Arousa, Marín, Pontevedra...).

Como mostra da súa importancia cultural, destaca o poema «Aí vén o maio» de Manuel Curros Enríquez, exemplo do valor desta festa na nosa tradición literaria e popular.

Aí vén o maio
de frores cuberto
Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos
(1) furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
(2)
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sonvos o probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno!

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos
(3) e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero.

Queredes castañas
dos meus castiñeiros?
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas
(4), nin portas,
nin foros, nin cregos.

        Manuel Curros Enríquez, Aires da miña terra

    puchos(1): sombreiros
    crocas(2): castañas
    trabucos(3): impostos
    quintas(4): grupos de mozos que debían obrigatoriamente servir como soldados no exército

sábado, 13 de decembro de 2025

Conto de Nadal

Axiña comezan as vacacións e entraremos no tempo do Nadal. Para celebralo, aquí deixamos un par de propostas. Primeiro unha versión en vídeo co clásico «Conto de Nadal» do escritor inglés Charles Dickens. 


Logo, uns pasatempos sinxelos para nos familiarizar co vocabulario propio destas festas: un sinxelo xogo en liña do Portal das Palabras e unha a «Sopa de letras do Nadal». Es quen de resolvela?


Felices festas!

luns, 12 de maio de 2025

Obradoiro «Cantareiras»

E esta Semana das Letras tamén temos a sorte de contar coa colaboración de máis xente da casa, Xosé Manuel Varela e a súa filla Icía Varela, que ademáis de traballar no Fogar, tamén son músicos e importantes divulgadores da nosa literatura oral tradicional. De feito, a editorial Xerais encargoulles este ano a edición do libro Cantareiras, dedicada ás homenaxeadas nas Letras Galegas.

Pois ben, Xosé Manuel e Icía imparten hoxe luns e o vindeiro mércores un obradoiro didáctico arredor das nosas cantareiras, centrándose especialmente nas sete homenaxeadas pola Real Academia Galega. Todos os cursos de Primaria, Secundaria e Bacharelato gozamos da súas explicacións e tamén interpretamos algunhas das súas cantigas.

Un pasiño máis para achegarnos a este tesouro de noso, que debemos transmitir ás seguintes xeracións!






xoves, 8 de maio de 2025

Esperámosvos na «Foliada das Letras»

O vindeiro mércores ás 17:30 comezará a gran FOLIADA DAS LETRAS, unha festa con música en vivo (a cargo do grupo Pesdelán), baile e merenda para todos os asistentes. E de balde! Estades todos convidados! Animade os vosos imáns e irmás, pais, nais, avós e avoas. Cantos máis, mellor!

Non só pasaremos unha tarde divertida con este ambiente festivo, senón que tamén celebraremos as Letras Galegas deste ano, dedicadas, como sabedes, ás nosas cantareiras e á nosa poesía oral. Aproveitaremos para ofrecer a actuación das pequenas pandeireteiras do Fogar e para presentar os diferentes proxectos arredor das Letras Galegas deste curso: «Xota do Fogar», «Valse das Avoas», «Telexornal Cantareiras»...

Como adianto aquí deixamos os vídeos da «Xota do Fogar». O primeiro, coa interpretación dos nosos músicos e cantareiras; e o segundo, en versión Karaoke. A cantar todo o mundo!

 

 

Non podedes faltar! Esperámosvos a todos e todas na FOLIADA DAS LETRAS!

domingo, 23 de marzo de 2025

Achegándonos ás cantareiras


A Real Academia Galega decidiu dedicar este ano o Día das Letras Galegas a seis humildes labregas que representan a nosa música e cantos tradicionais, patrimonio de todos os galegos. Estas mulleres eran cantareiras da Costa da Morte: Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; Eva Castiñeira Santos, de Muxía; e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, de Mens (Malpica).
 

Durante as próximas semanas, ata a celebración do Día das Letras Galegas, imos ir poñendo en marcha unha serie de proxectos que esperamos vos gusten e sirvan para divulgar o labor destas mulleres. De momento, para abrirmos boca, aquí deixamos algúns recursos que nos axudaran a coñecelas mellor. 






luns, 29 de xaneiro de 2024

Metáforas e adiviñas

Estes días andamos en sexto de Primaria a traballar os recursos literarios (a personificación, a hipérbole...). Un dos máis importantes e empregados é a metáfora. 

A metáfora é ese recurso no que se relacionan dous elementos con algunha semellanza entre si (sen usar partículas comparativas). Estes elementos serían o Termo Real (R) e o Termo Imaxe (I). Así, se dicimos:

Os teus dentes son perlas brillantes

Temos unha metáfora que relaciona o Termo Real (R) dentes co Termo Imaxinario (I) perlas brillantes. Evocamos daquela a imaxe duns dentes brancos e relucentes como perlas.

As adiviñas populares tamén recorren con moita frecuencia ao recurso da metáfora. Por exemplo:

Ten un dente e tira pola xente (Solución: a campá)

Nesta adiviña, o Termo Real (R) campá relaciónase co Termo Imaxinario (I) [boca] dun só dente; é dicir, o badalo da campá sería o único dente dunha boca. Se somos hábiles recoñecendo os elementos da metáfora, tamén temos máis doado dar coa solución da adiviña. 

Queres practicar? Os alumnos e alumnas de sexto de Primaria prepararon este vídeo para convidarte a «xogar ás adiviñas». Adiante! Cantas das resolvido?

domingo, 5 de novembro de 2023

Magosto e Samaín 2023

Estamos no outono. Tempo de celebracións tradicionais como o Samaín e o magosto. O venres pasado puido respirarse no Fogar un gran ambiente festivo. Xogos tradicionais, meigas, mortos viventes, lobishomes... e tamén o castañeiro coas súas castañas asadas! Aquí deixamos unhas pouquiñas imaxes desta xornada máxica.







E, para rematar, un vídeo para aprendermos un chisco máis sobre estas tradicións de noso.

luns, 25 de outubro de 2021

Samaín, moi noso


En Galicia, o Samaín celébrase desde tempos inmemoriais, aínda que con épocas de auxe ou de decadencia dependendo das zonas e das épocas.  

Samaín, palabra celta, significa ‘fin do verán, principio do inverno’. Na antiga cultura céltica, a noite de Samaín, a do 31 de outubro, era moi mportante pois marcaba o comezo dun novo ano. Era un momento clave, para se reunir nos camposantos, comer porco e castañas e celebrar as farradas festeiras dos guerreiros. Tamén era a noite máis perigosa do ano: as portas do «outro mundo» abríanse nesas horas e as ánimas dos mortos eran quen de visitar este mundo e aos seus moradores.


Para afastar dos seus castros as ánimas defuntas errantes e perigosas, os druídas (feiticeiros celtas) pedían comida como ofrenda e tamén poñían, no alto dos muros ou encastradas nas paredes, as caveiras iluminadas dos inimigos falecidos en campaña. Crían que estes cranios conservaban a forza e o poder dos guerreiros mortos. Co paso do tempo, aquilo de poñer cabezas de xente nas portas foise suavizando un pouco, e foron substituídas, na Idade Media, por caveiras de animais e, máis tarde, acabaron tallándose cabazas, melóns, nabos... Grazas ás investigacións do profesor galego Lopez Loureiro, sabemos que esta tradición se estende por toda a antiga xeografía céltica europea. 

En Galicia atopámola vixente na Costa da Morte, nas Mariñas, nas Rías Baixas... 

  • En Cedeira, prenden fachos e marchan con eles en procesión para facer unha grande fogueira.
  • Na Illa de Arousa, os nenos érguense antes de que saia o sol e percorren as rúas e tendas o día 1 de novembro pedindo cun retrouso tradicional: «unha esmola polos defuntiños que van alá». Adoitan recibir boliños de pan, lambetadas, froita...
  • En lugares do Salnés, os habitantes van en procesión ao cemiterio portando candeas, nun enorme velorio comunal, e os rapaces adoitan gastar bromas pesadas.

Hoxe o Halloween foi popularizado polos filmes e series de televisión americanas, mais debedes saber que esta tradición non é máis que o Samaín levado ao outro lado do Atlántico polos emigrantes irlandeses e escoceses, coa mesma raíz celta que nós, os galegos.

De seguido, dous recursos para ampliardes o que sabedes sobre o Samaín.




domingo, 25 de abril de 2021

[21DEG: Día 20] O reto: As adiviñas

Xa estamos no día 20 de 21DEG. «O reto» hoxe: xogar con adiviñas. Aquí che damos seis pezas. Tes que gravarte en dúas fases:

a) Le as adiviñas en voz alta e intenta ofrecer a súa solución. Pon a cabeciña a traballar! 



Adiviña 1
Quen me mira e me desfai,
ha de chorar máis por min
que chorou pola súa nai.
A cebola

Adiviña 2
Cae da torre embaixo e non rompe,
e cae dunha ponte e rompe.
O papel

Adiviña 3
Que será unha cousiña, cousa,
que entra por onde non entra un leirón
e garda a casa coma un león?
A chave

Adiviña 4
Teño follas sen ser árbore,
fáloche e non teño voz;
se me abren non me queixo,
adiviña ti quen son.
O libro

Adiviña 5
Que animal é 
o que anda cos pés na cabeza?
O piollo

Adiviña 6
Se queres saber de min
estou no medio do mar;
non son peixe, non son illa
e tampouco sei navegar.
A letra «a»

Ollo! Se ves que algunha se che resiste, pasando o cursor pola zona en branco debaixo cada adiviña atoparás as solucions.

b) A segunda parte do reto, aproveitando que estamos en fin de semana, debe facerse en familia. Grávate recitándolles as adiviñas túa nai, a teu pai, a un avó ou avoa, a un irmán ou irmá... Grava tamén as súas respostas (sexan correctas ou non). 

Xa sabes, todo nun mínimo de 3 minutos.

mércores, 27 de marzo de 2019

[21DEG: Día 06] O reto: Karaoke


Hoxe a cantar! E tanto ten que se che dea ben, mal ou regular. 


O teu reto: cantar completa a canción popular «Catro vellos mariñeiros», un verdadeiro himno da nosa música tradicional. Se alguén na casa xa a coñece, pode axudarche a facer un dúo. Como vexas. 

Aquí tes o karaoke. Pode virche ben escoitala antes un par de veces.


E, se cadra, ata a dás aprendido enteira!

mércores, 1 de novembro de 2017

Magosto 2017


Outono bonito
folliñas no chan,
castañas asadas
que ricas están!

Así di un cantar popular. E certamente as castañas que comemos o martes pasado estaban ben boas!

De novo, toda a Primaria participou de forma conxunta na celebración do Magosto. Os nenos e nenas puideron divertirse con ducias de xogos populares de toda vida: a ra, as carreiras de sacos, os zancos, o aro, o tres en raia e moitos outros. 

E despois dos xogos, a castañada! Que ricas!




sábado, 29 de outubro de 2016

Fabulosa xornada de Samaín e Magosto!


Vaia día este venres 28! 

Pola mañá, o Festival de Samaín, cos rapaces de 2º e de 5º de Primaria a actuar ante o resto dos compañeiros do cole. Unha marabilla velos celebrar esta tradición milenaria de orixe celta con tanta variedade de disciplinas: teatro, danza, música, sombras chinesas, adiviñas... Un espectáculo ademais en galego, en castelán e en inglés. Parabéns rapaces e rapazas polo voso esforzo e tamén, como non, para Iria, Roberto e Olga, os profesores dos que xurdiu a iniciativa e que levaron o peso da organización. 

Pola tarde, tocaron xogos populares: a rá, o aro, os zancos, os birlos, as carreiras de sacos... Ata 30 diferentes! Pequenos e maiores gozaron, por quendas, de todas esas actividades lúdicas ligadas á nosa cultura. E rematamos co Magosto! Outra tradición do outono que se remonta ao noso pasado máis remoto. Castañas asadas para todos! 

sábado, 30 de xaneiro de 2016

De novo, o Entroido





De novo chegou o Entroido: unha das tradicións galegas máis populares, pola festa e polos disfraces; mais tamén polo cocido, polas orellas, polas filloas...

No Fogar recuncan don Paco e dona Maruxa, e esta vez traen consigo o seu neto Pepiño. Entre os tres axudarán a organizarmos a semana do Entroido en Primaria e en Infantil. Unha celebración que terá o seu momento culminante no Festival do venres pola tarde.

Para saberdes máis do Entroido galego, aquí e aquí tedes dúas boas webs nas que toparedes información abonda. 

E para rematar, unha sobremesa para larpeiros: Ofelia Rei a prepararnos unhas boas filloas da pedra, ao máis puro estilo tradicional, co seu caldo, co seu unto... Ummmmmm!

venres, 6 de febreiro de 2015

O Entroido con don Paco e dona Maruxa





Xa está aquí o Entroido, tempo de disfraces e de troula. E no Fogar apareceron os mecos do Entroido, don Paco e dona Maruxa, que observarán vixiantes se todo o mundo cumpre as súas ordes. Unha semaniña para estarmos atentos ao que nos pidan, co festival do venres pola tarde como gran final.

Ah!, e sabiades de onde vén a palabra «entroido»? Pois deriva da voz latina introitus, que significa ‘entrada’ ou ‘comezo’ en referencia á chegada primavera e ao rexurdimento da vexetación. 

E para saberdes máis, aquí vos queda unha divertida unidade didáctica sobre esta festa tradicional tan nosa e, por último, un vídeo dos informativos da TVG sobre o «triángulo máxico» do Entroido galego. A pasalo ben!