Amosando publicacións coa etiqueta Real Academia Galega. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Real Academia Galega. Amosar todas as publicacións

xoves, 24 de outubro de 2024

Premios da RAG


Tivemos a enorme sorte de ser un dos tres centros galegos gañadores do concurso «Contádenos o voso Día das Letras Galegas de Luísa Villalta (2024)» convocado pola Real Academia Galega.

O pasado martes 22 de outubro acudimos ao acto de entrega destes premios no auditorio da Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada. Aproveitamos a saída para, á primeira hora da mañá, realizar unha visita didáctica á fábrica de Sargadelos que está na mesma localidade. 

Foron moitos os alumnos e alumnas do Fogar, de todas as etapas, que participaron activamente dalgún xeito nos proxectos presentados a este concurso. Non obstante, debido ao aforo limitado do auditorio, só puido acudir un grupo de compañeiros en representación de todos os demais. 

Unha xornada que chea de alegrías e bos momentos que non esqueceremos. Parabéns a todos os profesores e profesoras que colaboraron. E tamén a nenos, nenas e familias que se comprometeron na realización das actividades merecedoras deste recoñecemento. Porque... O GALEGO MOLA!

venres, 12 de xuño de 2020

Xogos do Portal das Palabras [3]


Rematamos hoxe cos xogos do Portal das Palabras. As categorías coas que xogarás son:
a) Apunta ben
b) A ver se dás...
c) Opa!
Tres xogos ben distintos que che permitirán mellorar o teu vocabulario e ir depurando interferencias do castelán. Nesta ocasión, debes facer dous xogos de cada categoría e mandarme como sempre seis imaxes por MOODLE. 

Lembra que este tipo de xogos son ideais para mellorar o teu galego.

martes, 9 de xuño de 2020

Xogos do Portal das Palabras [2]


Volvemos ao Portal das Palabras da Real Academia Galega. A xogar! Neste caso farémolo coas categorías:
a) Canto sabes?
b) Dimo con letras.



Xa sabes, pon a proba os teus coñecementos de léxico galego. Le atentamente as cuestións que se propoñen nas actividades e vai respondendo con tento. Mandame, por MOODLE, o pantallazo ou foto dos resultados de tres xogos de cada categoría (en total 6 imaxes).

luns, 8 de xuño de 2020

Xogos do Portal das Palabras [1]


Se cadra, xa coñeces o Portal das Palabras. É un espazo en Internet creado en 2013 pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié para difundir e mellorar o noso léxico.

Paga a pena dedicarlle un tempo a visitar as súas seccións. Entre elas está a de Xogos, que consta de varias categorías. A tarefa de hoxe é, sen máis, xogar. Debes seleccionar tres xogos de cada unha destas categorías:
a) Verdadeiro ou falso 
b) Só unha vale
Logo, tócache resolver eses enredos completos no tempo límite que che dan. 


Unha vez terminado cada xogo, fai unha foto ou pantallazo dos teus resultados. É dicir, debes obter un total de 6 imaxes. 

Finalmente, envíamas por MOODLE. 

mércores, 9 de maio de 2018

O Fogar homenaxeado na Real Academia Galega


Na mañá de onte, día 8 de maio, o Fogar visitou a Real Academia Galega. Mais desta vez non foi para facer unha visita guiada ás súas instalacións (aínda que ao final tamén a fixésemos). Desta vez iamos convidados pola máxima institución da lingua do país!

Os académicos quixeron celebrar un acto no que se recoñecese e se axudase a divulgar o proxecto 21 DÍAS EN GALEGO, que desde hai dous anos estamos a levar adiante no noso centro. Compartiamos esta homenaxe coa xente do IES da Pobra o Caramiñal, pionerios na experiencia.

O acto foi redondo! Primeiro presentación inicial do presidente Víctor Freixanes, que aló atrás xa nos dedicara unhas eloxiosas palabras en La Voz de Galicia. Logo unhas breves intervencións por parte de Pilar Ponte e de Carlos Medrano, profesores que coordinaron as actividades nos dous centros e un fantástico vídeo resumo elaborado polo noso compañeiro de bacharelato Diego Pampín.


Deseguido, chegou o momento das intervencións dos alumnos e alumnas, a xente nova que a Academia adoecía por recibir e escoitar. En nome do Fogar, falaron Diego Oreona Pena e Lía Lema Pombo. Contaron como viviron a experiencia 21 DÍAS e como ven o presente e o futuro da lingua. E deixaron o pavillón do cole ben alto!


Finalmente, chegou o momento do coloquio e da rolda de prensa. Aí moitos outros rapaces, e tamén académicos, tiveron a oportunidade charlar de forma animada sobre distintas cuestións referidas ao proxecto e tamén á delicada situación da nosa lingua.



Con nós, a RAG inicia un ciclo que chamará «Encontros da Academia coa xente nova». O seu obxectivo é dar voz á mocidade, desde estudantes a profesionais, abrindo espazos para a reflexión e o debate sobre o presente e o futuro do galego.

Por último, fixemos unha rápida visita á Academia e unha foto de grupo para deixar constancia gráfica dun día histórico. Se cadra, como alguén xa comentou, van ter que ir deixando algunha cadeira dispoñible para os «novos académicos» que xa están a chamar a porta.

Para saberdes máis podedes, aquí podedes ver como recolleu o acontecemento o portal Real Academia Galega. E aquí, aquí, aquí e aquí, a nova noutros medios.

sábado, 28 de abril de 2018

E chegamos á Academia!


As cousas sábese como comezan, mais rara vez como van acabar. O curso pasado, durante algunha das sesións da materia de Lingua Galega, tratando o bloque de sociolingüística, mencionamos a experiencia dos 21 DÍAS CO GALEGO do IES da Pobra do Caramiñal e algúns dos alumnos e alumnas falaron de por que non faciamos nós algo semellante. E aí comezou todo no Fogar. 

Hoxe, despois de dúas edicións do noso 21 DÍAS EN GALEGO, estamos de felicitación. Se o verán pasado foi a Asociación Xermolos a que nos agasallou co premio á «Investigación sobre a nosa fala», recibido no Festival de Pardiñas, este vindeiro 8 de maio é nada máis e nada menos que a Real Academia Galega a que nos convida, xunto coa xente da Pobra, a un acto de recoñecemento público. Alí estarán, ademais, os medios de comunicación!

Parabéns a todos os rapaces e rapazas que coa vosa ilusión e dedicación fixestes posible este proxecto tan fermoso. E que siga a medrar!

luns, 1 de xuño de 2015

O Rexurdimento na Coruña



A Coruña xogou un importante papel na orixe e no desenvolvemento do Rexurdimento. A recuperación da nosa cultura estivo fondamente vinculada a esta urbe naquelas últimas décadas do século XIX e primeiras do XX: os primeiros faladoiros da mítica Cova Céltica, o paso pola cidade de Rosalía, Curros e Pondal, a fundación da Real Academia Galega e das primeiras Irmandades da Fala...

Para ilustrar estes feitos, os nosos compañeiros de 1º de Bacharelato María Belén Arce Papaleo, Nerea Ares Caamaño e Sergio Arias García decidiron elaborar un breve documental. Un interesante percorrido por rúas, prazas, parques e mesmo cemiterios que amosa ás claras como a implicación da nosa cidade coa literatura galega xa vén de vello.

Belén, Nerea, Sergio, parabéns!

luns, 30 de marzo de 2015

Visita á Real Academia Galega





A pasada semana, o alumnado de 3º de ESO visitou a Real Academia Galega e a Casa Museo Emilia Pardo Bazán, sitas no número 11 da rúa Tabernas da nosa cidade. Durante a xornada, puideron descubrir que representa a Academia e cales son as súas funcións, así como algúns dos trazos da personalidade e da obra desta ilustre galega.

Para saberdes máis sobre a Real Academia Galega, aquí queda un gran vídeo didáctico sobre a historia desta institución centenaria realizado con Videoscribe, unha ferramenta on line coa que facer presentacións ben lucidas. Probádea!