Amosando publicacións coa etiqueta actividades. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta actividades. Amosar todas as publicacións

sábado, 13 de decembro de 2025

Conto de Nadal

Axiña comezan as vacacións e entraremos no tempo do Nadal. Para celebralo, aquí deixamos un par de propostas. Primeiro unha versión en vídeo co clásico «Conto de Nadal» do escritor inglés Charles Dickens. 


Logo, uns pasatempos sinxelos para nos familiarizar co vocabulario propio destas festas: un sinxelo xogo en liña do Portal das Palabras e unha a «Sopa de letras do Nadal». Es quen de resolvela?


Felices festas!

domingo, 26 de outubro de 2025

Activas impersoais e pasivas reflexas


Se te fixas, as oracións activas impersoais (Aquí estúdase ben) e as pasivas reflexas (Véndense casas) son moi semellantes na forma (ambas posúen a forma SE e tamén trazos semánticos comúns). Con todo, para poder diferencialas hai uns trazos clave, que che presentamos nesta táboa.


Por último, estas pistas tamén poden serche útiles: 
  • Se o verbo está en P6, sempre é pasiva reflexa.
Na reunión dixéronse moitas cousas.
  • Se o verbo é intransitivo, copulativo ou transitivo sen CD expreso, sempre é impersoal.
Vívese ben en Galicia. (verbo intransitivo)
Ése máis serio no traballo. (verbo copulativo)
En Escocia céase máis cedo. (verbo transitivo sen CD expreso)

  • Se o verbo é transitivo, en P3 e con CD expreso, resulta ambigua e pode interpretarse de dous xeitos. Só o contexto permitiría distinguilas ben:

Alúgase piso.    A) Activa impersoal (Alguén aluga piso) 

                        B) Pasiva reflexa (O piso é alugado)

Actividade: Distingue cales das seguintes oracións son activas impersoais e cales, pasivas reflexas:
Aquel día escribiuse unha páxina da historia. 
Na casa falábase sempre de política.
En Islandia atopáronse mosquitos por primeira vez.
Asinouse o tratado.
Desde esta montaña vense tres rías.
Búscase rapaza responsable para coidado de nenos. 
Botáronse de menos as apertas durante a pandemia.
Sófrese moito por un fillo. 
Localizouse o asasino nunha cova arredada.
No se permiten os móbiles na biblioteca.

luns, 17 de febreiro de 2025

Día de Rosalía 2025

Un ano máis celebramos o nacemento da nosa autora literaria máis universal: Rosalía de Castro. Desta vez, o 23 de febreiro coincide en domingo, pero no Fogar xa puxemos en marcha as actividades. A principal será a «Busca dos versos de Rosalía». 

A xeito de busca do tesouro, debemos localizar polos espazos do colexio todos os poemas da nosa SuperRosalía. Ollo, son diferentes! Cantos atopades? Onde están? Tomade nota do primeiro verso e do lugar onde están e entregádelle o resultados das vosas pescudas ao voso titor ou titora. O venres é a data límite.

Ah! E o venres, como outros anos, repartiremos os manteis de «Caldo de Gloria». Seguro que é unha boa forma para achegármonos ao Día de Rosalía.


martes, 15 de novembro de 2022

As estrofas máis sinxelas

Xa sabes que os poemas adoitan estruturarse en estrofas. A estrofa é unha serie de versos agrupados que comparten unha medida e un esquema de rima.  As estrofas máis sinxelas son: o pareado, a tercetiña, a cuarteta, a redondilla e a copla. 


Tendo en conta os exemplos anteriores, copia estas estrofas e analiza a súa medida e a súa rima. Indica despois a que tipo corresponde cada unha.

Cando penso que te fuches,
negra sombra que me asombras,
ó pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.
                                                 Rosalía de Castro

Mes de Xaneiro.Vai frío.
Tremen as arbres despidas.
A lúa chove no río.
                                                 Aquilino Iglesia Alvariño

As cousas vanse aledando
por onde o meu carro pasa.
¡Carrétame herba pró gando!
¡Traime a colleita pra casa!
                                                 Manuel María


xoves, 27 de outubro de 2022

Símbolos das cantigas

Nas cantigas trobadorescas, especialmente nas cantigas de amigo, manéxase un amplo repertorio de símbolos que convén dominar para interpretalas correctamente.

  • Auga: simboliza a fecundidade ou pureza da rapaza
  • Fontes, lagos, ríos...: son o lugar de encontro dos namorados. 
  • Mar tempestuoso: símbolo da paixón amorosa.
  • Vento: símbolo da masculinidade. 
  • Cervos: representan o namorado. 
  • Flores: símbolo da sensualidade da primavera
  • Cabelos (lavar cabelos): representan a fermosura e o erotismo. Indica un próximo encontro dos namorados. 

Podes localizar os símbolos na seguinte cantiga de Pero Meogo e interpretar o seu significado? 




sábado, 6 de febreiro de 2021

Valoración social das linguas: os prexuízos

Os estereotipos son xeralizacións moi difundidas e simplistas sobre os membros dun grupo social (‘rapaz con lentes = chapón’ ou ‘nena loira = parva’).

Os prexuízos son xuízos de valor que nos levan a ter actitudes negativas e de rexeitamento cara a eses grupos baseándonos, precisamente, nos estereotipos falsos.

Coñeces a Susan Boyle? No 2009, con 46 anos, participou como concursante na terceira tempada do show de televisión británico Britain’s Got Talent. Ela, na súa primeira aparición no programa, foi vítima de estereotipos e prexuízos. Prexulgárona negativamente pola súa aparencia e polo seu acento (procedía dunha aldea escocesa), mais acabou ocorrendo isto...


Un bo exemplo de por que non nos debemos deixar levar por estereotipos falsos nin alimentar prexuízos!

Sobre a lingua galega pesan moitos estereotipos (‘galegofalante con gheada = aldeán inculto’; ‘mozo galegofalante urbano = bloqueiro’) e tamén prexuízos (‘o galego é de pailáns’, ‘o galego íllanos do exterior’, ‘co galego non se progresa’, ‘o galego está a ser imposto por unha minoría’...).

O seguinte vídeo axúdache a coñecer algúns destes prexuízos lingüísticos e a reflexionar sobre a súa falsidade.



Se queres comprobar como afloran estes prexuízos na nosa realidade cotiá, podes ler noticias como esta, esta, esta, esta ou estoutra.

mércores, 3 de xuño de 2020

Formación de palabras



Nas páxinas 181, 203, 227 e 249 do teu libro tes recadros que che explican cales son os procesos básicos de formación de palabras: derivación, composición e parasíntese. Le estes apartados.

Este sería un resume básico:
As palabras simples son as que só están formadas por un lexema [L] e mais morfemas flexivos [MFX/MFN]: gato, rápida, patacas...

gato = gat- [L] + -o [MFX]
As palabras derivadas fórmanse engadindo a unha palabra simple morfemas derivativos prefixos [MDP] ou sufixos [MDS]: portugueses, xornalista, inútil...

portugueses = portugu- [L] + -es- [MDS] + -es [MFN]
As palabras compostas son aquelas nas que se produce a unión de dous lexemas [L] e, ás veces, os correspondentes morfemas flexivos [MFX/MFN]: xordomudas, beirarrúas, benvida...

xordomudas = xordo- [L] + -mud- [L] + -a- [MFX] + -s [MFN]
As palabras parasintéticas son as que están formadas de dous xeitos diferentes:
a) As que posúen prefixación e derivación simultáneas: descamisar, entristecer... Non deben ser confundidas con palabras derivadas porque, se eliminamos prefixo ou sufixo, ningunha das voces ten sentido: *descamisa, *camisar.

descamisar = des- [MDP] + -camis- [L] + -ar [MDS]
b) As que xorden polos procedementos combinados de composición e derivación (sufixos): norteafricano, paraugueiro, setemesiño...
norteafricano = norte- [L] + -afric- [L] + -an- [MDS] + -o [MFX]
Tendo en conta o anterior, resolve esta actividade interactiva. 

luns, 1 de xuño de 2020

Repasamos a análise morfolóxica [2]


Continuamos co repaso da análise morfolóxica. Lembra, consiste en descompoñer unha palabra identificando a estrutura que a forma. Debes reler o apartado 4.2 O nivel morfolóxico: palabras e morfemas (páx. 18 do teu libro). Aí poderás ver os distintos tipos de morfemas que poden constituír unha palabra.


Lembra que facemos a análise morfolóxica do seguinte xeito.


subxacentes = sub- [MDP] + -xac- [L] + -ente- [MDS] + -s [MFN]


Agora, a actividade. Aquí podes descargar un PDF cunhas palabras para analizar. Hoxe tócache só as 10 últimas (de «moitos» a «portugueses»).
a) Podes facelo directamente sobre o papel, se consegues imprimir o PDF (e mándasme unha foto por MOODLE). 
b) Podes escribir as análises directamente no cadro de texto da actividade en MOODLE.

xoves, 28 de maio de 2020

Comentarios a «O curioso incidente...»


Chegou o momento de falarmos de O curioso incidente do can á media noite, de Mark Haddon. Os que non lestes o libro non vos preocupedes, escusades seguir lendo. Esta actividade non vai con vós. E tampouco vos afectará na nota. Boa finde!

Para os que si o lestes, a tarefa de hoxe é ben sinxela. Gravade simplemente un audio cun breve comentario persoal sobre a novela.

Importante!, esta recensión persoal debe ter un MÍNIMO de 1 MINUTO e un MÁXIMO de 2 MINUTOS. Para que vos resulte máis doado falar durante ese tempo, podedes abordar cuestións como estas: 
• Que opinión xeral che merece o libro? Gustouche? Por que?
• Foi unha lectura fácil ou non? Tardaches moito en lelo?
• Que che parece o seu protagonista, Cristopher Boone?
• Este é un bo exemplo de «historia de superación». Que cres que quere dicir iso? Estás de acordo?
• O TEA (Trastorno do Espectro Autista) supón unha dificultade na comunicación e na relación cos demais, mais moitos dos que padecen este trastorno superan eses problemas: Aquí tes uns cantos exemplos que se cadra descoñecías. Que opinas?
• Que momento da novela che gustou, impactou ou emocionou máis? Por que?
• Como lle recomendarías esta novela a un compañeiro/a?
Convén preparardes previamente a vosa intervención un chisco. Pensade que ides dicir: un pequeno guión viría ben. Procurade evitar as interferencias co castelán: xa sabedes (*Me parece por paréceme, *había feito por fixera, *perro por can, *rojo por vermello...). 

Hai dúas formas de gravardes e enviardes o audio.
a) se o facedes con ordenador no MOODLE,  en «Texto en liña» usade na opción de «Record audio» do editor de texto e subide despois o arquivo.
b) se o facedes con móbil ou tablet, gravade directamente o audio no voso dispositivo e logo subide o arquivo  a MOODLE en «Entrega de ficheiros».
Tedes unha semana completa para facelo. 

mércores, 27 de maio de 2020

Repasamos a análise morfolóxica [1]


Hoxe toca darlle un repaso á análise morfolóxica. Lembra, consiste en descompoñer unha palabra identificando a estrutura que a forma. 

Dálle unha lectura ao apartado 4.2 O nivel morfolóxico: palabras e morfemas (páx. 18 do teu libro). Aí poderás ver os distintos tipos de morfemas que poden constituír unha palabra.


Lembra que facemos a análise morfolóxica do seguinte xeito.


betanceiros = bentanc- [L] + -eir- [MDS] + -o- [MFX] + -s [MFN]


Agora, a actividade. Aquí podes descargar un PDF cunhas palabras para analizar. Hoxe tócache só as 9 primeiras (de «bilingüismo» a «rapaciñas»).
a) Podes facelo directamente sobre o papel, se consegues imprimir o PDF (e mándasme unha foto por MOODLE). 
b) Podes escribir as análises directamente no cadro de texto da actividade en MOODLE.

luns, 11 de maio de 2020

O 17 de maio para Ricardo Carvalho Calero


Achegámonos ao 17 de maio, Día das Letras Galegas. Escolleuse este día e non outro porque un 17 de maio, aló polo 1863, unha moza chamada Rosalía de Castro publicou o libro que representaría un antes e un despois na historia da nosa lingua e da nosa cultura: Cantares Gallegos.

O homenaxeado neste 2020 é Ricardo Carballo Calero, que na última etapa da súa vida asinaba como Ricardo Carvalho Calero. Este ferrolán foi unha das figuras máis relevantes para a lingua e para a literatura galegas do século XX. Foi un verdadeiro erudito e polígrafo: intelectual, filólogo, narrador, poeta, dramaturgo, crítico literario, profesor...

Para achegarte algo máis á súa figura, recomendámosche que visites o Fogar dos Libros. No blog da nosa biblioteca atoparedes unha chea de información, preparada por Xulián.


Dedicade 5 minutos a  ver este magnífico vídeo, elaborado pola xente do colexio Pío X de Ourense, sobre o protagonista do Día das Letras este ano.


Deixámosche, por último, este PDF para que leas detidamente un resumo do perfil biográfico e bibliográfico deste insigne autor. 

E a tarefa de hoxe é resolver, tendo en conta a información do vídeo e do PDF, este autodefinido dedicado a Ricardo Carvalho Calero (só se che é posible imprimir o documento). Os cadros en laranxa intensa corresponden a termos relacionados coa súa vida ou coa súa obra. E lembra que, cando se fai referencia a números ou anos, cómpre usar a numeración romana.


Adiante! Podes pedir axuda na casa! Cando o teñas listo, faille unha foto e envíama por MOODLE.

venres, 8 de maio de 2020

O curioso incidente do can á media noite


Hoxe toca aclarar que pasa coa lectura desta 3ª Avaliación. Como sabes desde comezo de curso, o libro de lectura obrigada neste último trimestre é O curioso incidente do can á media noite, do escritor británico Mark Haddon. Editado en galego por Sushi Books e Rinoceronte. 

Trátase dun verdadeiro boom editorial que mesmo deu orixe a unha versión teatral que triunfou primeiro en Londres e máis tarde en diversas capitais europeas. Este é o seu punto de partida.
Christopher é un mozo bastante intelixente e talentoso que coñece as capitais de todos os países do mundo, pode explicar a teoría da relatividade e dicir unha serie infinita de números primos, pero a súa capacidade para relacionarse con outro ser humano é case nula. Ten quince anos e en realidade non ten unha vida normal, atado á súa casa e con odio polo contacto físico. Cando Wellington, o can da súa veciña, é asasinado, decide comezar a aventura e resolver o misterio, tal e como faría o seu heroe: Sherlock Holmes.
Na última semana deste mes de maio, presentaremos no blog unha tarefa sobre esta obra. Debido a situación de confinamento (e á posibilidade de non ter acceso ao libro), esta actividade só servirá para recuperar ou mellorar a nota. 

En todo caso, recomendamos que, se é posible, se lea esta novela porque paga a pena!

mércores, 6 de maio de 2020

Achegamento á lusofonía

Se cadra, non lembras o Festival de Eurovisión do ano 2017. Pois daquela estivemos de celebración! De entre ducias de cancións en inglés cantadas por representantes de países de toda Europa, a gañadora foi «Amar pelos dois», unha balada en portugués, ese idioma fillo do galego-portugués medieval. Un mozo lisboeta, Salvador Sobral, foi o vencedor cantando na súa propia lingua.


Como vemos no seguinte vídeo, recentemente Salvador Sobral deu un concerto en Santiago. Alí referiuse a si mesmo como «galego do sur».


A vinculación do galego co portugués fai que poidamos entendernos, sen grandes dificultades, cuns 215 millóns de persoas do ámbito da lusofonía. Se, ademais, falas castelán e inglés, podes chegar a comunicarte en total con case 1000 millóns! Todo son vantaxes!


Escoita agora a interesante mensaxe que nos envía Isadora, alumna do IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos. Realmente convida á reflexión o que nos conta.


Aquí vai a tarefa de hoxe. Primeiro le no teu libro os apartados 1 e 2 da páxina 185 referidos á lusofonía  (Un. 8). Escolle despois entre unha destas dúas opcións:
a) Resolver un encrucillado creado a partir da letra de «Amar pelos dois», de Salvador Sobral. Podes imprimir o PDF e tamén escoitar e ler a canción (aquí) para que che sexa máis fácil.
             
b) Facer un esquema sobre os países que constitúen a lusofonía, por continentes. Debes investigar (aquí, por exemplo) e incluír datos básicos: número de falantes por país ou se o portugués é lingua oficial ou non nese estado. 
Faille unha foto á túa tarefa e envíama por MOODLE.





mércores, 22 de abril de 2020

A conxunción


A conxunción é a clase de palabra (invariable) que pode relacionar palabras mais tamén pode relacionar oracións.

Xoán e Helena                   Xoán xoga ao xadrez e Helena le unha novela.

As conxuncións clasifícanse en:
• Coordinantes (relacionan unidades ao mesmo nivel): Paulo fala e María escoita. 
• Subordinantes (relacionan unidades a distinto nivel): Paulo dixo que vai chover.
Ollo con estes erros frecuentes coas conxuncións!
*a penas: apenas
*a pesares de que: a pesar de que
*anque: aínda que
, aínda cando
*asegún: segundo, conforme
, consonte
*donde: onde
*e máis: e mais
*i: e
*mentras que: mentres que
*millor: mellor
*mismamente: mesmamente
*nen: nin
*o mismo que: o mesmo que
*según: segundo
, conforme, consonte
*sen/sin embargo: non obstante
, con todo
*si: se
Hoxe, como tarefa, simplemente ler o apartado do teu libro referido á conxunción (páx. 263) e facer o exercicio 1 desta ligazón.

luns, 20 de abril de 2020

A preposición

Adoita definirse a preposición como a clase de palabra que serve para relacionar palabras ou grupos de palabras.
tortilla de patacas            a filla de teu irmán

Estas son as preposición e locucións prepositivas galegas.


Lembra ademáis que as preposicións a, con, de, en e por sempre contraen co artigo determinado. E as preposicións con, de e en fano tamén co artigo indeterminado.


Este vídeo axudarache a recordalo!



Ten en conta, por último, que moitas destas preposicións e locucións prepositivas son exclusivas do galego: agás (‘excepto’), perante (‘en presenza de’), cara a (‘en dirección a’), en col de (‘encima con contacto físico’)... 

Para rematar algo de traballo. Despois de repasar o apartado da preposición do teu libro, clica aquí e fai actividade desta ligazón. E tamén aquí, neste caso só o exercicio 6.

xoves, 16 de abril de 2020

O adverbio [2]

Unha das dificultades cos adverbios é o mal uso que facemos deles por influencia do castelán. Aquí tes tres episodios do espazo «Dígocho eu» con consellos para usar correctamente os adverbios mais, ademais e si.




Lembra que tamén debes evitar erros frecuentes como estes, por interferencia do castelán:


E lembra tamén que hai unha chea de adverbios exclusivos do galego que convén coñecer e empregar. Por exemplo: 
algures (‘nalgunha parte’)
ningures (‘en ningunha parte’)
alén (‘máis alá, máis lonxe’)
antano (‘en tempos antigos’)
hogano (‘na actualidade’)
asemade (‘simultaneamente’)
á mantenta (‘a proposito, adrede’)
ao chou (‘aleatoriamente’)
decote (‘a diario, acotío’)
arreo (‘ininterrompidamente’)
abondo, dabondo (‘en cantidade suficiente’)
abofé (‘con certeza’)


mércores, 15 de abril de 2020

O adverbio [1]


Avanzamos hoxe un chisco na materia. Se vas ás páxs. 260 e 261 do teu libro de texto, atoparás o apartado de gramática correspondente a unha nova clase de palabra: o adverbio. Le estas páxinas con calma.
O adverbio é a clase de palabra (normalmente invariable) que modifica un verbo, un adxectivo, outro adverbio e mesmo unha oración enteira, expresando circunstancia de lugar (aquí, aí...), tempo (agora, mañá...), modo (ben, amodo...), cantidade (abondo, máis...), afirmación  (si, abofé...), negación  (non, tampouco...), dúbida  (seica, talvez...)...
A locución adverbial é a combinación de dúas ou máis palabras que equivalen a un adverbio: Conseguín as entradas gratis (adverbio) = Conseguín as entradas de balde (loc. adverbial)
E importante que repares no esquema que o libro che ofrece clasificación semántica dos tipos de adverbios e locucións adverbiais (con exemplos): de lugar, de tempo, de modo...

Por último, aquí, aquí, aquí e aquí tes unhas actividades en liña para practicares o adverbio (todas coas súas solucións).

martes, 14 de abril de 2020

Repaso de ortografía: acentuación gráfica


Lembra que ademais do apartado de Ortografía da unidade 1 (páx. 25), tamén podes atopar informaciuón básica sobre a acentuación gráfica en galego no Apéndice do libro (regras xerais, ditongo e hiato, acento diacrítico...). En todo caso, aquí deixamos uns pequenos recordatorios.

Regras xerais
Acentúanse...
—As palabras agudas rematadas en vogal, en -n, -s ou -ns (mamá, lugués, marrón, camións). Excepción: non se acentúan os ditongos decrecentes agudos (ademais).
—As palabras graves cando rematan en consoante distinta de -n, -s (ámbar), en ditongos decrecentes (hóckey) e en grupos consonánticos distintos de -ns (bíceps).
—As palabras esdrúxulas (pálida).
Observacións
—As maiúsculas levan acento ortográfico (África).
—Non levan acento gráfico os adverbios acabados en -mente (facilmente).
—Tampouco o levan os interrogativos e exclamativos: Como lle vai? Onde estás? Preguntoulle cal quería. Só se acentúan para evitar posibles ambigüidades: Dille que queres // Dille qué queres.
—Por razóns históricas e etimolóxicas convén lembrar que a sílaba tónica de certas palabras non coincide coa do castelán (pelicano, mísil, olimpíada, heroe, réptil...).

Ditongo e hiato
Cando dúas vogais se encontran nunha palabra, cómpre ter en conta se son abertas ou pechadas, e se son tónicas ou átonas.


Acento diacrítico
Emprégase o acento gráfico con función diacrítica para distinguir palabras que se escriben igual mais que non soan igual. É dicir, cando dúas palabras poidan confundirse, pónselle acento á que ten vogal aberta (pé –do corpo–  / pe –letra–) ou á que é tónica (é –verbo ser– / e –conxunción–).

Ben, daquela, imos con actividades. Fai clic nas seguintes ligazóns e practica (todas teñen a solución ao final).
• Acentuación xeral: aquí e aquí.
• Acento diacrítico: aquí, aquí e aquí.


xoves, 2 de abril de 2020

Repaso de ortografía: «h»


Hoxe continuamos co repaso de ortografía. Concretamente, repasamos o uso do «h». No teu libro, debes reler a páxina 93. Aí tes as regras básicas de uso do «h».

Lembra que tamén neste caso hai moitas palabras con «h» (ou sen ela) que non se axustan a ninguna regra, senón que conteñen (ou non) esta letra por razóns etimolóxicas. Por exemplo:

Do latín HARMONÍA > harmonía

Do latín ÚMERO > ombro

Deseguido, toca facer algo de práctica. Fai clic aquí, aquí e aquí e resolve estas actividades (que che ofrecen as solucións ao rematalas).

E atento/a a MOODLE!

mércores, 1 de abril de 2020

Repaso de ortografía: «b» / «v»


Hoxe toca repasar ortografía. Comezaremos centrándonos no uso de «b» e «v». O primeiro será reler os apartados sobre este tema do teu libro (páxs. 45 e 67).

Repara devagar nas regras de uso de «b» e «v». Lembra que uso de «b» e «v» nas palabras dos cadros da marxe non se corresponde coas regras xerais, senón que obedece a razóns etimolóxicas:

Do latín MIRABILIA > marabilla

Do francés antigo paveillon > pavillón

E agora, algo de práctica con actividades en liña (que tamén ofrecen a corrección). 

Aquí podes repasar as regras de uso de «b» e «v» e aquí actividades para practicalas.

Aquí, aquí e aquí tes máis. 

IMPORTANTE: LEMBRA QUE EN MOODLE XA TES ALGUNHAS ACTIVIDADES DA ÁREA DE LINGUA GALEGA. IREMOS TRABALLANDO NESA PLATAFORMA EN PARALELO COAS PROPOSTAS DE «A CHAVE E O MUNDO».