Amosando publicacións coa etiqueta cinema. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta cinema. Amosar todas as publicacións

venres, 26 de maio de 2023

Parabéns por «DOGMA 95»!

Estamos de celebración! O Fogar participou coa curtametraxe «DOGMA 95» no certame CINEMA NA ESCOLA 2023, organizado polo Concello da Coruña entre centros escolares de toda a cidade. Na gala de entrega de Premios, celebrada o pasado mércores, os nosos rapaces recibiron dous dos máis importantes galardóns: «Mellor guión» e «Mellor montaxe».


Na creación da peza participaron alumnos e alumnas de varios cursos: Diego Costa (1ESO); Álex Caminero e Noa Garrido (2ESO); Martin Ferrero, Sara Miñones e Adriana Otero (BACH). Tamén contaron coa colaboración de profesorado de diferentes departamentos. 

Xa o curso pasado fixeron un papel moi brillante coa peza «Fuxide». Parabéns a todos polo seu magnífico traballo! O ano que vén, máis!

venres, 6 de maio de 2022

Apoiemos «Fuxide»!

 

Presentámosvos a curtametraxe «Fuxide», que Martín Ferrero, Adriana Otero e Gaia Perfini, alumnos de 4 ESO, presentaron ao concurso CINEMA NA ESCOLA 2022 organizado para centros escolares polo Concello da Coruña. Un gran traballo que contou coa colaboración dos profesores Juan Pintos e David Seisdedos. 

Os críticos especializados comentan que a dirección está ao nivel dos mellores filmes de Alfred Hitchcock ou de Akira Kurosawa. E que dicir das interpretacións! Meryl Streep, Jack Nicholson, Cristina Castaño ou Luís Tosar xa teñen relevo de garantía.

O vindeiro xoves 12 farase entrega dos premios aos gañadores do concurso no centro cívico do Ágora. Alí acudirán os nosos rapaces para ver se obteñen algún galardón. Un dos premios, o do público, depende dos votos recibidos. Para poder apoialos co noso voto, cómpre entrar no vídeo de Youtube e darlle ao «like». Animádevos! Ben o merecen!

Parabéns, Martín, Adriana e Gaia!!!

sábado, 7 de abril de 2018

[21 DEG: Día 05] Como che vai?



Estamos no día 5 de 21DEG. Toca falar de como vos vai e, para que non se faga moi repetitivo, comentar outro tipo de cuestións. Hoxe falaremos do cine. 

Sabías que o Plan Xeral e Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o 7 de setembro de 2004, establecía a obriga dobrar ao galego polo menos dez películas con posibilidade de éxito comercial ao ano? Cando foi a última vez que viches nos cines un filme rodado ou dobrado en galego? Contraditorio, non si?

Pois nada, a falar.
—Que tal che foi hoxe? Consegues falar en galego en todos os contextos?
—Sentes o apoio dos que te rodean?
—Gústache o cine? Cal é o filme que máis che gustou? Por que?
—Vas moito ao cine? Por que? Que tipo de películas che gusta ver?
—Viches algunha vez películas inglesas sen dobraxe, en versión orixinal?
—E irías ver filmes dobrados ao galego? Por que?
E como sempre, pechamos con outro dos vosos logos.


Ana Barroso Vinagre, 3ESOC