Amosando publicacións coa etiqueta Nee Barros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Nee Barros. Amosar todas as publicacións

xoves, 12 de marzo de 2026

Algúns clásicos do noso teatro

Estamos a traballar estes días o teatro galego ao longo do século XX. Aquí quedan un par de útiles vídeos de Nee Barros sobre o tema.

Teatro galego do primeiro terzo do século XX


Teatro galego 1936-1975


E deseguido, catro fragmentos de catro clásicos da nosa dramaturxia.

O Mariscal (1926), de Ramón Cabanillas. Drama escrito en verso no que Cabanillas glosa a figura do Mariscal Pardo de Cela, convertido en figura lendaria do nacionalismo pola súa oposición aos reis católicos e que foi axustizado en Mondoñedo.


Os vellos non deben de namorarse (1941), de Castelao. Escrita no ano 1939 en Nova York, é unha farsa en tres actos ou lances que presenta distintas versións dun tema frecuente na literatura popular galega: o drama do vello que se namora dunha rapaza nova.


A fiestra valdeira (1927), de Rafael Dieste. Comedia dividida en tres lances e ambientada nunha vila mariñeira. Toda a acción xira en torno ao personaxe central, Don Miguel, un vello mariñeiro que retorna enriquecido da emigración, e a un cadro que o representa. 


Bailadela da morte ditosa (1980), de Roberto Vidal Bolaño. Obra que presenta seis cadros con seis personaxes que abrazan a morte como última defensa da súa dignidade, nun mundo, o da vella Galicia rural, que desaparece engulido pola barbarie alienante das cidades. 

venres, 31 de outubro de 2025

As vangardas europeas e galegas


Co nome de vangardas faise referencia aos movementos estéticos europeos que desde 1910 ata 1930 quixeron abrir novos camiños na arte e na literatura rompendo coa tradición. Ata entón, o ideal artístico de beleza era a imitación da realidade; mais as vangardas non conciben a arte como imitación da realidade, senón como nova interpretación persoal desta. Noutras palabras, comparten un afán de ruptura con todo o anterior, unha actitude provocativa que se aplica a todos os campos estéticos: pintura, escultura, música, literatura... 

Os movementos vangardistas que xurdiron por Europa a principios de século publicaron manifestos para dar a coñecer os seus fundamentos teóricos. Os principais movementos de vangarda europeos foron:
  • Dadaísmo. Orixinado polo romanés Tristan Tzara en Suíza, como protesta contra a guerra e a razón burguesa. Propón o absurdo, o azar e a destrución das normas artísticas e literarias. Busca escandalizar e negar calquera sentido racional. Emprega a colaxe, a escrita por azar, poemas fonéticos e performances provocadoras. Representantes: Tristan Tzara, Marcel Duchamp, Man Ray.
  • Cubismo. Iniciado por Picasso e Braque, rompe coa perspectiva tradicional e representa a realidade mediante figuras xeométricas e visións múltiples. Pretende mostrar todos os ángulos dun obxecto nun mesmo plano. Na literatura, Apollinaire crea caligramas, poemas con forma visual. Representantes: Picasso, Braque, Juan Gris, Guillaume Apollinaire.
  • Futurismo. Fundado por Marinetti en Italia, exalta a velocidade, a máquina, a cidade ou a guerra como símbolos da modernidade. Defende a ruptura co pasado e coa arte tradicional. Na poesía experimentou coa destrución absoluta da sintaxe, co uso de onomatopeas, coa desaparición dos signos de puntuación... Representantes: Marinetti, Boccioni, Balla, Carrà.
  • Surrealismo. Impulsado por André Breton ou Paul Éluard en Francia, busca expresar o inconsciente e os soños inspirándose na psicanálise de Freud. Combina realidade e fantasía para revelar o pensamento «puro». Utiliza a escritura automática e imaxes ilóxicas ou sorprendentes. Representantes: Breton, Éluard, Dalí, Magritte, Miró.
  • Creacionismo. Impulsado polo chileno Vicente Huidobro, postulou que o poeta, como un pequeno deus, debe crear novos mundos coa palabra, non imitar a natureza. Defende unha poesía autónoma, pura, baseada na imaxinación e de vocación cosmopolita. Emprega metáforas audaces, disposición libre dos versos, ausencia de rima... Representantes: Vicente Huidobro, Gerardo Diego, Juan Larrea.
En Galicia, os nosos creadores, ademais de seguir as influencias destes «ismos», desenvolveron algúns movementos de vangarda exclusivos, que buscaban tamén a ruptura coa tradición anterior, é dicir, co ruralismo, co costumismo ou coa liña patriótica. Os máis importantes foron: 
  • Neotrobadorismo. Inspirado na nosa lírica medieval, recupera temas (o amor idealizado...), ambientacións (adoito naturais) e recursos estilísticos propios da lírica dos cancioneiros (formas sinxelas, paralelismo, refrán...). Pretende ligar a tradición literaria medieval galega coa renovación vangardista. Representantes: Fermín Bouza-Brey, Xohán Ledo, Álvaro Cunqueiro.
  • Hilozoísmo. Termo acuñado por Amado Carballo (do grego hilo ‘materia’ + zoe ‘vida’) para definir unha poesía onde a natureza aparece animada e viva, chea de movemento e cor. Busca unha visión dinámica e sensorial da paisaxe galega, próxima ao espírito vitalista e optimista das vangardas europeas. Representantes: Luís Amado Carballo, Manuel Antonio.
Para coñecerdes mellor as vangardas galegas deixámos aquí tres recursos ben útiles. 

O primeiro, o blog «As vangardas», creado pola profesora Pilar Ponte.

O segundo é un vídeo divulgativo que explica, de forma moi amena, as orixes das vangardas.


O terceiro, un vídeo de Nee Barros, coñecida en youtube co pseudónimo de neeumátiko. Por certo, a súa canle pode serche de interese, pois ten máis vídeos nos que fala de contidos lingüísticos e literarios.




sábado, 27 de novembro de 2021

As vangardas


Nas primeiras décadas do século XX xorden en Europa as vangardas, movementos artísticos que realizan unha renovación radical da estética: rompen co tradicional e crean novas formas e linguaxes. Noutras palabras, comparten un afán de ruptura con todo o anterior, unha actitude provocativa que se aplica a todos os campos estéticos: pintura, escultura, música, literatura... Non conciben a arte como imitación da realidade, senón como nova interpretación persoal desta. 

Algúns dos movementos de vangarda internacionais foron: o futurismo (que exalta o mundo moderno e industrial), o surrealismo (manifestacións do subconsciente, soños ou delirios), o cubismo (descompón xeométricamente a realidade) ou o creacionismo (non imita a realidade, crea unha realidade nova).

Para coñecerdes mellor como se desenvolveron as vangardas galegas deixámosche aquí dous recursos ben útiles. 

O primeiro, o blog «As vangardas», creado pola profesora Pilar Ponte.

O segundo, un vídeo de Nee Barros, coñecida en youtube co pseudónimo de neeumátiko. Por certo, a súa canle pode serche de interese, pois ten máis vídeos nos que fala de contidos lingüísticos e literarios.