Amosando publicacións coa etiqueta literatura medieval. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta literatura medieval. Amosar todas as publicacións

luns, 3 de marzo de 2025

María Pérez, a Balteira


María Pérez, a Balteira, naceu na parroquia de Armea, no concello coruñés de Coirós, preto de Betanzos. De familia fidalga, sabemos que frecuentou as cortes de Fernando III o Santo e Afonso X o Sabio. Tamén, que participou nunha cruzada a mediados do século XIII.

Aínda moi nova, María comezou a exercer o seu oficio de soldadeira; é dicir, utilizou a súa arte para amenizar o día aos nobres e cortesáns, a través do seu dominio do canto e da danza, ademais de realizar acrobacias e exercicios durante as actuacións de xograres e trobadores. Como contraprestación, María recibía un soldo, denominado «soldada», que lle permitía certa autonomía e liberdade para moverse como lle apetecía.

Segundo os textos a ela dedicados, María Balteira encarnaría todos os vicios e transgresións da época: xuraba, competía en xogos cos homes, xogaba aos dados, libre en xacer con cregos ou xograres, supersticiosa… A visión que se nos dá dela (non se nos di nada das súas habilidades artísticas) corresponde ao imaxinario masculino da época, evidentemente, cheo de prexuízos machistas.

    María Pérez, a nossa cruzada,
    quando veo da terra d´Ultramar,
    assí veu de 
perdom carregada
    que se non podía con el merger.
    Mais furtanlho cada u vai maer
    e do perdom ja non lhe ficou nada.

    E o perdom é cousa mui preçada
    e que se devía muit´a guardar,
    mais ela non ha maeta ferrada
    en que o guarde, nen a pod´haver,
    ca, pois o cadead´en foi perder,
    sempr´a maeta andou descadeada.

    Tal maeta como será guardada,
    pois rapazes albergan no logar,
    que non haja seer mui trastornada?
    ca no logar u eles han poder
    non ha pardón que s´i possa asconder,
    assi saben trastornar a pousada.
              
    E outra cousa vos quero dizer:                
    tal pardón ben se devera perder,
    ca muito foi cousa mal ganhada.
        
                                                Pero da Ponte

    da terra d´Ultramar: do outro lado do Mediterráneo, de Terra Santa (Xerusalén)
    merger: levantarse, erguerse
    cada u vai maer: en cada lugar onde dorme
    maeta ferrada: maleta reforzada con ferros

PARÁFRASE: Como era usual na época, tamén a famosa soldadeira Maria Balteira teria feito unha cruzada (peregrinación á Terra Santa), para gañar os perdóns ou indulxencias habituais. O peor é que, no seu regreso, uns mozos lle foron roubando estas indulxencias, en sucesivos ataques á súa «maleta descadeada». A cantiga é un dos máis perfectos equívocos do cancioneiro satírico.

 

venres, 27 de xaneiro de 2023

Prosa de ficción galega medieval

A literatura galega medieval conserva unha serie de textos narrativos que se clasifican como prosa de ficción. Estes agrúpanse en dúas grandes temáticas: o ciclo clásico (ou troiano) e ciclo artúrico (ou materia de Bretaña). 

Ciclo clásico

O ciclo clásico recolle un dos temas histórico-mitolóxicos máis recorrentes da cultura occidental: a Guerra de Troia. 

Existiu realmente Troia? Que hai de mito e que hai de realidade? Na década de 1870, o alemán Heinrich Schliemann, despois de anos de investigacións, escavou nun outeiro situado en Tróade, ao noroeste de Asia Menor (actual Turquía) e alí descubriu os restos da antiga Troia.  

Segundo Homero, a orixe do conflito bélico a sería expedición de castigo que os gregos emprenderon contra Troia, despois de que o príncipe troiano Paris raptase a Helena, a fermosa muller de Menelao, rei de Esparta.

Os seus personaxes están perfectamente asentados na cultura popular dos nosos días: Aquiles, Héctor, Helena, Paris ou Odiseo (Ulises).

 

[Como Troia foi entrada e mortos cuantos i avía]

Aquel día chegaron os gregos ao porto [...] e armáronse moi ben e cavalgaron en seus cavalos gran peça(1) ante que cantasen os galos e fóronse contra a çidade. E viron o sinal que avía posto Antenor e Eneas. Cada un deles entrara dentro do cavalo e fixo un gran fogo, como lles mandaran. [...] Os gregos chegaron entonçe e acharon os muros derribados. E entraron pola çidade vinte mil cavaleiros en tropel e armados de todas as armas, [...] que vos digo que ante que o día fose craro foron mortos máis de dez mil homes. E as casas derribadas e os paaços, que eran laurados(2) de mármol, foron destroídos e desfeitos.

Crónica troiana 

(1) gran peça: unha gran distancia
(2) laurados: decorados, rematados

Ciclo artúrico

O ciclo artúrico narra as aventuras que viven o rei Artur e os cabaleiros da Mesa Redonda (Lancelote, Galván, Percival...) na procura (demanda) do Santo Graal, o cáliz que Xesús usou na Derradeira Cea. 

O mito do rei Artur parte dun acontecemento histórico certo: Artur (501-542) foi un rei bretón que gobernou nas terras do sueste da Gran Bretaña. Nos séculos das invasións de anglos e saxóns nestes territorios, moitos bretóns fuxiron masivamente ás terras de Armórica (Bretaña francesa) e mesmo a Galicia, pero a maioría quedou loitando. Artur uniu os bretóns organizando unha resistencia que impediu que, durante moitos anos, o seu país fose conquistado. 

[Como Lançarote se achou con Brandeliz e con Keya Destrauz]

Depois que se partii da casa de seu ospede, non andou muyto que achou dous cavaleiros andantes que tragían senllos escudeiros; e ámbolos cabaleiros eran de casa de Rei Artur e compañeiros da Távola Redonda, et o un avía nome (1) Brandeliz e o outro Destrauz, e eran ambos boos cavaleiros e ardidos.

Quando eles viron Lançarote non o conoçeron porque fezera el meter seu escudo en súa fonda; mais Lançarote os conoçeu logo, tanto que viu os escudeiros e os escudos. E tanto que se chegaron saluáronse:

—Señor —disseron eles—, ¿quen sodes?

—Eu son —disso el— huun cavaleiro andante.

—¿E sodes —disseron eles— da casa de Rei Artur?

—Señores —disso el— non vos pes (2), ca non volo direi agora.

Livro de Tristán

(1) avía nome: tiña por nome, chamábase.

(2) non vos pes: non vos pese, non vos pareza mal.

venres, 4 de novembro de 2022

Cantigas de escarnio e maldicir: equívoco e ironía

As cantigas de escarnio e maldicir son aquelas que buscan facer rir a través da sátira. Os tratados de poética medieval diferenciaban entre: 

Cantigas de escarnio. Son aquelas que conteñen unha sátira encuberta baixo dobres sentidos, xogos de palabras, equívocos, metáforas, eufemismos... Normalmente non se identifica a persoa satirizada.

Cantigas de maldicir. Son unha sátira directa e evidente, cunha linguaxe clara, sen ningún tipo de ambigüidades. A persoa criticada adoita aparecer claramente identificada (nome, apelidos, alcume...).

Este tipo de cantigas adoitan presentar recursos como o equívoco e a ironía: 

  • Equívoco: baséase en xogar co dobre sentido das palabras.

  • Ironía: consiste en dicir o contrario do que se quere dar a entender.





domingo, 21 de febreiro de 2021

Da tenzón á batalla de galos

Hoxe son populares as batallas de galos de rapeiros. Neste vídeo podes ver os últimos minutos da final da Liga CeibaRimas 2020. Unha batalla de galos (virtual a causa do Covid) na que se enfrontaban Óscar «O Arrieiro» (chegado do mundo da regueifa tradicional) e Álex «O Jallejo» (mozo experto no rap improvisado). Quen foi o gañador?

Con todo, as disputas improvisadas en verso entre dous poetas veñen de antigo. Na nosa lírica trobadoresca medieval existía o xénero da tenzón, un tipo de cantiga satírica na que un xograr e un trobador «combatían» para demostrar cal deles era o mellor. Deseguido poder ler as dúas primeiras cobras da tenzón que protagonizaron o trobador Xoán d‘Avoín e o xograr Lourenço. Unha batalla de galos de hai case mil anos!

–Lourenço, soías tu guarecer (1)
como podias, per teu citolom (2),
ou bem ou mal, nom ti dig'eu de nom,
e vejo-te de trobar trameter 
(3);
e quero-t'eu desto desenganar:
bem tanto sabes tu que é trobar
bem quanto sab'o asno de leer.
–Joam d'Avoim, já me cometer (4)
veerom muitos por esta razom (5)
que mi diziam, se Deus mi perdom,
que nom sabia 'm trobar entender;
e veerom por en comig'entençar 
(6),
e figi-os eu vençudos (7) ficar;
e cuido-vos deste preito vencer. [...]
(1) guarecer: gañar a vida
(2) citolom: gran cítola (semellante á guitarra actual)
(3) trameter: entremeterse, inmiscirse nun asunto alleo
(4) cometer: atacar
(5) razom: argumento, idea
(6) veerom por en comig'entençar: viñeron por iso comigo entrar en disputa
(7) vençudos: vencidos

Por certo, se che gusta o rap improvisado e as batallas de galos, podes participar no CeibaRimas Challenge 2021. Le ás bases e anímate! Demostra a túa habilidade co rap en galego! 


sábado, 28 de novembro de 2020

Tópicos amorosos de onte e hoxe


O asunto amoroso é o eixo central das cantigas de amigo e das cantigas de amor. Nestas últimas, por exemplo, podemos recoñecer certos tópicos (ou campos sémicos) concretos:
  1. Loanza da dama: eloxio das virtudes físicas (fremosa, bon semellar, bon parecer...) ou morais da muller (boa, prez –valor–, mesurada –discreta–, bon falar...).
  2. Amor do poeta: expresión do sentimento amoroso do cabaleiro (amor, amar muito, querer ben...).
  3. Reserva da dama: refírese ao desdén, indiferenza ou rexeitamento da dama (non falar, ir-se, sanhuda –rancorosa–, alongar –separarse–, desamar, fazer mal...).
  4. Coita de amor: sufrimento por amor do cabaleiro (coita, doo, penar, sofrer, chorar, ensandecer –tolear–,  perder o sen –perder a cordura–, morrer...).
Aínda que nunca repararas nisto, estes tópicos, séculos despois, seguen a ser recorrentes en cancións de todas as linguas e culturas. Velaquí uns exemplos. Ollo!, todos en voz masculina, como as cantigas de amor.







Poderías atopar estes mesmos tópicos noutras cancións? Repasa as letras das cancións que che gusten, dá igual o idioma, e busca os fragmentos con algún destes mesmos tópicos. 

xoves, 12 de abril de 2018

[21 DEG: Día 10] O reto: O videopoema




Aquí tedes o magnífico traballo realizado por tres compañeiras de 3ESO: Lucía Costa, Itziar Sánchez e Noa Varela. Inspiráronse na cantiga de amigo «Quantas sabedes amar amigo» de Martín Codax: as amigas cítanse para bañarse nas ondas do mar. As nosas compañeiras substituíron o mar da Ría de Vigo polo bravío mar de Riazor. E a súa recitación da cantiga como fondo. Unha peza ben fermosa!

Como xa podedes imaxinar, toca creardes un videopoema. Non ten porque ser tan elaborado como o de Lucía, Itziar e Noa. Basta con que vos gravedes facendo a recitación dalgún poema da literatura galega que vos guste. Botádelle toda a imaxinación que queirades:

Podes facelo individualmente, en parella ou en grupo, podedes gravalo na casa ou ao aire libre, podedes facelo nunha soa toma ou editar o vídeo, podedes incluír texto ou calquera outra idea que se vos ocorra. O importante é serdes creativos e facer unha boa recitación. Se queredes facelo dunha forma máis elaborada, podedes gravalo a fin de semana.

Que poema escoller? Aquí che damos tres posibilidades. Podes elixir unha delas ou buscar outro poema da nosa literatura que che guste máis.
a) 
O reino  
No tempo aquil
cando os animales falaban,
decir libertá non era triste,
decir verdá era coma un río,
decir amor,
decir amigo,
era igual que nomear a primavera.
Ninguén sabía dos aldraxes.
Cando os animales falaban
os homes cantaban nos solpores
pombas de luz e xílgaros de soños.
Decir teu e meu non se entendía,
decir espada estaba prohibido,
decir prisión somente era unha verba
sin senso, un aire que mancaba
o corazón da xente.
Cando,
cando se perdeu,
iste gran Reino?
        Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra (1962)
b) 
A dama que ía no branco cabalo
levaba un pano de seda bordado.
        Na verde fror
        as letras van de amor!
O cabaleiro do cabalo negro
levaba unha fita colléndolle o pelo.
        Na verde fror
        as letras van de amor!
No meio do río cambiaron as vistas,
el para o pano i ela prá fita.
        Na verde fror
        as letras van de amor!
As vistas lles viron no río cambiar
e o pano e a fita por se namorar
        Na verde fror
        As letras van de amor!
        Álvaro Cunqueiro, Dona do corpo delgado (1950)
c) 
Cando penso que te fuches,
negra sombra que m' asombras,
ó pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.
Cando maxino qu' es ida,
no mesmo sol te m' amostras,
i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa.
Si cantan, es ti que cantas;
si choran, es ti que choras;
i es o marmurio do río,
i es a noite i es a aurora.
En todo estás e ti es todo
pra min i en min mesma moras,
nin m' abandonarás nunca,
sombra que sempre m' asombras.
        Rosalía de Castro, Follas novas (1880)
E outro logo máis dos feitos con Brais.

Gissela Bouzas Neira, 3ESOA

domingo, 22 de novembro de 2015

Cantiga de Amigo vs. Cantiga de Amor

Andamos estes días a voltas coas cantigas de amigo e coas cantigas de amor dos nosos trobadores. Aquí vos quedan un par de esquemas que sintetizan os aspectos básicos destes dous xéneros da nosa lírica profana medieval. Ah!, e con cadanseu exemplo acompañado de versión musical en vídeo.


Exemplo: Quantas sabedes amar amigo, de Martín Codax. Interpretada por Owain Phyfe na Twig Renaissance Faire de Minnesota (EUA).
Quantas sabedes amar amigo
treydes comig’ a lo mar de Vigo:
E banhar-nos-emos nas ondas!
Quantas sabedes amar amado
treydes comig’ a lo mar levado:
E banhar-nos-emos nas ondas!
Treydes comig’ a lo mar de Vigo
e veeremo' lo meu amigo:
E banhar-nos-emos nas ondas!
Treydes comig’ a lo mar levado
e veeremo' lo meu amado:
E banhar-nos-emos nas ondas!




Exemplo: Pois naci nunca vi Amor, de Nuno Fernandes Torneol. Interpretada por Marcelino Ferrer, seguindo a versión de Legião Urbana (mítico grupo de rock brasileiro).
Pois naci nunca vi Amor
e ouço del sempre falar;
pero sei que me quer matar,
mais rogarei a mia senhor:
que me mostr’ aquel matador,
ou que m
’ ampare del melhor.
Pero nunca lh'eu fige rem
por que m'el haja de matar,
mais quer'eu mia senhor rogar,
polo gram med'em que me tem:
que me mostr’ aquel matador,
ou que m
’ ampare del melhor!
Nunca me lh'eu ampararei,
se m'ela del nom amparar;
mais quer'eu mia senhor rogar,
polo gram medo que del hei:
que mi amostr’ aquel matador,
ou que mi ampare del melhor.
E pois Amor há sobre mi
de me matar tam gram poder
e eu non'o posso veer,
rogarei mia senhor assi:
que mi amostr’ aquel matador,
ou que m
’ ampare del melhor.


xoves, 20 de novembro de 2014

Grandes éxitos de onte e de hoxe

Pregunta: Que músico galego acadou sona universal cos seus temas na nosa lingua?

Se non se vos ocorre ningún nome, aí vai un: Martín Codax, toda unha estrela internacional de noso que viviu entre os séculos XIII e XIV. As súas fantásticas cantigas forman parte dese tesouro que é a lírica galego-portuguesa medieval. Un modelo lírico que foi referente na Europa daquel tempo e que levou a trobar no noso idioma a casteláns, a aragoneses, a provenzais, a italianos...

Mais tamén hoxe, sete séculos despois, podemos ver como as pezas deste xograr galego son admiradas e interpretadas en todas as latitudes do planeta. E aí vai unha pequena mostra: catro versións diferentes da súa cantiga de amigo «Eno sagrado en Vigo».

The Dufay Collective (Inglaterra)

Triskilian (Alemaña)

Olam Ein Sof & Fairuza (O Brasil)

Esemble RNH (Rusia)

Estes son só algúns exemplos porque o certo é que os Greatest Hits de Martín Codax non quedan aí: «Quantas sabedes amar amigo», «Ondas do mar de Vigo», «Mia irmana fremosa»... Unha marabilla!

xoves, 13 de novembro de 2014

Lingua e literatura na Idade Media


O vídeo anterior, da serie documental «Historias de Galicia» (emitida aló polo 2009), é un bo recurso audiovisual para achegarnos doutro xeito ao contexto lingüístico e cultural da Galicia da Idade Media. 

E deseguido, outro recurso: un mapa animado que nos vai amosando de forma gráfica a evolución da nosa lingua desde o ano 1000 aproximadamente ata a actualidade, máis de dez séculos despois. Interesante, non si!?

 
E para rematar este feixe de recursos, unha fantástica presentación en Prezi sobre a nosa literatura medieval (con ilustracións, gráficos, vídeos...).