Rematou o curso 2024-25. Foi un período moi intenso cheo de proxectos e actividades. Non podemos deixar de felicitar a todo o profesorado, alumnado e familias que demostraron unha gran implicación. Esperamos poder repetir esta mesma dinámica no futuro.
Como colofón e despedida, nada mellor que un dos grandes traballos achegados polo alumnado. Neste caso, un magnífico vídeo elaborado por Roi Edreira, Manuel Andrade e Sebastián Mattos, de primeiro de Bacharelato, cun roteiro lingüístico-literario no que nos expoñen a vinculación do Rexurdimento coa nosa cidade da Coruña. Parabéns, rapaces!
Un ano máis celebramos o nacemento da nosa autora literaria máis universal: Rosalía de Castro. Desta vez, o 23 de febreiro coincide en domingo, pero no Fogar xa puxemos en marcha as actividades. A principal será a «Busca dos versos de Rosalía».
A xeito de busca do tesouro, debemos localizar polos espazos do colexio todos os poemas da nosa SuperRosalía. Ollo, son diferentes! Cantos atopades? Onde están? Tomade nota do primeiro verso e do lugar onde están e entregádelle o resultados das vosas pescudas ao voso titor ou titora. O venres é a data límite.
Ah! E o venres, como outros anos, repartiremos os manteis de «Caldo de Gloria». Seguro que é unha boa forma para achegármonos ao Día de Rosalía.
Como vimos na aula, Castela foi destino obrigado para Rosalía de Castro e a súa familia en varias ocasións. Alí, nosa poeta foi testemuña das duras condicións en que vivían os xornaleiros galegos que emigraban á meseta na época da sega. No seu poema «Castellanos de Castilla», describe o maltrato e a angustia que soportan estes segadores galegos.
A voz poética é a da muller dun deles. Esta chora, con dor e desconsolo, a morte do seu home como consecuencia das duras condicións de traballo. Unha dor que a leva a amosar o seu desprezo por Castela e a pedir un bo trato aos galegos.
O poema ten, daquela, unha clara temática social-patriótica e resulta hoxe plenamente vixente se pensamos na dureza da situación da poboación emigrante en moitas partes do mundo.
Aproxímase o Día de Rosalía. Será este venres, 23 de febreiro. En tal data de 1837 naceu, en Santiago de Compostela, a nosa galega máis universal, Rosalía de Castro. Unha muller que conseguiu converterse na impulsora do Rexurdimento da literatura galega con poemas hoxe traducidos a ducias e ducias de idiomas: inglés, francés, alemán, ruso, xaponés, éuscaro, hebreo, turco, hindi, guaraní...
Para celebrar o Día de Rosalía, este ano, entre outras actividades, preparamos o vídeo que puidestes ver arriba. Un gran traballo colaborativo no que nenos e nenas de todas as etapas (desde Infantil ata Bacharelato), coas súas familias, fixeron a recitación dun dos seus poemas máis célebres: «Miña casiña, meu lar», tamén coñecido como «Caldo de gloria». Graciñas mil a todos: pequenos, pais, nais, avós, avoas... Un gran traballo!
Foi un proxecto, ademais, no que tamén colaborou profesorado de diferentes seminarios: o de Lingua Galega, o de Tecnoloxía e o de Plástica e Debuxo.
Ah!, e se queres saber máis sobre a figura de Rosalía de Castro, aquí deixamos estoutro vídeo. Feliz Día de Rosalía!!!!!
O Rexurdimento é, como podes ver no teu libro, o movemento cultural que nace coa publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro o 17 de maio de 1863 e que se estende ata a segunda década o século XX. Este movemento xorde da vontade dun importante grupo de intelectuais e escritores de que o galego renacese como lingua literaria e de cultura, despois de varios séculos de desprezo e marxinación.
Rosalía, aquela rapaza de escasos 20 anos, amosou unha actitude sen precedentes na época: superou os prexuízos sobre o galego e tamén os prexuízos sobre o papel das mulleres no século XIX, para publicar por primeira vez unha obra literaria na súa lingua. Unha actitude de orgullo, de dignidade e de defensa da propia identidade que compartiron despois persoeiros literarios como Manuel Curros Enríquez ou Eduardo Pondal.
A Coruña xogou un importante papel na orixe e no desenvolvemento do Rexurdimento. A recuperación da nosa cultura estivo fondamente vinculada a esta urbe naquelas últimas décadas do século XIX e primeiras do XX: os primeiros faladoiros da mítica Cova Céltica, o paso pola cidade de Rosalía, Curros e Pondal, a fundación da Real Academia Galega e das primeiras Irmandades da Fala...
Para ilustrar estes feitos, hai uns anos, os compañeiros de 1º de Bacharelato María Belén Arce Papaleo, Nerea Ares Caamaño e Sergio Arias García decidiron elaborar un breve documental. Un interesante percorrido por rúas, prazas, parques e mesmo cemiterios que amosa ás claras como a implicación da nosa cidade coa literatura galega xa vén de vello.
O pasado xoves 23 de febreiro, Día de Rosalía, tivemos a sorte de recibir a Pere Tobaruela, autor de Formig4s. Misión Rosalía, o libro de lectura deste segundo trimestre en sexto de Primaria. Non puido ser en mellor data, pois combinamos a homenaxe á poeta galega máis universal co encontro con este importante autor.
Pere, nado en Cataluña, contounos como deu os seus primeiros pasos na literatura, como aprendeu galego e se animou a escribir na nosa lingua, cal é o seu obxectivo como creador de historias, que proxectos ten para o futuro... E tamén tivemos a oportunidade de facerlle unha chea de preguntas.
Finalmente, démoslle, en nome de todos os nenos e nenas de 6EP, un pequeno agasallo: un caderno que recollía diversos debuxos e comentarios que nos inspirou a súa obra.
Un encontro moi agradable! Esperemos que axiña poidamos repetir con máis autores da nosa literatura.
O 2 de marzo de 1856, na carballeira de Conxo, en Santiago de Compostela, celebrouse o chamado Banquete Democrático de Conxo, unha comida interclasista na que os estudantes, considerados de clase alta, serviron a comida para traballadores e residentes na zona nun xesto considerado subversivo.
Este banquete foi un dos acontecementos fundacionais do galeguismo e xurdiu nun contexto moi específico: Galicia viuse afectada por unha forte crise económica entre 1852 e 1855. Unha crise que, sumada ás inclemencias do tempo e ás colleitas desastrosas, provocou que o ano 1853 fose coñecido como «ano da fame».
Esta fame causou graves altercados en Santiago, o que provocou a declaración do estado de sitio. Con esa axitación aínda latente, convócase ao Banquete de Conxo. O seu principal promotor sería Aurelio Aguirre, un poeta novo compostelán de só 21 anos e que afogaría só dous anos despois na praia coruñesa de Santo Amaro.
O banquete causou moito medo entre as clases máis poderosas da cidade. Por iso acabou celebrándose con toda a carballeira rodeada polo exército, en previsión dun posible levantamento popular.
Aínda que non houbo tal insurrección, os brindes dados polo propio Aurelio Aguirre e por Eduardo Pondal espertaron as críticas da Igrexa e levaron a ambos a ser procesados pola Audiencia da Coruña, que pretendía deportalos ás illas Marianas, unha antiga colonia española no medio do océano Pacífico.
Aguirre Pondal
Fragmento do brinde de Aurelio Aguirre:
«Cristo é o fillo do pobo. El quixo que a familia humana fose unha» [...] «Ao nacer dun honrado carpinteiro, espido na porta, lección sublime que ofrece de igualdade ao mundo enteiro».
Fragmento do brinde de Eduardo Pondal:
«Dicide, quen fixo ao home diferente do seu irmán? Quen deu maior nobreza ao corazón dun déspota tirano que á honrada suor do artesán? [...] Quen é de ti xuíz, oh pobo? Non teu irmán: ti es de ti mismo o soberano».
Ademais dos propios Aguirre e Pondal, outros estudantes acudiron ao banquete. Especúlase que puideron participar Manuel Murguía, Juan Manuel Paz Novoa ou incluso Rosalía de Castro, que daquela tiña 19 anos.
Levamos uns días falandos dos prexuízos. Rosalía de Castro, símbolo da nosa cultura e unha das poetas máis importantes do Romanticismo europeo, loitou desde moi nova por vencer outros prexuízos: Desde «As mulleres deben limitarse a ser amas de casa», ata «O galego non serve para cultura escrita».
Co reto de hoxe farémoslle unha homenaxe. Toca recitarmos o seu poema «Dende aquí vexo un camiño». Sigue estas pautas.
—Le o texto previamente e procura comprender todo (consulta o vocabulario que non coñezas). —Ensaia un par de veces a recitación antes de gravar. —Grava a recitación coidando a vocalización e a expresividade.
Dende aquí vexo un camiño
Dende aquí vexo un camiño que non sei adónde vai; polo mismo que n'o sei, quixera o poder andar. Istreitiño sarpentea antre prados e nabals, i anda ó feito, aquí escondido, relumbrando máis alá. Mais sempre, sempre tentándome co seu lindo crarear, que eu penso, non sei por qué, nas vilas que correrá, nos carballos que o sombrean, nas fontes que o regarán. Camiño, camiño branco, non sei para dónde vas; mais cada vez que te vexo, quixera poderte andar. Xa collas para Santiago, xa collas para o Portal, xa en San Andrés te deteñas, xa chegues a San Cidrán, xa, en fin, te perdas... ¿quén sabe en dónde?, ¡qué máis me dá! Que ojallá en ti me perdera pra nunca máis me atopar... Mais ti vas indo, vas indo, sempre para donde vas, i eu quedo encravada en onde arraigo ten o meu mal. Nin fuxo, non, que anque fuxa dun lugar a outro lugar, de min mesma, naide, naide, naide me libertará.
Feita a recitación fala do contido do poema. Que cres que quere expresar Rosalía nestes versos? Como axuda, propoñémosche que repares no símbolo do «camiño». Escolle entre estas dúas opcións o valor deste símbolo no poema. Xustifica a túa resposta.
O «camiño» é símbolo...
a) da tentación do descoñecido. É unha porta aberta á fantasía, ao misterioso e á aventura.
b) da felicidade que lle está negada a Rosalía. Representa a imposibilidade de fuxir de si mesma e a dor ao saber que iso é imposible.
Neste gran vídeo vemos como persoas de todos os recunchos do planeta recitan na súa propia lingua o poema «Adiós ríos; adiós, fontes», de Rosalía de Castro. Escoitamos os versos rosalianos en alemán, tailandés, inglés, árabe, castelán, italiano, catalán, chinés, éuscaro, gaélico, checo, neerlandés, polaco... E, por suposto, en galego!
Aproxímase o día 24 de febreiro, Día de Rosalía. Con esta efeméride celebramos os 184 anos do nacemento da nosa galega máis universal. Unha data que serve para achegarnos máis á súa figura.
Sabías que...?
Só dúas literaturas do mundo teñen como «autor/a fundacional» unha muller: a literatura xaponesa (con Murasaki Shikibu, que no século XI escribiu Genji Monogatari, a primeira novela da literatura universal, no sentido moderno do termo) e a literatura galega (con Rosalía de Castro).
Sabías que...?
Ademais de ser a escritora emblemática da literatura galega, Rosalía é considerada (xunto con Gustavo A. Bécquer) a precursora da poesía moderna en lingua castelá.
Sabías que...?
Rosalía tivo forza para superar unha chea de dificultades na súa vida, nunha sociedade moito máis conservadora e machista cá de hoxe: era filla de nai solteira (o seu pai era un crego) e decidiu dedicarse a escribir profesionalmente (algo mal visto nunha muller naquela época).
Sabías que...?
O recoñecemento a Rosalía de Castro fixo que se lle dedicasen monumentos non só en Galicia (Compostela, Padrón, Vigo, Lugo, Rianxo...) senón tamén fóra de Galicia (Barakaldo, Porto, Lisboa, Montevideo, Bos Aires...).
Sabías que...?
Os poemas de Rosalía foron traducidos a linguas como o inglés, o francés, o alemán, o ruso, o xaponés, o éuscaro, o hebreo, o turco, o hindi...
Sabías que...?
O 24 de febreiro, día do nacemento de Rosalía, o buscador Google adoita homenaxear a autora de Cantares Gallegos e de Follas Novas dedicándolle un dos seus doodles.
Para coñecerdes mellor esta galega universal, propoñémosche ver este vídeo, elaborado coa aplicación DRAW MY LIFE polo alumnado do Colexio San Pío X de Ourense.
Tamén no Fogar nos sumamos á celebración do Día de Rosalía. En concreto, para ir abrindo boca, anímaste a resolver este autodefinido sobre a autora?
Tamén che recomendamos que resolvas este xogo de investigación de Genially. Con el descubrirás aínda moito máis sobre Rosalía.
Isto está rematando. O curso 2019-2020 está xa nas últimas. A ver se todos podemos pasar un bo verán cunha desescalada sen sobresaltos! E as pilas cargadas en setembro!
De momento, para facer un repaso xeral de todos os contidos (Gramática, Lingua e Sociedade, Literatura...) propoñémosche xogar con este Pasapalabras feito na casa. Adiante!, xa fixeches un parecido! Contesta por escrito letra a letra. Se na primeira rolda che quedan preguntas sen resolver, podes seguir dándolle voltas ao rosco ata que remates.
Cando finalices, faille unha foto ou pantallazo aos teus resultados e envíamos por MOODLE.
Non podemos deixar que pase este curso sen nos achegar, aínda que sexa minimamente, á figura máis importante do Rexurdimento galego (e emblema da nosa cultura), Rosalía de Castro.
Para darvos unha idea da repercusión desta poeta, mesmo a nivel internacional, arriba tedes unha emocionante versión de «Adiós ríos; adiós, fontes», primeiro poema en galego composto por Rosalía de Castro con escasos 20 anos. Os que recitan e cantan son os nenos e nenas do St. Mary's School, en Mullaghbawn (Irlanda). Unha boa proba da universalidade da nosa Rosalía. Pero hai moitas máis. Coñecías ti estes datos curiosos?
Sabías que...?
Só dúas literaturas do mundo teñen como «autor/a fundacional» unha muller: a literatura xaponesa (con Murasaki Shikibu, que no século XI escribiu Genji Monogatari, a primeira novela da literatura universal, no sentido moderno do termo) e a literatura galega (con Rosalía de Castro).
Sabías que...?
Ademáis de ser a escritora emblemática da literatura galega, Rosalía é considerada (xunto con Gustavo A. Bécquer) a precursora da poesía moderna en lingua castelá.
Sabías que...?
Rosalía tivo forza para superar unha chea de dificultades na súa vida, nunha sociedade moito máis conservadora e machista cá de hoxe: era filla de nai solteira (o seu pai era un crego) e decidiu dedicarse a escribir profesionalmente (algo mal visto nunha muller naquela época).
Sabías que...?
O recoñecemento a Rosalía de Castro fixo que se lle dedicasen monumentos non só en Galicia (Compostela, Padrón, Vigo, Lugo, Rianxo...) senón tamén fóra de Galicia (Barakaldo, Porto, Lisboa, Montevideo, Bos Aires...).
Sabías que...?
Os poemas de Rosalía foron traducidos a linguas como o inglés, o francés, o alemán, o ruso, o xaponés, o éuscaro, o hebreo, o turco, o hindi...
Sabías que...?
O 24 de febreiro, día do nacemento de Rosalía, o buscador Google adoita homenaxear a autora de Cantares Gallegos e de Follas Novas dedicándolle un dos seus doodles.
Sabías que...?
O ano pasado, a Televisión de Galicia estreou con éxito un filme dedicado á figura de Rosalía de Castro. O seu título é «Contou Rosalía». Deseguido tes un tráiler e podes ver o filme completo, se che presta, aquí.
Aquí che deixamos un fermoso vídeo que presenta, de forma amena, a biografía de Rosalía de Castro.
A tarefa de hoxe é:
• Ler os apartados dedicados a Rosalía de Castro (1. Biografía, 2. Obra literaria, 3. Lingua e estilo) das páxs. 233-235 do teu libro.
• Ler aquí o poema «Unha vez tiven un cravo» (e ver a recitación que aparece). Despois resolver as actividades interactivas que se propoñen (seleccionar «Mostrar todas as preguntas»).
• Facerlle fotos ou pantallazos ás respostas e envialas por MOODLE. É imprescindible indicar tamén por MOODLE a cal destes núcleos temáticos corresponde o poema: a) poesía costumista, b) poesía subxectiva-intimista ou c) poesía obxectivo-social.
O Rexurdimento é, como podes ver nas páxs. 212-213 do libro, o movemento cultural que nace coa publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro o 17 de maio de 1863 e que se estende ata a segunda década o século XX. Este movemento xorde da vontade dun importante grupo de intelectuais e escritores de que o galego renacese como lingua literaria e de cultura, despois de varios séculos de desprezo e marxinación.
Rosalía, aquela rapaza de escasos 20 anos, amosou unha actitude sen precedentes na época: superou os prexuízos sobre o galego e tamén os prexuízos sobre o papel das mulleres no século XIX, para publicar por primeira vez unha obra literaria na súa lingua. Unha actitude de orgullo, de dignidade e de defensa da propia identidade que compartiron despois persoeiros literarios como Manuel Curros Enríquez ou Eduardo Pondal. Unha actitude que, de cando en vez, seguimos a ver, por sorte!
Explicouno de marabilla o youtubeiro Aquel-e, aló por 2018, con motivo da participación de Sabela en Operación Triúnfo.
A tarefa hoxe, simplemente dedicar uns minutos a ver con atención o seguinte vídeo que che presenta como xurdiu e que trazos tivo o Rexurdimento. Un movemento crucial para a nosa literatura e para a nosa historia.
O pasado 27 de febreiro cumpríronse 180 anos do nacemento de Rosalía de Castro. Unha escritora valente que no século XIX venceu importantes obstáculos: os prexuízos contra a muller e tamén contra unha lingua minorizada coma o galego. A pesar disto, acabou por se converter en símbolo da nosa cultura e alcanzou recoñecemento universal, coa súa obra traducida ao inglés, ao ruso, ao xaponés…
Rosalía é ademais unha poeta amplamente musicada, cos estilos máis variados: desde a canción lírica ao rap, desde o folk ao merengue, desde o jazz ao heavy.
—Lede varias veces os textos previamente.
—Procurade comprender todo, consultade o vocabulario que non coñezades.
—Gravade a recitación coidando a vocalización e a expresividade.
—Finalmente, engadide a vosa valoración sobre os poemas.
A Coruña xogou un importante papel na orixe e no desenvolvemento do Rexurdimento. A recuperación da nosa cultura estivo fondamente vinculada a esta urbe naquelas últimas décadas do século XIX e primeiras do XX: os primeiros faladoiros da mítica Cova Céltica, o paso pola cidade de Rosalía, Curros e Pondal, a fundación da Real Academia Galega e das primeiras Irmandades da Fala...
Para ilustrar estes feitos, os nosos compañeiros de 1º de Bacharelato María Belén Arce Papaleo, Nerea Ares Caamaño e Sergio Arias García decidiron elaborar un breve documental. Un interesante percorrido por rúas, prazas, parques e mesmo cemiterios que amosa ás claras como a implicación da nosa cidade coa literatura galega xa vén de vello.
Estamos estes días a voltas con Rosalía de Castro. Aproveitando a ocasión, arriba tedes unha emocionante versión de «Adiós ríos; adiós, fontes», primeiro poema en galego composto por Rosalía de Castro con escasos 20 anos. Os que recitan e cantan son os nenos e nenas do St. Mary's School, en Mullaghbawn (Irlanda). Unha boa proba da universalidade da nosa Rosalía. Pero hai moitas máis. Coñecías ti estes datos curiosos?
Sabías que...?
Só dúas literaturas do mundo teñen como «autor/a fundacional» unha muller: a literatura xaponesa (con Murasaki Shikibu, que no século XI escribiu Genji Monogatari, a primeira novela da literatura universal, no sentido moderno do termo) e a literatura galega (con Rosalía de Castro).
Sabías que...?
Ademáis de ser a escritora emblemática da literatura galega, Rosalía é considerada (xunto con Gustavo A. Bécquer) a precursora da poesía moderna en lingua castelá.
Sabías que...?
O recoñecemento a Rosalía de Castro fixo que se lle dedicasen monumentos non só en Galicia (Compostela, Padrón, Vigo, Lugo, Rianxo...) senón tamén fóra de Galicia (Barakaldo, Porto, Lisboa, Montevideo, Bos Aires...).
Sabías que...?
Os poemas de Rosalía foron traducidos a linguas como o inglés, o francés, o alemán, o ruso, o xaponés, o éuscaro, o hebreo, o turco, o hindi...
Sabías que...?
O pasado 24 de febreiro, día en que se cumprían 178 do nacemento de Rosalía, o buscador Google homenaxeou a autora de Cantares Gallegos e de Follas Novas dedicándolle un dos seus doodles.
Mais, en fin, Rosalía non é só unha solemne figura literaria. Tamén podemos vela con sentido do humor. ;-)
Despois de duras xornadas de intenso traballo, incluídas noites en vela (con certeza), comezan a chegar os magníficos traballos da xente de Bacharelato. Que grandes investigadores! Que arte na redacción do material! Que dominio das novas tecnoloxías!
Aquí vos quedan os primeiros: tres «Prezis» centrados nesta ocasión na literatura galega dos Séculos Escuros e do Rexurdimento. Axiña chegarán máis.
De Alfredo Hernández Silva
De Sofía Álvarez Losada e María Carrodeguas Varela
Temos un alumnado que arrasa coas novas tecnoloxías. Xa vimos hai pouco o ben que traballan coa edición de vídeo e agora unhas mostras da arte que teñen co Power Point. Sonvos tres traballos para a Área de Lingua e Literatura Galegas elaborados curso pasado (2012-2013) por compañeiros que daquela cursaban 4 da ESO. Seguro que de aquí a pouco subiremos ao blog novos traballos.
Velaí tedes a Rosalía de Castro, Castelao, Roberto Vidal Bolaño, Valentín Paz-Andrade, Eduardo Pondal, Lois Pereiro e Xosé María Díaz Castro, un selecto grupo dos autores homenaxeados no Día das Letras. Durante toda a semana de celebracións, o alumnado de Educación Primaria andou a buscalos por cada recuncho do Fogar e escoitou atentamente canto lle tiñan que dicir. O obxectivo: descubrir máis sobre a súa vida e a súa obra e, sobre todo, facelo dunha forma ben amena e atraente.
Foi a «Xincana» da Letras Galegas organizada por ese fervedoiro de actividade que é o Plan Lector do Fogar. E coa inestimable colaboración das alumnas da ESO Nerea, Paula, Sara, Alba, Antía, Cris, Yamila e María. Parabéns!!!