Amosando publicacións coa etiqueta Xosé María Díaz Castro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xosé María Díaz Castro. Amosar todas as publicacións

martes, 10 de febreiro de 2026

Poesía musicada (1936-1975)

Andamos estes días en 2ª de Bacharelato a traballar a poesía galega durante o franquismo (1936-1975). A pesar da dureza daquelas décadas, a nosa lírica produciu algun dos poemas máis fermosos da historia da literatura galega. 

Para achegármonos mellor á lírica deste período, deíxovos este vídeo de Nee Barros.

Para rematar, aquí quedan versións musicadas dalgúns destes textos, de Celso Emilio Ferreiro, Antón Tovar ou Xosé María Díaz Castro. Versos que cobran vida coa música, revelando emocións e reflexións que seguen a emocionarnos hoxe. Unha viaxe sonora pola poesía que marcou unha xeración.

«Irmaus», Longa noite e pedra (1962). Celso Emilio Ferreiro
Musicado por Fuxan os Ventos


«Longa noite de pedra», Longa noite e pedra (1962). Celso Emilio Ferreiro
Musicado por Astarot


«Eu», O vento no teu colo (1975). Antón Tovar
Musicado por Anxo Rei


«Penélope», Nimbos (1961). Xosé María Díaz Castro
Musicado por A Quenlla

mércores, 4 de xuño de 2014

Visitáronnos Rosalía, Castelao, Pondal...

Rosalía de Castro

Castelao

Roberto Vidal Bolaño

Valentín Paz-Andrade

Lois Pereiro

Eduardo Pondal

Velaí tedes a Rosalía de Castro, Castelao, Roberto Vidal Bolaño, Valentín Paz-Andrade, Eduardo Pondal, Lois Pereiro e Xosé María Díaz Castro, un selecto grupo dos autores homenaxeados no Día das Letras. Durante toda a semana de celebracións, o alumnado de Educación Primaria andou a buscalos por cada recuncho do Fogar e escoitou atentamente canto lle tiñan que dicir. O obxectivo: descubrir máis sobre a súa vida e a súa obra e, sobre todo, facelo dunha forma ben amena e atraente.

Foi a «Xincana» da Letras Galegas organizada por ese fervedoiro de actividade que é o Plan Lector do Fogar. E coa inestimable colaboración das alumnas da ESO Nerea, Paula, Sara, Alba, Antía, Cris, Yamila e María. Parabéns!!!

venres, 9 de maio de 2014

Xosé María Díaz Castro [2]



Tedes xeito co Karaoke? Que tal se vos dá iso de ler e cantar á vez? Animádesvos? 
A Noite é necesaria
pra que ti poidas ver
sobre o medo e o mal
as estrelas arder.
               Xosé María Díaz Castro
Versos luminosos de Diaz Castro musicados pola profesora de música Sandra Tenreiro e interpretados polo alumnado do IES de Guitiriz. Versos que nos falan da importancia de reparar nas cousas positivas mesmo cando todo parece ir mal.

Se queredes saber máis sobre este marabilloso poeta, aquí tedes unha chea de recursos: a web oficial, un xogo interactivo para Ed. Infantil, outro xogo para Ed. Primaria, unha canción...

E aquí, directamente, un cómic sobre a súa vida.

martes, 6 de maio de 2014

Xosé María Díaz Castro [1]


Estamos xa no mes de maio e o Día das Letras Galegas está aí á volta. Xa saberás que este ano está dedicado ao poeta Xosé María Díaz Castro, autor de pezas maxistrais como «Penélope», unha das máis fermosas definicións poéticas de Galicia.
Penélope
Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro tí envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.
Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.
Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!
                             Xosé María Díaz Castro, Nimbos
Mini e Mero fixeron unha emocionante versión musicada deste poema. Aquí a tedes, interpretada por eles mesmos.


E se queredes saber algo máis sobre o homenaxeado deste ano, aquí queda unha magnífica presentación en prezi preparada por María José Martínez Paz, alumna de bacharelato do IES de Curtis (A Coruña).