luns, 25 de outubro de 2021

Samaín, moi noso


En Galicia, o Samaín celébrase desde tempos inmemoriais, aínda que con épocas de auxe ou de decadencia dependendo das zonas e das épocas.  

Samaín, palabra celta, significa ‘fin do verán, principio do inverno’. Na antiga cultura céltica, a noite de Samaín, a do 31 de outubro, era moi mportante pois marcaba o comezo dun novo ano. Era un momento clave, para se reunir nos camposantos, comer porco e castañas e celebrar as farradas festeiras dos guerreiros. Tamén era a noite máis perigosa do ano: as portas do «outro mundo» abríanse nesas horas e as ánimas dos mortos eran quen de visitar este mundo e aos seus moradores.


Para afastar dos seus castros as ánimas defuntas errantes e perigosas, os druídas (feiticeiros celtas) pedían comida como ofrenda e tamén poñían, no alto dos muros ou encastradas nas paredes, as caveiras iluminadas dos inimigos falecidos en campaña. Crían que estes cranios conservaban a forza e o poder dos guerreiros mortos. Co paso do tempo, aquilo de poñer cabezas de xente nas portas foise suavizando un pouco, e foron substituídas, na Idade Media, por caveiras de animais e, máis tarde, acabaron tallándose cabazas, melóns, nabos... Grazas ás investigacións do profesor galego Lopez Loureiro, sabemos que esta tradición se estende por toda a antiga xeografía céltica europea

En Galicia atopámola vixente na Costa da Morte, nas Mariñas, nas Rías Baixas... 

  • En Cedeira, prenden fachos e marchan con eles en procesión para facer unha grande fogueira.
  • Na Illa de Arousa, os nenos érguense antes de que saia o sol e percorren as rúas e tendas o día 1 de novembro pedindo cun retrouso tradicional: «unha esmola polos defuntiños que van alá». Adoitan recibir boliños de pan, lambetadas, froita...
  • En lugares do Salnés, os habitantes van en procesión ao cemiterio portando candeas, nun enorme velorio comunal, e os rapaces adoitan gastar bromas pesadas.

Hoxe o Halloween foi popularizado polos filmes e series de televisión americanas, mais debedes saber que esta tradición non é máis que o Samaín levado ao outro lado do Atlántico polos emigrantes irlandeses e escoceses, coa mesma raíz celta que nós, os galegos.

De seguido, dous recursos para ampliardes o que sabedes sobre o Samaín.




Ningún comentario:

Publicar un comentario