Amosando publicacións coa etiqueta Día de Rosalía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Día de Rosalía. Amosar todas as publicacións

luns, 17 de febreiro de 2025

Día de Rosalía 2025

Un ano máis celebramos o nacemento da nosa autora literaria máis universal: Rosalía de Castro. Desta vez, o 23 de febreiro coincide en domingo, pero no Fogar xa puxemos en marcha as actividades. A principal será a «Busca dos versos de Rosalía». 

A xeito de busca do tesouro, debemos localizar polos espazos do colexio todos os poemas da nosa SuperRosalía. Ollo, son diferentes! Cantos atopades? Onde están? Tomade nota do primeiro verso e do lugar onde están e entregádelle o resultados das vosas pescudas ao voso titor ou titora. O venres é a data límite.

Ah! E o venres, como outros anos, repartiremos os manteis de «Caldo de Gloria». Seguro que é unha boa forma para achegármonos ao Día de Rosalía.


domingo, 18 de febreiro de 2024

Día de Rosalía 2024

Aproxímase o Día de Rosalía. Será este venres, 23 de febreiro. En tal data de 1837 naceu, en Santiago de Compostela, a nosa galega máis universal, Rosalía de Castro. Unha muller que conseguiu converterse na impulsora do Rexurdimento da literatura galega con poemas hoxe traducidos a ducias e ducias de idiomas: inglés, francés, alemán, ruso, xaponés, éuscaro, hebreo, turco, hindi, guaraní...

Para celebrar o Día de Rosalía, este ano, entre outras actividades, preparamos o vídeo que puidestes ver arriba. Un gran traballo colaborativo no que nenos e nenas de todas as etapas (desde Infantil ata Bacharelato), coas súas familias, fixeron a recitación dun dos seus poemas máis célebres: «Miña casiña, meu lar», tamén coñecido como «Caldo de gloria». Graciñas mil a todos: pequenos, pais, nais, avós, avoas... Un gran traballo!

Foi un proxecto, ademais, no que tamén colaborou profesorado de diferentes seminarios: o de Lingua Galega, o de Tecnoloxía e o de Plástica e Debuxo. 

Ah!, e se queres saber máis sobre a figura de Rosalía de Castro, aquí deixamos estoutro vídeo. Feliz Día de Rosalía!!!!!

venres, 24 de febreiro de 2023

Encontro con Pere Tobaruela




O pasado xoves 23 de febreiro, Día de Rosalía, tivemos a sorte de recibir a Pere Tobaruela, autor de Formig4s. Misión Rosalía, o libro de lectura deste segundo trimestre en sexto de Primaria. Non puido ser en mellor data, pois combinamos a homenaxe á poeta galega máis universal co encontro con este importante autor.

Pere, nado en Cataluña, contounos como deu os seus primeiros pasos na literatura, como aprendeu galego e se animou a escribir na nosa lingua, cal é o seu obxectivo como creador de historias, que proxectos ten para o futuro... E tamén tivemos a oportunidade de facerlle unha chea de preguntas. 

Finalmente, démoslle, en nome de todos os nenos e nenas de 6EP, un pequeno agasallo: un caderno que recollía diversos debuxos e comentarios que nos inspirou a súa obra. 

Un encontro moi agradable! Esperemos que axiña poidamos repetir con máis autores da nosa literatura.

mércores, 8 de febreiro de 2023

Rapeando con Rosalía

Durante o primeiro trimestre, o alumnado de 6EP participou de forma activa na elaboración do proxecto Rapeando con Rosalía: unha versión rap de «Adiós ríos, adiós fontes», un dos poemas máis coñecidos de Rosalía de Castro. Todos colaboraron: rapeiros e rapeiras que cantaban, ilustradores e ilustradoras para os debuxos e tamén especialistas en lettering que axudaron cos textos. Un gran traballo en equipo!

O vídeo será aproveitado, ademais, para celebrarmos, o vindeiro 23 de febreiro, o Día de Rosalía. 

Parabéns a todos os rapaces e rapazas de sexto polo seu magnífico traballo!

mércores, 17 de febreiro de 2021

Día de Rosalía 2021


Neste gran vídeo vemos como persoas de todos os recunchos do planeta recitan na súa propia lingua o poema «Adiós ríos; adiós, fontes», de Rosalía de Castro. Escoitamos os versos rosalianos en alemán, tailandés, inglés, árabe, castelán, italiano, catalán, chinés, éuscaro, gaélico, checo, neerlandés, polaco... E, por suposto, en galego!

Aproxímase o día 24 de febreiro, Día de Rosalía. Con esta efeméride celebramos os 184 anos do nacemento da nosa galega máis universal. Unha data que serve para achegarnos máis á súa figura. 

Sabías que...?
Só dúas literaturas do mundo teñen como «autor/a fundacional» unha muller: a literatura xaponesa (con Murasaki Shikibu, que no século XI escribiu Genji Monogatari, a primeira novela da literatura universal, no sentido moderno do termo) e a literatura galega (con Rosalía de Castro).
Sabías que...?
Ademais de ser a escritora emblemática da literatura galega, Rosalía é considerada (xunto con Gustavo A. Bécquer) a precursora da poesía moderna en lingua castelá. 
Sabías que...?
Rosalía tivo forza para superar unha chea de dificultades na súa vida, nunha sociedade moito máis conservadora e machista cá de hoxe: era filla de nai solteira (o seu pai era un crego) e decidiu dedicarse a escribir profesionalmente (algo mal visto nunha muller naquela época).
Sabías que...?
O recoñecemento a Rosalía de Castro fixo que se lle dedicasen monumentos non só en Galicia (Compostela, Padrón, Vigo, Lugo, Rianxo...) senón tamén fóra de Galicia (Barakaldo, Porto, Lisboa, Montevideo, Bos Aires...).
Sabías que...?
Os poemas de Rosalía foron traducidos a linguas como o inglés, o francés, o alemán, o ruso, o xaponés, o éuscaro, o hebreo, o turco, o hindi... 
Sabías que...?
O 24 de febreiro, día do nacemento de Rosalía, o buscador Google adoita homenaxear a autora de Cantares Gallegos e de Follas Novas dedicándolle un dos seus doodles.

Para coñecerdes mellor esta galega universal, propoñémosche ver este vídeo, elaborado coa aplicación DRAW MY LIFE polo alumnado do Colexio San Pío X de Ourense.

 

Tamén no Fogar nos sumamos á celebración do Día de Rosalía. En concreto, para ir abrindo boca, anímaste a resolver este autodefinido sobre a autora?


Tamén che recomendamos que resolvas este xogo de investigación de Genially. Con el descubrirás aínda moito máis sobre Rosalía.