sábado, 28 de novembro de 2020

Tópicos amorosos de onte e hoxe


O asunto amoroso é o eixo central das cantigas de amigo e das cantigas de amor. Nestas últimas, por exemplo, podemos recoñecer certos tópicos (ou campos sémicos) concretos:
  1. Loanza da dama: eloxio das virtudes físicas (fremosa, bon semellar, bon parecer...) ou morais da muller (boa, prez –valor–, mesurada –discreta–, bon falar...).
  2. Amor do poeta: expresión do sentimento amoroso do cabaleiro (amor, amar muito, querer ben...).
  3. Reserva da dama: refírese ao desdén, indiferenza ou rexeitamento da dama (non falar, ir-se, sanhuda –rancorosa–, alongar –separarse–, desamar, fazer mal...).
  4. Coita de amor: sufrimento por amor do cabaleiro (coita, doo, penar, sofrer, chorar, ensandecer –tolear–,  perder o sen –perder a cordura–, morrer...).
Aínda que nunca repararas nisto, estes tópicos, séculos despois, seguen a ser recorrentes en cancións de todas as linguas e culturas. Velaquí uns exemplos. Ollo!, todos en voz masculina, como as cantigas de amor.







Poderías atopar estes mesmos tópicos noutras cancións? Repasa as letras das cancións que che gusten, dá igual o idioma, e busca os fragmentos con algún destes mesmos tópicos. 

sábado, 14 de novembro de 2020

Os determinantes

               

Os substantivos comúns aparecen normalmente precedidos por palabras que os concretan (a casa, aquela casa, a túa casa...), Estas son coñecidas como determinantes. Xa os estudiamos nas páxinas 134-137 do teu libro. Imos agora repasalos:


Dálle unha lectura ao apartado dos determinantes do teu libro (nas páxinas 134-137) e logo propoñémosche que participes nesta aventura interactiva. Ollo!, terás que anotar o número que se che ofrece ao superar cada serie de probas para poder descubrir a clave que abre a caixa do tesouro.

Adiante, a traballar... E ánimo!

xoves, 5 de novembro de 2020

Creamos textos argumentativos

 

O vídeo anterior preséntache o texto argumentativo. Xa sabes, ese tipo de texto que ten como intención principal defender unha idea (tese) e convencer dela o lector. Os textos argumentativos danse con frecuencia na vida cotiá: artigos de opinión xornalísticos, sentenzas xudiciais, ensaios científicos ou filosóficos, discursos políticos, textos publicitarios, intervencións en debates e mesas redondas e, en xeral, tamén discusións espontáneas do noso día a día.

No vídeo anterior proponse un texto argumentativo cunha estrutura dedutiva, é dicir, a tese xa se indica no primeiro parágrafo, para despois desenvolver os argumentos. Nós propoñémosche unha estrutura indutiva ou sintética, que consta destas partes: 

Introdución: presentación do tema (asunto sobre o que se vai falar).
Desenvolvemento: conxunto de argumentos que conducen á tese, reforzados por probas, exemplos, citas...
Conclusión: tese (síntese coa opinión persoal). 

Entre os procedementos discursivos que contribúen a apoiar os argumentos están os seguintes:

Definición: explica o significado de conceptos clave no texto.
Comparación ou analoxía: serve para poñer en relación ideas, con casos semellantes ou diferentes que axudan a comprender conceptos e argumentos.
Exemplificación: achega un exemplo concreto e contrastable que facilita a comprensión dunha idea ou demostra argumentos.
Enumeración: exemplos en serie que proporcionan máis forza a un argumento.
Cita: reprodución das palabras de expertos ou persoas que coñecen o tema, así serven como argumentos de autoridade.
Interrogación: pode usarse para poñer en dúbida un argumento contrario, para provocar unha reacción no interlocutor ou mesmo poden ser retóricas para convidar á reflexión.

De acordo co anterior e co traballado na aula, redacta un texto argumentativo, dun mínimo de 20 liñas, sobre un dos seguintes temas. Escolle o que máis che interese, iso si, debes decidirte por unha das aletrnativas que se ofrecen en cada caso.
 
• Os deberes escolares: son beneficiosos ou son un problema?
• O toureo (ou tauromaquia): debe prohibirse ou non?
• As centrais nucleares: necesarias ou demasiado perigosas?
• Os programas de telerrealidade: entretemento ou «telelixo»?
• As redes sociais: axúdannos a socializar ou íllannos?
• O fútbol profesional: deporte ou simple negocio?

Se queres, aquí podes ler exemplos de textos argumentativos creados por compañeiros de cursos anteriores. Cando o teñas o teu finalizado, revisado e en limpo, envíamo por MOODLE. Podes redactalo no caderno e mandarme un escaneo ou, se o prefires, escribir directamente o texto completo no recadro da actividade en Moodle.