María Pérez, a Balteira, naceu na parroquia de Armea, no concello coruñés de Coirós, preto de Betanzos. De familia fidalga, sabemos que frecuentou as cortes de Fernando III o Santo e Afonso X o Sabio. Tamén, que participou nunha cruzada a mediados do século XIII.
Aínda moi nova, María comezou a exercer o seu oficio de soldadeira; é dicir, utilizou a súa arte para amenizar o día aos nobres e cortesáns, a través do seu dominio do canto e da danza, ademais de realizar acrobacias e exercicios durante as actuacións de xograres e trobadores. Como contraprestación, María recibía un soldo, denominado «soldada», que lle permitía certa autonomía e liberdade para moverse como lle apetecía.
Segundo os textos a ela dedicados, María Balteira encarnaría todos os vicios e transgresións da época: xuraba, competía en xogos cos homes, xogaba aos dados, libre en xacer con cregos ou xograres, supersticiosa… A visión que se nos dá dela (non se nos di nada das súas habilidades artísticas) corresponde ao imaxinario masculino da época, evidentemente, cheo de prexuízos machistas.
María Pérez, a nossa cruzada, quando veo da terra d´Ultramar, assí veu de perdom carregada que se non podía con el merger. Mais furtanlho cada u vai maer e do perdom ja non lhe ficou nada.
E o perdom é cousa mui preçada e que se devía muit´a guardar, mais ela non ha maeta ferrada en que o guarde, nen a pod´haver, ca, pois o cadead´en foi perder, sempr´a maeta andou descadeada.
Tal maeta como será guardada, pois rapazes albergan no logar, que non haja seer mui trastornada? ca no logar u eles han poder non ha pardón que s´i possa asconder, assi saben trastornar a pousada.
E outra cousa vos quero dizer: tal pardón ben se devera perder, ca muito foi cousa mal ganhada.
Pero da Ponte
da terra d´Ultramar: do outro lado do Mediterráneo, de Terra Santa (Xerusalén)
merger: levantarse, erguerse
cada u vai maer: en cada lugar onde dorme
maeta ferrada: maleta reforzada con ferros
PARÁFRASE: Como era usual na época, tamén a famosa soldadeira Maria Balteira teria feito unha cruzada (peregrinación á Terra Santa), para gañar os perdóns ou indulxencias habituais. O peor é que, no seu regreso, uns mozos lle foron roubando estas indulxencias, en sucesivos ataques á súa «maleta descadeada». A cantiga é un dos máis perfectos equívocos do cancioneiro satírico.
Estes días andamos en sexto de Primaria a traballar os recursos literarios (a personificación, a hipérbole...). Un dos máis importantes e empregados é a metáfora.
A metáfora é ese recurso no que se relacionan dous elementos con algunha semellanza entre si (sen usar partículas comparativas). Estes elementos serían o Termo Real (R) e o Termo Imaxe (I). Así, se dicimos:
Os teus dentes son perlas brillantes
Temos unha metáfora que relaciona o Termo Real (R)dentes co Termo Imaxinario (I)perlas brillantes. Evocamos daquela a imaxe duns dentes brancos e relucentes como perlas.
As adiviñas populares tamén recorren con moita frecuencia ao recurso da metáfora. Por exemplo:
Ten un dente e tira pola xente (Solución: a campá)
Nesta adiviña, o Termo Real (R)campá relaciónase co Termo Imaxinario (I)[boca] dun só dente; é dicir, o badalo da campá sería o único dente dunha boca. Se somos hábiles recoñecendo os elementos da metáfora, tamén temos máis doado dar coa solución da adiviña.
Queres practicar? Os alumnos e alumnas de sexto de Primaria prepararon este vídeo para convidarte a «xogar ás adiviñas». Adiante! Cantas das resolvido?