Amosando publicacións coa etiqueta Xosé Manuel Varela. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xosé Manuel Varela. Amosar todas as publicacións

martes, 17 de xuño de 2025

Un libro moi noso: «Pandeireteiras»

O pasado mércores 11 realizouse no noso Fogar a presentación do libro Pandeireteiras (edicións Embora), unha obra da autoría de Xosé Manuel e Icía Varela (texto) e de Nerea Gómez (ilustración), que nos achega de forma amena e didáctica á figura das homenaxeadas este ano no Día das Letras Galegas. Un libro realmente fantástico!

Ademais dos autores e da ilustradora, no acto participaron Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, Rafael Casás, director xeral do Fogar, Marcos Díaz, director pedagóxico, e Andrés García Vilariño, sacerdote e escritor vinculado ao Fogar desde os catro anos. 

Foi un encontro ben lucido, pois á parte de escoitar as diferentes intervencións, puidemos gozar da arte musical de Icía Varela, que intepretou, co axuda do público, varias cantigas das pandeireteiras de Cerceda, Mens e Muxía. 




luns, 12 de maio de 2025

Obradoiro «Cantareiras»

E esta Semana das Letras tamén temos a sorte de contar coa colaboración de máis xente da casa, Xosé Manuel Varela e a súa filla Icía Varela, que ademáis de traballar no Fogar, tamén son músicos e importantes divulgadores da nosa literatura oral tradicional. De feito, a editorial Xerais encargoulles este ano a edición do libro Cantareiras, dedicada ás homenaxeadas nas Letras Galegas.

Pois ben, Xosé Manuel e Icía imparten hoxe luns e o vindeiro mércores un obradoiro didáctico arredor das nosas cantareiras, centrándose especialmente nas sete homenaxeadas pola Real Academia Galega. Todos os cursos de Primaria, Secundaria e Bacharelato gozamos da súas explicacións e tamén interpretamos algunhas das súas cantigas.

Un pasiño máis para achegarnos a este tesouro de noso, que debemos transmitir ás seguintes xeracións!






venres, 29 de maio de 2015

Entrevista polo grilo Míllelo

E van caendo máis traballos do alumnado de 1º de Bacharelato. Desta volta, unha entrevista a Xosé Manuel Varela e a Icia Varela Gómez, compañeiros do noso centro que acaban de publicar un gran libro para os máis cativos: O grilo Míllelo. 


As autoras da entrevista son Lucía Ramos Pan e Andrea Lago Mera. Velaí vai.
O grilo Míllelo «saíu deses contos orais que se lles narran aos fillos polas noites»
Lucía Ramos Pan e Andrea Lago Mera
O profesor do noso centro, Xosé Manuel Varela e a súa filla, Icía Varela Gómez, tamén compañeira do Fogar, acaban de publicar un libro para os máis pequenos: O grilo Míllelo.
A obra foi publicada no selo editorial de Edicións Embora de Ferrol. É un proxecto colectivo que combina narrativa, poesía, música, voces, ilustracións e teatro. As ilustracións son do betanceiro Xosé Tomás e a música do gaiteiro malpicán Suso Moreira.
O libro encádrase dentro do xénero da narrativa infantil na franxa de idade de primeiros lectores.
Icia Varela a lerlles O grilo Míllelo aos máis cativos do Fogar.
Lucía e Andrea (LeA): Como se vos ocorreu a idea de escribir o libro? Houbo algo ou alguén que vos empurrase a facelo?
Icía Varela (IV): Cando era pequena, meu pai sempre me lía contos á hora de durmir. Entón, un día apeteceunos e decidimos poñernos a escribir.
LeA: E de onde saíu a idea do tema do libro?
Xosé Manuel (XM): Un día fomos á aldea, coma de costume, e durante un paseo polo campo encontramos un grilo. Decidimos traelo para A Coruña. Ese foi o xerme para escribir sobre un grilo.
LeA: Por que un libro para nenos?
XM: Mmm... Xa tiña textos escritos para nenos, o que pasa é que esta era a obra máis redonda, a máis acabada. De todos modos, o proceso de creación non foi intencionado, senón espontáneo. Non foi nada de «ímos sentar aquí na mesa e artellar un libro de rapaces», senón que saíu deses contos orais que se lles narran aos fillos polas noites na cama á hora de durmir.
LeA: Gustouvos traballar xuntos? Como distribuístes o traballo?
IV e XM: Sempre temos visións distintas para todas as presentacións, aínda que ó final cheguemos a un punto de encontro. Isto tamén pasou no momento da súa escrita. O reparto do traballo foi un pouco a iniciativa dos dous: cada un achegaba unha idea ó conxunto do libro. Agora, estamos contentos e orgullosos de facérmolo en común.
Presentación da obra cos autores, con Suso Moreira (músico) e con Xosé Tomás (ilustrador).
LeA: Canto tempo vos levou rematalo?
IV: Moito, moito tempo. Empezamos cando eu tiña cinco anos e agora teño case quince, así que sobre uns dez anos. Primeiro, pasou por varias editoriais. Por último, Embora brindounos esta oportunidade de sacalo á rúa.
LeA: Gustaríavos escribir outro libro xuntos?  Tedes algo en mente?
IV: Si, estamos no proceso creativo con outros dous. Eu tamén teño dous relatos escritos. Un deles, segundo me teñen comentado,  é parecido a Alicia no país das marabillas. A idea do outro ocorréuselle a meu pai: trata sobre paxaros que están engaiolados, pero engaiolados da natureza. Por agora aínda non sabemos como vai rematar, xa que os contos nunca rematan como empezan.
LeA: Xosé Manuel, este libro e máis especial para ti ao escribilo coa túa filla?
XM: Si, foi especial por estar escrito coa miña filla, e ademais, porque foi un proxecto no que se involucrou moita xente, desde músicos, un compositor, un ilustador… É o libro no que participei onde hai máis xente involucrada. Ademais xente moi nova, porque algúns músicos incluso teñen dez anos.
LeA: Entón, podemos dicir que de todos os teus libros este é o que máis che gusta?
XM: Si. Téñoo máis cerca cronoloxicamente. É un libro que está moi vivo porque andamos de rolda de presentacións por colexios e concellos. Ademais, as ilustacións de Xosé Tomás son magníficas. Por todo isto é un libro moi vistoso, moi atraente. Mais isto non significa que non houbese outras publicacións que tamén me gustasen no seu momento.
A Banda do Grilo a interpretar as cancións do libro en Radio Voz.
LeA: Icía, a ti de pequena xa che gustaba ler e escribir ou foi máis ben teu pai quen che inculcou esa afección?
IV: Desde sempre me gustou ler e escribir, mais é certo que foi el quen me deu ese impulso para me dedicar a isto.
LeA: E pensaches en dedicarte á literatura cando sexas maior?
IV: Si, pero non de modo  profesional. Gustaríame dedicarme só como afección.
LeA: E, por último, Xosé Manuel, que consello lle darías a alguén que quixese ser escritor?
XM: Pois que escriba. Iso é o fundamental: escribir moito. Estamos agora cun libro, un grupo de catro persoas e levamos dous anos traballando nel, escribindo e revisando borradores. Xa está a punto de rematarse. Non é un libro de creación, senón de recuperación de textos. En definitiva, para escribir hai que empregar moito tempo, ler e rachar moitos borradores.