Amosando publicacións coa etiqueta documental. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta documental. Amosar todas as publicacións

xoves, 25 de abril de 2024

A Coruña de Villalta

Seguindo o ronsel dos magnificos telexornais das Letras Galegas que durante anos crearon no CPI dos Dices de Rois, varios centros concertados da Coruña (agrupados en Escolas Católicas) animámonos a realizar un video documental sobre a figura de Luísa Villalta, a escritora homenaxeada este ano no Día da Letras Galegas.

O resultado é o que temos arriba. Un gran traballo que recolle as diversas facetas da poeta coruñesa: a súa familia, infancia e mocidade; a súa paixón pola música; o seu labor docente e a pegada que deixou; o seu compromiso como poeta; e tamén a súa morte, inesperada e prematura.

Temos que felicitar a todos os rapaces e rapazas que participaron, do noso Fogar e tamén dos outros centros (Esclavas, Compañía de María, Santa María del Mar, Dominicos, Franciscanos e Grande Obra de Atocha). 

Un gran traballo!

sábado, 8 de maio de 2021

O 17 de maio para Xela Arias

Este ano o Día das Letras Galegas dedicámosllo a Xela Arias (Sarria, 1962–Vigo, 2003). A Real Academia Galega decidiu homenaxear así «unha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea». A súa poesía é «singular, transgresora, sincera e comprometida». 

Mais Xela Arias é poliédrica. Ademais de poeta, foi tamén editora, tradutora, profesora... Para coñecela mellor, deixamos aquí o primeiro vídeo da serie de documentais que a Real Academia Galega lle dedicou. 

Para te achegares un chisco á vída e á obra de Xela Arias, propoñémoste que resolvas este autodefinido.

Podes investigar e pescudar os datos en Internet. Cando o remates, envíao resolto a través da tarefa correspondente que atoparás no MOODLE. 


luns, 1 de xuño de 2015

O Rexurdimento na Coruña



A Coruña xogou un importante papel na orixe e no desenvolvemento do Rexurdimento. A recuperación da nosa cultura estivo fondamente vinculada a esta urbe naquelas últimas décadas do século XIX e primeiras do XX: os primeiros faladoiros da mítica Cova Céltica, o paso pola cidade de Rosalía, Curros e Pondal, a fundación da Real Academia Galega e das primeiras Irmandades da Fala...

Para ilustrar estes feitos, os nosos compañeiros de 1º de Bacharelato María Belén Arce Papaleo, Nerea Ares Caamaño e Sergio Arias García decidiron elaborar un breve documental. Un interesante percorrido por rúas, prazas, parques e mesmo cemiterios que amosa ás claras como a implicación da nosa cidade coa literatura galega xa vén de vello.

Belén, Nerea, Sergio, parabéns!

sábado, 24 de xaneiro de 2015

Séculos Escuros do galego... e do inglés


Despois do esplendor medieval, a nosa lingua entra nun longo período de decadencia. Son os chamados Séculos Escuros (sécs. XVI, XVII e XVIII), caracterizados por unha ausencia case total do galego nos usos formais e na escrita.

O vídeo de hoxe é a segunda parte do capítulo «Lingua de reis, lingua do pobo», da serie documental Historias de Galicia, que xa comezamos a ver aló atrás. Nel fálasenos da situación do noso idioma nestes séculos e da figura do ilustrado Frei Martín Sarmiento.

Mais... sabías que tamén o inglés tivo os seus propios Séculos Escuros? Se cadra non tiñas nin idea, mesmo moitos ingleses descoñecen este dato. Atentos e atentas daquela a estoutro capítulo da serie de referencia Ben Falado, onde se explica este interesante feito histórico, con moitos paralelismos co ocorrido no noso país. E lembra, como ben din ao final, que «o futuro non está escrito, escribirémolo nós».

xoves, 13 de novembro de 2014

Lingua e literatura na Idade Media


O vídeo anterior, da serie documental «Historias de Galicia» (emitida aló polo 2009), é un bo recurso audiovisual para achegarnos doutro xeito ao contexto lingüístico e cultural da Galicia da Idade Media. 

E deseguido, outro recurso: un mapa animado que nos vai amosando de forma gráfica a evolución da nosa lingua desde o ano 1000 aproximadamente ata a actualidade, máis de dez séculos despois. Interesante, non si!?

 
E para rematar este feixe de recursos, unha fantástica presentación en Prezi sobre a nosa literatura medieval (con ilustracións, gráficos, vídeos...).