Amosando publicacións coa etiqueta xéneros literarios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta xéneros literarios. Amosar todas as publicacións

luns, 15 de xuño de 2020

Repaso xeral cun Pasapalabras

Isto está rematando. O curso 2019-2020 está xa nas últimas. A ver se todos podemos pasar un bo verán cunha desescalada sen sobresaltos! E as pilas cargadas en setembro!

De momento, para facer un repaso xeral de todos os contidos (Gramática, Lingua e Sociedade, Literatura...) propoñémosche xogar con este Pasapalabras feito na casa. Adiante!, xa fixeches un parecido! Contesta por escrito letra a letra. Se na primeira rolda che quedan preguntas sen resolver, podes seguir dándolle voltas ao rosco ata que remates.



Cando finalices, faille unha foto ou pantallazo aos teus resultados e envíamos por MOODLE. 

luns, 18 de maio de 2020

O xénero lírico


Hoxe imos regresar ao tema 1 do noso libro. En concreto, imos repasar os trazos básicos do xénero lírico. O primeiro que debes facer é ler con atención o subapartado 2.1 O xénero lírico (páxs. 22-23). Repara na definición xeral do xénero, en como se analiza a métrica dun poema (medida e rima) e nas estrofas.

Para completar esta información, se o necesitas, podes consultar a entrada na galipedia sobre estrofas e recursos estilísticos.

E para acabar o repaso deste contido, dedícalle 10 minutos a este útil vídeo no que se nos explican dunha forma moi clara os trazos básicos do xénero lírico.



Agora poñamos en práctica estes coñecementos. Deseguido, o soneto «Bendito sexa o ano, o mes, o día» de Darío Xohán Cabana. Leo con calma, en voz alta se é posible, e procura captar o seu sentido. Lembra que hai unha voz poética que busca expresar unha idea.
Bendito sexa o ano, o mes, o día
que te encontrei no medio do camiño
e andabas escollendo a flor do espiño
sen te mancar na espiña que fería;
bendita sexa a hora en que eu prendía
no teu claro mirar de trigo e liño
e o instante en que probei o manseliño
mel da palabra túa de amavía:
bendito sexa o intre e o segundo
en que determinei ser teu amigo
e camiñar contigo polo mundo.
bendito sexa o porto e a cidade
onde embarquei pra navegar contigo
nun navío de amor e de saudade.
Agora vai aquí e realiza as actividades interactivas que se propoñen sobre este poema (marca a opción «Mostrar todas as preguntas»). Cando remates, fai pantallazos ou fotos dos teus resultados e envíamos por MOODLE.