Un ano máis estamos coa gran festa das Letras Galegas. Nesta ocasión, de novo, con protagonismo feminino: a viguesa Begoña Caamaño (1964-2014). A pesar de falecer moi nova, Begoña foi unha das voces con máis forza das nosas letras neste comezo do século XXI. Narradora, xornalista, activista de diferentes causas..., a súa figura ben merece a homenaxe colectiva que supón o Día das Letras Galegas.
Para coñecela mellor, aquí tes este breve vídeo.
Se queres aprender máis sobre Begoña Caamaño (con actividades, xogos...), pode serche de axuda esta ligazón ou estoutra.
E, por último, un clásico por estas datas: o autodefinido Begoña Caamaño. Anímate a resolvelo, se o fas con axuda, incluso mellor.
A Festa dos Maios é unha celebración tradicional galega que marca a chegada e o triunfo da primavera. Representa o renacer da natureza, o crecemento das plantas e o comezo do ciclo agrícola. As súas orixes remóntanse ás antigas culturas prerromanas, especialmente á tradición celta e á festividade de Beltane, que celebraba o inicio do verán e a conexión coa natureza.
A festa consiste en construír os maios, estruturas decoradas con flores, follas e froitos, que poden ter forma de árbore ou de figuras variadas. Ao seu redor, grupos de persoas cantan coplas populares e acompañan o ritmo con paus.
É costume que os participantes, a cambio da súa actuación, pidan un aguinaldo en alimentos. Tamén se organizan concursos para premiar os mellores maios e cantigas. Esta tradición mantense viva en moitos lugares de Galicia (Pontedeume, Ourense, Redondela, Vilagarcía de Arousa, Marín, Pontevedra...).
Como mostra da súa importancia cultural, destaca o poema «Aí vén o maio» de Manuel Curros Enríquez, exemplo do valor desta festa na nosa tradición literaria e popular.
Aí vén o maio de frores cuberto Puxéronse á porta cantándome os nenos; i os puchos(1) furados pra min estendendo, pedíronme crocas(2) dos meus castiñeiros.
Pasai, rapaciños, calados e quedos; que o que é polo de hoxe que darvos non teño. Eu sonvos o probe do pobo gallego: pra min non hai maio, pra min sempre é inverno!
Cando eu me atopare de donos liberto i o pan non me quiten trabucos(3) e préstemos, e como os do abade frorezan meus eidos, chegado habrá estonces o maio que eu quero.
Queredes castañas dos meus castiñeiros? Cantádeme un maio sin bruxas nin demos; un maio sin segas, usuras nin preitos, sin quintas(4), nin portas,
nin foros, nin cregos.
Manuel Curros Enríquez, Aires da miña terra
puchos(1): sombreiros
crocas(2): castañas
trabucos(3): impostos
quintas(4): grupos de mozos que debían obrigatoriamente servir como soldados no exército
Esta avaliación, parte do alumnado de primeiro de Bacharelato animouse a realizar unha serie de traballos en formato audiovisual. O obxectivo destes vídeos é servir de soporte para as respectivas presentacións orais que deselvolveronq nas aulas dos compañeiros de sexto de Primaria. Un magnífico traballo, rapaces!
Castelanismos (Sofía Arévalo, Lucía Fernández e Noa garrido)
Os castelanismos (Tomás Gómez, Sergio Rivas e Ainara Sánchez)
O detective da lingua galega contra os castelanismos (Lucca Caro, Nicolás Mato e Favio Pentón)
Música para todos os gustos (Lucía Pedreira e Iván Tuñas)
Os conectores ou marcadores textuais son unha serie aberta e heteroxénea de elementos lingüísticos (adverbios, conxuncións, locucións adverbiais ou conxuntivas...) que serven para indicar as relacións entre as ideas dun texto e organizar as partes do mesmo dándolle cohesión. Se queres crear un bo texto, cómpre ordenar as ideas servíndote destes elementos lingüísticos. Estes son os máis importantes:
Vexamos un exemplo de como o uso desta variedade conectores permite elaborar textos ben organizados.
No tocante ao consumo de tabaco, estamos ante unha realidade moi presente na sociedade actual. É un hábito normalizado en reunións sociais, espazos de lecer e mesmo entre a mocidade. Pero, se coñecemos os seus efectos, por que segue sendo tan habitual? Esta cuestión sitúa o debate nos ámbitos sanitario, educativo e familiar, e mostra que estamos ante un tema que require reflexión colectiva.
En primeiro lugar, o tabaco constitúe un grave problema de saúde pública, porque o seu consumo está relacionado con múltiples doenzas: cancro de pulmón, enfermidades cardiovasculares e problemas respiratorios crónicos. Ademais, non só prexudica a quen fuma, xa que o fume pasivo tamén afecta ás persoas de arredor. Por exemplo, nenos expostos ao tabaco presentan máis infeccións respiratorias. A Organización Mundial da Saúde lembra que «o tabaco mata a millóns de persoas cada ano», é dicir, trátase dun risco real e comprobado. Polo tanto, non é unha cuestión meramente individual.
En segundo lugar,o consumo de tabaco ten un impacto económico moi significativo. O fumador realiza un gasto constante nun produto prexudicial que, ao cabo do ano, pode supoñer miles de euros. Ademais, ese custo individual multiplícase a nivel social, xa que en España os gastos sanitarios directos derivados do tabaquismo sitúanse arredor dos 8.000 millóns de euros anuais. É dicir, non se trata só dun hábito persoal, senón dun problema que afecta ao conxunto da economía. Polo tanto, toda a sociedade acaba asumindo as consecuencias económicas do tabaquismo. Aínda así, hai quen o considera unha decisión privada, cando en realidade repercute nos recursos públicos e no benestar colectivo.
En resumo, o consumo de tabaco non pode considerarse inofensivo, pois implica danos sanitarios, económicos e sociais. Reducir o seu consumo debería ser unha prioridade colectiva.
Andamos a voltas estes días coas variedades dialectais ou xeográficas. O galego, como xa vimos noutras entradas de «A chave e o mundo» (aquí ou aquí), ten tres grandes bloques dialectais: o occidental, o central e o occidental.
De seguido, simplemente queremos deixarche uns vídeos que che poden resultar moi interesantes sobre estas variedades. Dedícalles un pouco de tempo. Se os observas con atención, seguro que has recoñecer moitos dos trazos de cada bloque que estamos a estudar nas aulas.
O pasado mércores 14 de maio celebramos, no marco das actividades da Semana das Letras Galegas, a nosa primeira Foliada das Letras. Un encontro co que queremos facer patente, dun xeito festivo, o compromiso do Fogar coa nosa lingua e coa nosa cultura. E foi todo un éxito!
Foron moitas as familias que se achegaron ao centro para celebrar unha tarde de música, baile, merenda e, sobre todo, moita alegría. Gran parte do éxito debémosllo ao grupo Pesdelán que souberon animar o publico, facendo que pequenos e maiores non parasen de bailar. Gozamos ademais coas actuacións das nosas padeireteiras e do maio preparado polo alumnado de Infantil. Parabens tamén aos presentadores do acto: Sabrina Varela e Nicolás Barro, un gran traballo!
Este vídeo resumo foi elaborado por Ainara Sánchez, Nicolás Barro e Adriana Picallos. E contou coas imaxes e gravacións dun bo número de compañeiros e compañeiros que tamén asistiron á Foliada.
Agardamos repetir co mesmo éxito ou máis o curso que vén. Moitas grazas a todos!
Hoxe, mércores 4 de xuño, tivemos a sorte de contar coa presenza de Paula Carballeira. Un encontro realmente agardado con impaciencia polo alumnado de 6º de Primaria e 1º da ESO, que leran nos meses anteriores as súas obras Wombo Combo e Trece avisos, respectivamente.
Paula, contacontos, escritora e actriz, demostrou as súas táboas contándonos de forma moi amena como xurdiron estas dúas obras súas. Os rapaces tiveron a oportunidade de facerlle diversas preguntas e mesmo pegaron algún chimpo nas súas cadeiras cun conto de terror!
Todo un privilexio contar con esta autora que recentemente foi galardoada co Premio Nacional de Literatura Dramática e ten obras traducidas ao portugués, ao castelán, ao éuscaro, ao catalán, ao inglés, ao italiano... Grazas, Paula!
O pasado venres, 9 de maio, recibimos a visita da xornalista e escritora María Solar coa que cerramos o ciclo de encontros con escritores este curso 24-25, tras os xa realizados de Francisco Castro e Ledicia Costas.
Durante os últimos anos, estivemos a realizar a lectura de varias das súas obras como Os nenos da varíola ou As horas roubadas e nesta ocasión, o alumnado de 3º da ESO viña de ler un dos seus últimos libros publicados: Adeline, inspirada na historia de Carmilla, a primeira muller vampira.
Durante o encontro, a autora fixo un percorrido polos momentos, lugares e personaxes que lle serviron de inspiración para crear a súa obra e rematou asinando algúns exemplares do libro.
O acto foi o perfecto colofón para un ano de coñecemento dunha boa parte da nosa literatura e, asemade, un xeito especial de celebración das nosas Letras Galegas.
No Fogar, o Día das Letras Galegas deste ano tocounos moi de cerca. Isto animounos a levar adiante un bo número de proxectos diferentes, todos coa idea de divulgar e poñer en valor a arte das nosas cantareiras: obradoiros, gravacións musicais, bailes, karaokes, pasatempos...
Unha boa forma de reunir o resultado de todo ese traballo é o Telexornal «Edición Cantareiras» que aquí che presentamos. Con el, ademais. contribuímos a difundir a riqueza da nosa poesía oral popular. Parabéns a todos os implicados en sacar a diante estoutro proxecto: alumnado, profesorado e familias.
Ah! E esta non será a última actividade arredor das Letras Galegas deste 2025. Quédanos a gran Foliada das Letras deste mércores 14 pola tarde. Animámosvos a todos a participar!
E esta Semana das Letras tamén temos a sorte de contar coa colaboración de máis xente da casa, Xosé Manuel Varela e a súa filla Icía Varela, que ademáis de traballar no Fogar, tamén son músicos e importantes divulgadores da nosa literatura oral tradicional. De feito, a editorial Xerais encargoulles este ano a edición do libro Cantareiras, dedicada ás homenaxeadas nas Letras Galegas.
Pois ben, Xosé Manuel e Icía imparten hoxe luns e o vindeiro mércores un obradoiro didáctico arredor das nosas cantareiras, centrándose especialmente nas sete homenaxeadas pola Real Academia Galega. Todos os cursos de Primaria, Secundaria e Bacharelato gozamos da súas explicacións e tamén interpretamos algunhas das súas cantigas.
Un pasiño máis para achegarnos a este tesouro de noso, que debemos transmitir ás seguintes xeracións!
O vindeiro mércores ás 17:30 comezará a gran FOLIADA DAS LETRAS, unha festa con música en vivo (a cargo do grupo Pesdelán), baile e merenda para todos os asistentes. E de balde! Estades todos convidados! Animade os vosos imáns e irmás, pais, nais, avós e avoas. Cantos máis, mellor!
Non só pasaremos unha tarde divertida con este ambiente festivo, senón que tamén celebraremos as Letras Galegas deste ano, dedicadas, como sabedes, ás nosas cantareiras e á nosa poesía oral. Aproveitaremos para ofrecer a actuación das pequenas pandeireteiras do Fogar e para presentar os diferentes proxectos arredor das Letras Galegas deste curso: «Xota do Fogar», «Valse das Avoas», «Telexornal Cantareiras»...
Como adianto aquí deixamos os vídeos da «Xota do Fogar». O primeiro, coa interpretación dos nosos músicos e cantareiras; e o segundo, en versión Karaoke. A cantar todo o mundo!
Non podedes faltar! Esperámosvos a todos e todas na FOLIADA DAS LETRAS!
A lírica popular oral galega, coa súa tradición musical, é considerada unha das máis importantes de toda Europa occidental. A través das cantareiras, homenaxeadas no Día das Letras deste ano, podemos apreciar a riqueza e variedade das cantigas populares, que xurdían en calquera momento do ano, con calquera traballo ou ocasión festiva. Esta podería ser unha clasificación:
• Traballos do campo: cantos de seitura (de cando se recollía o cereal), cantos de vendima (de cando se recollía a uva), muiñeiras (asociadas ao momento de moer no muíños).
• Festas anuais: cantos dos maios (asociadas á celebración da primavera), cantos de Nadal ou panxoliñas (na época do Nadal).
• Vida cotiá: cantos de berce (para adurmiñar os nenos), regueifas (diálogos cantados improvisados entre mozos e mozas típicos das vodas).
Queredes escoltar algunha? Aquí tedes uns cantos exemplos.
A Real Academia Galega decidiu dedicar este ano o Día das Letras Galegas a seis humildes labregas que representan a nosa música e cantos tradicionais, patrimonio de todos os galegos. Estas mulleres eran cantareiras da Costa da Morte: Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; Eva Castiñeira Santos, de Muxía; e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, de Mens (Malpica).
Durante as próximas semanas, ata a celebración do Día das Letras Galegas, imos ir poñendo en marcha unha serie de proxectos que esperamos vos gusten e sirvan para divulgar o labor destas mulleres. De momento, para abrirmos boca, aquí deixamos algúns recursos que nos axudaran a coñecelas mellor.
Un ano máis celebramos o nacemento da nosa autora literaria máis universal: Rosalía de Castro. Desta vez, o 23 de febreiro coincide en domingo, pero no Fogar xa puxemos en marcha as actividades. A principal será a «Busca dos versos de Rosalía».
A xeito de busca do tesouro, debemos localizar polos espazos do colexio todos os poemas da nosa SuperRosalía. Ollo, son diferentes! Cantos atopades? Onde están? Tomade nota do primeiro verso e do lugar onde están e entregádelle o resultados das vosas pescudas ao voso titor ou titora. O venres é a data límite.
Ah! E o venres, como outros anos, repartiremos os manteis de «Caldo de Gloria». Seguro que é unha boa forma para achegármonos ao Día de Rosalía.
Esta mañá celebramos na biblioteca unha nova sesión do Club de Cómic, unha actividade xa comezou en setembro e que levamos desenvolvendo de forma continuada desde hai varios cursos. Nesta ocasión, a nosa profe e compañeira Nerea axudou os rapaces e as rapazas a traballar as proporcións da man.
Todos aqueles estudantes da ESO que desexedes participar, non tedes máis que pasar pola biblio e apuntarvos. As sesións celébranse durante o recreo da mañá cada quince días. Nelas poderedes gozar coas atractivas propostas de Nerea, recomendarvos lecturas, coñecer novos títulos e autores. Tamén poderedes dispoñer da selección de banda deseñada e manga dos nosos fondos e, ademais, dos lotes de cómics que cada mes nos deixan en préstamo desde a Biblioteca Municipal Durán Loriga, a cuxas traballadoras lles agradecemos enormemente o apoio que nos están a prestar.
Hoxe, 9 de decembro, tivemos a sorte de contar coa visita de Francisco Castro, un dos escritores máis lidos e valorados do actual panorama literario galego. Nado en Vigo en 1966, leva publicados máis de vinte libros, algúns traducidos a linguas como o castelán, éuscaro, catalán, inglés, serbio, italiano e portugués.
Foi, ademais, durante varios anos, director da Editorial Galaxia. Como el mesmo nos contou, hai pouco tempo decidiu deixar atrás o mundo da edición para centrarse profesionalmente nas súas dúas grandes paixóns: a literatura e a música.
Despois de escoitalo, o alumnado de 3 ESO, que lera o seu libro O cemiterio de barcos, puido ter unha animada charla con el. Unha experiencia fantástica que intentaremos repetir con outros escritores e escritoras.
Tivemos a enorme sorte de ser un dos tres centros galegos gañadores do concurso «Contádenos o voso Día das Letras Galegas de Luísa Villalta (2024)» convocado pola Real Academia Galega.
O pasado martes 22 de outubro acudimos ao acto de entrega destes premios no auditorio da Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada. Aproveitamos a saída para, á primeira hora da mañá, realizar unha visita didáctica á fábrica de Sargadelos que está na mesma localidade.
Foron moitos os alumnos e alumnas do Fogar, de todas as etapas, que participaron activamente dalgún xeito nos proxectos presentados a este concurso. Non obstante, debido ao aforo limitado do auditorio, só puido acudir un grupo de compañeiros en representación de todos os demais.
Unha xornada que chea de alegrías e bos momentos que non esqueceremos. Parabéns a todos os profesores e profesoras que colaboraron. E tamén a nenos, nenas e familias que se comprometeron na realización das actividades merecedoras deste recoñecemento. Porque... O GALEGO MOLA!
O xornalismo ou periodismo baséase na necesidade que ten o ser humano de obter información. Os xornalistas son os encargados de presentar os feitos e datos de forma clara e concisa, pero tamén poden incluír as súas propias opinións á hora de relatalos. Por iso, é fundamental coñecer e dominar os principais xéneros periodísticos.
Esta esquema ofréceche unha visión xeral dos trazos dos principais xéneros periodísticos e de como se clasifican.
Durante este curso, con seguridade terás que localizar, ler, analizar e comentar moitos textos destes xéneros. Para facelo, dispós tradicionais diarios e revistas en papel. Mais tamén pode serche cómodo coñecer e manexar diferentes publicacións el liña. Por exemplo:
O significado das palabras pode descompoñerse en elementos mínimos chamados semas. Así temos que o significado de gato se compón destes semas: ‘animal’, ‘felino’, ‘doméstico’.
Denomínase campo semántico o conxunto de palabras da mesma categoría gramatical que coinciden nun trazo significativo mínimo (ou sema) e se opoñen entre si pola presenza ou ausencia doutros trazos. Por exemplo, as palabras cadeira, butaca, banqueta ou sofá, entre outras, pertencen ao campo semántico dos asentos porque comparten o sema ‘asento’ e se opoñen entre si por posuíren ou non outros semas mínimos: ‘con patas’, ‘con respaldo’, ‘con brazos’...
Os estudosos da semántica desenvolveron unha técnica chamada análise de compoñentes. Con ela pódense establecer as oposicións entre todos estes semas de forma que se crea un inventario ordenado e exhaustivo dos campos semánticos.
Por exemplo:
ANÁLISE DE COMPOÑENTES DO CAMPO SEMÁNTICO: ‘OS ASENTOS’
A celebración deste ano do Día das Letras Galegas no Fogar tivo tres eixos centrais.
Por unha parte, xunto con outros centros concertados da Coruña (agrupados en Escolas Católicas), participamos na realización do vídeo documental: «A Coruña de Villalta». sobre a figura da autora homenaxeada este ano. Un gran labor o dos nosos «xornalistas» de Primaria e Secundaria, que exerceron reporteiros e presentadores.
Por outra parte, as etapas de Infantil, Primaria e Secundaria participaron durante toda unha semana nun proxecto lúdico elaborado desde o propio centro: «A xincana ‘Luísa Villalta’». Unha serie de xogos e pasatempos (Xincana e Autodefinido) adaptados para distintas idades e que xiraban arredor da figura da escritora coruñesa.
Por último, durante todo o mes de maio, o alumnado de 3° e 4° de Primaria estivo traballando a música tradicional da man de Xabier Díaz. Achegámonos así ás cantigas dos nosos maiores, que aprendían dun xeito oral. Tamén practicamos algún paso de xota e incluso montamos a peza cun grupo de cantareiros e cantareiras que se forman en asociacións e escolas da nosa cidade.
Un gran traballo de distintos departamentos (Lingua Galega, Plástica, Música, Tecnoloxía...) que deu lugar a unha combinación de actividades orais e escritas coas que puidemos celebrar, de forma lúdica e motivadora, as nosas Letras Galegas!