Amosando publicacións coa etiqueta interferencias lingüísticas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta interferencias lingüísticas. Amosar todas as publicacións

domingo, 11 de abril de 2021

[21 DEG: Día 06] O reto: Márcate un «Dígocho eu!»


Observa estes dous vídeos. Seguro que non das apreciado a diferenza entre o «Dígocho eu» orixinal e o de imitación. Ha! Ha! 

 


O reto de hoxe é que graves un «Dígocho eu» imitando os da xornalista Esther Estévez. Xa sabes, centránte na corrección dalgún erro común na lingua galega e fai un vídeo explicando como evitalo. Para inspirarte e collerlle o xeito, recomendámosche que visites a súa canle en Youtube. Dámosche unhas suxestións:
• Elixe un erro ou mellor varios que teñan algo en común.
• Investiga a forma ou formas galegas correctas que cómpre usar para evitar esa incorrección.
• Pensa na mellor forma de visualizar q cuestión. Por exemplo: se falas sobre os castelanismos *tenedor, *cuchara e *cuchillo e dis que cómpre usar garfo, culler e coitelo colle eses cubertos da cociña e amósaos para exemplificalo. 
• Ponlle toda a CREATIVIDADE e HUMOR que queiras: podes disfrazarte, poñer perruca, facelo na rúa, buscar un «axudante», editar o vídeo...
Xa sabes, intenta chegar aos 3 minutos e envía o teu vídeo.

luns, 15 de xuño de 2020

Repaso xeral cun Pasapalabras

Isto está rematando. O curso 2019-2020 está xa nas últimas. A ver se todos podemos pasar un bo verán cunha desescalada sen sobresaltos! E as pilas cargadas en setembro!

De momento, para facer un repaso xeral de todos os contidos (Gramática, Lingua e Sociedade, Literatura...) propoñémosche xogar con este Pasapalabras feito na casa. Adiante!, xa fixeches un parecido! Contesta por escrito letra a letra. Se na primeira rolda che quedan preguntas sen resolver, podes seguir dándolle voltas ao rosco ata que remates.



Cando finalices, faille unha foto ou pantallazo aos teus resultados e envíamos por MOODLE. 

xoves, 14 de maio de 2020

Interferencias lingüísticas [2]





Como acabas de ver nestes capítulos do «Dígocho eu», as interferencias do castelán afectan por desgraza a todo o sistema da lingua: morfoloxía (*o viaxe por a viaxe), léxico (*averiguar por pescudar ou indagar), fraseoloxía (*que va por non ho ou de ningún xeito).

No teu libro (páx. 280), xa tes unha táboa que che explica cales son estes diferentes tipos de interferencias. Aquí imos recordarcho tamén con algúns exemplos:
Plano fonético:
• Indistinción do grao de apertura nas vocais medias. Confundir na pronuncia óso (corpo) / oso (animal)
• Deficiente pronuncia do fonema «n» velar. Pronunciar unha como una.
Plano morfolóxico:
• Alteración do xénero dalgúns substantivos *a nariz, *a leite...
• Uso errado de «te» en lugar de «che»: *Leveite un agasallo.
•  Uso do «lleísmo», isto é, utilización das formas de CI («lle», «lles») en vez das correspondentes de CD («o», «os»): *Convócolle a unha reunión, *Saudeilles ao marcharen...
• Uso nos demostrativos das formas *esto, *eso, *estos, *esos.
Plano sintáctico:
• Ausencia do artigo cos posesivos: *meu coche, *miña cama...
• Incorrecta colocación do pronome átono: *A profesora me aprobou.
• Emprego da preposición «a» na perífrase «IR + infinitivo»: *Vou a facer o xantar.
Plano léxico:
• Palabras do castelán que desprazan as lexítimas galegas correctas: *grifo por billa, *sartén por tixola, *muela por moa, *gusano por verme, *cuchillo por coitelo...
Ás veces mesmo atopamos interferencias do castelán «disfrazadas» de galego, que tamén son incorrectas: *conexo por coello, *tixeiras por tesoiras, *parexa por parella, *carreteira por estrada...

Agora toca algo de práctica. Fai os exercicios interactivos que atoparás aquí, aquí e aquí. Cando remates cada un, fai unha foto ou pantallazo e envíamo por MOODLE.

mércores, 13 de maio de 2020

Interferencias lingüísticas [1]

Na páxina 280 do teu libro, abórdase un dos fenómenos máis comúns en situacións de contacto entre linguas: as interferencias lingüísticas.

De sempre, a lingua de calquera comunidade vive en contacto coas linguas de comunidades máis ou menos próximas. Isto fai que con frecuencia uns idiomas inflúan noutros e acaben «prestándose» palabras, especialmente para designar realidades para as que a lingua propia non ten un nome. Isto son os préstamos lingüísticos. Por exemplo: 
• Préstamos do castelán no galego: tortilla, azulexo ou guerrilla.
• Préstamos do inglés no galego: fútbol, chip ou surf.
• Préstamos do francés no galego: blusa, debut ou cabaré.  
Á súa vez o galego deixou préstamos noutras linguas.
• Préstamos do galego no castelán: chubasco, morriña ou vieira. 
Todos estes préstamos son voces correctas e necesarias na lingua.

Outra cousa ben distinta é cando se dá unha convivencia no mesmo territorio de dúas linguas en situación de desigualdade. Neste caso os falantes da lingua minorizada, tendo termos xenuínos de seu para designar certas realidades, incorporan voces innecesarias da lingua hexemónica (*desayuno por almorzo, *mezclar por mesturar, *pulpo por polbo). Fálase entón de interferencias lingüísticas.


Este fenómeno, ademais de constituír unha incorrección, é moi negativo para a integridade dunha lingua e mesmo pon en perigo súa viabilidade no futuro.

Dálle unha atenta lectura ao apartado de Lingua e Sociedade da páxina 280 e fai estas actividades en liña que che axudarán a recoñecer e evitar algúns castelanismos: aquí, aquí e aquí.