Estamos a traballar estes días o teatro galego ao longo do século XX. Aquí quedan un par de útiles vídeos de Nee Barros sobre o tema.
Teatro galego do primeiro terzo do século XX
Teatro galego 1936-1975
E deseguido, catro fragmentos de catro clásicos da nosa dramaturxia.
O Mariscal (1926), de Ramón Cabanillas. Drama escrito en verso no que Cabanillas glosa a figura do Mariscal Pardo de Cela, convertido en figura lendaria do nacionalismo pola súa oposición aos reis católicos e que foi axustizado en Mondoñedo.
Os vellos non deben de namorarse (1941), de Castelao. Escrita no ano 1939 en Nova York, é unha farsa en tres actos ou lances que presenta distintas versións dun tema frecuente na literatura popular galega: o drama do vello que se namora dunha rapaza nova.
A fiestra valdeira (1927), de Rafael Dieste. Comedia dividida en tres lances e ambientada nunha vila mariñeira. Toda a acción xira en torno ao personaxe central, Don Miguel, un vello mariñeiro que retorna enriquecido da emigración, e a un cadro que o representa.
Bailadela da morte ditosa (1980), de Roberto Vidal Bolaño. Obra que presenta seis cadros con seis personaxes que abrazan a morte como última defensa da súa dignidade, nun mundo, o da vella Galicia rural, que desaparece engulido pola barbarie alienante das cidades.
Esta avaliación, parte do alumnado de primeiro de Bacharelato animouse a realizar unha serie de traballos en formato audiovisual. O obxectivo destes vídeos é servir de soporte para as respectivas presentacións orais que deselvolveronq nas aulas dos compañeiros de sexto de Primaria. Un magnífico traballo, rapaces!
Castelanismos (Sofía Arévalo, Lucía Fernández e Noa garrido)
Os castelanismos (Tomás Gómez, Sergio Rivas e Ainara Sánchez)
O detective da lingua galega contra os castelanismos (Lucca Caro, Nicolás Mato e Favio Pentón)
Música para todos os gustos (Lucía Pedreira e Iván Tuñas)
Andamos estes días en 2ª de Bacharelato a traballar a poesía galega durante o franquismo(1936-1975). A pesar da dureza daquelas décadas, a nosa lírica produciu algun dos poemas máis fermosos da historia da literatura galega.
Para achegármonos mellor á lírica deste período, deíxovos este vídeo de Nee Barros.
Para rematar, aquí quedan versións musicadas dalgúns destes textos, de Celso Emilio Ferreiro, Antón Tovar ou Xosé María Díaz Castro. Versos que cobran vida coa música, revelando emocións e reflexións que seguen a emocionarnos hoxe. Unha viaxe sonora pola poesía que marcou unha xeración.
Os conectores ou marcadores textuais son unha serie aberta e heteroxénea de elementos lingüísticos (adverbios, conxuncións, locucións adverbiais ou conxuntivas...) que serven para indicar as relacións entre as ideas dun texto e organizar as partes do mesmo dándolle cohesión. Se queres crear un bo texto, cómpre ordenar as ideas servíndote destes elementos lingüísticos. Estes son os máis importantes:
Vexamos un exemplo de como o uso desta variedade conectores permite elaborar textos ben organizados.
No tocante ao consumo de tabaco, estamos ante unha realidade moi presente na sociedade actual. É un hábito normalizado en reunións sociais, espazos de lecer e mesmo entre a mocidade. Pero, se coñecemos os seus efectos, por que segue sendo tan habitual? Esta cuestión sitúa o debate nos ámbitos sanitario, educativo e familiar, e mostra que estamos ante un tema que require reflexión colectiva.
En primeiro lugar, o tabaco constitúe un grave problema de saúde pública, porque o seu consumo está relacionado con múltiples doenzas: cancro de pulmón, enfermidades cardiovasculares e problemas respiratorios crónicos. Ademais, non só prexudica a quen fuma, xa que o fume pasivo tamén afecta ás persoas de arredor. Por exemplo, nenos expostos ao tabaco presentan máis infeccións respiratorias. A Organización Mundial da Saúde lembra que «o tabaco mata a millóns de persoas cada ano», é dicir, trátase dun risco real e comprobado. Polo tanto, non é unha cuestión meramente individual.
En segundo lugar,o consumo de tabaco ten un impacto económico moi significativo. O fumador realiza un gasto constante nun produto prexudicial que, ao cabo do ano, pode supoñer miles de euros. Ademais, ese custo individual multiplícase a nivel social, xa que en España os gastos sanitarios directos derivados do tabaquismo sitúanse arredor dos 8.000 millóns de euros anuais. É dicir, non se trata só dun hábito persoal, senón dun problema que afecta ao conxunto da economía. Polo tanto, toda a sociedade acaba asumindo as consecuencias económicas do tabaquismo. Aínda así, hai quen o considera unha decisión privada, cando en realidade repercute nos recursos públicos e no benestar colectivo.
En resumo, o consumo de tabaco non pode considerarse inofensivo, pois implica danos sanitarios, económicos e sociais. Reducir o seu consumo debería ser unha prioridade colectiva.
Co nome de vangardas faise referencia aos movementos estéticos europeos que desde 1910 ata 1930 quixeron abrir novos camiños na arte e na literatura rompendo coa tradición. Ata entón, o ideal artístico de beleza era a imitación da realidade; mais as vangardas non conciben a arte como imitación da realidade, senón como nova interpretación persoal desta. Noutras palabras, comparten un afán de ruptura con todo o anterior, unha actitude provocativa que se aplica a todos os campos estéticos: pintura, escultura, música, literatura...
Os movementos vangardistas que xurdiron por Europa a principios de século publicaron manifestos para dar a coñecer os seus fundamentos teóricos. Os principais movementos de vangarda europeos foron:
Dadaísmo. Orixinado polo romanés Tristan Tzara en Suíza, como protesta contra a guerra e a razón burguesa. Propón o absurdo, o azar e a destrución das normas artísticas e literarias. Busca escandalizar e negar calquera sentido racional. Emprega a colaxe, a escrita por azar, poemas fonéticos e performances provocadoras. Representantes: Tristan Tzara, Marcel Duchamp, Man Ray.
Cubismo. Iniciado por Picasso e Braque, rompe coa perspectiva tradicional e representa a realidade mediante figuras xeométricas e visións múltiples. Pretende mostrar todos os ángulos dun obxecto nun mesmo plano. Na literatura, Apollinaire crea caligramas, poemas con forma visual. Representantes: Picasso, Braque, Juan Gris, Guillaume Apollinaire.
Futurismo. Fundado por Marinetti en Italia, exalta a velocidade, a máquina, a cidade ou a guerra como símbolos da modernidade. Defende a ruptura co pasado e coa arte tradicional. Na poesía experimentou coa destrución absoluta da sintaxe, co uso de onomatopeas, coa desaparición dos signos de puntuación... Representantes: Marinetti, Boccioni, Balla, Carrà.
Surrealismo. Impulsado por André Breton ou Paul Éluard en Francia, busca expresar o inconsciente e os soños inspirándose na psicanálise de Freud. Combina realidade e fantasía para revelar o pensamento «puro». Utiliza a escritura automática e imaxes ilóxicas ou sorprendentes. Representantes: Breton, Éluard, Dalí, Magritte, Miró.
Creacionismo. Impulsado polo chileno Vicente Huidobro, postulou que o poeta, como un pequeno deus, debe crear novos mundos coa palabra, non imitar a natureza. Defende unha poesía autónoma, pura, baseada na imaxinación e de vocación cosmopolita. Emprega metáforas audaces, disposición libre dos versos, ausencia de rima... Representantes: Vicente Huidobro, Gerardo Diego, Juan Larrea.
En Galicia, os nosos creadores, ademais de seguir as influencias destes «ismos», desenvolveron algúns movementos de vangarda exclusivos, que buscaban tamén a ruptura coa tradición anterior, é dicir, co ruralismo, co costumismo ou coa liña patriótica. Os máis importantes foron:
Neotrobadorismo. Inspirado na nosa lírica medieval, recupera temas (o amor idealizado...), ambientacións (adoito naturais) e recursos estilísticos propios da lírica dos cancioneiros (formas sinxelas, paralelismo, refrán...). Pretende ligar a tradición literaria medieval galega coa renovación vangardista. Representantes: Fermín Bouza-Brey, Xohán Ledo, Álvaro Cunqueiro.
Hilozoísmo. Termo acuñado por Amado Carballo (do grego hilo ‘materia’ + zoe ‘vida’) para definir unha poesía onde a natureza aparece animada e viva, chea de movemento e cor. Busca unha visión dinámica e sensorial da paisaxe galega, próxima ao espírito vitalista e optimista das vangardas europeas. Representantes: Luís Amado Carballo, Manuel Antonio.
Para coñecerdes mellor as vangardas galegas deixámos aquí tres recursos ben útiles.
O primeiro, o blog «As vangardas», creado pola profesora Pilar Ponte.
O segundo é un vídeo divulgativo que explica, de forma moi amena, as orixes das vangardas.
O terceiro, un vídeo de Nee Barros, coñecida en youtube co pseudónimo de neeumátiko. Por certo, a súa canle pode serche de interese, pois ten máis vídeos nos que fala de contidos lingüísticos e literarios.
Se te fixas, as oracións activas impersoais (Aquí estúdase ben) e as pasivas reflexas (Véndense casas) son moi semellantes na forma (ambas posúen a forma SE e tamén trazos semánticos comúns). Con todo, para poder diferencialas hai uns trazos clave, que che presentamos nesta táboa.
Por último, estas pistas tamén poden serche útiles:
Se o verbo está en P6, sempre é pasiva reflexa.
Na reunión dixéronse moitas cousas.
Se o verbo é intransitivo, copulativo outransitivo sen CD expreso, sempre é impersoal.
Vívese ben en Galicia. (verbo intransitivo)
Ése máis serio no traballo. (verbo copulativo)
En Escocia céase máis cedo. (verbo transitivo sen CD expreso)
Se o verbo é transitivo, en P3 e con CD expreso, resulta ambigua e pode interpretarse de dous xeitos. Só o contexto permitiría distinguilas ben:
Alúgase piso. A) Activa impersoal (Alguén aluga piso)
B) Pasiva reflexa (O piso é alugado)
Actividade: Distingue cales das seguintes oracións son activas impersoais e cales, pasivas reflexas:
Aquel día escribiuse unha páxina da historia.
Na casa falábase sempre de política.
En Islandia atopáronse mosquitos por primeira vez.
Ás veces, poderíase pensar que os prexuízos lingüísticose a discriminación que deles se pode derivar é só unha cuestión teórica, que se recolle nos libros de texto ou en chistes gráficos. Máis o certo é que, por desgraza, afloran cada pouco tempo nos medios de comunicación.
E acaban concretándose en feitos reais que afectan á vida cotiá de moitos galegos. Vexamos só uns cantos exemplos tirados da prensa dos últimos anos.
Se queres como, hai uns anos, viviron en primeira persoa os prexuízos lingüísticos compañeiros e compañeiras do colexio durante a experiencia de 21 Días en Galego, aquí che deixamos este vídeo resumo da primeira edición. Foi unha grande experiencia normalizadora que, máis alá dos premios recibidos (1, 2...) resultou moi significativa para a rapazada do Fogar!
Xa saberás que o sistema vocálico galego consta de sete vogais. Aquí cho explica Esther Estévez en Dígocho eu.
Se cadra, un dos trazos máis especiais do galego, especialmente para un neofalante, é a distinción entre vogais medias semiabertas e semipechadas. Aquí che deixamos unhas breves pautas para distinguir o uso dunhas e doutras.
Vogais semiabertas /ɛ/ /ɔ/
• En palabras con «e» ou «o» breves no latín: ferro, fero, festa, pedra, grego, nove, roda, óso, nora, soño...
• Nas palabras rematadas en -elo/-ela, -encio/-encia, -enza, -osa, -ola, -el, -ol e -oz: castelo, cadela, silencio, paciencia, crenza, xeitosa, pastel, papel, caracol, español. voz... Así como os seus plurais: pasteis, papeis, caracois, españois...
• En palabras esdrúxulas (excecpción: cóbado) e en palabras graves con ditongo crecente na última sílaba (excepción: femia, premio, medio, codia): brétema,médico, inhóspita, lóxico, arteria, vivencia,croio, serodia...
• Nos nomes das seguintes letras: e, o, efe, ele, eme, ene, eñe, erre e ese.
Rematou o curso 2024-25. Foi un período moi intenso cheo de proxectos e actividades. Non podemos deixar de felicitar a todo o profesorado, alumnado e familias que demostraron unha gran implicación. Esperamos poder repetir esta mesma dinámica no futuro.
Como colofón e despedida, nada mellor que un dos grandes traballos achegados polo alumnado. Neste caso, un magnífico vídeo elaborado por Roi Edreira, Manuel Andrade e Sebastián Mattos, de primeiro de Bacharelato, cun roteiro lingüístico-literario no que nos expoñen a vinculación do Rexurdimento coa nosa cidade da Coruña. Parabéns, rapaces!
O pasado mércores 14 de maio celebramos, no marco das actividades da Semana das Letras Galegas, a nosa primeira Foliada das Letras. Un encontro co que queremos facer patente, dun xeito festivo, o compromiso do Fogar coa nosa lingua e coa nosa cultura. E foi todo un éxito!
Foron moitas as familias que se achegaron ao centro para celebrar unha tarde de música, baile, merenda e, sobre todo, moita alegría. Gran parte do éxito debémosllo ao grupo Pesdelán que souberon animar o publico, facendo que pequenos e maiores non parasen de bailar. Gozamos ademais coas actuacións das nosas padeireteiras e do maio preparado polo alumnado de Infantil. Parabens tamén aos presentadores do acto: Sabrina Varela e Nicolás Barro, un gran traballo!
Este vídeo resumo foi elaborado por Ainara Sánchez, Nicolás Barro e Adriana Picallos. E contou coas imaxes e gravacións dun bo número de compañeiros e compañeiros que tamén asistiron á Foliada.
Agardamos repetir co mesmo éxito ou máis o curso que vén. Moitas grazas a todos!
No Fogar, o Día das Letras Galegas deste ano tocounos moi de cerca. Isto animounos a levar adiante un bo número de proxectos diferentes, todos coa idea de divulgar e poñer en valor a arte das nosas cantareiras: obradoiros, gravacións musicais, bailes, karaokes, pasatempos...
Unha boa forma de reunir o resultado de todo ese traballo é o Telexornal «Edición Cantareiras» que aquí che presentamos. Con el, ademais. contribuímos a difundir a riqueza da nosa poesía oral popular. Parabéns a todos os implicados en sacar a diante estoutro proxecto: alumnado, profesorado e familias.
Ah! E esta non será a última actividade arredor das Letras Galegas deste 2025. Quédanos a gran Foliada das Letras deste mércores 14 pola tarde. Animámosvos a todos a participar!
O vindeiro mércores ás 17:30 comezará a gran FOLIADA DAS LETRAS, unha festa con música en vivo (a cargo do grupo Pesdelán), baile e merenda para todos os asistentes. E de balde! Estades todos convidados! Animade os vosos imáns e irmás, pais, nais, avós e avoas. Cantos máis, mellor!
Non só pasaremos unha tarde divertida con este ambiente festivo, senón que tamén celebraremos as Letras Galegas deste ano, dedicadas, como sabedes, ás nosas cantareiras e á nosa poesía oral. Aproveitaremos para ofrecer a actuación das pequenas pandeireteiras do Fogar e para presentar os diferentes proxectos arredor das Letras Galegas deste curso: «Xota do Fogar», «Valse das Avoas», «Telexornal Cantareiras»...
Como adianto aquí deixamos os vídeos da «Xota do Fogar». O primeiro, coa interpretación dos nosos músicos e cantareiras; e o segundo, en versión Karaoke. A cantar todo o mundo!
Non podedes faltar! Esperámosvos a todos e todas na FOLIADA DAS LETRAS!
Hoxe, venres 11 de abril, realizamos o segundo encontro entre autores e alumnado neste curso 2024-25. Un contexto no que se respiraba literatura: alumnos e alumnas de literatura de 2º de Bacharelato, os profesores de Literatura Castelá, Inés Sixto, de Literatura Galega, Pablo Quintá; e Ledicia Costas, unha das escritoras máis lidas e galardoadas do panorama literario galego.
Foi o colofón perfecto para un curso tan intenso de coñecemento da historia da literatura e de lectura de varias obras.
Nesta ocasión, o alumnado viña de realizar a lectura de dous dos seus grandes libros:Golpes de luzePel de cordeiro.
Na sesión produciuse un fluído diálogo entre a escritora e os seus lectores.
A lírica popular oral galega, coa súa tradición musical, é considerada unha das máis importantes de toda Europa occidental. A través das cantareiras, homenaxeadas no Día das Letras deste ano, podemos apreciar a riqueza e variedade das cantigas populares, que xurdían en calquera momento do ano, con calquera traballo ou ocasión festiva. Esta podería ser unha clasificación:
• Traballos do campo: cantos de seitura (de cando se recollía o cereal), cantos de vendima (de cando se recollía a uva), muiñeiras (asociadas ao momento de moer no muíños).
• Festas anuais: cantos dos maios (asociadas á celebración da primavera), cantos de Nadal ou panxoliñas (na época do Nadal).
• Vida cotiá: cantos de berce (para adurmiñar os nenos), regueifas (diálogos cantados improvisados entre mozos e mozas típicos das vodas).
Queredes escoltar algunha? Aquí tedes uns cantos exemplos.
María Pérez, a Balteira, naceu na parroquia de Armea, no concello coruñés de Coirós, preto de Betanzos. De familia fidalga, sabemos que frecuentou as cortes de Fernando III o Santo e Afonso X o Sabio. Tamén, que participou nunha cruzada a mediados do século XIII.
Aínda moi nova, María comezou a exercer o seu oficio de soldadeira; é dicir, utilizou a súa arte para amenizar o día aos nobres e cortesáns, a través do seu dominio do canto e da danza, ademais de realizar acrobacias e exercicios durante as actuacións de xograres e trobadores. Como contraprestación, María recibía un soldo, denominado «soldada», que lle permitía certa autonomía e liberdade para moverse como lle apetecía.
Segundo os textos a ela dedicados, María Balteira encarnaría todos os vicios e transgresións da época: xuraba, competía en xogos cos homes, xogaba aos dados, libre en xacer con cregos ou xograres, supersticiosa… A visión que se nos dá dela (non se nos di nada das súas habilidades artísticas) corresponde ao imaxinario masculino da época, evidentemente, cheo de prexuízos machistas.
María Pérez, a nossa cruzada, quando veo da terra d´Ultramar, assí veu de perdom carregada que se non podía con el merger. Mais furtanlho cada u vai maer e do perdom ja non lhe ficou nada.
E o perdom é cousa mui preçada e que se devía muit´a guardar, mais ela non ha maeta ferrada en que o guarde, nen a pod´haver, ca, pois o cadead´en foi perder, sempr´a maeta andou descadeada.
Tal maeta como será guardada, pois rapazes albergan no logar, que non haja seer mui trastornada? ca no logar u eles han poder non ha pardón que s´i possa asconder, assi saben trastornar a pousada.
E outra cousa vos quero dizer: tal pardón ben se devera perder, ca muito foi cousa mal ganhada.
Pero da Ponte
da terra d´Ultramar: do outro lado do Mediterráneo, de Terra Santa (Xerusalén)
merger: levantarse, erguerse
cada u vai maer: en cada lugar onde dorme
maeta ferrada: maleta reforzada con ferros
PARÁFRASE: Como era usual na época, tamén a famosa soldadeira Maria Balteira teria feito unha cruzada (peregrinación á Terra Santa), para gañar os perdóns ou indulxencias habituais. O peor é que, no seu regreso, uns mozos lle foron roubando estas indulxencias, en sucesivos ataques á súa «maleta descadeada». A cantiga é un dos máis perfectos equívocos do cancioneiro satírico.
Tivemos a enorme sorte de ser un dos tres centros galegos gañadores do concurso «Contádenos o voso Día das Letras Galegas de Luísa Villalta (2024)» convocado pola Real Academia Galega.
O pasado martes 22 de outubro acudimos ao acto de entrega destes premios no auditorio da Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada. Aproveitamos a saída para, á primeira hora da mañá, realizar unha visita didáctica á fábrica de Sargadelos que está na mesma localidade.
Foron moitos os alumnos e alumnas do Fogar, de todas as etapas, que participaron activamente dalgún xeito nos proxectos presentados a este concurso. Non obstante, debido ao aforo limitado do auditorio, só puido acudir un grupo de compañeiros en representación de todos os demais.
Unha xornada que chea de alegrías e bos momentos que non esqueceremos. Parabéns a todos os profesores e profesoras que colaboraron. E tamén a nenos, nenas e familias que se comprometeron na realización das actividades merecedoras deste recoñecemento. Porque... O GALEGO MOLA!
O xornalismo ou periodismo baséase na necesidade que ten o ser humano de obter información. Os xornalistas son os encargados de presentar os feitos e datos de forma clara e concisa, pero tamén poden incluír as súas propias opinións á hora de relatalos. Por iso, é fundamental coñecer e dominar os principais xéneros periodísticos.
Esta esquema ofréceche unha visión xeral dos trazos dos principais xéneros periodísticos e de como se clasifican.
Durante este curso, con seguridade terás que localizar, ler, analizar e comentar moitos textos destes xéneros. Para facelo, dispós tradicionais diarios e revistas en papel. Mais tamén pode serche cómodo coñecer e manexar diferentes publicacións el liña. Por exemplo:
O significado das palabras pode descompoñerse en elementos mínimos chamados semas. Así temos que o significado de gato se compón destes semas: ‘animal’, ‘felino’, ‘doméstico’.
Denomínase campo semántico o conxunto de palabras da mesma categoría gramatical que coinciden nun trazo significativo mínimo (ou sema) e se opoñen entre si pola presenza ou ausencia doutros trazos. Por exemplo, as palabras cadeira, butaca, banqueta ou sofá, entre outras, pertencen ao campo semántico dos asentos porque comparten o sema ‘asento’ e se opoñen entre si por posuíren ou non outros semas mínimos: ‘con patas’, ‘con respaldo’, ‘con brazos’...
Os estudosos da semántica desenvolveron unha técnica chamada análise de compoñentes. Con ela pódense establecer as oposicións entre todos estes semas de forma que se crea un inventario ordenado e exhaustivo dos campos semánticos.
Por exemplo:
ANÁLISE DE COMPOÑENTES DO CAMPO SEMÁNTICO: ‘OS ASENTOS’
Aproxímase o Día de Rosalía. Será este venres, 23 de febreiro. En tal data de 1837 naceu, en Santiago de Compostela, a nosa galega máis universal, Rosalía de Castro. Unha muller que conseguiu converterse na impulsora do Rexurdimento da literatura galega con poemas hoxe traducidos a ducias e ducias de idiomas: inglés, francés, alemán, ruso, xaponés, éuscaro, hebreo, turco, hindi, guaraní...
Para celebrar o Día de Rosalía, este ano, entre outras actividades, preparamos o vídeo que puidestes ver arriba. Un gran traballo colaborativo no que nenos e nenas de todas as etapas (desde Infantil ata Bacharelato), coas súas familias, fixeron a recitación dun dos seus poemas máis célebres: «Miña casiña, meu lar», tamén coñecido como «Caldo de gloria». Graciñas mil a todos: pequenos, pais, nais, avós, avoas... Un gran traballo!
Foi un proxecto, ademais, no que tamén colaborou profesorado de diferentes seminarios: o de Lingua Galega, o de Tecnoloxía e o de Plástica e Debuxo.
Ah!, e se queres saber máis sobre a figura de Rosalía de Castro, aquí deixamos estoutro vídeo. Feliz Día de Rosalía!!!!!
Eduardo Pondal consagrou a súa vida e a súa obra por enteiro a Galicia, á que consideraba unha nación en construción. Esta idea reflíctese na súa poesía épico-lírica en tres liñas temáticas principais: o helenismo, o celtismo e o bardismo.
Helenismo
Pondal ten unha ampla formación na cultura clásica grecolatina e admira o pasado heróico de Esparta. Aparece o helenismo na mención de personaxes históricos e míticos da Grecia clásica (Leónidas, Tirteo...), na alusión a topónimos helénicos (Atenas, Termópilas...), no tratamento da morte heroica e gloriosa. O seu obxectivo é que sirvan exemplo para as xentes galegas, tratando de indicarlle o camiño da súa liberación.
Oh, quen morrer poidera,
coma o forte Leónidas;
envolto en duro ferro,
noutras rudas Thermópilas!
Por unha patria escura.
de escravos e de ilotas;
e deixar, cal cometa,
longo rastro de gloria!
Celtismo
Influído por historiadores como Manuel Murguía, que defenden a orixe celta da nación galega, Pondal considera que os
antigos celtas, cos seus líderes (Breogán, Ith...), serían os nosos devanceiros. Os seus poemas fan alusión, en ton épico, aos feitos destes heroes, presentados como exemplos da forza, do valor e do sentido da dignidade.
Con este recurso ao pasado mítico celta, o poeta presenta Galicia como un pobo con historia
propia e cun pasado glorioso. Un pasado que nos serve de exemplo para recuperarmos a nosa autoestima colectiva.
Boandanza, saúde,
raza de Breogán;
teus groriosos destinos,
certo he doce agoirar:
raza nobre, anque ruda,
forte no soportar;
a de boa estatura,
e de corpo lanzal:
asomellante ôs pinos,
ben compridos que están,
sobre a materna,
rápida pendente,
do monte de Brumar.
Bardismo
Pondal atribúese a si mesmo papel de bardo do pobo galego. O bardo era o antigo poeta celta, unha especie de guía espiritual que gardaba e transmitía poeticamente a sabedoría da tribo. Pondal concibe a súa obra como unha revelación aos galegos, por unha parte, do seu pasado celta glorioso, que debería servir de estímulo e orgullo; por outra parte, do seu presente de opresión e escravitude; e por último, do seu futuro, no que, guiados polo bardo, conseguirán o triunfo da liberdade.