xoves, 30 de abril de 2020

O infinitivo conxugado



Xa estudamos que o infinitivo conxugado (ou flexionado) é un trazo lingüístico case exclusivo do galego. Dános unha importante riqueza expresiva cando empregamos oracións con infinitivo.


Como xa vimos nalgunha fotocopia traballada na clase, as regras básicas de uso do infinitivo conxugado son:
A. O infinitivo ten suxeito distinto ao do verbo principal:
Deiche os cartos para comprares pan.
B. Cando, tendo o mesmo suxeito, o infinitivo vai antes do verbo principal:
De actuardes dese xeito, acabaredes con problemas.
C. Cando o infinitivo é suxeito:
Reciclarmos é moi importante. 


Estas son as actividades de hoxe:
• Fai clic aquí e realiza a primeira actividade.
• Fai clic aquí e realiza as actividades que se propoñen (Ollo!, hai dúas series de oracións: 1 e 2).

mércores, 29 de abril de 2020

Perífrases verbais


No capítulo do antigo programa «Ben falado» da TVG fálasenos dunha das perífrases máis características do galego: dar + participio. Hoxe toca darmos un repaso ás perífrases verbais. Lembra que xa as estudamos nas páxinas 182-183 do teu libro de texto.


Como vimos tamén no libro, as perífrases son de tres tipos: temporais (indican futuridade ou inminencia), modais (indican obriga, probabilidade...) ou aspectuais (incoativas –acción en desenvolvemento–, terminativas –acción rematada–, reiterativas –acción repetida–).




Despois de leres a información anterior e de repasares o apartado 3 das páxs 182-183:
• Fai un esquema sobre os tipos de perífrases (debe incluír as perífrases e os seus exemplos). Envíamo por MOODLE.
• Resolve estas actividades en liña: aquí e aquí.

luns, 27 de abril de 2020

O estándar e as variedades xeográficas

O galego, como calquera outra lingua viva, posúe distintas variedades xeográficas (ou dialectais). É dicir, ao longo do noso territorio hai trazos na fala (fonéticos, morfolóxicos, léxicos...) específicos de cada lugar. De visitardes as seguintes ligazóns, mozos e mozas de distintos lugares de Galicia fálanvos das características do seu galego: Rianxo (A Coruña), Ribadeo (Lugo), Malpica (A Coruña), Tomiño (Pontevedra) ou O Bierzo (León).

Nas páxs. 255-256 do teu libro explícase cales son bloques dialectais do galego e cales son os trazos específicos de cada un. Basicamente son tres: o bloque occidental, o bloque central e o bloque occidental. O trazo que lles serviu aos lingüistas para determinar o límite entre estes bloques é o xeito de formarmos o plural das palabras acabadas en -ón. 

-ón / -óns (bloque occidental)     -ón / ós (bloque occidental)     -ón/ois (bloque oriental)
   camións                                   camiós                                   camiois


Estes serían algúns dos trazos lingüísticos propios de cada bloque:




A variedade estándar (ou normativa) é aquela variedade común a todos os falantes que se emprega en contextos formais (ver cadro da marxe da páx. 254). As bases do actual estándar do galego datan do 1982, cando a RAG (Real Academia Galega) e o ILG (Instituto da Lingua Galega) aprobaron as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego. Este galego normativo combina trazos dos distintos bloques dialectais. 


A tarefa de hoxe, sinxela. Tendo en conta a información anterior e a que tes no teu libro, identifica a que bloque dialectal corresponde a fala de Quico Cadaval, que podes escoitar neste divertido monólogo seu sobre «Os coruños». IMPORTANTE: debes xustificar a túa resposta cun mínimo de TRES TRAZOS (cos seus correspondentes exemplos). Dá a túa resposta directamente na actividade proposta por MOODLE.

mércores, 22 de abril de 2020

A conxunción


A conxunción é a clase de palabra (invariable) que pode relacionar palabras mais tamén pode relacionar oracións.

Xoán e Helena                   Xoán xoga ao xadrez e Helena le unha novela.

As conxuncións clasifícanse en:
• Coordinantes (relacionan unidades ao mesmo nivel): Paulo fala e María escoita. 
• Subordinantes (relacionan unidades a distinto nivel): Paulo dixo que vai chover.
Ollo con estes erros frecuentes coas conxuncións!
*a penas: apenas
*a pesares de que: a pesar de que
*anque: aínda que
, aínda cando
*asegún: segundo, conforme
, consonte
*donde: onde
*e máis: e mais
*i: e
*mentras que: mentres que
*millor: mellor
*mismamente: mesmamente
*nen: nin
*o mismo que: o mesmo que
*según: segundo
, conforme, consonte
*sen/sin embargo: non obstante
, con todo
*si: se
Hoxe, como tarefa, simplemente ler o apartado do teu libro referido á conxunción (páx. 263) e facer o exercicio 1 desta ligazón.

luns, 20 de abril de 2020

A preposición

Adoita definirse a preposición como a clase de palabra que serve para relacionar palabras ou grupos de palabras.
tortilla de patacas            a filla de teu irmán

Estas son as preposición e locucións prepositivas galegas.


Lembra ademáis que as preposicións a, con, de, en e por sempre contraen co artigo determinado. E as preposicións con, de e en fano tamén co artigo indeterminado.


Este vídeo axudarache a recordalo!



Ten en conta, por último, que moitas destas preposicións e locucións prepositivas son exclusivas do galego: agás (‘excepto’), perante (‘en presenza de’), cara a (‘en dirección a’), en col de (‘encima con contacto físico’)... 

Para rematar algo de traballo. Despois de repasar o apartado da preposición do teu libro, clica aquí e fai actividade desta ligazón. E tamén aquí, neste caso só o exercicio 6.

xoves, 16 de abril de 2020

O adverbio [2]

Unha das dificultades cos adverbios é o mal uso que facemos deles por influencia do castelán. Aquí tes tres episodios do espazo «Dígocho eu» con consellos para usar correctamente os adverbios mais, ademais e si.




Lembra que tamén debes evitar erros frecuentes como estes, por interferencia do castelán:


E lembra tamén que hai unha chea de adverbios exclusivos do galego que convén coñecer e empregar. Por exemplo: 
algures (‘nalgunha parte’)
ningures (‘en ningunha parte’)
alén (‘máis alá, máis lonxe’)
antano (‘en tempos antigos’)
hogano (‘na actualidade’)
asemade (‘simultaneamente’)
á mantenta (‘a proposito, adrede’)
ao chou (‘aleatoriamente’)
decote (‘a diario, acotío’)
arreo (‘ininterrompidamente’)
abondo, dabondo (‘en cantidade suficiente’)
abofé (‘con certeza’)


mércores, 15 de abril de 2020

O adverbio [1]


Avanzamos hoxe un chisco na materia. Se vas ás páxs. 260 e 261 do teu libro de texto, atoparás o apartado de gramática correspondente a unha nova clase de palabra: o adverbio. Le estas páxinas con calma.
O adverbio é a clase de palabra (normalmente invariable) que modifica un verbo, un adxectivo, outro adverbio e mesmo unha oración enteira, expresando circunstancia de lugar (aquí, aí...), tempo (agora, mañá...), modo (ben, amodo...), cantidade (abondo, máis...), afirmación  (si, abofé...), negación  (non, tampouco...), dúbida  (seica, talvez...)...
A locución adverbial é a combinación de dúas ou máis palabras que equivalen a un adverbio: Conseguín as entradas gratis (adverbio) = Conseguín as entradas de balde (loc. adverbial)
E importante que repares no esquema que o libro che ofrece clasificación semántica dos tipos de adverbios e locucións adverbiais (con exemplos): de lugar, de tempo, de modo...

Por último, aquí, aquí, aquí e aquí tes unhas actividades en liña para practicares o adverbio (todas coas súas solucións).