Festa dos Maios é unha celebración tradicional galega que marca a chegada e o triunfo da primavera. Representa o renacer da natureza, o crecemento das plantas e o comezo do ciclo agrícola. As súas orixes remóntanse ás antigas culturas prerromanas, especialmente á tradición celta e á festividade de Beltane, que celebraba o inicio do verán e a conexión coa natureza.
A festa consiste en construír os maios, estruturas decoradas con flores, follas e froitos, que poden ter forma de árbore ou de figuras variadas. Ao seu redor, grupos de persoas cantan coplas populares e acompañan o ritmo con paus.
É costume que os participantes, a cambio da súa actuación, pidan un aguinaldo en alimentos. Tamén se organizan concursos para premiar os mellores maios e cantigas. Esta tradición mantense viva en moitos lugares de Galicia (Pontedeume, Ourense, Redondela, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra...).
Como mostra da súa importancia cultural, destaca o poema «Aí vén o maio» de Manuel Curros Enríquez, exemplo do valor desta festa na nosa tradición literaria e popular.
Aí vén o maiode frores cuberto
Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos(1) furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas(2)
dos meus castiñeiros.
Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sonvos o probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno!
Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos(3) e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero.
Queredes castañas
dos meus castiñeiros?
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas(4), nin portas,
nin foros, nin cregos.
Manuel Curros Enríquez, Aires da miña terra
puchos(1): sombreiros
crocas(2): castañas
trabucos(3): impostos
quintas(4): grupos de mozos que debían obrigatoriamente servir como soldados no exército
Ningún comentario:
Publicar un comentario