sábado, 28 de novembro de 2020

Tópicos amorosos de onte e hoxe


O asunto amoroso é o eixo central das cantigas de amigo e das cantigas de amor. Nestas últimas, por exemplo, podemos recoñecer certos tópicos (ou campos sémicos) concretos:
  1. Loanza da dama: eloxio das virtudes físicas (fremosa, bon semellar, bon parecer...) ou morais da muller (boa, prez –valor–, mesurada –discreta–, bon falar...).
  2. Amor do poeta: expresión do sentimento amoroso do cabaleiro (amor, amar muito, querer ben...).
  3. Reserva da dama: refírese ao desdén, indiferenza ou rexeitamento da dama (non falar, ir-se, sanhuda –rancorosa–, alongar –separarse–, desamar, fazer mal...).
  4. Coita de amor: sufrimento por amor do cabaleiro (coita, doo, penar, sofrer, chorar, ensandecer –tolear–,  perder o sen –perder a cordura–, morrer...).
Aínda que nunca repararas nisto, estes tópicos, séculos despois, seguen a ser recorrentes en cancións de todas as linguas e culturas. Velaquí uns exemplos. Ollo!, todos en voz masculina, como as cantigas de amor.







Poderías atopar estes mesmos tópicos noutras cancións? Repasa as letras das cancións que che gusten, dá igual o idioma, e busca os fragmentos con algún destes mesmos tópicos. 

sábado, 14 de novembro de 2020

Os determinantes

               

Os substantivos comúns aparecen normalmente precedidos por palabras que os concretan (a casa, aquela casa, a túa casa...), Estas son coñecidas como determinantes. Xa os estudiamos nas páxinas 134-137 do teu libro. Imos agora repasalos:


Dálle unha lectura ao apartado dos determinantes do teu libro (nas páxinas 134-137) e logo propoñémosche que participes nesta aventura interactiva. Ollo!, terás que anotar o número que se che ofrece ao superar cada serie de probas para poder descubrir a clave que abre a caixa do tesouro.

Adiante, a traballar... E ánimo!

xoves, 5 de novembro de 2020

Creamos textos argumentativos

 

O vídeo anterior preséntache o texto argumentativo. Xa sabes, ese tipo de texto que ten como intención principal defender unha idea (tese) e convencer dela o lector. Os textos argumentativos danse con frecuencia na vida cotiá: artigos de opinión xornalísticos, sentenzas xudiciais, ensaios científicos ou filosóficos, discursos políticos, textos publicitarios, intervencións en debates e mesas redondas e, en xeral, tamén discusións espontáneas do noso día a día.

No vídeo anterior proponse un texto argumentativo cunha estrutura dedutiva, é dicir, a tese xa se indica no primeiro parágrafo, para despois desenvolver os argumentos. Nós propoñémosche unha estrutura indutiva ou sintética, que consta destas partes: 

Introdución: presentación do tema (asunto sobre o que se vai falar).
Desenvolvemento: conxunto de argumentos que conducen á tese, reforzados por probas, exemplos, citas...
Conclusión: tese (síntese coa opinión persoal). 

Entre os procedementos discursivos que contribúen a apoiar os argumentos están os seguintes:

Definición: explica o significado de conceptos clave no texto.
Comparación ou analoxía: serve para poñer en relación ideas, con casos semellantes ou diferentes que axudan a comprender conceptos e argumentos.
Exemplificación: achega un exemplo concreto e contrastable que facilita a comprensión dunha idea ou demostra argumentos.
Enumeración: exemplos en serie que proporcionan máis forza a un argumento.
Cita: reprodución das palabras de expertos ou persoas que coñecen o tema, así serven como argumentos de autoridade.
Interrogación: pode usarse para poñer en dúbida un argumento contrario, para provocar unha reacción no interlocutor ou mesmo poden ser retóricas para convidar á reflexión.

De acordo co anterior e co traballado na aula, redacta un texto argumentativo, dun mínimo de 20 liñas, sobre un dos seguintes temas. Escolle o que máis che interese, iso si, debes decidirte por unha das aletrnativas que se ofrecen en cada caso.
 
• Os deberes escolares: son beneficiosos ou son un problema?
• O toureo (ou tauromaquia): debe prohibirse ou non?
• As centrais nucleares: necesarias ou demasiado perigosas?
• Os programas de telerrealidade: entretemento ou «telelixo»?
• As redes sociais: axúdannos a socializar ou íllannos?
• O fútbol profesional: deporte ou simple negocio?

Se queres, aquí podes ler exemplos de textos argumentativos creados por compañeiros de cursos anteriores. Cando o teñas o teu finalizado, revisado e en limpo, envíamo por MOODLE. Podes redactalo no caderno e mandarme un escaneo ou, se o prefires, escribir directamente o texto completo no recadro da actividade en Moodle.


martes, 27 de outubro de 2020

Substantivo: xénero e número



O xénero é inherente aos substantivos. No teu libro de texto (páxs. 91-92) podes estudar o imprescindible sobre este trazo do substantivo. A lingua galega diferencia dous xéneros: masculino e feminino. A maioría dos substantivos presentan invariablemente un só xenero (a mesa, o libro). Neste sentido, cómpre lembrarmos que en galego...



En troques, algúns substantivos admiten os dous xeneros por designaren seres sexuados (o neno / a nena, o gato / a gata). Nestes casos a regras de flexión de xénero recóllense neste esquema.


En canto á flexión de xénero, convén precisar o caso dos que rematan en -án e -ón.


O número dos substantivos (no teu libro, páxs. 93-94) permite expresar a diferenza entre realidades singulares e múltiples. O que máis nos interesa é o xeito de formar o plural en galego, que segue unhas regras básicas.



venres, 23 de outubro de 2020

A lírica: métrica, estrofas...


Hoxe imos repasar os trazos básicos do xénero lírico. O primeiro que debes facer é ler con atención os subapartados 2.1 O xénero lírico (páxs. 22-23) e 4 A linguaxe literaria (páxs. 25-27). Relé a definición xeral do xénero, a análise métrica, os tipos de estrofas e os recursos estilísticos.

Para poder recoñecer os tipos de estrofas, aquí tes estas imaxes que nos amosan desde as máis breves e simples (pareado, tercetiña...) ás máis longas e complexas (romance, soneto...).





Tamén podes consultar os tipos de estrofas nesta presentación.


Agora poñamos en práctica estes coñecementos. Deseguido, o soneto «Bendito sexa o ano, o mes, o día» de Darío Xohán Cabana. Leo con calma, en voz alta se é posible, e procura captar o seu sentido. Lembra que hai unha voz poética que busca expresar unha idea.
Bendito sexa o ano, o mes, o día
que te encontrei no medio do camiño
e andabas escollendo a flor do espiño
sen te mancar na espiña que fería;
bendita sexa a hora en que eu prendía
no teu claro mirar de trigo e liño
e o instante en que probei o manseliño
mel da palabra túa de amavía:
bendito sexa o intre e o segundo
en que determinei ser teu amigo
e camiñar contigo polo mundo.
bendito sexa o porto e a cidade
onde embarquei pra navegar contigo
nun navío de amor e de saudade.
Agora vai aquí e realiza as actividades interactivas que se propoñen sobre este poema (marca a opción «Mostrar todas as preguntas»). Cando remates, comproba os teus propios resultados. Non é preciso que me envíes nada por MOODLE.

sábado, 17 de outubro de 2020

Orixe e formación do galego


Como podes ver na páxina 20 do teu libro de texto, o galego é unha lingua romance (ou románica) derivada da variedade do latín que trouxeron a Galicia os romanos, cara ao século I d. C., durante a expansión do Imperio. Sendo esta base latina o compoñente fundamental da nosa lingua, o galego tamén conserva trazos das linguas anteriores e posteriores á romanización.

Substrato. Trátase das linguas dos pobos que habitaron no territorio galego antes da chegada dos romanos. Hai que distinguir unha compoñente preindoeuropea, máis antiga, e outra indoeuropea, de orixe celta e precelta. Destas linguas quedan restos no noso léxico (carqueixa, cabana, amorodo, berce, con, sobaco, sapo, veiga, carballo, gándara, rodaballo...) e na nosa toponimia (Coruña, Laxe, Carballo, Carnota, Lestrove, Montrove, Barallobre...). 

Romanización. Chámase asi ao proceso de asimilación cultural por parte do Imperio Romano dos territorios que ía conquistando na súa expansión. Noutras palabras, é da expansión da cultura romana e da súa lingua. De feito, o latín é a base fundamental do galego: regras gramaticais, fondo léxico...

Superestrato. Trátase das linguas que falaban os pobos que chegaron a Galicia despois da romanización e que deixaron pegadas no galego: as linguas xermánicas e o árabe. No século V prodúcese as invasións xermánicas. Na Gallaecia asentanse os suevos, onde fundaron o Regnum Suevorum, o primeiro reino xermánico de Europa. Deles conservamos algunhas voces da vida doméstica (ganso, espeto, luva, esmagar, sopa...), antropónimos (Carlos, Alberte, Guillerme, Elvira...) e topónimos (Zas, Gondomar, Allariz, Mondariz, Guitiriz...). Os árabes penetraron na Península no ano 711, mais practicamente non chegaron a asentarse no noso territorio. Conservamos uns poucos topónimos (Alfoz, A Mezquita ou Rábade) e outras voces adquiridas como préstamos a través do castelán ou do portugués (alcalde, almofada, albanel, algodón, azucre, laranxa, xadrez...).


Cara ao século IX, esta evolución deu lugar á aparición das diferentes linguas romances, entre elas o galego. No seguinte mapa animado vemos de forma gráfica a evolución da nosa lingua (e das outras linguas peninsulares) desde o ano 1000 aproximadamente ata a actualidade.

 
E para rematar, unha magnífica presentación en Prezi sobre «A formación do galego» elaborada pola nosa antiga alumna de bacharelato Helena Mayobre. 

Helena Mayobre Hermo

mércores, 14 de outubro de 2020

O signo lingüístico

Xa estamos comezando un novo curso. Se reparas na páxina 16 do teu libro de texto, verás que as linguas están constituídas por signos que emitimos oralmente: os signos lingüísticos. Un signo lingüístico é a unión inseparable de dous compoñentes que o lingüista Saussure denominou significante (grupo de sons que asociamos a un concepto) e significado (idea ou concepto que asociamos a un significante). Esta dobre cara do signo remite sempre a unha realidade ou referente.

O seguinte esquema exemplifica graficamente esta idea.


O signo lingüístico é arbitrario e convencional, é dicir, non hai ningunha razón para que o can se chame can. Así, cada cultura desenvolve, para un mesmo significado, o seu propio significante: can, perro, dog...

O signo lingüístico é tamén articulado, isto é, tanto significado como significante poden dividirse en unidades máis pequenas que se combinan para formar novos signos (/kán/ –> /pán/ –> /tán/; ‘animal’ ‘canino’ ‘doméstico’ –> ‘animal’ ‘felino’ ‘doméstico’).

Para que che quede algo máis claro, e tamén para que practiques un chisco o teu portugués, aquí tes un breve vídeo sobre o signo lingüístico. Seguro que o pillas todo!