luns, 11 de maio de 2020

O 17 de maio para Ricardo Carvalho Calero


Achegámonos ao 17 de maio, Día das Letras Galegas. Escolleuse este día e non outro porque un 17 de maio, aló polo 1863, unha moza chamada Rosalía de Castro publicou o libro que representaría un antes e un despois na historia da nosa lingua e da nosa cultura: Cantares Gallegos.

O homenaxeado neste 2020 é Ricardo Carballo Calero, que na última etapa da súa vida asinaba como Ricardo Carvalho Calero. Este ferrolán foi unha das figuras máis relevantes para a lingua e para a literatura galegas do século XX. Foi un verdadeiro erudito e polígrafo: intelectual, filólogo, narrador, poeta, dramaturgo, crítico literario, profesor...

Para achegarte algo máis á súa figura, recomendámosche que visites o Fogar dos Libros. No blog da nosa biblioteca atoparedes unha chea de información, preparada por Xulián.


Dedicade 5 minutos a  ver este magnífico vídeo, elaborado pola xente do colexio Pío X de Ourense, sobre o protagonista do Día das Letras este ano.


Deixámosche, por último, este PDF para que leas detidamente un resumo do perfil biográfico e bibliográfico deste insigne autor. 

E a tarefa de hoxe é resolver, tendo en conta a información do vídeo e do PDF, este autodefinido dedicado a Ricardo Carvalho Calero (só se che é posible imprimir o documento). Os cadros en laranxa intensa corresponden a termos relacionados coa súa vida ou coa súa obra. E lembra que, cando se fai referencia a números ou anos, cómpre usar a numeración romana.


Adiante! Podes pedir axuda na casa! Cando o teñas listo, faille unha foto e envíama por MOODLE.

venres, 8 de maio de 2020

O curioso incidente do can á media noite


Hoxe toca aclarar que pasa coa lectura desta 3ª Avaliación. Como sabes desde comezo de curso, o libro de lectura obrigada neste último trimestre é O curioso incidente do can á media noite, do escritor británico Mark Haddon. Editado en galego por Sushi Books e Rinoceronte. 

Trátase dun verdadeiro boom editorial que mesmo deu orixe a unha versión teatral que triunfou primeiro en Londres e máis tarde en diversas capitais europeas. Este é o seu punto de partida.
Christopher é un mozo bastante intelixente e talentoso que coñece as capitais de todos os países do mundo, pode explicar a teoría da relatividade e dicir unha serie infinita de números primos, pero a súa capacidade para relacionarse con outro ser humano é case nula. Ten quince anos e en realidade non ten unha vida normal, atado á súa casa e con odio polo contacto físico. Cando Wellington, o can da súa veciña, é asasinado, decide comezar a aventura e resolver o misterio, tal e como faría o seu heroe: Sherlock Holmes.
Na última semana deste mes de maio, presentaremos no blog unha tarefa sobre esta obra. Debido a situación de confinamento (e á posibilidade de non ter acceso ao libro), esta actividade só servirá para recuperar ou mellorar a nota. 

En todo caso, recomendamos que, se é posible, se lea esta novela porque paga a pena!

xoves, 7 de maio de 2020

Pasapalabra de «Lingua e sociedade»


Se lle botas unha ollada ao índice do teu libro, verás que no bloque de «Lingua e sociedade» xa vimos estas unidades:
Un. 1. As linguas peninsulares: formación e evolución (páx. 20)
Un. 2. Historia social da lingua: a etapa medieval (páx. 46)
Un. 3. Plurilingüismo. Linguas do Estado español (páx. 68)
Un. 4. Contacto entre linguas. Bilingüismo. (páx. 94)
Un. 5. Contacto entre linguas. Diglosia e conflito lingüístico. (páx. 116)
Un. 6. A consideración social das linguas. (páx. 139)
E desde o confinamento vimos:
Un. 7. Historia social da lingua: o período de decadencia (páx. 162)
Un. 8. O galego e a lusofonía (páx. 185)
Un. 11. Variación lingüística: niveis, rexistros e dialectos. (páx. 254)
Unha chea de conceptos importantes foron estudados neses apartados: substrato, superestrato, romanización, galego-portugués, bilingüismo, diglosia, lingua minorizada, lusofonía, prexuízos lingüísticos, gheada, seseo...

Para repasar todos estes contidos, aquí tes un pasapalabra de «Lingua e sociedade», quentiño do forno ex professo para ti. Xoga a resolvelo:
• Escribe todas as respostas no menor tempo posible.
• Para pasar á seguinte letra, podes facer clic en «Pasapalabra».
• Se na primeira rolda do rosco, non dás acertado todas as respostas; na segunda, podes consultar o libro.
• Cando remates, preme en «Fin». Faille unha foto ao teu resultado final e envíama por MOODLE.

mércores, 6 de maio de 2020

Achegamento á lusofonía

Se cadra, non lembras o Festival de Eurovisión do ano 2017. Pois daquela estivemos de celebración! De entre ducias de cancións en inglés cantadas por representantes de países de toda Europa, a gañadora foi «Amar pelos dois», unha balada en portugués, ese idioma fillo do galego-portugués medieval. Un mozo lisboeta, Salvador Sobral, foi o vencedor cantando na súa propia lingua.


Como vemos no seguinte vídeo, recentemente Salvador Sobral deu un concerto en Santiago. Alí referiuse a si mesmo como «galego do sur».


A vinculación do galego co portugués fai que poidamos entendernos, sen grandes dificultades, cuns 215 millóns de persoas do ámbito da lusofonía. Se, ademais, falas castelán e inglés, podes chegar a comunicarte en total con case 1000 millóns! Todo son vantaxes!


Escoita agora a interesante mensaxe que nos envía Isadora, alumna do IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos. Realmente convida á reflexión o que nos conta.


Aquí vai a tarefa de hoxe. Primeiro le no teu libro os apartados 1 e 2 da páxina 185 referidos á lusofonía  (Un. 8). Escolle despois entre unha destas dúas opcións:
a) Resolver un encrucillado creado a partir da letra de «Amar pelos dois», de Salvador Sobral. Podes imprimir o PDF e tamén escoitar e ler a canción (aquí) para que che sexa máis fácil.
             
b) Facer un esquema sobre os países que constitúen a lusofonía, por continentes. Debes investigar (aquí, por exemplo) e incluír datos básicos: número de falantes por país ou se o portugués é lingua oficial ou non nese estado. 
Faille unha foto á túa tarefa e envíama por MOODLE.





xoves, 30 de abril de 2020

O infinitivo conxugado



Xa estudamos que o infinitivo conxugado (ou flexionado) é un trazo lingüístico case exclusivo do galego. Dános unha importante riqueza expresiva cando empregamos oracións con infinitivo.


Como xa vimos nalgunha fotocopia traballada na clase, as regras básicas de uso do infinitivo conxugado son:
A. O infinitivo ten suxeito distinto ao do verbo principal:
Deiche os cartos para comprares pan.
B. Cando, tendo o mesmo suxeito, o infinitivo vai antes do verbo principal:
De actuardes dese xeito, acabaredes con problemas.
C. Cando o infinitivo é suxeito:
Reciclarmos é moi importante. 


Estas son as actividades de hoxe:
• Fai clic aquí e realiza a primeira actividade.
• Fai clic aquí e realiza as actividades que se propoñen (Ollo!, hai dúas series de oracións: 1 e 2).

mércores, 29 de abril de 2020

Perífrases verbais


No capítulo do antigo programa «Ben falado» da TVG fálasenos dunha das perífrases máis características do galego: dar + participio. Hoxe toca darmos un repaso ás perífrases verbais. Lembra que xa as estudamos nas páxinas 182-183 do teu libro de texto.


Como vimos tamén no libro, as perífrases son de tres tipos: temporais (indican futuridade ou inminencia), modais (indican obriga, probabilidade...) ou aspectuais (incoativas –acción en desenvolvemento–, terminativas –acción rematada–, reiterativas –acción repetida–).




Despois de leres a información anterior e de repasares o apartado 3 das páxs 182-183:
• Fai un esquema sobre os tipos de perífrases (debe incluír as perífrases e os seus exemplos). Envíamo por MOODLE.
• Resolve estas actividades en liña: aquí e aquí.

luns, 27 de abril de 2020

O estándar e as variedades xeográficas

O galego, como calquera outra lingua viva, posúe distintas variedades xeográficas (ou dialectais). É dicir, ao longo do noso territorio hai trazos na fala (fonéticos, morfolóxicos, léxicos...) específicos de cada lugar. De visitardes as seguintes ligazóns, mozos e mozas de distintos lugares de Galicia fálanvos das características do seu galego: Rianxo (A Coruña), Ribadeo (Lugo), Malpica (A Coruña), Tomiño (Pontevedra) ou O Bierzo (León).

Nas páxs. 255-256 do teu libro explícase cales son bloques dialectais do galego e cales son os trazos específicos de cada un. Basicamente son tres: o bloque occidental, o bloque central e o bloque occidental. O trazo que lles serviu aos lingüistas para determinar o límite entre estes bloques é o xeito de formarmos o plural das palabras acabadas en -ón. 

-ón / -óns (bloque occidental)     -ón / ós (bloque occidental)     -ón/ois (bloque oriental)
   camións                                   camiós                                   camiois


Estes serían algúns dos trazos lingüísticos propios de cada bloque:




A variedade estándar (ou normativa) é aquela variedade común a todos os falantes que se emprega en contextos formais (ver cadro da marxe da páx. 254). As bases do actual estándar do galego datan do 1982, cando a RAG (Real Academia Galega) e o ILG (Instituto da Lingua Galega) aprobaron as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego. Este galego normativo combina trazos dos distintos bloques dialectais. 


A tarefa de hoxe, sinxela. Tendo en conta a información anterior e a que tes no teu libro, identifica a que bloque dialectal corresponde a fala de Quico Cadaval, que podes escoitar neste divertido monólogo seu sobre «Os coruños». IMPORTANTE: debes xustificar a túa resposta cun mínimo de TRES TRAZOS (cos seus correspondentes exemplos). Dá a túa resposta directamente na actividade proposta por MOODLE.