domingo, 24 de marzo de 2019

[21DEG: Día 03] Como che vai?



Xa imos no terceiro día de 21DEG. Para que valores aínda mellor a experiencia, propoñémosche que vexas completo o vídeo-resumo da primeira edición de 2017. Aquí o tes.



Sabías que da nosa iniciativa, compartida cos pioneiros dos IES da Pobra do Caramiñal, xurdiu neste curso 2018-19 un programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística chamado «21 Días co galego e máis»? O seu primeiro paso foi promover a experiencia en catro centros das distintas provincias galegas: o IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, o IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos, o IES Pontepedriña de Santiago de Compostela e o IES Otero Pedrayo de Ourense. 



Que marabilla ver que o esforzo dos nosos rapaces tivo tan bos froitos! E o ano que vén está previsto en máis centros!

Tendo en conta todo o anterior, comezamos o «Como che vai?». Grava as túas respostas a estas preguntas, nun mínimo de tres minutos:
—Cambiou moito a túa rutina ao ser fin de semana?
—Falaches máis en galego que durante os días previos?
—Sentes o apoio dos que te rodean? E ti, como te sentes?
—Algunha anécdota interesante en relación cos 21DEG?
—Que che pareceu o vídeo de 21DEG do 2017? Que partes che gustaron máis?
—E que opinas de que a nosa experiencia se espallase por máis centros?
—Gustaríache que fixésemos un vídeo-resumo coas vosas gravacións deste ano?


sábado, 23 de marzo de 2019

[21DEG: Día 02] O reto: Trabalinguas


Como é xa tradición, para ir quecendo, o primeiro reto son os trabalinguas! Xa sabes, eses enunciados que se resisten a ser pronunciados correctamente.


Aquí tedes unha mostra de trabalinguas de idiomas de todo o mundo (alemán, francés, neerlandés, xaponés, ibo...). Para un anuncio publicitario, varias modelos internacionais demostran a súa habilidade nas súas propias linguas.



Agora tócavos a vós! Deixámosvos cinco trabalinguas de noso, ordenados segundo a súa dificultade (dos máis doados aos máis difíciles). Seriades quen de recitalos todos correctamente? Gravádeo en vídeo (xa sabedes: tedes arredor de 3 minutos). Ah! Tamén podedes gravar algún familiar intentándoo!
Trabalinguas 1
– ¿Ten tinta, Antón?
– Tinta Antón ten.
Trabalinguas 2
Se vou a Bueu nun bou vou.
Se non vou a Bueu nun bou non vou.
Trabalinguas 3
Do queixo non che me queixo,
que o queixo ben che me sabe;
quéixome de quen o vende,
que non mo deixa de balde.
Trabalinguas 4
Cinco figafarzos novos
afigafarzaron a figafarza vella;
veu o figafarzo vello
e afigafarzou os cinco figafarzos novos
e mais a figafarza vella.
Trabalinguas 5
Unha pega merga, reborderga,
gorda, rebirigorda,
acotobelada e xorda
cría pegos mergos, rebordergos,
gordos, rebirigordos,
acotobelados e xordos.
Se non criase pegos mergos, rebordergos,
gordos, rebirigordos,
acotobelados e xordos
non sería unha pega merga, reborderga,
gorda, rebirigorda,
acotobelada e xorda.

venres, 22 de marzo de 2019

[21DEG: Día 01] Como che vai?


Xa está aquí o día 1 dos 21 Días En Galego [21 DEG] do 2019. Despois desta primeira xornada  a falar en galego, correspóndeche algo sinxelo: contarnos «Como che vai?». Ao rematares a xornada, grava un vídeo de polo menos tres minutos explicándoo. Podes facelo respondendo estas preguntas:
—Que fixeches durante o día?
—Conseguiches falar todo o tempo en galego?
—Como te sentiches?
—Como reaccionou a xente ao teu arredor: no colexio, na casa...?
—Que contacto tes na túa vida cotiá coa lingua galega?
—Por que te decidiches a comenzar a experiencia de 21DEG?
—Cres que che resultará fácil ou difícil?
E como todos os anos, un padriño ou madriña anímanos a vivir a experiencia. Este curso, aquí tedes a mensaxe que nos envía Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega.


martes, 19 de marzo de 2019

Este venres comeza 21 DEG!


Chega, un novo ano, 21 Días En Galego ao Fogar de Santa Margarida. 

Conscientes de que moitos de vós non tedes o galego como lingua habitual e seguindo o ronsel dos pioneiros, o alumnado do instituto da Pobra do Caramiñal, convidámovos a desenvolver en galego a vosa vida cotiá (na casa, no centro, na rúa...) durante 21 días e valorar esa experiencia. 

Xa levamos dous cursos e a semente de 21DEG deu grandes froitos! No verán de 2017 recibimos durante o Festival de Pardiñas o premio «Investigación sobre a nosa fala» da Asociación Xermolos. E o pasado 2018, 21DEG levounos á Cadea Ser e tivemos a honra de recibir o recoñecemento da Real Academia Galega.




E mesmo tamén nos levou ao Telexornal!


21 Días En Galego, persegue dous obxectivos principais: 
• Mellorar a nosa expresión oral.
• Provocar a reflexión persoal sobre a nosa relación co idioma galego.
En que consiste a experiencia? Propoñémosvos unha serie de actividades orais, de dous tipos, que serán necesariamente gravadas en vídeo.
— «Como che vai?» (días impares). Consiste en facer unha gravación, cun mínimo de 3 minutos de duración, comentando como levades a experiencia: sensacións, dificultades do día a día, reaccións dos que vos rodean (se vos axudan, se vos cuestionan...)
— «O reto» (días pares). Tamén mediante unha gravación dun mínimo de 3 minutos, debedes de contestar oralmente a tarefa que se vos propoña: reflexionar sobre un tema, entrevistar unha terceira persoa, comentar un libro, pronunciar uns trabalinguas…
En resumo, este venres 22 de marzo comezamos. Durante 21 días iremos dando as instrucións necesarias sobre as actividades aquí, en Achaveeomundo, e as vosas gravacións serán recollidas semanalmente. 

Animo! Súmate ao proxecto! E a falar! 

mércores, 16 de xaneiro de 2019

Encontro e entrevista a Xosé Mª Lema Suárez



O pasado 20 de decembro realizouse no Salón de actos do colexio unha charla-coloquio do autor Xosé Mª Lema Suárez co alumnado de 4º de ESO sobor do libro Costa do Solpor. O regreso da illa do tesouro, editado por Xerais. 


Tras a intervención, as alumnas Rebeca Pombo Fuentes e Lucía Costa López entrevistaron ao autor arredor da súa traxectoria profesional e as súas incursións no mundo da investigación e da creación, entre outros aspectos. Os nosos parabéns ás alumnas polo seu bo facer e a máis sincera gratitude a Xosé Mª Lema pola súa paciencia e atención.

Aquí tes o audio da entrevista.

domingo, 20 de maio de 2018

21 Días En Galego na Cadea SER




21DEG segue a dar voltas, como unha buxaina que se resiste a deixar de xirar. Desta vez, tocounos visitar a Cadea Ser. Tivemos a sorte de ser convidados ao programa «O Coruñés Opina», un clásico da radio coruñesa, conducido por Isabel Bravo. 

Este domingo, o faladoiro xiraba arredor da situación da lingua galega, especialmente entre a xente nova. En nome da rapazada de 21 Días En Galego acudiron Lucía Costa (de 3ESO) e Lía Lema e Diego Oreona (de 4ESO). Todos tiveron a oportunidade de achegar á animada conversa as súas ideas e propostas sopre a cuestión.

Aquí tedes os podcast coas dúas horas íntegras de programa.



Foi unha experiencia fantástica! O ano que vén, máis. E mentres, a falar todo o galego que poidades!

mércores, 9 de maio de 2018

O Fogar homenaxeado na Real Academia Galega


Na mañá de onte, día 8 de maio, o Fogar visitou a Real Academia Galega. Mais desta vez non foi para facer unha visita guiada ás súas instalacións (aínda que ao final tamén a fixésemos). Desta vez iamos convidados pola máxima institución da lingua do país!

Os académicos quixeron celebrar un acto no que se recoñecese e se axudase a divulgar o proxecto 21 DÍAS EN GALEGO, que desde hai dous anos estamos a levar adiante no noso centro. Compartiamos esta homenaxe coa xente do IES da Pobra o Caramiñal, pionerios na experiencia.

O acto foi redondo! Primeiro presentación inicial do presidente Víctor Freixanes, que aló atrás xa nos dedicara unhas eloxiosas palabras en La Voz de Galicia. Logo unhas breves intervencións por parte de Pilar Ponte e de Carlos Medrano, profesores que coordinaron as actividades nos dous centros e un fantástico vídeo resumo elaborado polo noso compañeiro de bacharelato Diego Pampín.


Deseguido, chegou o momento das intervencións dos alumnos e alumnas, a xente nova que a Academia adoecía por recibir e escoitar. En nome do Fogar, falaron Diego Oreona Pena e Lía Lema Pombo. Contaron como viviron a experiencia 21 DÍAS e como ven o presente e o futuro da lingua. E deixaron o pavillón do cole ben alto!


Finalmente, chegou o momento do coloquio e da rolda de prensa. Aí moitos outros rapaces, e tamén académicos, tiveron a oportunidade charlar de forma animada sobre distintas cuestións referidas ao proxecto e tamén á delicada situación da nosa lingua.



Con nós, a RAG inicia un ciclo que chamará «Encontros da Academia coa xente nova». O seu obxectivo é dar voz á mocidade, desde estudantes a profesionais, abrindo espazos para a reflexión e o debate sobre o presente e o futuro do galego.

Por último, fixemos unha rápida visita á Academia e unha foto de grupo para deixar constancia gráfica dun día histórico. Se cadra, como alguén xa comentou, van ter que ir deixando algunha cadeira dispoñible para os «novos académicos» que xa están a chamar a porta.

Para saberdes máis podedes, aquí podedes ver como recolleu o acontecemento o portal Real Academia Galega. E aquí, aquí, aquí e aquí, a nova noutros medios.