luns, 25 de maio de 2020

Derivación: prefixos e sufixos


Dálle unha lectura aos recadros sobre prefixos e sufixos das páxinas de 181 e 203 do teu libro. Recordarás que estes son morfemas derivativos, é dicir, os que se engaden ao lexema para formar palabras derivadas, que cambian substancialmente o significado da palabra simple.

Mentres os morfemas flexivos (gat-o, gat-os) informan sen máis de trazos como xénero e número, os morfemas derivativos achegan un novo significado que mesmo chega a cambiar a propia categoría gramatical da palabra primitiva (sabor –substantivo–, saboroso –adxectivo–, saborear –verbo–). Estes morfemas derivativos constitúen o procedemento máis habitual e efectivo de formación de novas palabras.

Segundo a súa posición dentro da palabra, distinguiamos entre prefixos (MDP) e sufixos (MDS):
Prefixos (MDP): sitúanse antes do lexema. Caracterízanse por non cambiaren nin a referencia nin a categoría gramatical da palabra da que derivan, só varían ou matizan o seu significado: atípico ou analfabeto (‘negación ou privación’), prehistoria (‘anterioridade’), bilingüe (‘dúas veces, dous’), refacer (‘repetición’),  desfacer (‘contrario de’)...
Sufixos (MDS): sitúanse despois do lexema. Poden ser:
Derivativos: modifican a referencia e, moitas veces, a categoría gramatical da palabra da que proceden (son transcategorizadores): dentame (‘colectivo’), casamento (‘acción ou proceso’), libraría (‘lugar’), xornalista (‘profesión’)...
Diminutivos e aumentativos: engaden nocións de tamaño: caderno (‘diminutivo’), zapatón (‘aumentativo’).
Apreciativos: non modifican nin a referencia nin a categoría gramatical da palabra base, senón que a dotan de matices de afectividade: rapaca ou gordecho (‘apreciativos positivos’), cuartucho ou casuca (‘apreciativos negativos’).
Aquí tes un breve vídeo didáctico que che servirá de apoio. En portugués! Seguro que comprendes ben: xa dominas o portugués 😉 e o contido é común ao galego.


Como tarefa, hoxe fai as actividades en liña que atoparás aquí, aquí e aquí. Repara en que a actividade 1 e 3 teñen dúas partes. 

Verifica ti mesmo/a os teus resultados. Non é preciso que me envíes nada hoxe. Ánimo!

Ningún comentario:

Publicar un comentario