xoves, 28 de marzo de 2019

[21DEG: Día 07] Como che vai?




A diversidade lingüística no mundo é unha riqueza que cómpre defender. Como xa temos falado, cada unha das 6000 linguas do mundo ofrece unha visión particular e única da realidade. Deseguido, un exemplo ben ilustrativo: a palabra mamihlapinatapai, do idioma amerindio yagán, propio dos indíxenas homónimos da Terra do Fogo, no extremo sur de Chile e da Arxentina.

Ben, pois mamihlapinatapai, que case parece un trabalinguas, ben significar algo así como ‘unha mirada entre dúas persoas, cada unha das cales espera que a outra comece unha acción que ambas as dúas desexan pero que ningunha se anima a iniciar ou suxerir’.

Resulta abraiante comprobar como nesa lingua unha soa palabra nomea algo tan cheo de información e matices que nós só podemos expresar cunha longa oración (case un microrrelato). A mágoa é que xa só unha persoa no mundo pode falar yagán. Chámase Cristina Calderón, unha india nativa chilena de 90 anos. Lamentablemente, é a derradeira falante de yagán e o seu idioma morrerá con ela. Aquí tes un breve vídeo para coñecer a súa historia.


Agora, imos co «Como che vai?». Toca falar.
— Como vai a túa experiencia en 21DEG?
— Notas algunha evolución no teu galego oral despois destes primeiros 7 días?
— Éche máis doado falar en galego de luns a venres ou na fin de semana? Por que?
— Podes pronunciar correctamente mamihlapinatapai? Demóstrao.
— Que opinas sobre a inminente desaparición do idioma yagán?
— Pensas que o galego pode seguir no futuro o mesmo camiño? Por que?

Ningún comentario:

Publicar un comentario