sábado, 24 de setembro de 2022
O galego mola!
martes, 17 de maio de 2022
O noso graíño de area no Día das Letras
E cada graíño de area conta. Aproveitamos, daquela, para facer a estrea dun divertido videoclip elaborado polos compañeiros e compañeiras de 3ESOA. Como traballo voluntario da terceira avaliación, fixeron esta versión do tema «Non me digas "te quero"» do youtubeiro Aquel-e. Parabéns!
sábado, 14 de maio de 2022
Ruta pondaliana 2022
O pasado 12 de maio, despois de dous duros anos de pandemia, por fin puidemos realizar unha saída didáctica. Neste caso, foi a «Ruta pondaliana», organizada entre os Departamentos de Lingua Galega e de Xeografía e Historia. Todos os grupos de 3ESO do Fogar saímos ás 8:30. O obxectivo: coñecer espazos singulares da comarca de Bergantiños a partir da lectura de distintos poemas de Eduardo Pondal.
O percorrido levounos ao Castro da Cidá de Borneiro, ao Dolmen de Dombate (con obradoiro de caza prehistórica incluído), á praia de Valarés (onde xantamos) e á contorna do Monte branco e da desembocadura do río Anllóns.
Temos que agradecer a colaboración dos guías e técnicos do Dolmen de Dombate e do Concello de Ponteceso, que nos acompañaron e axudaron nesta gran xornada de lecer e aprendizaxe sobre o terreo.
venres, 6 de maio de 2022
Apoiemos «Fuxide»!
Presentámosvos a curtametraxe «Fuxide», que Martín Ferrero, Adriana Otero e Gaia Perfini, alumnos de 4 ESO, presentaron ao concurso CINEMA NA ESCOLA 2022 organizado para centros escolares polo Concello da Coruña. Un gran traballo que contou coa colaboración dos profesores Juan Pintos e David Seisdedos.
Os críticos especializados comentan que a dirección está ao nivel dos mellores filmes de Alfred Hitchcock ou de Akira Kurosawa. E que dicir das interpretacións! Meryl Streep, Jack Nicholson, Cristina Castaño ou Luís Tosar xa teñen relevo de garantía.
O vindeiro xoves 12 farase entrega dos premios aos gañadores do concurso no centro cívico do Ágora. Alí acudirán os nosos rapaces para ver se obteñen algún galardón. Un dos premios, o do público, depende dos votos recibidos. Para poder apoialos co noso voto, cómpre entrar no vídeo de Youtube e darlle ao «like». Animádevos! Ben o merecen!
Parabéns, Martín, Adriana e Gaia!!!
martes, 3 de maio de 2022
O 17 de maio para Florencio Delgado Gurriarán
Este ano, o Día das Letras Galegas homenaxea o poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán. Un autor que, a pesar de ter que coller o camiño do exilio tras a Guerra Civil (1936-1939), sempre viviu vinculado e comprometido coa súa terra natal e coa cultura galega. Para achegarnos á súa vida e á súa obra están a aparecer propostas didácticas de todo tipo pola arañeira. Aquí tes algunas.
- Proxecto Primavera das Letras, da Real Academia Galega (dirixido especialmente para Educación Primaria)
- Especial Letras Galegas 2022, da Real Acedamia Galega (dirixido a ESO e Bacharelato)
- Vídeo sobre a Vida e a Obra de Florencio Delgado Gurriarán, elaborado desde o Colexio San Pío X (de Ourense) e o Seminario Galán
- Telexornal Florencio Delgado Gurriarán, elaborado polo Departamento de Lingua Galega do CPI dos Dices, Rois.
- Web As Letras de Florencio, creada polos promotores da súa candidatura ao Día das Letras Galegas.
- Serie de recursos ordenados por etapas (Infantil, Primaria, Secundaria...) sobre a figura de Florencio Delgado Gurriarán, elaborados polo Seminario Galán.
De seguido, un interesante vídeo no que o escritor Héctor Cajaraville nos fala da figura de Florencio Delgado Gurriarán.
martes, 22 de febreiro de 2022
Aprendemos sociolingüística con Moreno Cabrera
Juan Carlos Moreno Cabrera é un lingüista español, catedrático de Lingüística Xeral na Universidade Autónoma de Madrid. O seu traballo como investigador céntrase na diversidade lingüística no mundo, a tipoloxía lingüística, a lingüística teórica...
Deseguido ofrecemos unha entrevista que se lle fixo hai uns anos en La 2 de Televisión Española. Unha conversa impagable da que, grazas ás súas intervencións e ás da súa entrevistadora, podemos aprender moito sobre conceptos básicos de sociolingüística estudados este curso. Abaixo aparecen detallados nun breve esquema.
A. Vantaxes do bilingüismo (ou multilingüismo) individual.
B. Diversidade lingüística no mundo
C. Minorización e substitución lingüística
D. Prexuízos lingüísticos:
D1 Linguas «grandes» fronte a linguas «pequenas»
D2 Linguas «fáciles e difíciles» de aprender
D3 Linguas «de comunicación» fronte a linguas «vernáculas ou locais»
Suxerímosche que tomes lapis e papel, escoites atentamente a entrevista completa e tomes apuntamentos das ideas que afloran na entrevista sobre os conceptos anteriores.



