mércores, 4 de abril de 2018

[21 DEG: Día 02] O reto: Trabalinguas




Non hai mellor quecemento para os días quedan por diante que uns cantos trabalinguas. Hoxe, día 2 de 21, toca reto lúdico individual: xogar cos seguintes trabalinguas populares galegos, ordenados por nivel de dificultade. Xa sabes, tes 3 minutos para gravalos todos, iso si, vocalizando correctamente. Serás quen de conseguilo??!!

Trabalinguas 1
Un can cun quinqué no cu.

Trabalinguas 2
Debaixo dunha pipa tinta
hai unha pita pinta;
cando a pipa tinta pinga,
a pita pinta pía.

Trabalinguas 3
Porque sabes que che quero,
queres que che queira máis.
Quéroche máis que me queres.
Que máis queres? Queres máis?

Trabalinguas 4
Corchete que estás na corcheta,
desencorchetácheste xa?
O desencorchetador
que te desencorchete
bo desencorchetador será.

Trabalinguas 5
Gancho reviragancho,
que tanto revigarancheaches,
deixa que te desreviraganchee,
con este desreviraganchiño
que teño para desreviraganchear
ganchos reviragancheados
nas ramas do carballal.


Ah! Eu outro logo máis.

Adrián Braojos Hernanz, 3ESOB

martes, 3 de abril de 2018

[21 DEG: Día 01] Como che vai?


Día 1 de 21DEG 2018! Comezamos! Presentámosche os vosos padriños deste ano. Dous referentes galegos do deportivismo, Pedro Mosquera e Álex Bergatiños. Hai un tempo, enviáronnos esta mensaxe de felicitación e de ánimo a todos os participantes de 21DEG.



Como sabes, nos días impares toca contar «Como che vai?». Ao rematares o día, grava un vídeo de polo menos tres minutos explicando como vai a experiencia. Podes responder estas preguntas:
—Que che pareceron as mensaxes de ánimo de Mosquera e Bergantiños?
—Comezaches con gañas a experiencia de 21DEG?
—Por que te animaches a participar?
—Conseguiches falar hoxe moito tempo en galego?
—Como te sentiches? Pensaches moito no «que dirán»? Fréate o medo aos erros?
—Como reaccionou a xente ao teu arredor?
E para peche, outro dos vosos logos.

Aday Morís Meijide, 3ESOB


luns, 2 de abril de 2018

21 Días En Galego 2018: Mañá comezamos!

Atencion! Se cadra, alguén anda despistado/a. Mañá comezamos! 

Ainhoa Mosquera Santos, 3ESOB

Para ir abrindo boca, aquí vos queda o logo gañador entre todos os que realizaron os rapaces e rapazas de 3ESO en colaboración con Brais, o profesor de Educación Plástica, Visual e Audiovisual. Unha chea de lucidos deseños que debían servir de logotipo para experiencia dos 21 Días En Galego deste curso. De entre todos, seleccionamos un gañador, este de Ainhoa Mosquera Santos, de 3ESOB.

Outros 20 logos, doutros tantos compañeiros, van ir aparecendo por aquí día a día, ata rematarmos a actividade. Parabéns a todos polo voso esforzo e pola vosa creatividade.

Lembrade en que consiste o proxecto:

Conscientes de que moitos de vós non tedes o galego como lingua habitual e seguindo o ronsel do alumnado do instituto da Pobra, convidámovos a desenvolver en galego a vosa vida cotiá (na casa, no centro, na rúa...) durante 21 días e valorar esa experiencia. 

Perseguimos dous obxectivos principais: 
• Mellorar a nosa expresión oral.
• Provocar a reflexión persoal sobre a nosa relación co idioma galego.
Como seguimento diario, propoñémosvos actividades orais de dous tipos, que serán necesariamente gravadas en vídeo.
— «Como che vai?» (días impares). Consiste en facer unha gravación, cun mínimo de 3 minutos de duración, comentando como levades a experiencia: sensacións, dificultades do día a día, reaccións dos que vos rodean (se vos axudan, se vos cuestionan...)
— «O reto» (días pares). Tamén mediante unha gravación dun mínimo de 3 minutos, debedes de contestar oralmente a tarefa que se vos propoña: reflexionar sobre un tema, entrevistar unha terceira persoa, comentar un libro, pronunciar uns trabalinguas...
Día a día iremos dando as instrucións necesarias sobre estas actividades aquí, en Achaveeomundo, e as vosas gravacións serán recollidas semanalmente.

E adiante cos 21 días! 

martes, 20 de marzo de 2018

Pasagalego fresquiño!


Imos quentando motores! Xa se aproxima o 21 Días En Galego 2018 no Fogar de Santa Margarida. Lembras o do ano pasado? Por segundo ano xa estamos a deseñar as actividades que durante 21 días nos animarán a reflexionar sobre a nosa lingua e, sobre todo, a falala. 

Comezaremos o 3 de abril. E para ir abrindo boca, aquí queda o «Pasagalego» que este ano preparamos para a rapazada dos institutos de Coristanto e da Pobra do Caramiñal, e tamén para todo aquel que se anime a xogar. 

Adiante! Cantos acertos consegues?

luns, 18 de decembro de 2017

Proposta de traballos para 3ESO [2]


Aí vai unha proposta de actividades voluntarias para 3ESO de cara á segunda avaliación. Podedes escoller unha delas ou propoñer vós mesmos algunha outra opción. 
Retos ludolingüísticos
O ano pasado, os compañeiros e compañeiras de 3ESO animáronse a crear pangramas. Este curso propoñemos ampliar o abano de creacións ludolingüísticas, sempre ORIXINAIS:
Pangrama: un texto coa menor extensión posible mais que conteña todas as letras do noso alfabeto. Este xerador automático pode servos de axuda (máis información: aquí ou aquí).
Abecegrama: un pequeno texto, narrativo ou lírico, con palabras cuxas iniciais se dispoñen por orde alfabética (máis información: aquí).
Tautograma: un microrrelato ou poema formado por palabras que comezan pola mesma letra (máis información: aquí).
Palíndromo: un enunciado formado por palabras cuxas letras se len igual de esquerda á dereita e de dereita á esquerda. Tamén podedes axudarvos deste xerador automático para facelos (máis información: aquí ou aquí).
Presentación en Prezi e/ou exposición oral 
Debedes preparar un traballo escrito e presentalo, ben a través dun Prezi ou ben dunha presentación oral. Prezi é un programa en liña gratuíto que permite crear presentacións ben lucidas: non só con texto, senón tamén con imaxes, audio, vídeo... Todo combinado con gran dinamismo. Se vos gusta fedellar coas novas tecnoloxías, é ideal para vós.
Tamén podedes, apoiádovos nesta presentación en Prezi, facer unha exposición oral, ben directamente ante os vosos compañeiros, ben gravándoa nun vídeo.
Podes escoller, por exemplo, entre estas opcións:
«Fabio Brazza, rapeiro ludolingüista» (máis información: aquí)
«A importancia da ortografía» (máis información: aquí, aguí, aquí ou aquí)
«As linguas de ficción» (máis información aquí)
«Humor gráfico e xogos de palabras» (máis información aquí, aquí, aquí ou aquí)
Videomontaxe dunha cantiga medieval
Xa traballamos na aula as cantigas de amigo e as cantigas de amor. Toca escoller unha, a que máis vos guste. Unha vez que a leades e comprendades ben, ideade un guión para facerdes unha montaxe en vídeo a partir dela (por exemplo con Windows Movie Maker ou iMovie). Cómpre sincronizar imaxes e texto.
Para o audio, se queredes, podedes ben utilizar algunha versión musicada desa cantiga ou ben gravar a vosa propia recitación. Para isto, lede varias veces o texto previamente. Procurade comprender todo, consultade o vocabulario que non coñezades. Por último, gravade a recitación coidando a vocalización e a expresividade.
Investigación sobre os nomes de lugar na Coruña
Xa falamos na clase sobre a orixe do nome da Agra do Orzán: unha agra é unha grande extensión de terra de cultivo dividida en leiras ou agros que pertencen a distintos donos. Suxerímosvos investigardes sobre a orixe dos nomes doutros barrios e lugares emblemáticos da nosa cidade: Os Mallos, A Zapateira, Durmideiras, Monte Alto, Monelos, A Sardiñeira, A Gaiteira, Os Castros, As Roseiras...
Podedes buscar información en libros especializados, enciclopedias, Internet e, sobre todo, preguntando a xente maior que poida saber sobre o tema. Debedes gravar os seus testemuños e transcribir o máis interesante da súa información. Finalmente, presentaredes as vosas conclusións nun traballo escrito (Prezi) ou oralmente (exposición oral).

mércores, 1 de novembro de 2017

Magosto 2017


Outono bonito
folliñas no chan,
castañas asadas
que ricas están!

Así di un cantar popular. E certamente as castañas que comemos o martes pasado estaban ben boas!

De novo, toda a Primaria participou de forma conxunta na celebración do Magosto. Os nenos e nenas puideron divertirse con ducias de xogos populares de toda vida: a ra, as carreiras de sacos, os zancos, o aro, o tres en raia e moitos outros. 

E despois dos xogos, a castañada! Que ricas!




sábado, 16 de setembro de 2017

Premio para «21 Días En Galego»




Unha magnífica nova! O esforzo realizado o curso pasado na actividade «21 Días En Galego» tivo a unha merecida recompensa cun recoñecemento inesperado: o premio á «Investigación sobre a nosa fala» outorgado pola Asociación Xermolos a todos e cada un dos rapaces de 3ESO participantes na experiencia: Eva Castro, Miguel Fornís, Antía García, Nerea Gende, Lía L. Pombo, Masiell de Matos, Andrés Molinelli, Marta Obarrio, Diego Oreona, Alejandro Ramos, Ánder Renedo e Carlota Vázquez. 


Igualmente obtivo un galardón o noso compañeiro de Bacharelato Diego Pampín na categoría de «vídeo-documental» pola edición do vídeo que resumiu eses «21 Días en Galego» e que podedes ver aquí.

A entrega dos premios tivo lugar o pasado 6 de agosto no Festival de Pardiñas. Alí acudiron moitos dos rapaces coas súas familias e gozaron, tamén, do bo ambiente do Festival. Un agradecemento especial para todos eles! 

O premio anima a repetir a experiencia este novo curso.