martes, 28 de marzo de 2017

O ano de Carlos Casares [2]


O vídeo anterior serve para nos aproximar a figura humana e literaria de Carlos Casares, autor ao que se lle dedica o Día das Letras deste ano, como vimos hai pouco.

Hoxe ofrecémosvos unhas cantas ligazóns que reúnen recursos variados para coñecerdes mellor este ilustre escritor ourensán.

http://www.aelg.org/centro-documentacion/autores-as/carlos-casares
Ficha de Carlos Casares na web da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega), cunha biografía, coa presentación da súa obra completa, con críticas e recensións delas...
http://primaveradasletras.gal
Espazo creado pola Real Academia Galega e dedicado ao autor, co gallo do Día das Letras Galegas. Con unidades didácticas, recursos interactivos en liña, certames literarios...
http://fundacioncarloscasares.org
Na web da Fundación Carlos Casares ofrecen, desde material audiovisual (fotografías, audios e vídeos), ata recursos didácticos (webquests, unidades didácticas, guías de lectura da súas obras...).
E un agasallo final: unha versión cantada do seu libro A galiña azul co ritmo da célebre coreografía dos vasos. Un gran traballo dos rapaces e rapazas do IES Carlos Casares de Vigo.

sábado, 11 de febreiro de 2017

De novo, campións de debate!






A semana pasada celebrouse na nosa cidade o II Torneo de Debate Talkk da Coruña, en colaboración coa Fundación Barrié.

Tras vencer a outros colexios en oitavos, cuartos e semifinais, o equipo Fogar I do colexio Fogar de Santa Margarida proclamouse campión nun apaixonante debate final no que tivo que enfrontarse á Compañía de María, centro académico gañador da anterior edición. 

Os nosos equipos, formados por alumnado de 1º Bacharelato (Alba Boedo, Nerea Castiñeira, Diego Pampín, Lucía Sánchez e María Señarís –Fogar 1– e Cristina Mouriño, Antía Otero, Sara Sánchez e Icía Varela –Fogar 2–), fixéronnos vivir unhas xornadas apaixonantes e cheas de emoción, conseguiron que vibraramos coa paixón do seu discurso e enchéronnos de orgullo co seu derroche de seguridade, o seu compañeirismo, o seu excelente traballo en equipo, a súa humildade e, por suposto, a súa fantástica capacidade comunicativa.

Os días 30, 31 de xaneiro e 1 de febreiro, celebráronse as fases preliminares, nas que os 19 equipos participantes de diferentes colexios da cidade, puxeron en práctica todo o traballado e investigado para facerse cun posto o día da final, o 3 de febreiro. 

A pregunta sobre a que todos os equipos de debate tiveron que investigar, informarse e prepararse para a «loita» dialéctica foi a seguinte: «Debe España apostar por un sistema educativo sen materias nin horarios fixos?» Os participantes tiñan que preparar tanto a postura A FAVOR como EN CONTRA, xa que, ata o mesmo momento do comezo de cada debate, no que se abre o sobre do sorteo, non saben que postura lles tocaría defender.

Un agradecemento especial, tamén, para Carolina Gabín, Xosé Manuel Varela e demais profesores que, coa súa guía e axuda, contribuíron a este logro, que se suma aos dos anos anteriores.

mércores, 8 de febreiro de 2017

O Fogar pola Paz


O REINO
No tempo aquel,
cando os animais falaban,
dicir liberdade non era triste,
dicir verdade era coma un río,
dicir amor, dicir amigo,
era igual que nomear a primavera.
Ninguén sabía dos aldraxes.
Cando os animais falaban,
as persoas cantaban nos solpores
pombas de luz e xílgaros de soños.
Dicir teu e meu non se entendía,
dicir espada estaba prohibido,
dicir prisión sómente era unha verba sen senso
un aire que mancaba o corazón da xente.
Cando,
cando se perdeu, este gran Reino?
                                                                      Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra.
O Fogar de Santa Margarida pola Paz, a Solidariedade e a Non-Violencia


xoves, 2 de febreiro de 2017

Os nosos foto-haikus

Judith Pedreira (3ESO-C)

Jorge Nolasco (3ESO-B)

Gema Novo (3ESO-A)

O pasado 11 de decembro lanzamos o reto lúdico dos foto-haikus. A rapazada de terceiro da ESO respondeu á proposta e foron chegando diversas pezas cheas de inspiración. Lembrade: un haiku é un tipo de poema que en só 17 sílabas (5 + 7 + 5) encerra a esencia dun momento, dunha experiencia, dun sentimento. A este texto tiñan que engadirlle unha imaxe que o ilustrase. 

De entre todos os foto-haikus, seleccionamos 3 gañadores, «ex aequo», que encabezan a entrada. Deseguido, os demais. Todo eles de gran mérito. Parabéns a todos os participantes!

Alejandro Ramos (3ESO-A)

Antía García (3ESO-B)

Carlota Vázquez (3ESO-A)


Iria Otero (3ESO-A)

Eva Castro (3ESO-B)

Laura Mella (3ESO-A)

Diego Ferreiro (3ESO-B)

Laura Ponte (3ESO-A)

Miguel Rodríguez (3ESO-A)

Nerea Rodríguez (3ESO-B)

Gabriela Taboada (3ESO-A)

domingo, 22 de xaneiro de 2017

O ano de Carlos Casares [1]


Estamos xa no 2017! O Día das Letras deste ano homenaxearemos a Carlos Casares Mouriño (1941-2002), un autor de gran talento literario que destacou especialmente pola súa obra narrativa: Vento ferido (1967), Xoguetes para un tempo prohibido (1975), Ilustrísima (1980), Os escuros soños de Clío (1979), Os mortos daquel verán (1987)... Mais tamén por moitas outras facetas:
• Escribiu obras dedicadas aos máis pequenos: A galiña azul (1968), As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (1973)...
• Foi o primeiro tradutor ao galego d’O principiño de Antoine de Saint-Exupéry. Obra que admiraba fondamente e da que posuía exemplares en máis de 60 linguas distintas.
• Foi un prolífico coladorador en prensa. A súa columna de opinión «Á marxe», en La Voz de Galicia, mantivose activa desde 1992 ata o seu falecemento.
• Foi director xeral da Editorial Galaxia. 
• Foi deputado, no ano 1981, no primeiro Parlamento Galego co PSdeG-PSOE.
Axiña volveremos con máis comentarios dedicados a este autor emblemático da nosa literatura da segunda metade do século XX. De momento, aquí deixamos este vídeo para coñecérmolo mellor.

xoves, 22 de decembro de 2016

Concerto de Cantos de Nadal



Que gran concerto para este tempo de Nadal! Unha mañá musical memorable!

No marco do Plan Lector, fervedoiro de proxectos, o alumnado de 2º e 3º de ESO desenvolveu a actividade pedagóxica «Concerto de Cantos de Nadal». Dentro dela, traballaron durante varias sesións das áreas de Música e de Lingua Galega aspectos musicais, lingüísticos e literarios de tres panxoliñas recollidas por Mero Iglesias, fundador do grupo Fuxan os Ventos: «Unha pouca roupiña», «Con un sombreiro de palla» e «O pendello». 

Durante a mañá do día 20, aproveitouse a presenza no noso centro de Mero Iglesias e do gaiteiro Raúl Galego para establecer un coloquio sobre a importancia dos cantos de Nadal na cultura galega. Na compaña destes dous músicos, os 174 discentes partipantes puideron cantar, ademais das panxoliñas, temas como «O carro» ou «A rumboia».

Aquí quedan algúns dos grandes momentos do concerto:

«O pendello»

«Canto de Reis»

«O carro»

«A rumboia»

martes, 20 de decembro de 2016

Encontro con Andrea Maceiras


O pasado martes, 13 de decembro, o alumnado de 4 ESO e FPB2, logo da lectura do libro Europa Express, mantivo un encontro coa súa autora Andrea Maceiras. Durante o acto, a novelista coruñesa fixo unha presentación de audio e vídeo sobre os motivos da escrita da obra. Deseguido, estableceuse un coloquio co alumnado que lle formulou preguntas sobre a inspiración do libro, sobre algúns dos personaxes e sobre a súa profesión de escritora, entre outras. Finalmente, asinou e dedicou a obra aos alumnos e alumnas que se achegaron con cadanseu exemplar.