luns, 21 de novembro de 2016

Unha homenaxe emocionante



Como recolle a prensa, a do pasado venres foi unha emocionante homenaxe a Agustín Fernández Paz co gallo da presentación d’A casa do medo (Ed. Rodeira), o seu derradeiro libro, que por desgraza non chegou a ver publicado.

Os actos comezaron na biblioteca do Fogar, que desde esa mañá pasou a denominarse «Biblioteca Agustín Fernández Paz». Máis tarde, a lembranza a Agustín trasladouse ao salón de actos. Alí, xunto coa súa dona Inma e a súa filla Mariña, reuníronse admiradores, ex-compañeiros, ex-alumnos e tamén escritores amigos. Entre estes últimos, Fina Casalderrey, Xabier P. DoCampo e Paco Martín, tres Premios Nacionais de Literatura, como o propio Agustín.

Desde a esquerda: Paco Martín, Xabier P. DoCampo, Alfonso García Sanmartín,
Andrés García Vilariño e Fina Casalderrey 

O alumnado do Fogar, de Primaria, de Secundaria e de Bacharelato, tamén participou activamente na homenaxe. Pequenos e maiores traballaron arreo durante as últimas semanas para poñer o seu granciño de area: lectura de máis de 20 libros de Agustín, ilustracións inspiradas neses libros, «titultextos» ou pequenos relatos creados a partir da combinación deses títulos, emotivas cartas, videomontaxes, pezas musicais seleccionadas entre as preferidas de Agustín. Parabéns rapazada! Como se dixo durante o acto, vós sodes o relevo desta xeración de galegos ilustres, defensores da nosa cultura e da nosa lingua. 

Velaquí unha pequena selección do voso magnífico traballo. 

«Titultexto» (Sara Sierra e Nicole Rodríguez, 6EP-B)
As rapazas da panda, Branca, Raquel, Sara e Nicole, foron celebrar os trece anos de Branca. O seu pastel era da pastelaría de dona Remedios. Os seus regalos foron uns libros do escritor Agustín Fernández Paz titulados «O libro de Merlín», «O raio veloz» e «O segredo da illa Negra». Vimos a película «As fronteiras do medo».
—Upa! —dixo Raquel moi asustada.
—Raquel ten medo —comentou Branca rindo.
—Que vos parece se imos á Praia da Esperanza? —dixo Nicole.
—E onde está iso? —preguntou Raquel.
—Na cidade dos desexos —comentou Nicole.
—E como imos chegar ata alí?
—No tren —respondeu Sara.
Mentres estaban no tren, soaron as cancións preferidas de toda a panda: «Cos pés no aire», «Amizades secretas» e «Cartas de inverno», e atopamos o noso grupo de música favorito.
—Este é un tren cargado de misterios! —Exclamou Sara.
Cando chegaron á Praia da Esperanza, atoparon un tesouro: o tesouro do dragón Smaug!
Todas quedaron mirando o mar e Branca comezou a cantar a canción «A fuxida do mar». Xogaron na area, bañáronse no mar, riron... Todas quedaron moi cansas e adormeceron na area. Ese día fora moi especial para Branca e soñou coas fadas verdes. Chegou descansada á casa e a súa nai preguntoulle: 
—E logo, tiveches o soño do merlo branco?
—Non, tiven un soño estraño... Soñei coas fadas verdes! 
Carta a Agustín (Lía Lema Pombo, 3ESO-C)
Querido Agustín:
Estamos moi tristes pola túa perda, porque ti, ti eras único.
Non só perdemos a un dos mellores escritores de Galicia e de mundo; senón que perdemos un amigo.
Para nós iso eras, un amigo.
Un amigo que nos comprendía a través dos seus libros.
Un amigo que nos entendeu ás nenas con Trece anos de Branca, que nos fixo tremer con As fronteiras do medo, que nos divertiu con Contos por palabras, e que, sobre todo, nos fixo soñar.
Un amigo que, cada vez que nos viña visitar ao colexio, recibiamos cos brazos abertos, porque eras dos poucos con ese «superpoder» de converter un día aburrido de clases nun día máxico.
Hoxe facémosche esta homenaxe porque queremos devolverche un pouquiño do que fixestes por nós. Porque non eras un máis, non para nós.
Marchaches, pero deixáchesnos o máis fermoso que nos puideches deixar, algo polo que nunca pasará o tempo, polo que sempre estarás connosco: as túas obras, que con tanto agarimo escribiches. Con elas, moitos máis nenos crecerán e soñarán, aínda que non tivesen a sorte de coñecerte, como nós tivemos.
Un abrazo moi forte de parte de todos; esperamos que chegue ata o ceo.
Videomontaxe (Laura Ponte, Iria Otero, Gabriela Taboada e Laura Mella, 3ESO-A)


Canción «California Dreamin’» (Icía Varela e Nerea Lago, 1BACH-A), mais tamén «Stand by me» e «O maio».


Un agradecemento especial tamén para o profesorado que fixo posible que todo saíse tan ben: Román Suárez, Miguel González, María Pereira, Miguel Mosquera, Carola Pintor, Xosé Manuel Varela, Pablo Quintá, Xulián Barros, Rafael Casás, Marcos Díaz e moitos outros.

xoves, 3 de novembro de 2016

Os nosos pangramas


E xa temos gañadora do reto de pangramas que convocamos hai unhas semanas: Eva Castro Vilaboy. Parabéns! 

Un desafío ben doado que só pedía crear un microrrelato que incluíse as 23 letras do noso alfabeto. Canto máis breve, mellor; isto é, cantas menos letras contivese ese pangrama, máis mérito tería. Aquí quedan os recollidos (e completos), por orde decrecente:


12. Ánder Renedo Estévez, 3ESO-A
O animal comeu figos e o humano Rodrigo comía cenorias e dicía que Paulo tiña un balón e comía queixo pero volvía á casa comendo zamburiñas cun xersei. (135 letras)

11. Marta Obarrio Cedeira, 3ESO-C
Onte fun xantar zorza e beber viño ao mesón do meu irmán Carlos porque era o aniversario de Helena e Guillerme. (90 letras)

10. Analía Lazarraga Lori, 3ESO-B
Exhausto da súa queixosa compañía, rebañou a última gota do seu infiel vaso de viño e marchou. Deixou alí os zapatos. (94 letras)

9. Iago Rodríguez Lodeiro, 3ESO-A
Sempre que o vexo come zamburiñas da facenda con galiña, despois anda uns quilómetros chans. (76 letras)

8. Carlota Vázquez Pereira, 3ESO-A
O vacante Gabriel comía unha pizza de catro queixos e un prato cheo de zamburiñas no faiado. (75 letras)

7. Miguel Rodríguez Rial, 3 ESO-A
As veces o sol fai que a xente moi preguiceira se zafe do que hai que facer e baixe coa lasaña. (74 letras)

6. Jorge Nolasco Cortiñas, 3ESO-B
O queixo que estaba agochado xunto as miñas zapatillas favoritas era vello e barato. (70 letras)

5. Julia Regueira Vázquez, 3 ESO-B
O xoves facemos boa limonada porque a túa caeu na herbiña ao golpeala co zapato. (65 letras)

4. Nerea Rodríguez García, 3 ESO-B
O ñu da praza de Santiago viu xogar a Marlo, que chocou co farol e coa árbore. (60 letras)

3. Iván Serrano Vázquez, 3ESO-C
Hoxe tiña para comer patacas con ovos, chourizo, figado e bloque de xeado. (59 letras)

2. Antía García Souto, 3ESO-B
Mañá xogaremos ao fútbol con Hugo porque vai vir durmir con Zaira. (54 letras)

1. Eva Castro Vilaboy, 3 ESO-B
O bolígrafo xa caeu e, estrañado, Sánchez esquivouno a tempo. (49 letras)

 

sábado, 29 de outubro de 2016

Fabulosa xornada de Samaín e Magosto!


Vaia día este venres 28! 

Pola mañá, o Festival de Samaín, cos rapaces de 2º e de 5º de Primaria a actuar ante o resto dos compañeiros do cole. Unha marabilla velos celebrar esta tradición milenaria de orixe celta con tanta variedade de disciplinas: teatro, danza, música, sombras chinesas, adiviñas... Un espectáculo ademais en galego, en castelán e en inglés. Parabéns rapaces e rapazas polo voso esforzo e tamén, como non, para Iria, Roberto e Olga, os profesores dos que xurdiu a iniciativa e que levaron o peso da organización. 

Pola tarde, tocaron xogos populares: a rá, o aro, os zancos, os birlos, as carreiras de sacos... Ata 30 diferentes! Pequenos e maiores gozaron, por quendas, de todas esas actividades lúdicas ligadas á nosa cultura. E rematamos co Magosto! Outra tradición do outono que se remonta ao noso pasado máis remoto. Castañas asadas para todos! 

luns, 17 de outubro de 2016

O reto lúdico [1]: pangramas


Velaí vai unha proposta lúdica e creativa para nos achegar á lingua. Non todo vai ser gramática, sociolingüística, ortografía... Convidámosvos a crear pangramas. E que demo é un pangrama?

Un pangrama (do grego pan- ‘totalidade’ e -gramma ‘letra’) é un texto que emprega todas as letras do alfabeto dun idioma. A súa finalidade é inicialmente práctica: ensaiar nun enunciado breve a escrita de todas as letras. Os pangramas máis chamativos son polo xeral os que usan o menor número de letras. Daquela, construír un pangrama que repita letras o menos posible resulta unha tarefa desafiante. 

Aquí tedes un exemplo tirado da lingua inglesa, que conta cun abecedario de 26 letras: 

The quick brown fox jumps over the lazy dog. («O rápido raposo marrón salta sobre o can preguiceiro») (35 letras)

O alfabeto galego consta de 23 letras: 
A, B, C, D, E, F, G, H, I, L, M, N, O, P, Q, R, S, T, U, V, X, Z
Animádevos a crear pangramas orixinais co menor número de letras posible. Podedes empregar como axuda este xerador automático. Tanto ten que estea en inglés, só tedes que ir eliminando as 23 letras do noso abecedario. 

mércores, 5 de outubro de 2016

Homenaxe a Agustín Fernández Paz


Xa estamos de volta un novo curso. Preparados para seguir abrindo o mundo coa nosa máxica chave.

O pasado 12 de xullo finou en Vigo o escritor Agustín Fernández Paz. En poucas semanas, con motivo, da presentación do seu título póstumo A casa do medo (Ed. Rodeira), renderémoslle no Fogar unha merecida homenaxe. Merecida non só por se tratar dunha das figuras máis queridas e recoñecidas das nosas letras, dentro e fóra de Galicia, senón tamén pola súa estreita vinculación co noso colexio.  

Para quen non o saiba, Agustín comezou a exercer como mestre no Fogar, aló por 1973. Foron dous intensos cursos nos que toda a comunidade educativa do centro se implicou nun innovador proxecto pedagóxico: o Plan Dalton. Así deu os seus primeiros pasos como docente e así foi descubrindo tamén a súa vocación como escritor para os máis novos.

Desde entón, Agustín sempre mantivo, dunha forma ou doutra, o contacto co noso colexio.

Agustín no Fogar de Santa Margarida no ano 2013

Todos vós podedes formar parte desta homenaxe simplemente animándovos a ler calquera das obras de Agustín (temos unha chea delas na nosa biblioteca). Ademais, tamén vos convidamos a participar con estas actividades.
DEBUXAMOS A AGUSTÍN
Primaria (de 1EP a 6 EP)

Despois de que en cada grupo traballedes na aula unha obra diferente de Agustín Fernández Paz, podedes elaborar unha ilustración (con ceras, con rotuladores, cunha colaxe, con ordenador...) inspirada no título ou no tema da obra que vos correspondeu. Todos os vosos debuxos decorarán os corredores e escaleiras do colexio o día da Homenaxe a Agustín.
TITULTEXTOS DE AGUSTÍN
Primaria (5EP e 6EP)

Un xogo de creación literaria que consiste en elaborar un poema ou un relato breve introducindo nel títulos de libros de Agustín Fernández Paz, cantos máis mellor. Deixádevos levar pola vosa inspiración e pola vosa creatividade. Mesmo podedes traballar en parellas ou en grupos. Seguro que os títulos da súa abundante obra, habilmente combinados e con algún engadido da vosa colleita, poden dar orixe a pezas fantásticas.
CARTA A AGUSTÍN
Secundaria e Bacharelato

Todos os alumnos e alumnas destas etapas estades convidados a escribir unha carta dirixida a Agustín Fernández Paz. Nela podedes expresar todas as vosas ideas e impresións sobre o autor e/ou sobre as lecturas que teñades feito das súas obras. Se cadra, algunha xa pasou polas vosas mans: Trece anos de branca, A escola dos piratas, A neve interminable, As fronteiras do medo, Contos por palabras... Adiante! Que lle diríades a Agustín?
Se queredes saber máis sobre este vello amigo do Fogar, recomendámosvos visitar estas ligazóns:
Web persoal 
Entrada da Wikipedia en Galego
Agustín da Biblioteca Virtual Galega 
Agustín na web da AELG
Entrevista en vídeo
Reaccións tras o seu falecemento

xoves, 9 de xuño de 2016

Textos argumentativos fresquiños

E os traballos de fin de curso van chegando. Desta volta, dúas compañeiras de 3º ESO, Alicia Vecillas Valle e Natalia Mouriño Domínguez entregaron cadanseu texto argumentativo, segundo as pautas propostas hai unhas semanas. Con teses claras, ben argumentados e con procedementos discursivos eficaces. Alicia, Natalia, bo traballo!

 
O fútbol profesional: deporte ou simple negocio?
O fútbol é o deporte máis popular no mundo, o que máis se practica e o que máis afeccionados atrae aos numerosos campos de xogo que existen repartidos por todo o globo. A min encántame ver e xogar ao fútbol, é o meu deporte favorito, pero cando leo ou escoito todo o que se move ao redor do fútbol das grandes ligas xa non falamos de deporte, senón dun espectáculo e un negocio de moitos millóns de euros.
A Real Academia da Lingua Galega define deporte como «a actividade que ten como fin o desenvolvemento das facultades físicas da persoa, practicada individualmente ou en equipo e suxeita ou non a unhas regras establecidas».
Na miña opinión, o fútbol profesional actual ten pouco que ver con esta definición. Creo que non hai dúbida que a maioría dos equipos actuais xurdiron de agrupacións de persoas que lles apaixonaba o fútbol como deporte. Pero estas agrupacións pasaron a ser controladas por profesionais con máis interese nos negocios que no deporte. Os clubs de primeira división convertéronse en sociedades anónimas e son xestionados coma se fosen empresas. Ao consello ou equipo de dirección esíxeselles beneficios económicos para continuar á fronte dun proxecto que debería ser puramente deportivo e non é de estrañar posto que as cifras que se manexan no fútbol profesional son enormes: segundo datos oficiais, o fútbol profesional representa o 1,7% do Produto Interior Bruto (PIB) español e dá emprego directo e indirecto a máis de 189.000 persoas.
Achega máis 9.000 millóns de euros á economía e o espectáculo é ademais unha fonte de ingresos xerada polos dereitos de televisión e publicidade, polas entradas aos estadios e pola venda de todo tipo de produtos relacionados co equipo, como camisetas das grandes estrelas, bandeiras, bufandas, etc, o que supón moitos ingresos para os grandes clubs.
Os xogadores son profesionais, xogan por diñeiro, e os mellores fichan por diferentes clubs segundo a mellor oferta que adoita ser astronómica. Ningún outro deporte move estas cifras.
Pero tamén este deporte ten lados escuros: corrupción dos directivos, apostas que non sabemos como se controlan e débedas millonarias dalgúns clubs que os políticos non se atreven a denunciar polo custo en popularidade que supón. Cando a liga chega ao final e o gañador se decide nos últimos partidos, sempre xorde a sospeita sobre posibles pagas extras que se dá para motivar aos xogadores dos equipos favoritos e tamén para os xogadores que xogan contra os favoritos.
Os valores tradicionais do deporte como o sacrificio, o esforzo, a superación persoal ou a competición de equipo pasaron a un segundo plano en favor do espectáculo e aa popularidade. Isto motiva a moitos mozos que soñan con ser estrelas como Messi ou Ronaldo.
Os datos falan sós, cando hai tanto diñeiro e intereses en “xogo”, o deporte é o de menos.
Alicia Vecillas Valle, 3º ESO-B

 
As corridas de touros: cruentas e anacrónicas
Penso que as corridas de touros son unha práctica inhumana e cruel, que non se debería permitir a estas alturas na nosa sociedade.
Aquí rebaterei os argumentos “típicos” dos partidarios das corridas de touros:
•  «A corrida de touros é un deporte».  Efectivamente é unha actividade que require adestramento e está suxeita a normas pero non compiten ambas as partes en condicións de igualdade. Os matadores enfróntanse a un animal disminuído/minorado/danado nas súas facultades físicas polo cansazo e a dor.
• «Os touros son unha tradición, e as tradicións hai que mantelas». Que algo sexa unha tradición non xustifica en si mesmo que sexa algo bo. Neste caso non merece que se conserve algo que supón un acto violento.
• «As corridas de touros son unha arte». A arte é un proceso de creación e construción tremendamente sensible que nos enaltece. No enfrontamento de touro con toureiro non se dá ningunha destas circunstancias.
• «O touro morre dignamente». A dignidade é un valor humano pero para un animal, como é o touro, a dor é a dor e a morte é a morte, non son dignas nin indignas. Ademais o que non é digno é maltratar e torturar un animal ata a morte.
• «Os touros son cultura». En 1980, a UNESCO, máxima autoridade mundial en materia de cultura, emitiu a súa opinión respecto diso: “A tauromaquia é a arte venal de torturar e matar animais en público e segundo unhas regras. Traumatiza os nenos e os adultos sensibles. Agrava o estado dos neurópatas atraídos por estes espectáculos. Desnaturaliza a relación entre o home e o animal. Niso, constitúe un desafío maior á moral, á educación, á ciencia e á cultura”. En resumo, só se trata de violencia,  crueldade e  barbarie.
• «Sen corridas non habería touro bravo, desaparecería». A casta brava dos touros foi xenéticamente manipulada polo home para que os seus exemplares sexan agresivos, a fin dos touros traería, en todo caso, non a fin dos touros, senón desa subespecie creada artificialmente.
• «O touro non sofre». Esta afirmación non ten base científica. Como calquera animal cun sistema nervioso central, sente, sofre e estrésase.
• «É unha fonte de ingresos». Tamén as drogas e a prostitución pero non todo se reduce a termos de rendibilidade.
• «Quen queira ver os touros que os vexa, e o que non, que se vaia». Podería dicirse o mesmo da pederastia, non se pode mirar para outro lado, non se pode permitir, e menos subvencionar, algo tan cruel, bárbaro e decadente.
Finalmente, a crueldade é crueldade, nada a xustifica e menos nun acto que quere ser lúdico. Unha sociedade avanzada e civilizada ten que deixar atrás actividades cruentas e anacrónicas como as corridas de touros.
Natalia Mouriño Domínguez, 3º ESO-B

Que din os rumorosos?


Emocionante interpretación do himno galego no estadio de Riazor o novembro pasado no último encontro Depor - Celta.

Estamos estes días con Eduardo Pondal, o autor do poema «Os pinos» que lle serviu de letra. Cunha composición musical de Pascual Veiga, o noso himno foi interpretado por primeira vez fóra de Galicia, na Habana (Cuba), en 1907. 
Os pinos
Que din os rumorosos(1)
na costa verdecente,
ao raio transparente
do prácido luar?
Que din as altas copas
de escuro arume(2) arpado(3) 
co seu ben compasado
monótono fungar?
Do teu verdor cinguido(4)
e de benignos astros,
confín dos verdes castros
e valeroso clan,
non des a esquecemento
da inxuria(5) o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.
Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con
arroubo(6) atenden
o noso ronco son,
mais sóo os iñorantes
e
férridos(7) e duros,
imbéciles e escuros,
non nos entenden, non. 
Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades(8)
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.
(1) rumorosos: que causan rumor, refírese aos piñeiros.
(2) arume: folla do piñeiro.
(3) arpado: de son agradable, como o son da arpa.
(4) cinguido: rodeado, axustado.
(5) inxuria: ofensa grave de palabra ou obra.
(6) arroubo: estado de quen sente gran pracer e admiración.
(7) férridos: férreos, duros, crueis.
(8) vaguedades: aspiracións, desexos. 
Un himno que conta con ducias de versións musicadas (como podes comprobar aquí). Unha das máis especiais é esta creada polo beatboxer galego Carlinhos Gende. Que vos parece?