luns, 30 de marzo de 2015

Visita á Real Academia Galega





A pasada semana, o alumnado de 3º de ESO visitou a Real Academia Galega e a Casa Museo Emilia Pardo Bazán, sitas no número 11 da rúa Tabernas da nosa cidade. Durante a xornada, puideron descubrir que representa a Academia e cales son as súas funcións, así como algúns dos trazos da personalidade e da obra desta ilustre galega.

Para saberdes máis sobre a Real Academia Galega, aquí queda un gran vídeo didáctico sobre a historia desta institución centenaria realizado con Videoscribe, unha ferramenta on line coa que facer presentacións ben lucidas. Probádea!

venres, 6 de marzo de 2015

Bandeiras enfrontadas


Galicia, ano 2057: conflito político e lingüístico, amizade e traizón... Con todos vós, Bandeiras enfrontadas, unha curtametraxe que fará historia.

Guión digno de X. L. Méndez Ferrín, interpretación cun aquel de Luís Tosar, dirección que envexaría Quentin Tarantino. Así é este traballo de Jorge Barreiro, Alberto López, Sergio Pérez e Víctor Rioja, compañeiros de 1º de Bacharelato. Unha historia ideada, guionizada, interpretada e editada por eles ao cento por cento. Vese, ademais, o ben que o pasaron durante a rodaxe (incluídos os mortos en movemento!).

Aló por Hollywood, lembrádevos de nós. Parabéns polo traballo!

venres, 27 de febreiro de 2015

Traballos en Prezi 2014-2015 [1]


Despois de duras xornadas de intenso traballo, incluídas noites en vela (con certeza), comezan a chegar os magníficos traballos da xente de Bacharelato. Que grandes investigadores! Que arte na redacción do material! Que dominio das novas tecnoloxías!

Aquí vos quedan os primeiros: tres «Prezis» centrados nesta ocasión na literatura galega dos Séculos Escuros e do Rexurdimento. Axiña chegarán máis.

De Alfredo Hernández Silva

De Sofía Álvarez Losada e María Carrodeguas Varela

De Inés Sánchez Fernández

venres, 6 de febreiro de 2015

O Entroido con don Paco e dona Maruxa





Xa está aquí o Entroido, tempo de disfraces e de troula. E no Fogar apareceron os mecos do Entroido, don Paco e dona Maruxa, que observarán vixiantes se todo o mundo cumpre as súas ordes. Unha semaniña para estarmos atentos ao que nos pidan, co festival do venres pola tarde como gran final.

Ah!, e sabiades de onde vén a palabra «entroido»? Pois deriva da voz latina introitus, que significa ‘entrada’ ou ‘comezo’ en referencia á chegada primavera e ao rexurdimento da vexetación. 

E para saberdes máis, aquí vos queda unha divertida unidade didáctica sobre esta festa tradicional tan nosa e, por último, un vídeo dos informativos da TVG sobre o «triángulo máxico» do Entroido galego. A pasalo ben!

sábado, 24 de xaneiro de 2015

Séculos Escuros do galego... e do inglés


Despois do esplendor medieval, a nosa lingua entra nun longo período de decadencia. Son os chamados Séculos Escuros (sécs. XVI, XVII e XVIII), caracterizados por unha ausencia case total do galego nos usos formais e na escrita.

O vídeo de hoxe é a segunda parte do capítulo «Lingua de reis, lingua do pobo», da serie documental Historias de Galicia, que xa comezamos a ver aló atrás. Nel fálasenos da situación do noso idioma nestes séculos e da figura do ilustrado Frei Martín Sarmiento.

Mais... sabías que tamén o inglés tivo os seus propios Séculos Escuros? Se cadra non tiñas nin idea, mesmo moitos ingleses descoñecen este dato. Atentos e atentas daquela a estoutro capítulo da serie de referencia Ben Falado, onde se explica este interesante feito histórico, con moitos paralelismos co ocorrido no noso país. E lembra, como ben din ao final, que «o futuro non está escrito, escribirémolo nós».

xoves, 20 de novembro de 2014

Grandes éxitos de onte e de hoxe

Pregunta: Que músico galego acadou sona universal cos seus temas na nosa lingua?

Se non se vos ocorre ningún nome, aí vai un: Martín Codax, toda unha estrela internacional de noso que viviu entre os séculos XIII e XIV. As súas fantásticas cantigas forman parte dese tesouro que é a lírica galego-portuguesa medieval. Un modelo lírico que foi referente na Europa daquel tempo e que levou a trobar no noso idioma a casteláns, a aragoneses, a provenzais, a italianos...

Mais tamén hoxe, sete séculos despois, podemos ver como as pezas deste xograr galego son admiradas e interpretadas en todas as latitudes do planeta. E aí vai unha pequena mostra: catro versións diferentes da súa cantiga de amigo «Eno sagrado en Vigo».

The Dufay Collective (Inglaterra)

Triskilian (Alemaña)

Olam Ein Sof & Fairuza (O Brasil)

Esemble RNH (Rusia)

Estes son só algúns exemplos porque o certo é que os Greatest Hits de Martín Codax non quedan aí: «Quantas sabedes amar amigo», «Ondas do mar de Vigo», «Mia irmana fremosa»... Unha marabilla!

xoves, 13 de novembro de 2014

Lingua e literatura na Idade Media


O vídeo anterior, da serie documental «Historias de Galicia» (emitida aló polo 2009), é un bo recurso audiovisual para achegarnos doutro xeito ao contexto lingüístico e cultural da Galicia da Idade Media. 

E deseguido, outro recurso: un mapa animado que nos vai amosando de forma gráfica a evolución da nosa lingua desde o ano 1000 aproximadamente ata a actualidade, máis de dez séculos despois. Interesante, non si!?

 
E para rematar este feixe de recursos, unha fantástica presentación en Prezi sobre a nosa literatura medieval (con ilustracións, gráficos, vídeos...).