- Unha creadora de contido responde as críticas por falar en galego: «Como podes pensar que é unha moda?» (17-1-2025)
martes, 30 de setembro de 2025
Prexuízos lingüísticos e discriminación
martes, 16 de setembro de 2025
Vogais medias semiabertas e semipechadas
Xa saberás que o sistema vocálico galego consta de sete vogais. Aquí cho explica Esther Estévez en Dígocho eu.
Se cadra, un dos trazos máis especiais do galego, especialmente para un neofalante, é a distinción entre vogais medias semiabertas e semipechadas. Aquí che deixamos unhas breves pautas para distinguir o uso dunhas e doutras.
Vogais semiabertas /ɛ/ /ɔ/
• En palabras con «e» ou «o» breves no latín: ferro, fero, festa, pedra, grego, nove, roda, óso, nora, soño...
• Diante consoante oclusiva trabante «p», «b», «t», «k»: heptagonal, obter, étnico, rectangulo, optimista, robot, octosílabo...
• Nas palabras rematadas en -elo/-ela, -encio/-encia, -enza, -osa, -ola, -el, -ol e -oz: castelo, cadela, silencio, paciencia, crenza, xeitosa, pastel, papel, caracol, español. voz... Así como os seus plurais: pasteis, papeis, caracois, españois...
• En palabras esdrúxulas (excecpción: cóbado) e en palabras graves con ditongo crecente na última sílaba (excepción: femia, premio, medio, codia): brétema, médico, inhóspita, lóxico, arteria, vivencia, croio, serodia...
• Nos nomes das seguintes letras: e, o, efe, ele, eme, ene, eñe, erre e ese.
• Nos indefinidos alguén, ninguén, ren, cadaquén, quenquera, calquera, mesmo, certo...
• No interrogativo quen.
• Nos numerais cero, sete, nove, dez, cen...
• Na conxunción copulativa e, aínda sendo átona.
• Nas formas do posesivo noso, nosos, nosa, nosas.
Vogais semipechadas /e/ /o/
• En palabras con «e» ou «o» longos no latín: cheo, tona, rede, todo, boca, collo...
• Diante das consoantes palatais «ch», «x», «ñ», «ll» (exc. vello): fecho, pexa, empeño, cortello...
• Nas palabras terminadas en -és/-esa, -edo, -ez/-eza, -ello/-ella, -oso, -ón/-ona, -or: cangués, coruñesa, penedo, avareza, curioso, pasmón, mangallona, comedor...
• Palabras rematadas en -eo, -ea, -oa: feo, fea, alleo, allea, seo, area, leoa, boa, ladroa, coroa...
• Formando ditongos decrecentes: meu, eira, moito, ouro, touro, eito, moucho, noiva, eixe...
• Nos nomes das letras seguintes: be, ce, de, gue, pe, te, xe e zeta (ou ceta).
• Nos demostrativos este, esta, ese, esa, aquel, aqueles.
• Nos numerais tres, once, doce, trece, catorce.
Para afondar neste eido da fonética e da fonoloxía do galego, aquí tes tres recursos útiles.
Dicionario de Pronuncia da Lingua Galega (da USC e do ILG)
Fonética e Fonoloxía do Galego (do lingüista Manuel Rosales Graña)
Sounds of Speech (da University of Iowa)
luns, 30 de xuño de 2025
Rematou o curso. Gran traballo!
Rematou o curso 2024-25. Foi un período moi intenso cheo de proxectos e actividades. Non podemos deixar de felicitar a todo o profesorado, alumnado e familias que demostraron unha gran implicación. Esperamos poder repetir esta mesma dinámica no futuro.
Como colofón e despedida, nada mellor que un dos grandes traballos achegados polo alumnado. Neste caso, un magnífico vídeo elaborado por Roi Edreira, Manuel Andrade e Sebastián Mattos, de primeiro de Bacharelato, cun roteiro lingüístico-literario no que nos expoñen a vinculación do Rexurdimento coa nosa cidade da Coruña. Parabéns, rapaces!
Ata o curso que vén! Bo verán!
martes, 17 de xuño de 2025
Un libro moi noso: «Pandeireteiras»
O pasado mércores 11 realizouse no noso Fogar a presentación do libro Pandeireteiras (edicións Embora), unha obra da autoría de Xosé Manuel e Icía Varela (texto) e de Nerea Gómez (ilustración), que nos achega de forma amena e didáctica á figura das homenaxeadas este ano no Día das Letras Galegas. Un libro realmente fantástico!
Ademais dos autores e da ilustradora, no acto participaron Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, Rafael Casás, director xeral do Fogar, Marcos Díaz, director pedagóxico, e Andrés García Vilariño, sacerdote e escritor vinculado ao Fogar desde os catro anos.
Foi un encontro ben lucido, pois á parte de escoitar as diferentes intervencións, puidemos gozar da arte musical de Icía Varela, que intepretou, co axuda do público, varias cantigas das pandeireteiras de Cerceda, Mens e Muxía.
xoves, 12 de xuño de 2025
A Foliada das Letras, todo un éxito!
mércores, 4 de xuño de 2025
Encontro con Paula Carballeira
Hoxe, mércores 4 de xuño, tivemos a sorte de contar coa presenza de Paula Carballeira. Un encontro realmente agardado con impaciencia polo alumnado de 6º de Primaria e 1º da ESO, que leran nos meses anteriores as súas obras Wombo Combo e Trece avisos, respectivamente.
Paula, contacontos, escritora e actriz, demostrou as súas táboas contándonos de forma moi amena como xurdiron estas dúas obras súas. Os rapaces tiveron a oportunidade de facerlle diversas preguntas e mesmo pegaron algún chimpo nas súas cadeiras cun conto de terror!
Todo un privilexio contar con esta autora que recentemente foi galardoada co Premio Nacional de Literatura Dramática e ten obras traducidas ao portugués, ao castelán, ao éuscaro, ao catalán, ao inglés, ao italiano... Grazas, Paula!
domingo, 1 de xuño de 2025
Obradoiro de Lectura Creativa
Un curso máis, dedicamos algunhas sesións a traballar co alumnado a «lectura creativa». Para iso aproveitamos libros do fondo da nosa biblioteca: Esfinxe. Relatos de pensamento creativo e Sherezade. Novos relatos de pensamento creativo.
De forma pautada, cooperativa e lúdica, en 6º de Primaria traballamos a comprensión lectora aplicada a diferentes tipos de relatos que requiren resolución (de enigmística popular, de pensamento lateral, de matemática recreativa, de lóxica, de enredos lingüísticos...), sempre adaptados, por niveis de dificultade, á idade do alumnado.
Un espazo divertido para ler, crear e pensar «fóra da caixa». Bo traballo, rapaces!










