martes, 13 de maio de 2025

Telexornal «Edición Cantareiras»


No Fogar, o Día das Letras Galegas deste ano tocounos moi de cerca. Isto animounos a levar adiante un bo número de proxectos diferentes, todos coa idea de divulgar e poñer en valor a arte das nosas cantareiras: obradoiros, gravacións musicais, bailes, karaokes, pasatempos... 

Unha boa forma de reunir o resultado de todo ese traballo é o Telexornal «Edición Cantareiras» que aquí che presentamos. Con el, ademais. contribuímos a difundir a riqueza da nosa poesía oral popular.  Parabéns a todos os implicados en sacar a diante estoutro proxecto: alumnado, profesorado e familias.

Ah! E esta non será a última actividade arredor das Letras Galegas deste 2025. Quédanos a gran Foliada das Letras deste mércores 14 pola tarde. Animámosvos a todos a participar!

luns, 12 de maio de 2025

Obradoiro «Cantareiras»

E esta Semana das Letras tamén temos a sorte de contar coa colaboración de máis xente da casa, Xosé Manuel Varela e a súa filla Icía Varela, que ademáis de traballar no Fogar, tamén son músicos e importantes divulgadores da nosa literatura oral tradicional. De feito, a editorial Xerais encargoulles este ano a edición do libro Cantareiras, dedicada ás homenaxeadas nas Letras Galegas.

Pois ben, Xosé Manuel e Icía imparten hoxe luns e o vindeiro mércores un obradoiro didáctico arredor das nosas cantareiras, centrándose especialmente nas sete homenaxeadas pola Real Academia Galega. Todos os cursos de Primaria, Secundaria e Bacharelato gozamos da súas explicacións e tamén interpretamos algunhas das súas cantigas.

Un pasiño máis para achegarnos a este tesouro de noso, que debemos transmitir ás seguintes xeracións!






O «O Valse das Avoas»

Outro dos proxectos arredor da Letras Galegas deste curso foi o «Valse das Avoas». Impulsado desde o Departamento de Música e coa coordinación da profesora Iria Pérez, organizamos todo o necesario para que pequenos e maiores bailasen este valse, inspirado na adaptación que Xabier Díaz fixo dunha peza das cantareiras de Cerceda: Rosa e Adolfina Casás. 

O primeiro foi preparar a música. Coa colaboración inestimable dalgúns pais, nais e de varios alumnos e alumnas fixemos ensaios, máis ensaios e, finalmente, a gravación da peza. Un agradecemento moi especial a todos estes músicos da casa, do Fogar: Sabela Varela, Leda Vázquez, Marina Martínez, Raúl Novoa, Enma Díaz, Daniela Sambad, Sindo Novoa, Noelia Losada, Natalia Freire, Paula Suárez e Iria Pérez.

Logo, chegou o día do baile. Unha sesión ben divertida e gratificante na que conseguimos encher o ximnasio con nenos, pais, nais, avós, avoas... Todos a bailar a ritmo de valse. 

Moitas grazas! Un gran traballo!

xoves, 8 de maio de 2025

Esperámosvos na «Foliada das Letras»

O vindeiro mércores ás 17:30 comezará a gran FOLIADA DAS LETRAS, unha festa con música en vivo (a cargo do grupo Pesdelán), baile e merenda para todos os asistentes. E de balde! Estades todos convidados! Animade os vosos imáns e irmás, pais, nais, avós e avoas. Cantos máis, mellor!

Non só pasaremos unha tarde divertida con este ambiente festivo, senón que tamén celebraremos as Letras Galegas deste ano, dedicadas, como sabedes, ás nosas cantareiras e á nosa poesía oral. Aproveitaremos para ofrecer a actuación das pequenas pandeireteiras do Fogar e para presentar os diferentes proxectos arredor das Letras Galegas deste curso: «Xota do Fogar», «Valse das Avoas», «Telexornal Cantareiras»...

Como adianto aquí deixamos os vídeos da «Xota do Fogar». O primeiro, coa interpretación dos nosos músicos e cantareiras; e o segundo, en versión Karaoke. A cantar todo o mundo!

 

 

Non podedes faltar! Esperámosvos a todos e todas na FOLIADA DAS LETRAS!

xoves, 24 de abril de 2025

Obradoiro de música tradicional con Richi Casás

Hoxe, xoves, grazas á iniciativa da profesora de Música Iria Pérez, visitounos o músico e profesor Richi Casás, que ademais é irmán do presidente da nosa Fundación Fogar Santa Margarida, Rafa Casás, e neto e afillado de dúas das cantareiras homenaxeadas no Día das Letras Galegas, Rosa e Adolfina Casás, de Vila da Igrexa (Cerceda).

Todo o alumnado de 5EP e 6EP tivo a sorte de participar activamente no seu obradoiro sobre tradición oral e música popular. Partindo das súas experiencias familiares, Richi falounos de como as cantigas populares invadían a vida cotiá da Galicia rural. Nas casas máis humildes, a falta de instrumentos musicais, calquera cousa servía para acompañar as pezas: pratos, culleres, morteiros, botellas de anís, zocas, sachos... E tamén nos falou de Dorothé Schubarth, a recompiladora suíza que percorreu Galicia gravando cantigas nos anos 70 e 80.

Puidemos cantar con el e facerlle unha chea de preguntas sobre as súas familiares cantareiras e sobre o fascinante mundo as cantigas tradicionais. Unha experiencia que resultou tan amena como enriquecedora. Moitas grazas, Richi!











sábado, 12 de abril de 2025

Encontro con Ledicia Costas


Hoxe, venres 11 de abril, realizamos o segundo encontro entre autores e alumnado neste curso 2024-25. Un contexto no que se respiraba literatura: alumnos e alumnas de literatura de 2º de Bacharelato, os profesores de Literatura Castelá, Inés Sixto, de Literatura Galega, Pablo Quintá; e Ledicia Costas, unha das escritoras máis lidas e galardoadas do panorama literario galego. 

Foi o colofón perfecto para un curso tan intenso de coñecemento da historia da literatura e de lectura de varias obras. 

Nesta ocasión, o alumnado viña de realizar a lectura de dous dos seus grandes libros: Golpes de luz e Pel de cordeiro.

Na sesión produciuse un fluído diálogo entre a escritora e os seus lectores.

venres, 11 de abril de 2025

Axencia de publicidade 6EP

Os nosos alumnos e alumnas de sexto de Primaria convertéronse por uns días en creativos publicistas que, en parellas, elaboraron unha chea de anuncios publicitarios e propagandísticos. Debuxando e rotulando, coa técnica da colaxe, con deseños de ordenador...

Aquí deixamos os mellores exemplos dese gran traballo. Parabéns! Xa sabedes, sempre hai un oco para a creatividade!