Despois de tantas e tan lucidas actividades arredor do Día das Letras Galegas neste 2023, non queda máis que felicitar a todos os que puxestes o voso grancíño de area. Parabéns a profes, familias e nenos e nenas! E lembrade, o galego está con nós os 365 días do ano!
venres, 19 de maio de 2023
mércores, 17 de maio de 2023
«Palabras fermosas» para o Día das Letras Galegas
Hoxe, 17 de maio, presentámosvos este fermoso vídeo que amosa como o alumnado de Primaria participou no proxecto «Palabras fermosas», inspirado na proposta «As palabras de don Paco» da RAG e organizado desde o departamento de Música.
Os nenos e nenas traballaron a reciclaxe decorando camisetas vellas con palabras enxebres da nosa lingua («ledicia», «bico», «praia», «morriña»...). E todo a ritmo da canción «O meu mundo é» de Paco Nogueiras. As camisetas, cos seus fermosos caligramas, luciron onte no patio.
Unha iniciativa que promove entre os nosos cativos o amor pola lingua galega. Parabéns aos rapaces e a Iria Pérez polo seu traballo!
luns, 15 de maio de 2023
Tres pasagalegos para o Día das Letras Galegas
Para o Día das Letras Galegas, o alumnado de 6EP participou na creación de tres magníficos pasagalegos. Aquí os tedes. Cada un deles consta dun rosco de 23 palabras, ordenadas alfabeticamente. Cantas podes adiviñar?
Imaxínate como concursante da tele e pon a proba os teus coñecementos sobre vocabulario na nosa lingua.
E non só xogues ti. Convida a xogar na casa ao teu pai, á túa nai, a teu irmán ou irmá, aos teus avós... Quen o fai mellor?
Sexto A
Sexto B
Sexto C
xoves, 11 de maio de 2023
O 17 de maio para Francisco Fernández del Riego
Un ano máis chega a homenaxe á nosa lingua e á nosa literatura a través da figura dun escritor ou escritora ilustre. Neste caso, as celebracións do 17 de maio xiran arredor de Francisco Fernández del Riego, escritor e editor incansable, un dos fundadores de Galaxia, presidente e renovador da Real Academia Galega e impulsor do Día das Letras Galegas.
Aquí tedes un par de vídeos que nos aproximan, dunha forma amena, á súa vida e á súa obra.
Este para Primaria e 1-2 ESO
Este para 3-4 ESO e BACH
Para poñernos a proba todo que chegamos a aprender sobre a figura de don Paco, imos utilizar en Primaria, en Secundaria e en Bacharelato estes pasatempos. Resolveremolos, en grupos, aula por aula, despois de vermos os vídeos e de investigarmos na exposición de carteis dedicados a autor que temos exposta no centro.
domingo, 7 de maio de 2023
O Rexurdimento e A Coruña
O Rexurdimento é, como podes ver no teu libro, o movemento cultural que nace coa publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro o 17 de maio de 1863 e que se estende ata a segunda década o século XX. Este movemento xorde da vontade dun importante grupo de intelectuais e escritores de que o galego renacese como lingua literaria e de cultura, despois de varios séculos de desprezo e marxinación.
Rosalía, aquela rapaza de escasos 20 anos, amosou unha actitude sen precedentes na época: superou os prexuízos sobre o galego e tamén os prexuízos sobre o papel das mulleres no século XIX, para publicar por primeira vez unha obra literaria na súa lingua. Unha actitude de orgullo, de dignidade e de defensa da propia identidade que compartiron despois persoeiros literarios como Manuel Curros Enríquez ou Eduardo Pondal.
A Coruña xogou un importante papel na orixe e no desenvolvemento do Rexurdimento. A recuperación da nosa cultura estivo fondamente vinculada a esta urbe naquelas últimas décadas do século XIX e primeiras do XX: os primeiros faladoiros da mítica Cova Céltica, o paso pola cidade de Rosalía, Curros e Pondal, a fundación da Real Academia Galega e das primeiras Irmandades da Fala...
Para ilustrar estes feitos, hai uns anos, os compañeiros de 1º de Bacharelato María Belén Arce Papaleo, Nerea Ares Caamaño e Sergio Arias García decidiron elaborar un breve documental. Un interesante percorrido por rúas, prazas, parques e mesmo cemiterios que amosa ás claras como a implicación da nosa cidade coa literatura galega xa vén de vello.
Belén, Nerea, Sergio, parabéns!
sábado, 6 de maio de 2023
Ruta Pondaliana 2023
O pasado 3 de abril, os grupos de 3ESO do Fogar desenvolveron a saída didáctica da Ruta Pondaliana, organizada polos Departamentos de Lingua e Literatura Galegas e de Xeografía e Historia. O obxectivo foi visitar espazos singulares da comarca de Bergantiños directamente relacionados cos poemas de Eduardo Pondal.
Pola mañá, o percorrido, coa lectura e comentario in situ de poemas pondalianos, incluiu o Dolmen de Dombate (con obradoiros de caza prehistórica e visita guiada ao dolmen), o Castro de Borneiro e a praia de Valarés. Neste último espazo foi onde comemos e puidemos gozar duns momentos de lecer na praia.
Pola tarde, o itinerario previsto polo Monte Branco e pola desembocadura do Anllóns foi suspendido polo empeoramento do tempo.
mércores, 3 de maio de 2023
Pasagalego: Fernández del Riego
Chegou maio, o mes das Letras Galegas, e como sempre o Fogar comeza a ferver de actividade arredor da nosa lingua e da figura do autor ou autora homenaxeado cada ano. No 2023, este persoeiro é Francisco Fernández del Riego, tamén coñecido como Don Paco. Trátase dunha figura senlleira da Galicia dos séculos XX e XXI polo seu labor no eido do ensaio, da edición e do activismo cultural e político.
Grazas ao traballo do alumnado de 3ESO, un dos proxectos arredor do Día das Letras Galegas que sacamos adiante neste trimestre é o «Pasagalego: Edición Fernández del Riego». Aquí vos queda o rosco de 23 letras con palabras relativas á vida e á obra deste autor. Os datos foron extraídos das biografías que ofrecen a Wikipedia e a Real Academia Galega.
Adiante, despois de traballardes na aula a figura de Francisco Fernández del Riego, xogade e comprobade cantas letras acertades.
As solucións, ao final!
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)







