venres, 28 de abril de 2023

A lenda de Breogán e as «nacións celtas»

Non é difícicil de identificar certas afinidades entre os pobos cunha orixe celta común no extremo atlántico de Europa. Son as coñecidas como «nacións celtas». 


Boa parte deste herdo común, pode estar asociado a figuras como a de Breogán, mítico rei celta que Eduardo Pondal levou aos seus versos.

O rei Breogán foi fundador de Brigantia (hoxe, A Coruña), segundo as tradicións lendarias irlandesas recollidas nun conxunto de manuscritos do século XI: o Leabhar Gabhála Éireann ou Libro das Conquistas Irlandesas, que narra as diversas invasións que sufrira a illa. 

Segundo estes textos, Breogán construiu na cidade da Coruña unha torre de altura tal que se podía enxergar, nos días máis claros, unha ribeira verde: Irlanda.

A visión desta afastada terra leva a Ith, fillo de Breogán, ata a illa, onde algúns nobres envexosos o asasinan. En vinganza, o sobriño de Ith, Mil, navega desde Brigantia a Irlanda con trinta barcos e conquista a illa, dando lugar ao pobo dos fillos de Mil ou milesios, orixe da liñaxe celta de Irlanda.

Aquí tedes un breve vídeo que recrea estes episodios da lenda de Breogán e da conquista de Irlanda polos seus descendentes con fragmentos do Leabhar Gabhála Éireann.

luns, 10 de abril de 2023

As variedades xeográficas

O galego, como calquera outra lingua viva, posúe distintas variedades xeográficas (ou dialectais). É dicir, ao longo do noso territorio hai trazos na fala (fonéticos, morfolóxicos, léxicos...) específicos de cada lugar. No seguinte vídeo podes ver unha boa mostra disto.


No teu libro explícase cales son bloques dialectais do galego e cales son os trazos específicos de cada un. Basicamente son tres: o bloque occidental, o bloque central e o bloque occidental. O trazo que lles serviu aos lingüistas para determinar o límite entre estes bloques é o xeito de formarmos o plural das palabras acabadas en -ón

-ón / -óns (bloque occidental)     -ón / ós (bloque occidental)     -ón/ois (bloque oriental)
   camións                                   camiós                                   camiois


Estes serían algúns dos trazos lingüísticos propios de cada bloque:




A tarefa de hoxe, sinxela. Tendo en conta a información anterior e a que tes no teu libro, identifica a que bloque dialectal corresponde a fala de Quico Cadaval, que podes escoitar neste divertido monólogo seu sobre «Os coruños». IMPORTANTE: debes xustificar a túa resposta cun mínimo de CATRO TRAZOS (cos seus correspondentes exemplos).

As variedades da lingua

A lingua non é un elemento monolítico e uniforme. Non todos os falantes dun idioma o usan do mesmo xeito; pola contra, dependendo das circunstancias (o tempo, o lugar, a situación...) empregan diferentes variedades da lingua.


A. Variedades históricas (ou diacrónicas)

Son as formadas polas diferenzas das linguas ao longo do tempo. Así, como o galego falado no século XII non é igual ca o do século XXI.

B. Variedades sociais (ou diastráticas)

Son as variedades que veñen determinadas por factores como o nivel cultural, a idade… Non todas as persoas teñen o mesmo nivel de coñecemento da lingua e, polo tanto, uns falantes expresaranse con maior ou menor corrección lingüística ca outros.  As variedades sociais son chamadas tamén niveis de lingua: nivel culto, nivel medio e nivel vulgar.

C. Variedades xeográficas (ou diatópicas)

Son as variantes que unha lingua presenta nas distintas zonas xeográficas nas que se fala. Cada lugar presenta uns trazos lingüísticos característicos. Segundo como se distribúen, descríbense tres grandes bloques dialectais: occidental, central e oriental.

D. Variedades situacionais (ou diafásicas)

Son as modalidades de fala que escolle o falante segundo a situación comunicativa na que se atope: unhas veces de xeito espontáneo e outras de maneira máis formal. 



mércores, 15 de marzo de 2023

Obradoiro de Lectura Creativa

En 3 ESO levamos xa varios cursos poñendo en practica o «Obradoiro de Lectura Creativa», unha sinxela técnica que permite traballar de forma lúdica os hábitos lectores do alumnado, a partir de dúas obras do fondo da nosa biblioteca: Esfinxe. Relatos de pensamento creativo e Sherezade. Novos relatos de pensamento creativo.



Esta semana volvémolo realizar e fixémolo coa técnica cooperativa coñecida como 1-2-4, coa que o alumnado ten a oportunidade de traballar primeiramente de xeito individual e logo en parellas e grupo. O obxectivo final é que, despois de intercambiaren ideas, se poñan de acordo nunha resposta final común.

O xogo, a partir dos textos seleccionados, permite desenvolver capacidades básicas como a comprensión lectora, o razoamento crítico, o pensamento creativo e lateral...

En vista dos bos resultados, repetiremos!

martes, 28 de febreiro de 2023

Un paseo pola lusofonía

Se cadra, non lembras o Festival de Eurovisión do ano 2017. Pois estivemos de celebración! De entre ducias de cancións en inglés cantadas por representantes de países de toda Europa, a gañadora foi «Amar pelos dois», unha balada en portugués, ese idioma fillo do galego-portugués medieval. Un mozo lisboeta, Salvador Sobral, foi o vencedor cantando na súa propia lingua.


A vinculación do galego co portugués fai que poidamos entendernos, sen grandes dificultades, cuns 215 millóns de persoas do ámbito da lusofonía. Se, ademais, falas castelán e inglés, podes chegar a comunicarte en total con case 1000 millóns! Todo son vantaxes!


No seguinte vídeo temos informativos de varios países da lusofonía. Podemos apreciar distintos acentos (ou «sotaques» como din eles) mais a comprensión é ben doada.

 

Aquí vai unha sinxela tarefa: resolver este encrucillado creado a partir da letra de «Amar pelos dois», de Salvador Sobral. Escoita a canción dúas ou tres de veces e, se ves que o necesitas, consulta a letra (aquí). Finalmente, imprime o PDF e tráeo o próximo día resolto.

             

venres, 24 de febreiro de 2023

Encontro con Pere Tobaruela




O pasado xoves 23 de febreiro, Día de Rosalía, tivemos a sorte de recibir a Pere Tobaruela, autor de Formig4s. Misión Rosalía, o libro de lectura deste segundo trimestre en sexto de Primaria. Non puido ser en mellor data, pois combinamos a homenaxe á poeta galega máis universal co encontro con este importante autor.

Pere, nado en Cataluña, contounos como deu os seus primeiros pasos na literatura, como aprendeu galego e se animou a escribir na nosa lingua, cal é o seu obxectivo como creador de historias, que proxectos ten para o futuro... E tamén tivemos a oportunidade de facerlle unha chea de preguntas. 

Finalmente, démoslle, en nome de todos os nenos e nenas de 6EP, un pequeno agasallo: un caderno que recollía diversos debuxos e comentarios que nos inspirou a súa obra. 

Un encontro moi agradable! Esperemos que axiña poidamos repetir con máis autores da nosa literatura.

mércores, 8 de febreiro de 2023

Rapeando con Rosalía

Durante o primeiro trimestre, o alumnado de 6EP participou de forma activa na elaboración do proxecto Rapeando con Rosalía: unha versión rap de «Adiós ríos, adiós fontes», un dos poemas máis coñecidos de Rosalía de Castro. Todos colaboraron: rapeiros e rapeiras que cantaban, ilustradores e ilustradoras para os debuxos e tamén especialistas en lettering que axudaron cos textos. Un gran traballo en equipo!

O vídeo será aproveitado, ademais, para celebrarmos, o vindeiro 23 de febreiro, o Día de Rosalía. 

Parabéns a todos os rapaces e rapazas de sexto polo seu magnífico traballo!