martes, 24 de xaneiro de 2023

Textos argumentativos, 2023

Como outros anos, o alumnado de 3ESO está a traballar o texto argumentativo. Saber defender unha opinión propia apoiándonos en argumentos e exemplos resulta unha destreza fundamental, na vida académica e tamén na vida cotiá. 

De entre todos os textos presentados, seleccionamos algúns dos mellores. Veredes que se axustan ben ás indicacións dadas sobre forma, estrutura e contido. Son textos, ademais, que ofrecen puntos de vista opostos sobre algúns dos temas suxeridos. Cal vos convence máis?

AS REDES SOCIAIS

TEXTO 1 
No mundo globalizado no que vivimos, unha das maiores revolucións na comunicación foron as redes sociais. Pero, todo son beneficios? 

Actualmente poderiamos dicir que non hai persoa que non utilice as redes sociais a diario, xa sexa para informarse da actualidade ou para entretemento. Isto é algo  que cambiou nosos hábitos de consumo e de vida. Se ben é certo que nos axudan a comunicarnos e nos permiten estar conectados con persoas a quilómetros de distancia, pode que o uso das redes sociais tamén nos estea levando a un illamento sen que nos deamos apenas conta.

Segundo un estudo, o uso continuado das redes sociais está asociado a unha maior percepción de illamento social. Por exemplo, cando pasas moitas horas nas redes, ao mesmo tempo, inconscientemente, estás illándote da sociedade fóra das pantallas. Ademais do alarmante que pode ser este feito para a nosa saúde mental, tamén hai que ter en conta as consecuencias para a saúde física. Está demostrado que o illamento social está asociado a cambios no peso, nos patróns de sono e mesmo no noso sistema inmunitario. Unha enquisa realizada pola Royal Society for Public Health revelou que o uso abusivo de Facebook, YouTube, Instagram, Twitter e Snapchat, as cinco redes sociais «imprescindibles» no día a día da maioría dos mozos, empeora a súa saúde mental en catro aspectos: calidade do sono, imaxe corporal, ciberacoso e inseguridade.

En conclusión, non é o mesmo interactuar cos nosos amigos que ver contido como robots. Na miña opinión, aí radica a clave do asunto e a parte espiñenta do debate: as dúas caras da moeda das redes sociais. É certo que serven como elemento singular de intercomunicación ata niveis impensables ata agora, mais tamén provocan ese punto de illamento que nos fai caer no lado oposto da balanza.

Raquel Iglesias Amiana (3ESO-A)

TEXTO 2  
Hoxe en día, o número de persoas que usan as redes sociais está en constante aumento. Isto débese a incrible capacidade que nos ofrecen as redes de interactuar e comunicarnos cos demais. Pero, realmente nos axudan a socializar ou nos illan?

Por unha parte, existen diversas redes sociais como Whatsapp, Twitter ou Instagram con miles de millóns de usuarios diarios que nos permiten ter conexión inmediata e en tempo real cos nosos amigos e mesmo con persoas que se atopen lonxe de nós. A innovación que isto supón para a comunicación é innegable, de xeito que xa non nos podemos imaxinar estando «desconectados» ou sen compartir fotos, vídeos ou opinións cos demais.

Outra parte importante das redes, son os foros, canles e comunidades en Internet que nos permiten falar con outra xente de temas que nos gustan como, por exemplo, videoxogos, ou ben os foros e canles onde podemos consultar un tema ou resolver dúbidas que se nos podan xurdir en Matemáticas, Física, Historia... Non hai dubida de que ben usados son unha ferramenta valiosa e importante.

Finalmente, as redes tamén nos ofrecen a posibilidade de crear perfís, que poden ser públicos ou privados, nos que compartir información sobre nós: o que estamos a facer, os nosos gustos, as nosas amizades... Un exemplo é Instagram, unha rede social na que a xente comparte fotos para que os demais as vexan, podendo así socializar sen ningún tipo de atranco ou barreira.

En conclusión, as redes sociais son un excelente instrumento para interactuar con outras persoas polas vantaxes que ofrece, pero sempre debemos facer un uso responsable destas e controlar a información persoal que compartamos e con quen.

Roi Edreira Leis (3ESO-B)

OS DEBERES ESCOLARES

TEXTO 3  
Os deberes escolares son un dos temas que máis desacordos causan entre mestres, alumnos e pais.

En primeiro lugar, penso que existe unha relación positiva entre os deberes e o rendemento dos estudantes. Proba disto é o estudo realizado pola Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) no ano 2014 entre adolescentes de quince anos, que amosa a existencia desta correlación en moitos países.

Por outro lado, coido que os deberes favorecen a independencia e a responsabilidade do alumno. Un informe elaborado no ano 2014 polo sindicato CSIF de Andalucía indica que o 95% dos mestres aseguran que fomentan o esforzo e posibilitan que o estudante aprendan a traballar só.

Non obstante, na miña opinión, entre realizar deberes que ocupan a meirande parte do tempo de lecer do alumno e eliminalos por completo, o termo medio é o máis axeitado. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia publicou, no ano 2017, un informe sobre os deberes escolares, indicando que a clave non está tanto na cantidade das tarefas ou no tempo adicado a realizalas, senón na calidade dos deberes, xa que deben servir para reforzar coñecementos.

Por último, é fundamental que os deberes se planifiquen entre todos os mestres, de xeito que a suma das tarefas das distintas materias non sexa excesiva. É importante adicar tempo á realización de actividades deportivas e tamén gozar de tempo de lecer.

En conclusión, considero que uns deberes escolares axeitados que sirvan para mellorar habilidades e asentar coñecementos son beneficiosos para o alumno, sempre que non sexan abusivos. 

Daniel Fernández Rivera (3ESO-C)

TEXTO 4  
Hoxe en día os nenos e nenas, ao rematar as clases, polo xeral, temos deberes escolares. O seu obxectivo principal é reforzar os coñecementos adquiridos na clase. Pero son bos ou malos? 

Para comenzar, a cantidade de deberes que se mandan é bastante grande. Por exemplo, os estudantes, acabado o horario escolar, fan unha media de sesenta ou setenta minutos de deberes diarios.

Seguidamente, deberiamos ter en conta que nalgúns colexios, coma o noso, o Fogar, máis da metade dos días hai clases pola tarde, é dicir, sete horas de clase en total. Se a estas sete horas lles sumamos unha hora de deberes na casa, danos un total de oito horas que é o que traballa un adulto cada día. 

Por outra parte, os deberes condicionan a vida familiar. Por exemplo, a miña familia ía ir de vacacións na ponte da Constitución, pero non puidemos ir pola cantidade de deberes e exames que tiñamos á volta. 

Finalmente, os deberes tamén impiden a realización de actividades deportivas, formativas… Como exemplo, unha coñecida miña non pode adestrar todos os días que lle gustaría por culpa dos deberes. Ou o meu propio caso, que ao adestrar tres veces por semana debo empregar sempre un dia da fin de semana para poñerme o día coas tarefas escolares. 

En conclusión, podemos dicir que os deberes escolares non son necesarios ou, cando menos, son deberían estar moito máis limitados.

Emma Fernández Lois (3ESO-C)

xoves, 22 de decembro de 2022

Panxoliña para comezar o Nadal!

Chega o Nadal e os rapaces e rapazas de Primaria agasállannos cunha fantástica panxoliña. No marco do Plan de Dinamización Lingüística, as profesoras Iria Pérez e Nuria Barreiro organizaron este proxecto, que tamén tivo a colaboración de cativos e familias. 

De feito, con este vídeo representaron o Fogar no XII Festival de Panxoliñas celebrado o pasado 16 de decembro en Santiago de Compostela.

Parabéns a todos os que puxeron o seu granciño de area neste fantástico proxecto! 

Felices festas!!!!!

venres, 16 de decembro de 2022

Escribimos un texto argumentativo

 

O vídeo anterior preséntanos o texto argumentativo. Xa sabes, ese tipo de texto que ten como intención principal defender unha idea (tese) e convencer dela o lector. Os textos argumentativos danse con frecuencia na vida cotiá: artigos de opinión xornalísticos, sentenzas xudiciais, ensaios científicos ou filosóficos, discursos políticos, textos publicitarios, intervencións en debates e mesas redondas e, en xeral, tamén discusións espontáneas do noso día a día.

No vídeo anterior proponse un texto argumentativo cunha estrutura dedutiva, é dicir, a tese xa se indica no primeiro parágrafo, para despois desenvolver os argumentos. Nós propoñémosche unha estrutura indutiva ou sintética, que consta destas partes: 

Introdución: presentación do tema (asunto sobre o que se vai falar).
Desenvolvemento: conxunto de argumentos que conducen á tese, reforzados por probas, exemplos, citas...
Conclusión: tese (síntese coa opinión persoal). 


Como vedes, no exemplo anterior temos unha estrutura sintética. Despois da introdución, os argumentos van sucedéndose, acompañados de exemplos, ata chegarmos á tese que aparece na conclusión. Tamén aparecen sinalados en verde os conectores textuais.

Os conectores textuais son palabras o grupos de palabras que serven para cohesionar, para relacionar as diferentes oracións e parágrafos dun texto. Algúns serían:
  • Conectores de orde: primeramente, seguidamente, en primeiro lugar, en segundo lugar, por unha parte, por outra parte, por último...
  • Conectores conclusivos: en resumo, en conclusión, en definitiva, por todo isto, en vista do anterior...
  • Conectores exemplificadores: por exemplo, proba disto é, poñamos por caso...
De acordo co anterior e co traballado na aula, redacta un texto argumentativo, dun mínimo de 20 liñas, sobre un dos seguintes temas. Escolle o que máis che interese, iso si, debes decidirte por unha das alternativas que se ofrecen en cada caso.
 
• Os deberes escolares: son beneficiosos ou son un problema?
• O toureo (ou tauromaquia): debe prohibirse ou non?
• As centrais nucleares: necesarias ou demasiado perigosas?
• Os programas do corazón: entretemento ou «telelixo»?
• As redes sociais: axúdannos a socializar ou íllannos?
• O mundial de fútbol de Qatar: paréceche ben que se organizase nese país ou non?

Se queres, aquí podes ler exemplos de textos argumentativos creados por compañeiros e compañeiras de cursos anteriores.


martes, 15 de novembro de 2022

As estrofas máis sinxelas

Xa sabes que os poemas adoitan estruturarse en estrofas. A estrofa é unha serie de versos agrupados que comparten unha medida e un esquema de rima.  As estrofas máis sinxelas son: o pareado, a tercetiña, a cuarteta, a redondilla e a copla. 


Tendo en conta os exemplos anteriores, copia estas estrofas e analiza a súa medida e a súa rima. Indica despois a que tipo corresponde cada unha.

Cando penso que te fuches,
negra sombra que me asombras,
ó pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.
                                                 Rosalía de Castro

Mes de Xaneiro.Vai frío.
Tremen as arbres despidas.
A lúa chove no río.
                                                 Aquilino Iglesia Alvariño

As cousas vanse aledando
por onde o meu carro pasa.
¡Carrétame herba pró gando!
¡Traime a colleita pra casa!
                                                 Manuel María


venres, 4 de novembro de 2022

Cantigas de escarnio e maldicir: equívoco e ironía

As cantigas de escarnio e maldicir son aquelas que buscan facer rir a través da sátira. Os tratados de poética medieval diferenciaban entre: 

Cantigas de escarnio. Son aquelas que conteñen unha sátira encuberta baixo dobres sentidos, xogos de palabras, equívocos, metáforas, eufemismos... Normalmente non se identifica a persoa satirizada.

Cantigas de maldicir. Son unha sátira directa e evidente, cunha linguaxe clara, sen ningún tipo de ambigüidades. A persoa criticada adoita aparecer claramente identificada (nome, apelidos, alcume...).

Este tipo de cantigas adoitan presentar recursos como o equívoco e a ironía: 

  • Equívoco: baséase en xogar co dobre sentido das palabras.

  • Ironía: consiste en dicir o contrario do que se quere dar a entender.





xoves, 27 de outubro de 2022

Símbolos das cantigas

Nas cantigas trobadorescas, especialmente nas cantigas de amigo, manéxase un amplo repertorio de símbolos que convén dominar para interpretalas correctamente.

  • Auga: simboliza a fecundidade ou pureza da rapaza
  • Fontes, lagos, ríos...: son o lugar de encontro dos namorados. 
  • Mar tempestuoso: símbolo da paixón amorosa.
  • Vento: símbolo da masculinidade. 
  • Cervos: representan o namorado. 
  • Flores: símbolo da sensualidade da primavera
  • Cabelos (lavar cabelos): representan a fermosura e o erotismo. Indica un próximo encontro dos namorados. 

Podes localizar os símbolos na seguinte cantiga de Pero Meogo e interpretar o seu significado? 




sábado, 24 de setembro de 2022

O galego mola!


Comeza un novo curso e nada mellor que arrincar con este breve vídeo, Unha pequena xoia que nos explica, de forma moi simplificada, conceptos moi importantes que iremos vendo ao longo dos próximos trimestres: un chisco de historia da lingua, un chisco das variedades dialectais, un chisco do Día das Letras...