xoves, 11 de febreiro de 2021

O noso proxecto de 21 DÍAS EN GALEGO (e +)

Todo comezou aló polo 2013. Os rapaces do IES da Pobra do Caramiñal foron os pioneiros coa experiencia 21 Días Co Galego, da man da profesora Pilar Ponte. Despois, no ano 2017 un grupo de alumnos e alumnas do Fogar seguiron o seu ronsel e comezamos o noso 21 DÍAS EN GALEGO (21DEG).

A experiencia consiste en aceptar o reto de falar en galego durante 21 días. Co acompañamento de actividades diarias que se propoñen desde o blog da materia. Non hai que estudar, non hai que escribir. Todo se basea en falar e ir gravando a diario as actividades propostas: días impares contar «Como che vai?» (unha especie de videodiario) e días pares «O reto» (xogos e actividades lúdicas para facer individualmente, en parella, en grupo...).

Coas ducias e ducias de vídeos do primeiro ano, elaboramos este minidocumental. Fiel mostra de como resultou a experiencia.

Para sorpresa de todos, 21DEG tivo unha grande acollida e tamén diversos recoñecementos. Recibimos o premio á «Investigación sobre a nosa fala» da asociación Xermolos no Festival de Pardiñas.

Leváronos á radio, ao programa «O Coruñés Opina», para falar sobre o noso proxecto e axudar a divulgalo.

Recibimos, ademais, a homenaxe da Real Academia Galega, xunto cos rapaces da Pobra, nun acto celebrado na propia institución e que foi recollido nos medios de comunicación.


E, por último, a Xunta decidiu impulsar o mesmo proxecto, co nome de 21 Días Co Galego e +, entre a rapazada de institutos públicos de toda Galicia. O ano pasado, de feito, fomos convidados tamén a participar.


E este ano, aceptas ti o reto de 21DEG? Se se fai entre amigos/as, moito máis doado!


luns, 8 de febreiro de 2021

Quen escribe o noso futuro?


É curioso saber que hai uns 1000 anos, en Inglaterra, tamén se deu iso que damos en chamar «conflito lingüístico». A conquista do país polas forzas normandas (de lingua francesa) converteu o inglés en lingua minorizada no seu propio territorio. Pero, como ben se di ao final do vídeo, «o futuro non está escrito, escribirémolo nós». E o inglés acabou por recuperar o seu status de normalidade e mesmo se converteu, 1000 anos despois, en lingua de uso internacional.
 
A xeito de síntese, para intentar precisar esa chea de conceptos que estamos a estudar estas semanas (bilingüismo, diglosia, prexuízos, lingua minorizada...), aquí queda este esquema, coas súas correspondentes definicións. A ver se vos é de axuda.

Contacto lingüístico: Situación en que dúas ou máis linguas coexisten nun mesmo territorio. 
Bilingüismo individual: Capacidade que ten unha persoa de empregar indistintamente dúas linguas.
Bilingüismo social: Sociedade en que se empregan dúas linguas diferentes, sendo unha boa parte da poboación individuos bilingües. Esta situación nunca é estable no tempo e decote acaba derivando en diglosia.
Diglosia: Situación en que se dá unha consideración social desigual de dúas linguas o que provoca un uso desequilibrado destas: a lingua A (dominante) para as funcións de máis prestixio (laboral, institucional, cultural e internacional) e a lingua B (minorizada) para as relacións cotiás e informais (función local e, sobre todo, a familiar).
Lingua dominante (A): Lingua de gran prestixio social que acaba por impoñerse fóra do territorio que lle é propio e acaba ocupando progresivamente ámbitos e funcións doutra lingua (a minorizada).
Lingua minorizada (B): Lingua historicamente propia dun territorio que ve restrinxidas as súas funcións e retrocede nos diferentes ámbitos de uso, baixo a presión dunha lingua dominante foránea.
Prexuízos lingüísticos: Xuízos de valor (preferencias ou rexeitamentos) sobre a lingua baseados en razoamentos falsos ou sen fundamento («O galego é de pailáns de aldea», «O galego só o falan os dunha determinada ideoloxía»...).
Conflito lingüístico: Situación de tensión e pugna entre dúas linguas en contextos diglósicos, e que se pode resolver ben mediante a substitución lingüística, ben mediante a normalización lingüística.
Substitución lingüística: Desaparición da lingua minorizada porque a lingua dominante se impón completamente en todos os ámbitos e funcións.
Normalización lingüística: Proceso mediante o cal unha lingua minorizada consegue recuperar o seu valor comunicativo, as súas funcións lingüísticas e o seus status como lingua propia.

sábado, 6 de febreiro de 2021

Valoración social das linguas: os prexuízos

Os estereotipos son xeralizacións moi difundidas e simplistas sobre os membros dun grupo social (‘rapaz con lentes = chapón’ ou ‘nena loira = parva’).

Os prexuízos son xuízos de valor que nos levan a ter actitudes negativas e de rexeitamento cara a eses grupos baseándonos, precisamente, nos estereotipos falsos.

Coñeces a Susan Boyle? No 2009, con 46 anos, participou como concursante na terceira tempada do show de televisión británico Britain’s Got Talent. Ela, na súa primeira aparición no programa, foi vítima de estereotipos e prexuízos. Prexulgárona negativamente pola súa aparencia e polo seu acento (procedía dunha aldea escocesa), mais acabou ocorrendo isto...


Un bo exemplo de por que non nos debemos deixar levar por estereotipos falsos nin alimentar prexuízos!

Sobre a lingua galega pesan moitos estereotipos (‘galegofalante con gheada = aldeán inculto’; ‘mozo galegofalante urbano = bloqueiro’) e tamén prexuízos (‘o galego é de pailáns’, ‘o galego íllanos do exterior’, ‘co galego non se progresa’, ‘o galego está a ser imposto por unha minoría’...).

O seguinte vídeo axúdache a coñecer algúns destes prexuízos lingüísticos e a reflexionar sobre a súa falsidade.



Se queres comprobar como afloran estes prexuízos na nosa realidade cotiá, podes ler noticias como esta, esta, esta, esta ou estoutra.

luns, 1 de febreiro de 2021

Bilingüismo individual, todo son vantaxes


O bilingüismo individual é a capacidade dunha persoa para comunicarse indistintamente e de forma eficaz en dúas linguas. Como podes ler na unidade 4 (páx. 94), os científicos do Instituto de Ciencias do Aprendizaxe e do Cerebro da Universidade de Washington (Seattle, Estados Unidos) levan tempo a estudar os efectos do bilingüismo no cerebro.

Neste artigo xornalístico, ofrecen algunhas das súas conclusións, que resumimos aquí:

O cerebro dunha persoa bilingüe funciona coma un semáforo. Cando tes que escoller unha palabra, dá luz verde ao idioma que está a usar e frea cunha luz vermella o termo que non necesita. Este proceso natural de selección, que fas centos de veces ao día, é como unha ximnasia involuntaria que mellora a túa materia gris. [...] Hai investigacións que suxiren que falar dúas linguas permite combater mellor o Alzheimer ou a demencia.

Os nenos bilingües, por exemplo, descartan «máis facilmente» o ruído na clase para centrarse na lección. «Se estás conducindo ou operando nun quirófano é importante centrarse no que realmente importa e ignorar o que non».

O cerebro dunha persoa que fala dous idiomas é moito máis flexible, enfróntase a situacións máis complexas polo que busca mellores solucións e acaba sendo moito máis áxil.

A esas «vantaxes intelectuais» súmanse, sen dúbida, as comunicativas. Por exemplo, sabías que sendo bilingüe de forma efectiva en galego e castelán poderías comunicarte sen dificultade con case 800 millóns de persoas? É o número de falantes de portugués e de castelán no mundo. 

De todo isto fálanos neste vídeo Rosalía Fernández Rial. Non perdas detalle do que di.

xoves, 28 de xaneiro de 2021

Plurilingüismo no mundo e na península Ibérica

No apartado de Lingua e sociedade da unidade 3 (páxs. 68-70) traballamos o plurilingüismo no mundo e no Estado español. Lendo a información destes apartados, observamos que o normal no planeta é a diversidade lingüística e non a uniformidade. Isto mesmo se trata con detalle no vídeo que o curso pasado prepararon os compañeiros e compañeiras de 3ESO.
 


Como vemos na unidade, tamén a península Ibérica é un exemplo desta realidade plurilingüe. Nela podemos atopar nove idiomas.

galego              portugués              asturleonés

éuscaro               aragonés              catalán

castelán              mirandés              aranés

A forma en que estas linguas se distribúen compréndese ben se observamos este mapa dinámico, que amosa a evolución lingüística na península desde o ano 1000 ata a actualidade.


No seguinte vídeo, podes escoitar cancións nestas nove linguas. Moitas, de seguro, será a primeira vez que as escoitades. Os subtítulos son de agradecer!

martes, 19 de xaneiro de 2021

Traballamos os verbos [2]



Xa estudamos que o infinitivo conxugado (páx. 182 do teu libro) é un trazo lingüístico case exclusivo do galego. Dános unha importante riqueza expresiva cando empregamos oracións con infinitivo.


Como xa vimos nalgunha fotocopia traballada na clase, as regras básicas de uso do infinitivo conxugado son:
A. O infinitivo ten suxeito distinto ao do verbo principal:
Deiche os cartos para comprares pan.
B. Cando, tendo o mesmo suxeito, o infinitivo vai antes do verbo principal:
De actuardes dese xeito, acabaredes con problemas.
C. Cando o infinitivo é suxeito:
Reciclarmos é moi importante. 
Tamén estivemos a estudar na clase as perífrases verbais. No seguinte capítulo do programa «Ben falado» da TVG fálasenos dunha das perífrases máis características do galego: dar + participio. 


Lembra que xa as estudamos nas páxinas 182-183 do teu libro de texto.


Como vimos tamén no libro, as perífrases son de tres tipos: temporais (indican futuridade ou inminencia), modais (indican obriga, probabilidade...) ou aspectuais (incoativas –acción en desenvolvemento–, terminativas –acción rematada–, reiterativas –acción repetida–).




Despois de leres a información anterior aquí tes un par de actividades. Envíame os resultados (pantallazo) por MOODLE.
• INFINITIVO CONXUGADO: Fai clic aquí e modifica as oracións introducindo o infinitivo conxugado (Ollo!, hai dúas series de oracións: 1 e 2). 
• PERÍFRASES VERBAIS: Fai clic aquí e identifica o tipo de perífrase en cada caso (Ollo!, hai dúas series de oracións: 1 e 2).  

martes, 12 de xaneiro de 2021

Traballamos os verbos [1]

Estes días andamos a traballar o verbo. Neste post ofrecémosvos uns cantos recursos para comprenderdes mellor esta categoría gramatical. 

Como vistes na páxina 158 do teu libro, o verbo descomponse en raíz [R], vogal temática [VT], morfema modo-temporal [MMT] e morfema número-persoal {MNP]. Aquí vos deixamos un gráfico que amosa de forma ben clara os compoñentes morfolóxicos dos nosos verbos regulares.

En galego temos nove tempos verbais (6 de indicativo e 3 de subxuntivo). Aquí os tes, coa denominación que empregamos este curso e coa tradicional.

INDICATIVO
(ando) presente = presente
(andei) pretérito = pretérito perfecto
(andarei) futuro = futuro
(andara) antepretérito = pretérito pluscuamperfecto
(andaba) copretérito = pretérito imperfecto
(andaría) pospretérito = condicional

SUBXUNTIVO
(ande) presente = presente
(andase) pretérito = pretérito imperfecto
(andar) futuro = futuro

Repara en que en galego non temos tempos compostos! Nada de *he feito (fixen) nin de *houbera estudado (estudara)!  A xornalista Esther Estévez, de «Dïgocho eu» explícao ben clariño neste vídeo.

Por outra parte, debes lembrar o verbo regular (páx. 160 do teu libro) é o que mantén a raíz igual en todas as súas formas e toman as desinencias do seu verbo modelo.    

bailo = ando (verbo modelo)
bailei = andei (verbo modelo)
bailarei = andarei (verbo modelo)

Ollo! Hai un grupo de verbos, chamados verbos con alternancia vocálica  (ver cadro da marxe da páx. 160) que seguen a considerarse regulares aínda que presentan alteracións na vogal tónica da raíz (no presente de indicativo).

sigo
segues
segue
seguimos
seguides
seguen

Estoutro vídeo de «Dígocho eu» sérveche para entendelo mellor.


Para rematar, un sinxelo e divertido xogo autoavaliable: un rosco alfabético no que tedes que escribir a forma verbal (regular ou irregular) que se pida. Aquí queda! É voluntario. Animádevos!