mércores, 25 de marzo de 2020

O verbo irregular


Na páxina 160 do teu libro tamén se explica que o verbo irregular é aquel que non mantén a raíz igual en todas as súas formas e/ou ten desinencias distintas ás do seu verbo modelo.
fago = ando (verbo modelo)
fixen = andei (verbo modelo)
farei = andarei (verbo modelo)
Podes atopar as formas completas dos principais verbos irregulares galegos (caber, dar, dicir, estar...) no apéndice (pás. 296-301).

Imos coa práctica de hoxe:

Aquí tes un divertido xogo. Debes escribir a forma correcta de cada verbo irregular ata completar a rosca do alfabeto.

Aquí, unha batería de 5 exercicios para traballares o verbo irregular e tamén o regular.

Ánimo!

martes, 24 de marzo de 2020

O verbo regular



Na páxina 160 do teu libro explícase que o verbo regular é o que mantén a raíz igual en todas as súas formas e toman as desinencias do seu verbo modelo.    
bailo = ando (verbo modelo)        
bailei = andei (verbo modelo)

bailarei = andarei (verbo modelo)
Debes lembrar tamén que un grupo especial de verbos, chamados verbos con alternancia vocálica (ver cadro da marxe da páx. 160), presenta alteracións na vogal tónica da raíz, mais seguen a ser verbos regulares.
durmo
dormes
dorme
durmimos
durmides
dormen
A morfoloxía verbal é un dos contidos máis importantes deste curso, así que aquí tes unhas cantas actividades en liña para que practiques, comezando polo verbo regular.
  • Aquí debes conxugar unha serie de verbos na persoa, tempo e modo que se indica (son todos regulares, e algúns de alternancia vocálica).
  • Aquí tes unhas actividades para practicar especificamente os verbos de alternancia vocálica.


domingo, 22 de marzo de 2020

Os determinantes


Os substantivos comúns aparecen normalmente precedidos por palabras que os concretan (a casa, aquela casa, a túa casa...), Estas son coñecidas como determinantes. Xa os estudiamos nas páxinas 134-137 do teu libro. Imos agora repasalos:


Dálle unha lectura ao apartado dos determinantes do teu libro e logo realiza as seguintes actividades. 

Aquí tes unha interesante páxina con explicacións teóricas e actividades en liña para traballardes o artigo, o demostrativo, o posesivo... Vai percorrendo o menú da esquerda.

E aquí tes unha aventura interactiva, semellante á dos pronome átono da entrada anterior, na que terás que superar todas as probas para poder abrir a caixa do tesouro.

Adiante, a traballar... E ánimo!

Por certo, se tes dúbidas ou consultas, podes trasladalas sen problema facendo clic en «ningún comentario», na parte inferior da entrada. 

venres, 20 de marzo de 2020

O pronome persoal [3]


Para rematar esta semana, unha última proposta sobre o pronome persoal: «A colocación do pronome». Trátase dunha aventura interactiva na que, dependendo dos teus coñecementos sobre o pronome, poderás superar unhas probas ata chegar ao final.

Adiante! Se resolves todas as probas, conseguirás a chave que abre a caixa forte. Acepta o reto! 

Por certo, este recurso e moitos outros podedes atopalo en Aulas Galegas, un espazo colaborativo acabado de nacer que che será moi útil. Fai buscas nas categorías por curso (3ESO) e por materia (Lingua Galega ou outras). Seguro que atoparás propostas e actividades que che axuden.

mércores, 18 de marzo de 2020

O pronome persoal [2]


Outro dos contidos importantes relativos ao pronome átono galego é o da súa colocación respecto do verbo. O pronome átono, como o seu nome indica, carece de acento de intensidade e por iso vai acompañando sempre unha forma verbal, unhas veces despois e outras antes. 

DESPOIS
Dígocho en serio. 

ANTES
Que non se che ocorra cometer máis pronomicidios!

Se fas clic aquí ou na imaxe, verás unha sinxela explicación sobre o tema. De novo, a fonte é o miniespazo Dígocho eu da TVG.


No teu libro, na páxina 208, tes unha explicación completa das regras de anteposición e posposición do pronome átono. Despois de lelas, suxerímosche que fagas as actividades 10, 11, 12 e 13.

Sería boa idea que vises esta entrada e tamén estoutra deste mesmo blog. Nelas abordamos dunha forma «diferente» o traballo da colocación do pronome. Se cadra esas cancións, axúdanche a memorizar as regras!

E por último, de novo, algo de traballo en liña. Aquí tes as regras de colocación do pronome e aquí unhas cantas actividades. Adiante! A ver se tes poucos erros!

sábado, 14 de marzo de 2020

O pronome persoal [1]


Estes son días complicados. Pero seguro que dentro dunhas semanas todo volverá á normalidade. En todo caso, en Achaveeomundo iremos incorporando entradas novas que vos axudarán a traballar os contidos máis importantes de Lingua Galega e Literatura 3ESO.

Lembra tamén que na marxe esquerda do blog dispós dunha chea de recursos en liña que che poden ser de axuda. E tamén poden servirche as etiquetas ordenadas alfabeticamente para ir dereitiño/a a algún contido que che interese.

O noso próximo contido gramatical importante é o pronome persoal. No teu libro de texto podes atopalo na unidade 9 (entre as páxs. 204 e 208). Nese apartado podes ler con calma os trazos esenciais tanto do pronome tónico, como do átono.



Tendo en conta o estudado, propoñémosche que fagas as actividades 2, 6, 7, 8 e 9. 

Unha das dificuldades típicas que distinguir ben o uso correcto de te / che. Se fas clic nesta ligazón ou na imaxe podes ver unha útil explicación sobre o tema do programa Dígocho eu, da TVG.


Tamén podes facer estas actividades en liña, que teñen solucionario.

Axiña volveremos con máis propostas sobre o pronome persoal. Ánimo!

mércores, 26 de xuño de 2019

21DEG: ata o curso que vén!


Aquí tedes unha imaxe cuns cantos dos participantes este curso en 21 Días En Galego. Vese que algo se lle quedou da lingua ao practicala tanto!

O número de participantes e niveis implicados vai, ano a ano, ampliándose. Este curso foron compañeiros de 3ESO, 4ESO e tamén Bacharelato. Os resultados foron moi positivos, tanto na mellora da produción oral dos protagonistas, como na súa reflexión sobre a realidade da lingua. 

Este ano, ademais, foi especialmente importante a implicación e participación das familias: avós e avoas, país e nais, irmáns e irmás animáronse a participar activamente en moitas das propostas: regueifas, raps, adiviñas, xogos... 

Desde o Departamento de Lingua Galega queremos felicitar a todos os implicados, alumnado e familias. Sen a vosa axuda e sen o voso compromiso, este proxecto non sería posible. Aspiramos a mantelo vivo moito tempo.

De novo, parabéns e grazas! Ata o curso que vén!