domingo, 15 de abril de 2018

[21 DEG: Día 13] Como che vai?



Este vídeo amosa algunhas diferenzas entre o galego e o portugués (do Brasil). Mais realmente demostra que a proximidade entre a nosa lingua e a portuguesa é tal que é posible manter unha conversa fluída sen problemas. Como comprobamos no diálogo, hai certos trazos (especialmente léxicos) que si poden provocar equívocos.

Seguimos, co «Como che vai?»
—Que tal cos 21 Días En Galego? Que fixeches hoxe?
—Conseguiches falar sempre en galego?
—Como ves a evolución da túa expresión oral? Cometes máis ou menos erros que ao comezo?
—Comprendiches o diálogo que manteñen as dúas persoas do vídeo?
—Poderías explicar que palabras provocan confusións entre eles? E por que?
—Que pensas das ventaxes que o galego ofrece para a comunicación internacional?

 
Luz Bermúdez Marras, 3ESOC

sábado, 14 de abril de 2018

[21 DEG: Día 12] O reto: A entrevista




Aquí tedes a David Amor a entrevistar a Xosé A. Touriñán. Estes dous cómicos e actores galegos axúdannos a introducir, con humor, o reto de hoxe: unha entrevista. 

Chegou a fin de semana e, se cadra, tes algo máis de tempo. Escolle unha persoa que che interese: pode ser un familiar ou alguén da túa contorna que creas que paga a pena entrevistar (en galego, claro). Podes orientar a entrevista ao teu gusto: falar sobre a súa vida pasada, sobre o seu traballo, sobre os seus gustos e afeccións, sobre a cuestión da lingua... Como ti vexas

É moi conveniente unha mínima planificación previa. Un guión básico con algunhas preguntas pode ser útil.

Presenta esa persoa e procura que a conversa sexa fluída. E xa sabes, tres minutos mínimo.

Ánimo!

Lucía Costa López, 3ESOA

venres, 13 de abril de 2018

[21 DEG: Día 11] Como che vai?



Paga a pena escoitardes o monólogo de Rosalía Fernández Rial (Carballo-Muxía, 1988), poeta e licenciada en filoloxía pola USC. Saberedes como descubriu nun pub de Lisboa o valor de ser galegofalante e de criarse nun contexto bilingüe. Xa temos falado na clase sobre as vantaxes neurolóxicas e de aprendizaxe do bilingüismo. Recordas?
«Os altos niveis de bilingüismo están relacionados con maiores habilidades en áreas como a formación de conceptos, a creatividade e a flexibilidade para aprender».
A. Woolfolk, Eductional Psychology
Seguro que o que relata tan poeticamente Rosalía ha resultarvos familiar.

Hoxe, día 11 de 21DEG, toca reflexionar e falar de como vos vai.
—Como o levas agora que pasamos a metade dos 21 días? Animado/a a continuar?
—Como ves a túa evolución na fala despois destes 11 días de actividades?
—Conseguiches falar todo o día en galego?
—Que che pareceu a intervención de Rosalía Fernández Rial?
—Que pensas sobre esas «vantaxes» que posuímos os falantes bilingües sobre os monolingües?
—Anímate esta reflexión a intentar progresar no teu uso oral do galego?
Ah! E aí vai o voso logo de hoxe.

Lara García Prego, 3ESOB

xoves, 12 de abril de 2018

[21 DEG: Día 10] O reto: O videopoema




Aquí tedes o magnífico traballo realizado por tres compañeiras de 3ESO: Lucía Costa, Itziar Sánchez e Noa Varela. Inspiráronse na cantiga de amigo «Quantas sabedes amar amigo» de Martín Codax: as amigas cítanse para bañarse nas ondas do mar. As nosas compañeiras substituíron o mar da Ría de Vigo polo bravío mar de Riazor. E a súa recitación da cantiga como fondo. Unha peza ben fermosa!

Como xa podedes imaxinar, toca creardes un videopoema. Non ten porque ser tan elaborado como o de Lucía, Itziar e Noa. Basta con que vos gravedes facendo a recitación dalgún poema da literatura galega que vos guste. Botádelle toda a imaxinación que queirades:

Podes facelo individualmente, en parella ou en grupo, podedes gravalo na casa ou ao aire libre, podedes facelo nunha soa toma ou editar o vídeo, podedes incluír texto ou calquera outra idea que se vos ocorra. O importante é serdes creativos e facer unha boa recitación. Se queredes facelo dunha forma máis elaborada, podedes gravalo a fin de semana.

Que poema escoller? Aquí che damos tres posibilidades. Podes elixir unha delas ou buscar outro poema da nosa literatura que che guste máis.
a) 
O reino  
No tempo aquil
cando os animales falaban,
decir libertá non era triste,
decir verdá era coma un río,
decir amor,
decir amigo,
era igual que nomear a primavera.
Ninguén sabía dos aldraxes.
Cando os animales falaban
os homes cantaban nos solpores
pombas de luz e xílgaros de soños.
Decir teu e meu non se entendía,
decir espada estaba prohibido,
decir prisión somente era unha verba
sin senso, un aire que mancaba
o corazón da xente.
Cando,
cando se perdeu,
iste gran Reino?
        Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra (1962)
b) 
A dama que ía no branco cabalo
levaba un pano de seda bordado.
        Na verde fror
        as letras van de amor!
O cabaleiro do cabalo negro
levaba unha fita colléndolle o pelo.
        Na verde fror
        as letras van de amor!
No meio do río cambiaron as vistas,
el para o pano i ela prá fita.
        Na verde fror
        as letras van de amor!
As vistas lles viron no río cambiar
e o pano e a fita por se namorar
        Na verde fror
        As letras van de amor!
        Álvaro Cunqueiro, Dona do corpo delgado (1950)
c) 
Cando penso que te fuches,
negra sombra que m' asombras,
ó pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.
Cando maxino qu' es ida,
no mesmo sol te m' amostras,
i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa.
Si cantan, es ti que cantas;
si choran, es ti que choras;
i es o marmurio do río,
i es a noite i es a aurora.
En todo estás e ti es todo
pra min i en min mesma moras,
nin m' abandonarás nunca,
sombra que sempre m' asombras.
        Rosalía de Castro, Follas novas (1880)
E outro logo máis dos feitos con Brais.

Gissela Bouzas Neira, 3ESOA

mércores, 11 de abril de 2018

[21 DEG: Día 09] Como che vai?










Arriba un polaco, unha xaponesa, un ucraíno, unha madrileña, un húgaro e unha extremeña (do Val do Ellas, de fala galega). Só seis exemplos dos centos de alumnos e alumnas que cada verán fan o curso «Galego sen fronteiras» en Santiago de Compostela. En concreto, o ano 2017 foi a súa XXX edición e participaron estudantes de 22 países. 

Como vemos, cada un coa súa orixe, cada un coa súa motivación. Algo que nos convida a reflexionar sobre o valor que nós, os galegos, lle damos á nosa propia lingua, tantas veces menosprezada. Como ben di unha das alumnas:
«A moitos galegos víñalle ben ver o que sucede cando unha persoa da India, da América e do Xapón se reúnen para falar en galego».
Agora a falardes vós.
—Que tal o teu galego hoxe?
—Como levas estes días de experiencia?
—Ves algunha evolución na túa fala? Estás máis cómodo ou solto falando?
—Coñecías eses cursos de galego para estranxeiros? Que che parecen?
—Que pensas do interese e do aprezo polo galego que amosan xente doutros lugares?
—E que pensas do que din? 
E hoxe toca este logo.

Claudia Varela Ruíz, 3ESOC

martes, 10 de abril de 2018

[21 DEG: Día 08] O reto: Hoxe, humor!




Arriba, un fragmento d’A Repanocha, un histórico programa de humor da TVG. Contar ben os chistes e contos humorísticos non é doado. Hoxe o reto consiste simplemente en gravares un monólogo de humor de 3 minutos. Aí van unhas ideas. Podes:

—Contar algunha anécdota persoal que resulte moi graciosa.
—Relatar algunha historia cómica que che contasen os maiores.
—Contar uns chistes (ollo!, non deben ser sexistas, nin racistas...). Se non sabes, podes probar con estes:
DE EMPREGADO A EMPREGADO:
—Xa sabes que o xefe morreu?
—Si, pero gustaríame saber quen era o que morreu con el.
—Por que o dis?
—Non liches a esquela que a empresa puxo...
«e con el foise un gran traballador».
NA FARMACIA
—Bos días, ten algún medicamento para a indecisión?
—Por suposto. Píldoras ou xarope?
—Estámosche bos!!
DOUS AMIGOS
—Os meus pais eran moi indecisos.
—Xa o sei, Ricarlos.
DOUTORA A ESTUDANTE DE MEDICINA
—O paciente ten un cadro de vómitos e diarrea.
—Recoiro, como está o mundo da arte moderna!
DOUTOR E PACIENTE
—Doutor, saíronme unhas manchas nas pernas.
—E dóenlle? Pícanlle?
—Ben, unhas pican e outras non.
—Iso son pigmentos de Padrón, seguro.
FILLO E NAI
—Mamá, dinme que teño un futuro de soldador.
—Desolador
—Iso.
NO RESTAURANTE
—Camareiro, cal é o seu mellor viño tinto?
—Quere que lle traia ao somelier?
—Pois vale, ese mesmo. «Aosomelier» con gasosa.
Podes ensaiar e despois facer a túa gravación.

Candela Suárez Pernas, 3ESOA

luns, 9 de abril de 2018

[21 DEG: Día 07] Como che vai?



Dúas mozas, Alba e Henar, cóntannos a súa «historia co galego». Estas dúas youtubers son das aldeas do Bierzo leonés, próximo a Galicia. Lingüisticamente, como sabes, este é territorio de fala galega. E aquí as tes, falando galego con orgullo e sen medo aos erros.

Coñécense estas falas como «galego exterior», que se distribúe xeograficamente en:

Terra Eo-Navia (Asturias), arredor de 40.000 persoas
O Bierzo baixo (León) arredor de 30.000 a 35.000 persoas
As Portelas (Zamora), arredor de 1.000 persoas
Val do Ellas (Cáceres), arredor de 4.500 persoas


Hoxe toca «Como che vai?», isto é, debes gravar un vídeo de polo menos 3 minutos de forma libre imitando a Alba e a Henar. Poderás responder estas posibles preguntas:
—Que fixeches durante o día?
—Conseguiches falar en galego todo o tempo? Ou só por momentos?
—Que dificultades atopaches?
—Que pensas do que contan Alba e Henar, estas dúas mozas da zona de León de fala galega?
—Por que cres que non coinciden as fronteiras administrativas e as lingüísticas?
—Cal é a túa «historia co galego»? Aprendíchelo na casa ou na escola? Fálalo con frecuencia?
—Cal é a «historia co galego» dos que te rodean? Podes preguntarllelo e gravar as súas respostas?
E outro logo máis.

 
Berta Nolasco Cortiñas, 3ESOB