sábado, 7 de abril de 2018

[21 DEG: Día 05] Como che vai?



Estamos no día 5 de 21DEG. Toca falar de como vos vai e, para que non se faga moi repetitivo, comentar outro tipo de cuestións. Hoxe falaremos do cine. 

Sabías que o Plan Xeral e Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o 7 de setembro de 2004, establecía a obriga dobrar ao galego polo menos dez películas con posibilidade de éxito comercial ao ano? Cando foi a última vez que viches nos cines un filme rodado ou dobrado en galego? Contraditorio, non si?

Pois nada, a falar.
—Que tal che foi hoxe? Consegues falar en galego en todos os contextos?
—Sentes o apoio dos que te rodean?
—Gústache o cine? Cal é o filme que máis che gustou? Por que?
—Vas moito ao cine? Por que? Que tipo de películas che gusta ver?
—Viches algunha vez películas inglesas sen dobraxe, en versión orixinal?
—E irías ver filmes dobrados ao galego? Por que?
E como sempre, pechamos con outro dos vosos logos.


Ana Barroso Vinagre, 3ESOC


venres, 6 de abril de 2018

[21 DEG: Día 04] O reto: Palabras encadeadas




O reto de hoxe, día 4 de 21DEG, é xogar ás «Palabras encadeadas». Xa sabes, ese sinxelo enredo ao que seguro xogaches cando eras máis pequeno/a: dous ou máis participantes din por quendas unha palabra que comece pola derradeira sílaba doutra proposta antes. Por exemplo: xarope - pereira - raposo... Un dos participantes perde cando é incapaz de nomear unha palabra nova ou repite outra xa usada.

Hoxe é venres, así que terás máis tempo para buscar un ou dous compañeiros e gravardes o xogo. Lembrade, ademais, que só serán validas as palabras galegas correctas, é dicir, quen use algún castelanismo  (*calle, *conexo, *lexos...) perde.

E non esquecemos un novo logo.


Amanda Villamar Piñeiro, 3ESOC

xoves, 5 de abril de 2018

[21 DEG: Día 03] Como che vai?


Hoxe estamos no día 3 de 21DEG. Como vai a cousa? Xa sabes que só estamos comezando.


Aquí tedes un grupo de mozos e mozas comentando a súa relación coas linguas que se falan no noso país: galego e castelán.

Comenta «Como che vai?» nun vídeo que dure, polo menos, tres minutos. Podes usar como orientación estas preguntas:
—Que tal foi hoxe o día? Conseguiches falar galego no cole? E na casa?
—Algunha anécdota interesante que comentar?
—Que opinas dos comentarios dos rapaces do vídeo?
—Identifícaste coas palabras dalgún deles? Por que?
—Falan da preseza do galego na súa familia. Que presenza ten o galego na túa?
—Escoitándoos xorde o tema do bilingüismo. Cres que son bilingües? E ti?
Ah! E outro logo máis.

Álex Souto Novalbos, 3ESOB

mércores, 4 de abril de 2018

[21 DEG: Día 02] O reto: Trabalinguas




Non hai mellor quecemento para os días quedan por diante que uns cantos trabalinguas. Hoxe, día 2 de 21, toca reto lúdico individual: xogar cos seguintes trabalinguas populares galegos, ordenados por nivel de dificultade. Xa sabes, tes 3 minutos para gravalos todos, iso si, vocalizando correctamente. Serás quen de conseguilo??!!

Trabalinguas 1
Un can cun quinqué no cu.

Trabalinguas 2
Debaixo dunha pipa tinta
hai unha pita pinta;
cando a pipa tinta pinga,
a pita pinta pía.

Trabalinguas 3
Porque sabes que che quero,
queres que che queira máis.
Quéroche máis que me queres.
Que máis queres? Queres máis?

Trabalinguas 4
Corchete que estás na corcheta,
desencorchetácheste xa?
O desencorchetador
que te desencorchete
bo desencorchetador será.

Trabalinguas 5
Gancho reviragancho,
que tanto revigarancheaches,
deixa que te desreviraganchee,
con este desreviraganchiño
que teño para desreviraganchear
ganchos reviragancheados
nas ramas do carballal.


Ah! Eu outro logo máis.

Adrián Braojos Hernanz, 3ESOB

martes, 3 de abril de 2018

[21 DEG: Día 01] Como che vai?


Día 1 de 21DEG 2018! Comezamos! Presentámosche os vosos padriños deste ano. Dous referentes galegos do deportivismo, Pedro Mosquera e Álex Bergatiños. Hai un tempo, enviáronnos esta mensaxe de felicitación e de ánimo a todos os participantes de 21DEG.



Como sabes, nos días impares toca contar «Como che vai?». Ao rematares o día, grava un vídeo de polo menos tres minutos explicando como vai a experiencia. Podes responder estas preguntas:
—Que che pareceron as mensaxes de ánimo de Mosquera e Bergantiños?
—Comezaches con gañas a experiencia de 21DEG?
—Por que te animaches a participar?
—Conseguiches falar hoxe moito tempo en galego?
—Como te sentiches? Pensaches moito no «que dirán»? Fréate o medo aos erros?
—Como reaccionou a xente ao teu arredor?
E para peche, outro dos vosos logos.

Aday Morís Meijide, 3ESOB


luns, 2 de abril de 2018

21 Días En Galego 2018: Mañá comezamos!

Atencion! Se cadra, alguén anda despistado/a. Mañá comezamos! 

Ainhoa Mosquera Santos, 3ESOB

Para ir abrindo boca, aquí vos queda o logo gañador entre todos os que realizaron os rapaces e rapazas de 3ESO en colaboración con Brais, o profesor de Educación Plástica, Visual e Audiovisual. Unha chea de lucidos deseños que debían servir de logotipo para experiencia dos 21 Días En Galego deste curso. De entre todos, seleccionamos un gañador, este de Ainhoa Mosquera Santos, de 3ESOB.

Outros 20 logos, doutros tantos compañeiros, van ir aparecendo por aquí día a día, ata rematarmos a actividade. Parabéns a todos polo voso esforzo e pola vosa creatividade.

Lembrade en que consiste o proxecto:

Conscientes de que moitos de vós non tedes o galego como lingua habitual e seguindo o ronsel do alumnado do instituto da Pobra, convidámovos a desenvolver en galego a vosa vida cotiá (na casa, no centro, na rúa...) durante 21 días e valorar esa experiencia. 

Perseguimos dous obxectivos principais: 
• Mellorar a nosa expresión oral.
• Provocar a reflexión persoal sobre a nosa relación co idioma galego.
Como seguimento diario, propoñémosvos actividades orais de dous tipos, que serán necesariamente gravadas en vídeo.
— «Como che vai?» (días impares). Consiste en facer unha gravación, cun mínimo de 3 minutos de duración, comentando como levades a experiencia: sensacións, dificultades do día a día, reaccións dos que vos rodean (se vos axudan, se vos cuestionan...)
— «O reto» (días pares). Tamén mediante unha gravación dun mínimo de 3 minutos, debedes de contestar oralmente a tarefa que se vos propoña: reflexionar sobre un tema, entrevistar unha terceira persoa, comentar un libro, pronunciar uns trabalinguas...
Día a día iremos dando as instrucións necesarias sobre estas actividades aquí, en Achaveeomundo, e as vosas gravacións serán recollidas semanalmente.

E adiante cos 21 días! 

martes, 20 de marzo de 2018

Pasagalego fresquiño!


Imos quentando motores! Xa se aproxima o 21 Días En Galego 2018 no Fogar de Santa Margarida. Lembras o do ano pasado? Por segundo ano xa estamos a deseñar as actividades que durante 21 días nos animarán a reflexionar sobre a nosa lingua e, sobre todo, a falala. 

Comezaremos o 3 de abril. E para ir abrindo boca, aquí queda o «Pasagalego» que este ano preparamos para a rapazada dos institutos de Coristanto e da Pobra do Caramiñal, e tamén para todo aquel que se anime a xogar. 

Adiante! Cantos acertos consegues?